Grecia antiga

período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo
(Redirección desde «Heládico»)

Chámase Grecia antiga ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo.[1] Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.[2]

Grecia antiga

Historia Historia de Grecia
Cronoloxía Cronoloxía de Grecia
Cronoloxía da Grecia antiga
Categoría Historia de Grecia
Prehistoria
Prehistoria de Grecia
Idade Antiga
Historia antiga de Grecia e Antiga Grecia
-IV milenio
-3200: Civilización cicládica
-III milenio
-2700: Civilización minoica
-II milenio
-1550: Civilización micénica
-1200 Idade Escura
Século -VIII
-800: Época arcaica
Século -VI
-510: Época clásica
Século -V
-499 - -449: Guerras médicas
-431 - -404: Guerra do Peloponeso
Século -IV
-323: Época helenística
Século -II
-146: Grecia romana
Século IV
330: Imperio Romano de Oriente
Idade Media
Historia medieval de Grecia
Idade Moderna
Historia moderna de Grecia
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Grecia
Relacionados
Artigos Alimentación na Grecia antiga
Arquitectura da Grecia antiga
Arte da Grecia antiga
As mulleres na Grecia antiga
Economía na Antiga Grecia
Escravitude na Grecia antiga
Escultura da Grecia antiga
Historiografía da Grecia Antiga
Lingua grega antiga
Moeda da Antiga Grecia
Olaría da Grecia antiga
Pintura da Antiga Grecia
Relixión da Grecia antiga
Xeografía da Grecia antiga

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.[3][4][5]

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.[6][7][8]

Xeografía

editar
Artigo principal: Xeografía da Grecia antiga.
 
Mapa da Grecia clásica.

O territorio da antiga Grecia distribúese entre unha serie de penínsulas e unha gran diversidade de illas cun litoral recortado e o interior moi montañoso que dificultan as comunicacións.[8]

O Epiro, a Iliria e a Macedonia son as rexións máis ao norte, as menos helenizadas, que os gregos do sur consideraban semibárbaras. Na fronteira de Tesalia e Pieria álzase o monte Olimpo, con 2.918 m, máxima altura da Grecia e no seu cumio tiñan os deuses a súa morada. Entre Tesalia e o Epiro atópase o macizo do Pindo, e marca a divisoria entre as bacías exea e xónica.

Fronte ás costas da Grecia Central atópanse as illas de Léucade, Ítaca, Cefalonia, Zacinto e outras máis cativas. Aquí sitúase o monte Parnaso, de case 2.500 m. A rexión da Ática, onde se atopa Atenas, é moi variada, xa que é ao mesmo tempo continental e marítima, montañosa e chá. Esa variedade traduciuse na Antigüidade nunha riqueza de recursos que pulou a expansión dos atenienses. Nas súas terras chás (Maratón, Eleusis, val de Cefiso) medraban o trigo, a vide e o oliveira (a famosa triloxía mediterránea) e as súas montañas pechaban reservas minerais como no monte Pentélico con mármore o no Laurio con chumbo arxentífero. Os portos naturais achegaban o comercio exterior. En xeral, a fachada exea é fría no inverno pero cálida no verán.

A península do Peloponeso, que presenta unha fragmentación moito máis acusada que o resto, está unida á Ática polo estreito de Corinto, de só 6 km de anchura, entre as profundas escotaduras dos golfos de Corinto e Sarónico; é moi montañosa, de terra pobre, con só unhas poucas franxas fértiles na súa periferia, nas rexións de Acaia, Élida, Mesenia, Laconia e Argólida.[8]

A Grecia insular poderíase dividir nas illas de maior extensión, situadas a norte e sur do mar Exeo, e tamén fronte ás costas da Grecia continental e da Anatolia e os grupos de illas menores, distribuídas nos arquipélagos das Cícladas e as Espóradas, que forman un arco entre aquelas e a illa de Rodas. As máis principais das illas gregas no mar Exeo, e de norte a sur, son: Tasos, Samotracia, Imbros, Lemnos, Lesbos, Ikos, Esciros e Quíos. A máis extensa é a de Eubea, xunto das costas da Beocia e da Ática. Fronte da Ática atópanse as illas de Salamina e Exina. Do arquipélago das Cícladas forman parte, entre as principais, Andros, Tenos, Keos, Paros, Naxos, Melos, Íos , Amorgos, Astipalea e Tera. As Espóradas están formadas por Samos, Icaria, Calimna e Cos. Deben considerarse á parte as illas de maior tamaño, Creta, Rodas e Chipre. Entre o Peloponeso e Creta está Citerea e entre Creta e Rodas están as illas de Cárpatos e Kasos.

A "periferia grega" componse dunha serie de rexións na bacía do mar Exeo que estiveron plenamente helenizadas e que viñan a ser coma enclaves en territorios bárbaros. Así, nas costas setentrionais habería diversas cidades gregas, cun territorio máis ou menos extenso, na Propóntide (Mar de Mármara) e nas costas da Frixia e da Tracia. Nesta última estaba moi helenizada a península Calcídica. Nas costas de Asia Menor, fronte á illa de Lesbos ata a Illa de Rodas, poderían considerarse na Antigüidade tan gregas como os territorios a outro lado do Exeo. Eses territorios estaban nucleados arredor das cidades como Pérgamo, Elea, Esmirna, Clazomenas, Éfeso, Mileto ou Cnido e os seus arredores non diferían moito da Grecia continental, con costas recortadas e clima mediterráneo húmido, aínda que neles desembocarían ríos de certa importancia que viñan da Anatolia como son o Escamandro e o Meandro.

Prehistoria

editar
Artigo principal: Prehistoria de Grecia.

Paleolítico

editar

Non se pode precisar cando comezou o poboamento humano da Grecia, pero atopouse un cranio de Neandertal na rexión de Salónica e na rexión setentrional hai achados de útiles do Paleolítico medio e superior. Deste tipo tamén hai restos no centro do país (Beocia) e no sur (Peloponeso) e algúns outros descubrimentos, pero en calquera caso o Paleolítico está pouco representado en Grecia.

Neolítico

editar

O proceso de sedentarización foi lento. Hai constancia de asentamentos en Chipre e Macedonia (6000 a. C.) que se vinculan cos cambios culturais que están a suceder no Próximo Oriente e que se expandiron por Asia Menor. Seguramente o núcleo macedónico irradiou cara a Tesalia, onde se localizaron os achados de Sesklo e Argissa. Neste último xa aparece a cerámica. O Neolítico pleno ten dous achados principais: Sesklo e Dimini.[8] As pinturas rupestres en Grecia atopáronse en Creta e son do Plistoceno final, de hai polo menos 11000 anos.[9]

Da cultura de Sesklo atopáronse poboados con casas de adobe sobre cimentos de pedra e os restos vexetais e animais permiten adiviñar unha sociedade desenvolvida, agrícola e gandeira e de cazadores, cunha cerámica sinxela pero con manifesta vontade de refinamento con bos remates na decoración de figuras roxas sobre fondo claro. Tamén se labran pequenas estatuas femininas de pedra. Os útiles consistían en machadas e unha escasa variedade de instrumentos líticos.

A cultura de Dimini pertence ao final do Neolítico. Desenvolveu unha cerámica con decoración de meandros e espirais, máis tarde con cores.

O Neolítico estendeuse por toda a Grecia e penetrou moi cedo na Illa de Creta, onde tivo unha duración moi prolongada con claras influencias de Palestina e Exipto.

A Illa de Chipre preséntase como un caso á parte, como unha ponte entre o mundo do Exeo e o Próximo Oriente. Xa chegara no milenio VI a. C. No poboado de Khirokitia xa aparece unha construción que sería característica do mundo protohistórico grego: o Tholos que é un edificio de planta circular que se destinaba como vivenda e outros usos, mesmo o enterramento no seu chan, como un xeito de pozo escavado onde se depositaban os cadáveres nunha posición encolleita, acompañándoos das súas pertenzas, como colares, adornos, cunchas mariñas etc. Hai evidencias de ritos que revelan o temor de que o morto torne do mais alá, xa que acostumaban poñer unha lasca moi pesada enriba do corpo do defunto. Non desenvolveu unha cerámica propia, xa que os achados atopados xa son dunha cerámica moi avanzada, o que descarta unha evolución autóctona. A finais do milenio IV a. C. xa hai formas roxas ou brancas con pintura roxa.

O Bronce Antigo

editar

Grecia Continental

editar

O Bronce Antigo presenta dous períodos ben diferenciados: O Tesálico, que abarca o norte do país, e o Heládico, que abrangue as rexións centrais e occidentais e o Peloponeso. Estes períodos dividíronse en tres fases: I , II e III. En conxunto o Bronce antigo prolongouse ata o 2000 A . C. En torno a esta derradeira data iníciase o Heládico medio, que presenza unha invasión, un punto e á parte tras o cal comeza un período completamente distinto. Os invasores son os verdadeiros gregos que veñen a sobreporse a unha poboación antiga, que os gregos chamaban pelasgos. Esta invasión formaba parte dunha migración moito máis fonda, que por causas que se descoñecen, dislocáronse dos seus asentamentos no sur de Rusia e deron lugar a unha vertebración dos pobos que se empurraron uns a outros trocando o panorama étnico e cultural de Europa e o Oriente no III milenio A . C. Dúas ramas deste deslocamento achegáronse a Asia Menor: os hititas e os luvitas e os gregos na Grecia. Estes primitivos gregos parece que se achegaban nun estado cultural moi atrasado. A súa entrada foi moi violenta, ao tenor das destrucións que se atopan nos estratos arqueolóxicos da época. Co tempo, aprenderon dos pobos sobre os que se impuxeron a agricultura, a navegación e certas crenzas relixiosas.[10]

As Cícladas

editar

O Cicládico correspóndese coas fases indicadas para a Grecia continental. Os intercambios comerciais conferíronlle dinamismo ás sociedades das illas, coma Melos, por exemplo, que mantiña o monopolio da obsidiana, moi apreciada en todo o Mediterráneo. En Hagios Kosmas atópanse obxectos deste material, o que evidencia un comercio moi ativo. Moito interese teñen os enterramentos, nos que se atoparon diversas figuras de mármore, aínda que o maior número de tumbas agóchase na pequena illa de Siros.

O Bronce antigo desta illa vense a dividir en Minoico I, II, e III, pero esta sucesión parece hoxe que non está tan clara nin se pode reconstruír con certo rigor polo grande espazo do tempo que media entre o Neolítico e o Bronce Medio. Os achados permiten establecer nexos de unión coa cultura das Cícladas. Así mesmo, apareceron vasos de pedra exipcios (Mokhlos) e algúns obxectos metálicos. Pódese precisar que arredor do 2700 A. C. chegaron á illa xentes procedentes de Asia menor, talvez indoeuropeos que se mesturaron coa poboación preexistente.

Chipre

editar

O Calcolítico (a Idade de Cobre) tivo un desenvolvemento moi coherente na illa e pódese seguir moi ben entre os anos 3000 e 2300 a. C. O poboado máis característico da primeira parte do período é o de Erimi, cunha cerámica con decoración vexetal e lineal, ídolos de lama que sempre se asocian coa fertilidade. Aparece o cobre e a construción típica continua a ser o tholos. Na segunda metade do milenio III a cultura íllea colle novos azos cos vínculos da Asia Menor, dando lugar a unha Idade de Bronce moi orixinal. Esta apertura ao exterior explícase pola abundancia do cobre na illa. Na primeira fase do bronce (2300-2200 a. C.) o achado de Philia dá a pauta para o establecemento de características e tipoloxía. Trátase dunha necrópole con inhumacións en covas naturais. A cerámica roxa, puída e as xerras con boca en forma de pico. Na segunda fase (2200-2100 a. C.) defínea a necrópole de Vounous, que sacou a luz unha gran cantidade de cerámica, con xerras ovaladas e boca estreita, estando a dominar o roxo puído e cunha decoración en bandas sobre dunha superficie branca. Algúns obxectos presentan figuras en relevo, en particular testas de touro e formas de serpe. A terceira e derradeira fase do bronce ofrece unha gran riqueza arqueolóxica. A illa atinxiría unha grande importancia no conxunto de Mediterráneo oriental, e gozaba dunha gran prosperidade grazas á explotación das minas de cobre. As tumbas conteñen unha gran cantidade de ofrendas: útiles de traballo e cotiáns, armas de bronce e xoias de ouro e prata. As tumbas continúan a ser rupestres, pero nas covas naturais escávanse agora cámaras circulares, ás que se chega dende un pasadizo (dromos) construído no exterior. Dótanse tamén de fachada, na que se incorpora decoración lineal e nalgunha ocasión figuras humanas talladas na rocha. A habitación humana segue a ser o tholos, pero introdúcese un novo tipo, os cuartos cadrados distribuídos en ángulo recto. A decoración na cerámica é máis variada e recibe as figuras. En Vounos atópanse os achados de maior interese, xa que aparecen unha serie de figuras de arxila, como unha xunta de bois unxida polo arado, sen reixa, que seguro que era de bronce. Tamén un santuario en forma circular que acolle unha serie de danzantes, que levan serpes nas mans e cóbrense con máscaras coa testa de touro, antecedente da cultura minoica que vai chegar ao seu esplendor na illa de Creta na plenitude da Idade de Bronce.

Con estes achados reconstruíuse con bastante propiedade a vida na sociedade chipriota nas fases mais avanzadas do bronce: Unha sociedade de agricultores e gandeiros, organizada en unidades políticas pequenas, que saberían tecer, adornábanse con xoias de bronce, prata e ouro, nas que dominaban as formas de espirais e que mantiñan unhas proveitosas relacións coa Siria e Exipto, de onde proceden algúns dos achados atopados, e talvez mantivo algún tipo de relación coa illa de Creta.

A Creta Minoica

editar
Artigo principal: Civilización minoica.

As sociedades repartidas no ámbito grego ata entón, chamadas prehelénicas, fixeron a evolución dende a prehistoria até tempos protohistóricos con moita rapidez, especialmente no medio insular, que asistiu en Creta á primeira cultura palacial, característica da illa.

 
Salón do Trono do Palacio de Cnosos.

Os primeiros palacios construíronse nas localidades de Festos, Malia e Cnosos ou Knossos, que se manifestan por ser unhas monarquías fortes, xa que dominaban eses núcleos de poboación e as terras circundantes. Por razóns descoñecidas, cara ao 1700 a. C. estes palacios xa estaban en ruínas, por causa talvez de movementos sísmicos da zona o a penetración de xentes procedentes do Peloponeso. Nesta época reconstrúense de novo, dando lugar á cultura palacial II, que representa o cumio da cultura cretense, que coñecemos como minoica, pois o rei de Cnosos levaba o título de Minos, que máis tarde os gregos transformaron nunha personaxe mitolóxica. Cnosos exerceu a hexemonía da illa, que chegou ao maior grao de homoxeneización entón. Tratábase dunha monarquía de tipo oriental: absoluta, militarista e administrativamente moi eficaz, na posesión dunha escrita (o lineal A) que lle permitía ter unha burocracia abondosa. Os trocos comerciais fundamentaron o poderío económico da illa, xa que os achados de pezas procedentes de Exipto, Anatolia, Siria e a Grecia continental así o amosan. Arredor do 1400 a. C. os aqueos impuxéronse en Creta, remataron coa monarquía minoica e instaláronse nos seus palacios. Víñase considerando como unha invasión, pero téndese a ver como unha penetración lenta, iniciada en torno ao 1600 a. C. Os aqueos constitúen a segunda invasión de gregos no continente que, unha vez asentados, penetraron nas illas.

Algo máis tarde, un desastre natural destrúe o palacio de Cnosos, o que se relaciona coa erupción volcánica na illa de Thera, que tería provocado un maremoto que arrasou a costa setentrional de Creta, situada a uns 100Km.

A complexidade da distribución interior do Palacio de Cnosos deu nacemento á lenda do Labirinto e o Minotauro.[11] O Palacio era de planta cadrada de 150 m de lado. Na banda norte estaba a entrada principal e achegábase a un patio central. A banda Oeste era onde se atopaba a Sala do Trono, cunha gran cadeira de pedra arrodeada de cadeiras máis pequenas e todas protexidas dende as súas costas por pinturas con grifóns, tema recorrente nas civilizacións orientais (en Exipto, as esfinxes, en Mesopotamia os touros alados sirios e babilónicos). Como os reis eran ao mesmo tempo sacerdotes, é fácil supoñer que o palacio era tamén templo ou santuario. Tras as estancias cerimoniais, atopábanse os almacéns, nos que había cofres de pedra soterrados no chan. Algúns dos cofres tiñan as súas paredes cubertas de chumbo, suponse que para evitar as humidades. Na parte leste evidénciase moi claramente a construción en forma de banzos do pazo, xa que esta está construída nunha chaira do outeiro e ten até tres pisos por debaixo do nivel do patio, onde se atopaban os apousentos da familia real, os servizos (baños) e seguramente tamén estivese a Cámara do tesouro e diversas estancias que poderían ser almacéns, entre as que descorría un tortuoso corredor. Ao norte do patio central distribuíanse os artesáns, a escola dos escribas e outras dependencias.

A Civilización Micénica

editar
Artigo principal: Período micénico.

Os descendentes dos invasores, que remataran coa Creta minoica, foron incorporando elementos de civilización preexistente e arredor de 1600 a. C. tiñan unhas monarquías cuxa sede estaba en palacios moi sinxelos, pero que conservaban trazos do seu pasado tribal, xa que o rei tiña mero carácter simbólico, e as decisións tomábanse en asemblea de notables.

O Bronce medio vense a converter na plena adaptación ao medio mediterráneo, dedicados o cultivo da vide, oliveira e algúns frutais como a figueira. Practicaban tamén a artesanía do bronce e a cerámica con torno de oleiro por vez primeira. Non tardaron en establecer contactos comerciais e esta nova realidade económica impulsou as necesidades defensivas, coa construción de novas e máis eficaces fortificacións. Tamén a monarquía foi deixando detrás o seu aspecto tribal, esvaeceuse a importancia da asemblea en favor dunha monarquía autocrática, moi semellante aos despotismos orientais. O rei estaba asistido por un primeiro ministro (lawagetas) con funcións civís e militares e un corpo de funcionarios moi estruturado e eficaz. Existía un clero moi poderoso e a súa relixión, de carácter sincrético con divindades xerarquizadas e cuxo deus supremo tiña como símbolo o raio.[10] Nos palacios atopáronse arquivos de taboíñas na escrita lineal B, con censos, inventarios etc, que controlaban as actividades no ámbito do rei.

O nome de micénicos procede de Micenas a cidade fortificada máis importante. Os palacios nesta época deixaron de ser meras casas para se converter en construcións luxosas e con servizos. A súa principal actividade económica aínda era a explotación da terra. Os labores do campo levábanos a cabo comunidades campesiñas, controladas pola burocracia. Outros labores controlados dende o palacio eran a gandería e a metalurxia. Hai probas da existencia de comercio con Creta, Asia Menor, Chipre, Exipto, Siria, as costas do Mar Negro, Libia Sicilia, e os sur de Italia.

Aínda que Micenas era o reino mais importante (polo menos palacios atopados) houbo outros repartidos pola Grecia continental e as illas do mar Exeo. Os principais achados destes reinos están no Peloponeso, Tirinto, e Pilos. Ao norte do Istmo de Corinto destacan os de Atenas, Orcómeno, Tebas e Gla (estas tres últimas na Beocia)

O aumento de poder económico e a militarización levaron por razóns defensivas a unha fase imperialista, alentada polo descubrimento e explotación de novas rotas comerciais, materias primas e mantemento de provedores e mercados. Conquistouse Creta e penetrouse na illa até poñer fin á cultura minoica. Tamén se conquistou Rodas e hai achados de presenza aquea en Chipre. Xa cara ao final do período micénico, produciuse un feito dunha gran repercusión literaria, a guerra de Troia (Ilión) que quedou destruída. A partir do 1200 a. C. as fortalezas quedaron destruídas, caeron as monarquías asentadas nelas debido sobre de todo á invasión dos dorios, até entón establecidos ao norte de Grecia (Tracia), aínda que algúns autores ven nesta caída sinais de desordes internas ou unha efervescencia étnica que provocou a caída do Imperio Hitita. Neste tempo se produciu unha migración masiva dos gregos ás costas occidentais de Asia Menor e Chipre. Sexa como for, ás poboacións anteriores, que con criterio lingüístico se clasifican como aqueos e xonios, vense a engadir os dorios, no que quedou formada a familia definitiva dos que se coñece como gregos. Coincidindo máis ou menos con estes trastornos étnicos, introdúcese en Grecia a metalurxia do ferro, a cerámica con decoración xeométrica e certas formas relixiosas, cun desprazamento das divindades femininas por unhas masculinas e coa adopción do rito funerario da incineración en lugar da inhumación.

Idade Escura

editar
Artigo principal: Idade Escura.

Tralo colapso da civilización micénica por factores non de todo claros, talvez por un cambio climático repentino provocado por un volcán[12], abriuse un período que abrangue dende o 1100 até o 750 a. C. que recibe o nome de Idade Escura, Idade Homérica, evocando os grandes monumentos épicos ou Período Xeométrico con criterios arqueolóxicos.

Pola súa denominación dá a entender que foi un período de regresión, pero en verdade que só nunha pequena parte, xa que nela se configuran os elementos esenciais e distintivos da civilización grega nos seguintes séculos. Colonización, adopción do alfabeto, auxe das cidades (as futuras poleis ou polis) sistematización dos seus mitos e comezos da literatura e recuperación do comercio interrexional, despois dos movementos dos pobos descritos antes.

Estes intercambios foron particularmente frutíferos e intensificáronse no seguinte período, chamado Arcaico.

En conxunto pódese afirmar que a Idade Escura é unha etapa que non racha a continuidade micénica, senón que o único que dela desaparece é a superestrutura política arredor dos pazos, é o pazo mesmo, pero as estrutura básicas mantéñense, seguido por un forte desenvolvemento comercial, a xeneralización da economía monetaria que alumaría o nacemento dunha cultura plenamente grega.

Época arcaica

editar
Artigo principal: Época arcaica.

O arcaico é un período breve (750-500 a. C.) pero nel opéranse grandes transformacións que poñen os alicerces da civilización grega. Comezan a cobrar conciencia da súa raíz común, e se dan o nome de helenos, chega ao alfabeto definitivo, aínda que as diferenzas dialectais eran moi grandes.

Para entón, os tres grupos lingüísticos estaban ben diferenciados (non se pode falar aínda de grupos étnicos) e os territorios que ocupaban estaban ben definidos. Os xonios, na Ática, Eubea é as Cícladas, as costas centro-occidentais de Asia Menor, o litoral norte do Exeo, así como o Helesponto e certos enclaves da Propóntide. Os dorios nalgúns enclaves no Xónico, no centro sur do país e leste e sur do Peloponeso, Creta, Rodas e costas e illas do sueste da Anatolia. Os eolios predominaban no norte e centro da Grecia continental, no norte-centro e oeste do Peloponeso e nas illas xónicas de Cefalonia e Zacinto, parte do Helesponto, e Asia Menor, entre os ríos Caico e Hermo, así como a illa de Lesbos.

A fragmentación dos reinos micénicos creou o embrión das cidades o polis, que na Idade Escura estiveron rexidas por monarquías autoritarias, pero pouco a pouco perderon poder, reforzándose as asembleas (boulé, xerusía) converténdose no órgano decisivo do executivo. Todos estes cambios operáronse nun marco de transformacións económicas, sociais e militares. O florecemento do comercio deu lugar a unha clase enriquecida con esta actividade, mentres os pobres levaban unha existencia mísera. Esta situación agravouse no século VIII, polo que se crearon mecanismos para aliviar a presión social: adopción da escravitude, colonización para dar saída os agricultores cuxo terra de labradío non lles daba para vivir, tendencia á repartición de terras e demanda de maior representatividade política por parte das clases enriquecidas. Canto á reforma militar, está virá dada pola incorporación de mercenarios, un xeito de absorber man de obra, e así o peso da forza armada pasou da cabalaría cara á infantaría pesada.

A crecente complexidade social impulsou un labor lexislador para poñer couto á arbitrariedade dos nobres. Esta reforma intentou antepor os intereses do Estado aos dos nobres, pero non o conseguiu e o pobo, encabezado pola oligarquía mercantil, propicio á chegada da tiranía.

Téñense poucos datos sobre das tiranías, pero sábese que non se implantaron en todo o mundo grego, senón nas cidades máis evolucionadas. Tamén se sabe que adoitaban durar pouco. Os tiranos mantiñan as institucións con carácter formal. Tomaban o poder pola forza e pola forza o mantiñan, aínda que eran para o pobo menos represivo que os nobres e aristócratas, xa que a organización económica era máis favorable ás clases humildes e comerciantes. En xeral, as tiranías animaron as vidas das cidades, patrocinaron construcións e protexeron actividades culturais e festeiras.

Transformacións económicas e culturais

editar

A actividade comercial tomou pulo coa introdución da moeda, un invento de Lidia que penetrou polas colonias xónicas e Asia Menor. Outros elementos foron o perfeccionamento das técnicas da navegación e a perda do empurre mercantil dos fenicios, moi castigado polas conquistas do Imperio Babilónico.

Como consecuencia dos intercambios con outros países, o mundo grego entaboou relacións con outras culturas, o que se traduciu nun fortalecemento da conciencia panhelénica, por riba das diferenzas rexionais. O grande aglutinador desta conciencia foi a lingua e a relixión común, concretada nos santuarios panhelénicos (Delfos, Delos, Olimpia).[10] Outra característica desa unidade foron os supostos estéticos nos que se baseaba a nacente actividade artística e manifestacións tan curiosas como a cerámica, cuxa decoración preséntase case idéntica en tódolos achados da época. Tamén se iniciou a filosofía e a literatura non épica.

Colonización

editar

Caracteres xerais

editar

A colonización é o fenómeno máis notable da época arcaica e marcou unha das características que distinguiron os gregos en todas as épocas: a súa condición de emigrantes.

Descoñecemos os pormenores da evolución da meirande parte das cidades, pero todas tiñan unha tónica común, que era a pobreza e a gran dificultade para arrincar os froitos da terra. Se a isto lle engadimos a presión demográfica para os recursos dispoñíbeis e que estaban en mans das familias ricas, e de aí que as primeiras cidades en emprender a aventura colonizadora foran as máis pequenas. En troques, Atenas e Esparta tiñan recursos para manter a súa poboación. Tratábase entón dunha colonización pola supervivencia. A segunda vaga tivo lugar un século mais tarde, cando as metrópoles se tornaran en centros comerciais e se eclipsara en gran medida a competencia fenicia. No século VI a. C. perdera o seu pulo, pero xa a costa mediterránea estaba chea de establecementos gregos, que deron lugar a importantes centros de irradiación da cultura grega, como ocorreu nas cidades de Sicilia e do Sur de Italia, o que se coñece como Magna Grecia. O final da colonización coincidiu coa expansión dos cartaxineses e etruscos, que puxeron fin a expansión grega no Mediterráneo occidental, mentres que no oriental acontecía o mesmo pola presenza dos tracios, escitas e persas. Ademais, as cidades gregas xa desconxestionadas e en moitos casos prósperas, non necesitaban recorrer á emigración.

As manufacturas gregas difúndese por toda a bacía mediterránea: cerámica, armas, xoias e outros obxectos. Nas colonias organízanse os seus propios obradoiros artesáns, fan prosperar a agricultura, a gandería e a silvicultura. Os produtos obtidos eran exportados e axudaban a paliar a factura da compra doutros produtos importados, en especial as manufacturas, creándose redes comerciais entre as colonias sen pasar pola metrópole

Principais Colonias

editar

O sur de Italia foi o escenario onde primeiro se estableceron os gregos. Arredor do ano 770 a. C. xentes de Calcis (na illa grega de Eubea) desembarcaron na costa da Campania e fundaron Cumas, relacionándose cos etruscos. Ao comezar o século VII a. C. xentes do Peloponeso, fundaron Síbaris e Crotona, de onde partiron colonos para fundar Metaponto e Siris. Peloponesios foron tamén os fundadores de Taranto e outras localidades na punta da bota de Italia. Os corintios establecéronse en Sicilia e fundaron Siracusa e Camarina. Aproximadamente no ano 600 a. C. colonos focenses fundaron Masalia (Marsella), que se converteu nun foco de irradiación cara ao interior da Galia e foi un enxame de novas colonias en Francia e na Península Ibérica.[13]

No Mediterráneo Oriental xa se fixo mención a expansión grega no bronce arcaico e ás tres grandes familias lingüísticas gregas. A partir de aquí, as colonias expandíronse polo Mar Negro chegando a Quersoneso (Crimea) e a Cólquida (Xeorxia) e outros enclaves que arrodeaban este mar, tanto na costa europea como na asiática. Estas colonias puxeron en contacto o mundo heleno cos pobos provedores de peles, madeira, cabalos, peixe seco e afumado, metais, minerais e escravos.

A costa mediterránea de África tamén recibiu colonos gregos, se ben os establecementos foron escasos pola proximidade do deserto e porque a parte occidental era de soberanía indiscutida dos cartaxineses. A principal fundación foi Cirene, no litoral exipcio, a cargo de emigrantes da illa de Thera. Os faraóns permitiron a fundación de Náucratis, no delta do Nilo, punto crucial para os intereses comerciais dos exipcios e gregos e dende aí os gregos comezan a penetración naquel país, onde se incorporaron ao exército como mercenarios e lograron unha grande influencia en diversos ámbitos.

Esparta e Atenas

editar

Esparta

editar
Artigo principal: Esparta.

O carácter pechado e militarista que distinguiu a Esparta forxouse no Período Arcaico. Os dorios establecéronse na fértil chaira regada polo río Eurotas, sometendo os seus habitantes a unha situación servil. A conquista de Mesenia foi moito máis difícil e a rexión non puido ser reducida até o século VII a. C. despois de cruentas guerras. Os mesenios pasaron a constituíren a clase dos ilotas, encargados de cultivar a terra e desprovistos de todo dereito.

O carácter pechado traduciuse nunha escasa actividade colonizadora e no voluntario illamento e falta de contactos cos demais estados gregos. Outro trazo distintivo foi a militarización da sociedade derivada do ámbito da conquista e o pasado tribal pouco evolucionado. A instrución continua, a austeridade dos costumes e unha arraigada mentalidade colectiva mantiveron a Esparta ancorada nuns usos arcaicos e acabaron constituíndo a súa maior singularidade.

A consagración das institucións tradicionais atribuíuselle a Licurgo, personaxe que hoxe en día se considera mítico e que en realidade foi obra da oligarquía empeñada en manter o estado das cousas e garantir a continuidade. Dispuxeron para iso dos medios de coerción personificados nos éforos, funcionarios encargados de vixiar os reis e o conxunto da sociedade e na práctica, auténticos gobernantes. Esparta permaneceu entón illada e pechada en si mesma, renunciou á expansión territorial e desdeñou o cultivo das artes e as letras.

Esta sociedade austera e ríxida, na que os cidadáns cumprían servizo militar dende os 7 ata os 60 anos, partiu da época Arcaica nunha situación de fortaleza que facía dela a primeira potencia bélica do mundo terrestre grego, pese a non contar cun exército moi numeroso. Dominaba o Peloponeso, coa excepción de Argos, e cando os persas ameazaron o conxunto da Grecia, saíu do seu illamento e uniuse á loita común contra dos invasores do Oriente.

Atenas

editar
Artigo principal: Atenas.

A Ática non sufrira a invasión doria e a poboación xónica parece que se organizou a partir do século IX a. C., unificando o seu territorio e abolindo as monarquías micénicas. Na Época Arcaica atopamos xa o goberno en mans dunha oligarquía formada pola nobreza de sangue (eupátridas), pero a boa saúde económica da cidade non ofreceu problemas ata o século VII a. C., no que unha clase mercantil próspera, vinculada ao comercio marítimo, comezou a deixar sentir as súas reivindicacións dunha maior participación no goberno. Así mesmo, os campesiños, cansos dunha situación de vida na precariedade, e que se agravou coa implantación da moeda, rematando coa economía de troques dos seus produtos. Os conflitos de clase fóronse agudizando e as reformas de Dracón tiveron unha orientación democrática, no senso de poñer coto á arbitrariedade dos eupátridas, cara a recoñecer os dereitos de tódolos cidadáns, pero ao mesmo tempo fixo proverbial a dureza das leis, implacábeis á hora de demandar responsabilidade individual. Pero os problemas continuaron sen se resolver e aló polo 590 a. C., Solón

 
Busto de Solón no Museo Nazionale, Nápoles.

achegou unhas reformas que se traduciron nun estímulo para os pequenos e medios propietarios. As medidas de representación política foron moderadas e baseáronse en consideracións censatarias, isto é, clasificáronse os cidadáns pola contía dos seus ingresos.

As fontes da época presentan a Solón como o pai da democracia ateniense, pero non foron decisivas, xa que pouco despois, Atenas caeu na tiranía. Os problemas centrábanse nesta ocasión nos pedieos, que eran os agricultores da chaira e os paralios, que eran os habitantes da costa favorecidos polo auxe marítimo. Os políticos apoiaron os primeiros, menos influentes pero máis numerosos, e un deses políticos, Pisístrato, tomou pola forza a acrópole ateniense en tres ocasións. Á terceira conseguiu manterse no poder por 12 anos. Non introduciu reformas pero usou o poder e a súa fortuna persoal para socavar a influencia da nobreza. Promoveu obras públicas e suntuarias e promoveu as exportacións de aceite e viño, así como a cerámica, o que favoreceu as economías dos oleiros e agricultores. A moeda de prata ateniense co símbolo da curuxa da deusa Atenea converteuse na divisa internacional máis prestixiosa.

Trala morte de Pisístrato, relevouno o seu fillo Hipias, moito menos hábil que o seu pai. Despois do paso de diversos arcontes pertencentes as familias aristocráticas, da intervención espartana poñendo no poder a Iságoras, o cambio necesario veu da man de Clístenes de Atenas, que modelou coas súas reformas a Atenas Clásica. Logrou desposuír dos seus derradeiros privilexios ás grandes familias e, mediante unha nova clasificación dos cidadáns segundo a súa distribución territorial, baseada no demos ou cantón, diluíu os poderes locais e os residuos tribais, dándolle pulo a unha igualdade máis teórica que real, pero que representou un paso adiante na representatividade como demandaban os novos tempos. Tamén quedaron fixadas as funcións administrativas, a organización do exército e a actividade lexislativa.

Guerras médicas

editar
Artigo principal: Guerras médicas.

Son as guerras que libraron os gregos para defender a súa independencia do expansionismo do imperio persa. O nome de medos é unha inexactitude histórica, xa que estes foron vencidos polos persas no 550 a. C. e daquela Ciro II fundou un imperio rexido pola súa dinastía, a Aqueménida, con manifesta vontade universalista. Unificou Oriente, respectando as culturas dos diversos pobos que ía conquistando, baixo a súa autoridade e creou un vasto espazo económico que favoreceu as actividades mercantís e a xeración de riqueza. O Imperio estendíase dende Tripolitania e o Exeo ata o Indo, e dende as beiras do mar Caspio e Aral até o mar de Arabia. Os persas propuxéronse conquistar Europa. Instaláronse a outra banda do Bósforo, dende Tracia até Quersoneso. E alí foi onde se produciu o choque cos gregos.

Os gregos da costa de Asia Menor procuraron manter boas relacións co poderoso Ciro, pero no 546 a. C. este xa destruíra o reino de Lidia e tomara prisioneiro o seu rei Creso, famoso polas súas enormes riquezas. Pouco despois estalou a rebelión en Lidia e os gregos prestaron o seu apoio aos alzados. A resposta de Ciro foi subxugar os territorios asiáticos poboados por eolios e xonios, dende o Helesponto ata Halicarnaso, implantando un duro réxime de ocupación. Esta situación acentuouse con Darío I, que impuxo aos gregos pesados tributos, esixindo servizo de armas. Pouco a pouco íase dando a situación de enfrontamento directo.[8]

Campañas de Darío

editar

Levantamento das cidades xónicas

editar

O empurre conquistador dos persas viuse freado a causa dos problemas internos que ofrecía un imperio tan vasto, problemas que Darío logrou resolver e aprestouse a invadir Europa, para someter os escitas, pobo do sur da actual Rusia. Os xonios axudaron a Darío a construír unha ponte con barcas a través do río Ister. O propósito de Darío era regresar ao Irán polo Cáucaso, pero en vista das dificultades, tentou de volver polo mesmo camiño. O ateniense Milcíades propuxo desmantelar a ponte e os persas castigaron a rebelión que se produciu nas cidades helespónticas e someteron as costas tracias, penetrando na Macedonia. Tamén foron ocupadas as illas de Imbros e Lemnos no Exeo setentrional.

Histieo, tirano de Mileto, a quen os persas deberían estar agradecidos por ter evitado o desmantelamento da ponte de barcas, foi chamado á corte de Darío. Acompañouno o seu xenro Aristágoras, quen propuxo unha expedición naval contra a illa de Naxos, elo importante para o dominio do Exeo e cabeza da ponte para un posible desembarco na Grecia continental. Esta proposta foi desestimada e Aristágoras cambiou de bando axiña, intrigando para unir as faccións antipersas de todas as cidades xónicas. Despois, erixido en paladín das liberdades gregas, trasladouse a Grecia en busca de aliados e conseguiu o apoio de Atenas e mais de Eritrea.

Animados por este clima antipersa, apoderáronse de Sardes, capital da satrapía xónica e incendiárona. Caria e Chipre sumáronse á rebelión. Os persas reaccionaron lanzando unha grande ofensiva contra os xonios. Os focos de rebelión foron reducidos un a un e o encontro decisivo foi a batalla naval na illa de Lade, xunto Mileto no que a frota xónica foi derrotada e Mileto foi saqueada.

Expedición de Mardonio

editar

Despois deste desastre, os gregos parecéronse desentender dos asuntos de Asia Menor, pero Darío estaba decidido a estender os seus dominios e castigar a Eritrea e máis Atenas por axudar os xónicos. Confiou esta operación a Mardonio, o cal cunha forza combinada naval e terrestre dirixiuse cara a Helesponto. Dende alí as naves se dirixiron cara ao corazón da Grecia, pero unha tempestade fíxoas naufragar e as forzas terrestres foron aniquiladas polas tribos locais.

O ano seguinte Darío preparou outra campaña enviando pouco antes emisarios a todas as polis gregas, esixindo a súa submisión. Todos optaron polo deixar correr, salvo Eritrea e máis Atenas que rexeitaron as súas pretensións.

Batalla de Maratón

editar

A nova expedición, ao mando de Datis e Artafernes, atravesou o Exeo cara á illa de Eubea. Alí foi desembarcada a cabalaría e a Eritrea non tardou en ceder ao empurre persa. Logo, púxose rumbo á Ática, desembarcando nas inmediacións de Maratón. Alí acudiron os atenienses, que non contaban con máis axuda que os platenses. Con todo xuntáronse 10.000 homes ao mando de 10 estrategos, entre os que destacou Milcíades. O choque produciuse no verán do 490 a. C. e a batalla foi afín ás armas atenienses, xa que a planificación impediu que a cabalaría persa puidese tomar parte. Os persas repregáronse, embarcando nas súas naves

Expedición de Xerxes

editar
Liga de Corinto
editar

Darío preparou a conciencia a nova campaña contra Grecia. Pero mentres isto facía, morreu, e o seu fillo Xerxes I tardou un tempo en levala a cabo. Optou pola rota setentrional e no 480 a. C. uns 100.000 homes cruzaron o Helesponto e avanzaron pola Tracia. Para evitar as tempestades, as naves (mais de 1000) foron levadas sobre rodetes pola península de Acte. Unha vez salvado o obstáculo, non se despegaron da vista da costa até chegaren á península de Magnesia. Alí, a frota dividiuse en dúas seccións, que costearon a illa da Eubea polo exterior e máis polo estreito que a separa da terra firme.

Milcíades morrera e foron nomeados Temístocles e Arístides. O primeiro, un político pouco escrupuloso, empeñado en converter a súa patria en cabeza dun grande imperio marítimo e facer dela a potencia hexemónica da Grecia, propuxo construír unha gran frota. Arístides opúxose, e foi condenado ao ostracismo. Fixéronse 200 trirremes, barcos rápidos e moi manexables.

Para facer fronte ao inminente perigo persa, boa parte dos estados gregos uníronse na Liga de Corinto, baixo a dirección de Esparta. Un exército da Liga, 4000 homes baixo o mando do rei espartano Leónidas I esperou aos persas no paso das Termópilas e detivo o inimigo o tempo necesario para que se organizasen as forzas gregas. Foi vencido por unha traizón. Cando a mariña tivo novas disto, levou as súas unidades ao golfo Sarónico para defender Atenas. Xerxes avanzou sen dificultades cara Atenas e a súa poboación evacuou a cidade mentres a frota se concentraba preto da illa de Salamina, situada ao rente do istmo, fronte ao Pireo e Eleusis. Un total de 400 naves persas déranlle a volta a Eubea e dirixíronse ao golfo. Por iniciativa de Temístocles, aliñáronse 300 trirremes na embocadura do estreito. Ao atacar as naves persas foron atraídas ao interior do estreito e foron presa fácil para as áxiles trirremes gregas. Os gregos asolagaron a frota persa e obrigaron a Xerxes a cambiar os seus planos de conquista. En efecto, ordenou o seu xenro Mardonio que continuase a conquista e o resto da frota mandouna cara a Helesponto. Temístocles aconsellou perseguir os persas, cortarlles a retirada e inflixirlles unha derrota que lles quitase os pulos de futuras invasións europeas. Pero non se lle escoitou, e relegóuselle do mando, chamando de novo a Arístides.

Co fin de liberar os gregos de Asia Menor aproveitando a debilidade dos persas, nese intre unha armada partiu ao mando de Xantipo. Mentres tanto, a forza que ficara ao mando de Mardonio, de novo foi cara a Atenas, que de novo foi evacuada. Mardonio saqueou a cidade e queimouna, pero tivo que saír dela rapidamente diante da proximidade do exército espartano, baixo o mando de Pausanias. que uniu as súas forzas coas do resto das cidades gregas, até reunir 30.000 hoplitas e presentou batalla aos persas na chaira de Platea, derrotando de novo aos persas. Mardonio morreu no encontro e os gregos capturaron un cuantioso botín.

Mentres tanto, a frota enfrontouse coa persa no cabo de Micala, fronte a illa de Samos. De novo venceron os gregos, nunha batalla naval e terrestre ao mesmo tempo, xa que os persas vararan os seus barcos e fixéranse fortes na costa. Con esta batalla, uníronse á Liga Samos, Quíos e Lesbos e outras illas, pero en terra a situación non variou. A frota dedicouse a limpar o mar Exeo dos restos da armada persa, liberou Chipre e dirixiuse ao Helesponto, onde conquistou Bizancio e asegurou deste xeito a fluidez das rotas de Grecia co mar Negro (o Ponto)

Hexemonía de Atenas

editar
Véxase tamén: Século de Pericles.

Confederación de Delos

editar

Tras a expulsión dos persas, Atenas puido levar á práctica as ideas de Temístocles e converterse nunha potencia hexemónica baseada no seu poderío naval. Abriuse así un período de 50 anos (chamado Pentecontecía) no que a cidade foi reconstruída, dotouse dunha muralla que fixo dela unha fortaleza e o Pireo (porto de Atenas) foi amurallado, así como as vías de comunicación até a cidade.

O instrumento para chegar á súa hexemonía foi a Confederación de Delos ou Liga Marítima de Delos, inspirada por Arístides, e que tomou coma escusa a suposta conivencia do comandante da frota, o espartano Pausanias, co rei persa. Os estados gregos rexeitaron a Pausanias, salvo os do Peloponeso, e constituíron a Liga Délica. Temístocles e Arístides estaban na convicción de que a longa a confrontación con Esparta era inevitable, aínda que os seus intereses eran diferentes, pero non contrapostos, xa que Atenas era unha potencia naval, mentres que Esparta era a máis gran potencia terrestre, pero nesa confrontación futura haberían de intervir os seus aliados.

Nese intre, comezou a brillar Cimón, fillo de Milcíades, que acadou o cargo de estratego, no que se mantivo por 14 anos. Cimón non compartía as ideas de Temístocles, senón que era partidario de manter unha alianza con Esparta, continuar a guerra cos persas para abortar calquera idea de desquite. Foi o encargado de desaloxar os persas das súas derradeiras guarnicións na Macedonia e Tracia, rexións que atraeu despois á Confederación. Outro labor moi importante foi a limpeza dos piratas do Exeo, que atacaban as naves atenienses e viñan sendo un atranco para os seus intereses comerciais.

A medida que transcorría o tempo a posición de Atenas foise consolidando e o seu poder hexemónico deixábase sentir dun xeito moi negativo sobre as demais cidades da Confederación, ás que dispensaba un trato semicolonial, esixindo novas apartacións constantemente, xa que non tivo inconveniente ningún en intervir polas armas cando Naxos pretendeu se separar da Liga. Cimón, aproveitando o seu poder, arranxou unha expedición naval ás costas de Asia Menor, para desaloxar os persas, obxectivo que logrou entre os anos 467-466 a. C. liberando aqueles territorios poboados polos gregos que se apresuraron para integrarse na Confederación, co que Atenas chegou o cénit do seu poderío

Primeira fase da loita pola hexemonía continental

editar

Os intentos dos Estados por se desligar da Confederación eran continuos, e tocoulle á súa vez á illa de Thasos. Ameazada por Atenas, fixo unha alianza con Esparta. Esta dispúxose a atacar Atenas, pero un terremoto esnaquizou a capital da Lacedemonia, o que aproveitaron os atenienses para poñer asedio a Thasos, que caeu o ano seguinte. A Confederación procuraba a Atenas cuantiosos ingresos procedentes das obrigadas contribucións dos adheridos, e aprestouse a estender a súa hexemonía polo continente, alentando os movementos democráticos. Os xefes do partido que apoiaban esta política eran Efialtes e Pericles, que fixeron o posible para desprazar a Cimón, representante da oligarquía. Mentres Cimón e destacados representantes do partido oligárquico se atopaban ausentes, os demócratas fixeron presión para facer reformas constitucionais que limitaran o poder do Areópago, o alto organismo que entendía dos asuntos orzamentarios, daba o visto e prace para incorporar altos funcionarios e xulgaba os casos de corrupción e traizón. Todos estes poderes foron transferidos á Asemblea dos Cincocentos, os tribunais ordinarios e a Asemblea Popular. Cando Cimón volveu, intentou se opoñer a estas reformas, pero foi condenado ao ostracismo.

Inmediatamente, Atenas denunciou o espírito da Liga de Corinto, e comezou a construír unha trama de alianzas continentais. As primeiras foron Argos e Tesalia. Os ilotas espartanos, que se rebelaran cando o terremoto da Lacedemonia e conquistaran de Esparta que se lles deixase emigrar libremente, chegaron a un acordo con Atenas, quen lles ofreceu terras nas costas do golfo de Corinto e converteunos deste xeito en afectos á súa causa. Mégara adheriuse tamén, co que Atenas xa tivo a zona do istmo e un bo acceso para entrar no Peloponeso. Non deixou de empregar as súas enerxías en apoiar os exipcios en contra dos persas, en intervir na costa fenicia para debilitar a causa destes rivais comerciais,etc,.. Mergúllase agora nunha serie de alianzas para debilitar a Esparta e esta noutras alianzas que lle permitan intervir na Grecia Central e non quedar illada.

Derradeiro enfrontamento cos persas

editar

Paz de Cimón

editar

Neste intre, abriuse unha paréntese nas loitas civís, que non terían servido para decidir cal ía ser a potencia hexemónica, pero sumiran no cansazo os contendentes (algúns chaman a estas loitas a primeira guerra do Peloponeso). Atenas precisaba tamén de tranquilidade para levar adiante as súas reformas e rematar a construción das súas murallas, que farían dela a cidade mellor defendida da Grecia. Ao mesmo tempo, reforzou os vínculos da confederación e, aducindo que o tesouro da mesma corría perigo en caso de ataque dos persas, trasladouno para a fortaleza ática, o que supuxo o dominio sobre os seus aliados, que na práctica eran vasalos de Atenas. O tesouro ascendía a 5000 talentos e, por iniciativa de Pericles, foi transferido á facenda pública da cidade. Canto ao aludido paréntese da guerra civil, chegouse a un armisticio do que acordou unha duración de 5 anos.

Cimón, xa de volta a cidade da súa condena ao ostracismo, organizou unha expedición para conquistar Chipre aos persas. Pero no sitio de Citión, Cimón faleceu por culpa dunha epidemia e houbo que levantar o asedio, polo que Chipre continuou a estar baixo a soberanía aqueménida. Os persas enviaron unha expedición de castigo, que de novo foi derrotada en Salamina e asinouse un acordo de paz, chamada de Calias, ou de Cimón, en honor o caudillo recentemente falecido e que supuxo un modus vivendi cos persas, xa que as dúas potencias trazaron unha liña divisoria que non poderían franquear as naves dun e outro bando.

Repartición das hexemonías

editar

Paz dos Trinta Anos

editar

Mellor ou peor resolto o problema persa, e á vista de que o armisticio de 5 anos chegaba ao seu fin, Pericles convocou un congreso panhelénico para poñer algo de orde na situación política. O pretexto foi atopar un acordo para reconstruír os templos destruídos polos persas, pero Esparta negouse a acudir, e o proxecto malogrouse.

Desenvolveuse despois un breve episodio bélico que puxo fin ás aspiracións atenienses de se converter na primeira potencia hexemónica continental, e quedou claro que a terra correspondíalle a Esparta, mentres que o mar era un tema exclusivo de Atenas. En teoría, cando menos a falla de coincidencia de intereses dunha e outra que se atribuían ámbitos de influencia moi distintos, garantía a paz, pois non eran previsibles os choques, pero o final os aliados forzarían o enfrontamento.

Volvendo ao intre presente, Tebas tratou de que Beocia abandonara a Confederación e Atenas respondeu enviando un exército que, se ben ao comezo logrou algún éxito, ao cabo foi vencido en Coronea. Toda a Grecia Central escapou ao control ateniense e abriu unha política hostil, o que suscitou unha reacción en cadea onde se multiplicaron as defeccións. A illa de Eubea iniciou a sublevación, en Mégara a guarnición ateniense foi pasada polo coitelo e a federación do Peloponeso avanzou coas súas tropas sobre o istmo baixo o mando do rei espartano Pleistoanacte. Antes de chegar ao enfrontamento, Pericles chegou a acordo con esta forza sen acadar enfrontamentos armados. Eubea foi reducida a obediencia, as cidades sublevadas tiveron que admitir colonos áticos pero Atenas comprendeu que tiña que chegar a un acordo con Esparta e repartir as zonas de influencia.

Atenas aceptou abandonar o Peloponeso e o mundo grego quedou repartido entre dúas ligas: A do Peloponeso, capitaneada por Esparta, e a Liga Ática. Os estados que non estaban incluídos en ningunha das dúas tiveron liberdade para se unir a unha delas. Esta situación consagrouse na Paz dos Trinta Anos, subscrita por ambas as dúas partes no ano 445 a. C.

Século de Pericles

editar
Artigo principal: Século de Pericles.

Morto Efíaltes, Pericles quedou como xefe do partido demócrata e como o home máis influente de Atenas. Dende esa situación, impulsou reformas encamiñadas a unha maior representatividade: os asuntos do Estado decidíanse en asemblea (a Eklesía) na que todo cidadán ten dereito a intervir. Abriu os altos cargos a todos os cidadáns con independencia do seu orixe, pero limitou o dereito á cidadanía aos atenienses fillos de pais da mesma orixe pois a cidade, ao medrar a súa riqueza, convertérase nun centro cosmopolita. A maioría dos cargos adxudicábanse por sorteo e non acostumaban durar máis dun ano. Pericles estableceu a misthophoria, ou retribución aos maxistrados por desempeñar o seu cargo.

A Confederación transformouse nun auténtico imperio, tanto polo recurso ao tesouro teoricamente común, como pola suxeición con que Atenas sometía aos confederados. A realidade é que era unha metrópole que baseaba a súa opulencia na explotación dunhas colonias ou territorios que, trala guerra contra Samos, quedou consagrado ao dividir os territorios en cantóns federais, que pasaron a ser Xonia, Arquipélago, Helesponto e Tracia.

Uns dos destinos das inmensas riquezas alí achegadas foi o embelecemento de Atenas e a súa seguridade, xa que se construíu unha terceira muralla. O Partenón e o Odeón, na Acrópole, así como o santuario na veciña Eleusis, datan desa época, culminación da cultura grega clásica que se coñece coma século de Pericles polo brillante das súas realizacións. Pertencían ao círculo de Pericles entre outras personalidades, Fidias, Sófocles e Anaxágoras. Este período nun durou un século, pero a influencia do personaxe, que foi reelixido unha e outra vez durante os derradeiros 15 anos da súa vida, converteuno nun verdadeiro autócrata.

Guerra contra Samos

editar

A secesión da illa de Samos, situada fronte ás costas de Xonia, foi un episodio de gran violencia e que fixo tremer o edificio imperial ático. Paradoxalmente, a illa non tiña que tributar, xa que sempre estivera a carón de Atenas dende o principio e mantiña un peculiar sistema oligárquico. Todo empezou por unha disputa entre Samos e Mileto, na que Pericles interveu como mediador, pero en realidade, derrocou o réxime oligárquico e impuxo un democrático. Un grupo de fuxitivos escapou da illa e conspirou cos persas para erguer en contra de Atenas outros territorios, e conseguiuno en Bizancio e a faísca da rebelión estendeuse. Pericles reaccionou rapidamente, reduciu Samos a obediencia, impúxolle vasalaxe e unha reparación de 1500 talentos. Bizancio correu parecida sorte, pero outros territorios de Asia Menor perdéronse para sempre. Foi entón cando se implantou a división en cantóns.

Esta política alimentou a oposición interior a esta política exterior, pero a posición do estratego era moi forte, polo que as críticas dirixíronse contra o seu círculo, como Aspasia, a súa amante e despois esposa. Contra Fidias, que se tivo que exiliar acusado de estafa. Anaxágoras foi acusado de impiedade por propagar teorías en contra da relixión. Todo acabou coa condena ao ostracismo de Tucídides, o xenro de Cimón e o seu principal opositor.

A fin de contas, a gloria póstuma de Pericles radicaría no inigualable esplendor atinxido por Atenas no campo das artes e das letras, xa que na política e na economía, e os seus ambiciosos planos para Atenas, traerían amargos reveses, xa que superaban a capacidade económica e humana de Atenas.

Guerra do Peloponeso

editar
Artigo principal: Guerra do Peloponeso.

Definición dos bandos

editar

O detonante da guerra foi a rivalidade comercial entre dúas potencias marítimas: Atenas e Corinto. Esta cidade era a principal aliada de Esparta e arrastrou aos demais a unha guerra que ninguén quería. Todo comezou por unha das fútiles e endémicas loitas internas que envelenaron a historia da Grecia antiga. Na cidade de Epidamno, colonia fundada por Corinto e Corcira ao mesmo tempo, loitaban pola hexemonía política dous partidos que solicitaron axuda ás súas respectivas metrópoles. Corinto, desexando ampliar a súa influencia, enviou unha forza de apoio ao partido demócrata, e Corcira respondeu asediando a cidade. Esta iniciativa serviulle de escusa a Corinto para lanzar unha operación naval, que se estrelou contra a superioridade numérica de Corcira, que venceu e forzou a rendición de Epidamno. Para se desquitar da derrota, Corinto preparou unha guerra naval a grande escala, e Corcira solicitou o apoio dos atenienses.

Atenas viuse nun dilema: se apoiaba a Corcira, conseguía un grande aliado e un aumento da súa influencia, ao se atraer unha potencia marítima como Corcira, que ademais dominaba as rotas marítimas cara a Sicilia e a Magna Grecia do sur de Italia. Pero tiña o inconveniente de se enfrontar a Corinto e rachar co espírito da paz dos Trinta Anos. Decidiuse por unha solución intermedia, que consistiu en enviar unha frota de disuasión e observación, pero non disposta a combater. O enfrontamento produciuse no estreito entre Corcira e o continente, pero a presenza da frota ateniense non lle permitiu á frota corintia unha vitoria que xa tiña nas mans.

Corintio non renunciou ao desquite e decidiu fustrigar aos atenienses moi lonxe, na península da Calcídica, alentando a sublevación e a separación da Confederación. O levantamento de Potidea foi o primeiro que se produciu en toda a península, que estalou en contra de Atenas. A reacción de Pericles foi o envío dunha expedición de castigo que venceu aos potideos e os seus aliados os corintios. De novo, este fracaso levou a Corinto a concibir o propósito de arrastrar consigo a toda a Liga do Peloponeso en contra de Atenas.

O rei Arquídamo de Esparta non estaba por entrar na guerra, pero a Asemblea considerou que Atenas incumprira a Paz dos Trinta Anos e tras a consulta co oráculo de Delfos, dispúxose a entrar en guerra, non sen antes tentar de negociar con Atenas. Pericles negouse a aceptar as condicións, que na práctica supuñan o desmantelamento da Confederación, e todo o mundo grego preparouse para guerra, aliñándose nun ou outro bando.

A Liga do Peloponeso sumaba 40.000 hoplitas, en tanto a Confederación apenas chegaba aos 10.000. Pero en cambio, tiña moitos máis recursos financeiros, unha gran frota e estaba moi ben defendida. Ademais, Pericles non se propoñía enfrontarse co exército, senón efectuar desembarcos rápidos en puntos concretos para ir desgastando o inimigo.

Guerra de Arquídamo

editar

O conxunto de episodios coñecidos como guerra de Arquídamo comezaron no ano 431 a. C. Os tebanos tentaron apoderarse de Platea, pero a operación resultou un desastre e os atacantes foron aniquilados. Esparta considerouse obrigada a responder e mandou un exército cara a Ática. Pericles non se limitou a organizar a defensa, senón que enviou unha frota que conquistou a illa de Cefalonia. Logo, devastou Mégara e o seu territorio circundante. Antes, xa ocupara Exina, que colonizou con xentes da Ática. Pero declarouse unha epidemia de peste en Atenas e unha facción tratou de chegar a un acordo cos espartanos e logrou poñer a maioría dos cidadáns en contra de Pericles, co que este viuse na obriga de dimitir como estratego. Pero os seus partidarios contraatacaron, e lograron unha nova reelección, aínda que pouco despois Pericles falecía.

A desaparición de quen rexera os destinos de Atenas durante moitos anos traduciuse nunha perda total do rumbo, xa que de inmediato xurdiron dúas faccións opostas e as figuras sobresaíntes foron Cleón, ao que as crónicas presentan como demagogo e oportunista. Xefe dos demócratas e partidario de continuar a guerra é Nicias, hábil xeneral, conservador e partidario da paz.

Os atenienses lograron tomar Potidea. Os espartanos desistiron de atacar a Ática pero devastaron a Platea. Atenas levou unha frota para bloquear o golfo de Corintio, o que levou a cabo no seu punto mais estreito, onde derrotou a unha frota peloponesa. No 428 a. C. a illa de Lesbos trocou de bando, o que levou a Atenas a crear un novo imposto para financiar a guerra. Lesbos foi ocupada dun xeito encarnizado, derribáronse as murallas de Mitilene e establecéronse colonos áticos na illa.

Despois disto, considerouse que Atenas mantivera unha política defensiva e que era preciso tomar a iniciativa. Nun principio, esta política deu os seus froitos, máis resoantes que efectivos, pero induciron aos contendentes a tentar buscar unha saída a un conflito esgotador. Mentres tanto, Nicias tomara Corcira e a illa de Citerea, e deste xeito o Peloponeso viuse arrodeado por prazas nas que a Confederación estaba ben asentada

Paz de Nicias

editar

Nese intre de eclipse para a causa peloponesa, Esparta atopou un home excepcional na persoa do xeneral Brásidas, que dirixiu todos os seus esforzos a subtraer Tracia e os territorios do norte do bando ateniense. Conseguiuno e Atenas pediu unha tregua dun ano. Brásidas non deixou de forzar máis defeccións da causa da Confederación e, pasado o ano, atenienses e espartanos enfrontáronse en Anfípolis, onde pereceron tanto Cleón como Brásidas, e Atenas foi derrotada.

A desaparecer estes dous personaxes, tanto en Atenas como Esparta, fixéronse co poder os partidarios da paz: Nicias e Pleistoanacte. No ano 421 a. C. asinouse o que se coñece como paz de Nicias, por 50 anos, onde ningún dos dous bandos se recoñecía como vencedor, pero foi Atenas a gran beneficiada, xa que recuperou todos os territorios que formaban a Confederación, agás Anfípolis, que era a chave do dominio da Tracia.

Tanto en Atenas como en Esparta non tardaron en formarse faccións contrarias ao tratado de paz. Foi o ateniense Alcibíades quen se dedicou incansablemente a socavar o poder espartano por toda a Grecia e no mesmo Peloponeso, e forzou a ruptura con motivo dun conflito menor. Axis, rei dos espartanos, ofreceu unha nova tregua, pero un exército confederado penetrou ata o corazón do Peloponeso e tomou Texea, na Arcadia, non lonxe de Esparta. O enfrontamento era inevitábel e o propio Axis logrou unha resoante vitoria en Mantinea. En Atenas, foron moitas as voces contrarias a Alcibíades pero ao cabo foi o artífice do xiro da política ateniense e do novo rumbo que tomou a guerra.

Guerra en Sicilia

editar

Os gregos en Sicilia e na Magna Grecia prosperaran moito pola súa grande actividade mercantil, aínda que toparon moi cedo cos cartaxineses e máis os etruscos. Unha proba tivérona os focenses, que deixaran as súas costas despois das loitas cos persas, e ao tratar de se establecer na illa de Córsega, tiveron que loitar cunha frota combinada de etruscos e cartaxineses. Aínda que venceron, limitou para sempre a súa expansión cara ao oeste e nunca chegaron alén de Massalia (Marsella) e a súa zona de influencia, como foron as colonias no Levante hispano.

Nas cidades da Magna Grecia, que se estableceron arredor do golfo de Taranto e na punta de bota da Península Itálica, reproducíronse os mesmos poderes e rivalidades que nas metrópoles, como lles pasou ás cidades de Crotona e Síbaris, cuxa loita levou á destrución desta última cidade, cuxo luxo e opulencia deu lugar ao adxectivo de sibarita e da que non quedou pedra sobre pedra. Tamén reproduciron os mesmos sistemas políticos, poderes oligárquicos, tiranía e democracia.

A cidade que máis preponderancia tivo foi Siracusa, que baixo o tirano Xelón, chegou a ser un dos centros culturais máis importantes do mundo grego, cun forte exército e unha poderosa frota. Tanto poder non agradou nada a Cartago, que enviou a Hamílcar Barca cun exército que foi vencido e decimado, obrigando a Cartago a asinar a paz. Pero foi co seu sucesor Hierón con quen Siracusa acadou o seu maior poderío económico e cultural, xa que embeleceu a cidade coa presenza de artistas, arquitectos e literatos como Esquilo e Píndaro. Foi á súa morte cando Siracusa volveu á democracia e inspirou a súa implantación noutras cidades gregas, non sen loitas internas, xa que os inmigrantes expulsados das diferentes cidades despois das diversas guerras civís que ocorreron no seu paso á democracia, víronse na obriga de fundar outra nova cidade, que se coñece co nome de Mesina.

Siracusa non cedera no seu propósito de exercer a súa hexemonía dun xeito máis efectivo, especialmente na illa de Sicilia. As cidades xonias alí fundadas pediron axuda a Atenas. Unha delas, Leontini, entrou en conflito con Siracusa e Atenas, favorable ao intervencionismo propugnado por Alcibíades, dispuxo unha frota para o seu envío. Cando esta xa estaba lista para partir, aconteceu un suceso que resulta un pouco difícil de valorar para a nosa mentalidade actual. En todos os fogares de Atenas, ao pé da porta de entrada ás súas casas, tíñase o costume de pór unhas figuras de Hermes, que esa noite apareceron rachadas. Culpouse a Alcibíades deste suceso. Pero como a frota xa tiña que saír, o xuízo quedou pendente para a súa volta.

Cando chegou a frota a Sicilia, o plan era o de asegurarse a fidelidade das diversas cidades antes de atacar Siracusa. Pero nese intre chegou a orde de Atenas de que Alcibíades volvera para Atenas para ser xulgado, e este buscou refuxio no Peloponeso, eludindo o xuízo. Foi condenado a morte en rebeldía e os seus bens confiscados. Con esta fuxida, os atenienses quedaron un pouco á deriva, e a cidade de Siracusa aproveitou para pedir axuda a Esparta, quen enviou a Xilipo, quen entrou en Siracusa a pesar de estar sitiada e reforzou as súas defensas, mentres as naves de Corinto pechaban as naves atenienses polo mar. En auxilio de Nicias, que estaba á fronte das armas atenienses, chegaron tropas dende a metrópole, pero todos eles foron vencidos e os seus xenerais executados en Siracusa. A guerra estaba de novo en marcha e só transcorreran catro anos da batalla de Mantinea.

A derradeira fase das guerras do Peloponeso tivo lugar cando os espartanos invadiron a Ática e ocuparon Decelia. Atenas estaba illada e cunha escasa capacidade de manobra. A Confederación comezaba a se desfacer, xa que varias cidades pedían a súa saída da mesma; os persas entraron no conflito tentando que os espartanos lles axudasen a volver ás costas de Asia Menor. A guerra desprazouse ao Helesponto, Alcibíades tornou a Atenas, onde se formara un goberno saído dun golpe de estado, que a frota ateniense no exterior non recoñecía. Co nomeamento de Alcibíades de novo como xeneral, volveron as vitorias, no Helesponto, no Cízico, onde se apoderou de toda a frota peloponesa e os espartanos chegaron a pedir a paz. Pero co nomeamento de Lisandro como comandante en xefe e con moi boas relacións cos persas, esperou o intre preciso en que Alcibíades se ausentase do mando para atacar e o seu segundo non estivo á altura das circunstancias. Coa derrota, Alcibíades foi destituído e máis tarde asasinado polo sátrapa Farnabazo por instigación de Esparta. Despois de diversos episodios nos que Atenas se recuperou armando outra frota, o encontro definitivo tivo lugar en Egos Potamos, no Helesponto, no que a frota ateniense caeu en mans espartanas, mentres a cidade era cercada por Pausanias I, rei espartano. Co Pireo bloqueado e sen acceso por terra, Atenas asinou a paz, co derrubamento das súas murallas, e o seu ingreso na Liga do Peloponeso.

Crise das hexemonías tradicionais

editar

Ao pouco de se firmar a paz da guerra do Peloponeso, Esparta amosou a súa incapacidade para administrar a súa hexemonía, máis que nada polo seu ordenamento político, que era cunha visión da política localista e de cara a uns intereses moi específicos. O número de cidadáns con plenos dereitos era escasísimo, Pausanias I e Lisandro, vencedores da guerra, pronto se enfrontaron entre si, enfrontamento que rematou co exilio de Lisandro, e os espartanos sen dereito de cidadanía, aliáronse cos ilotas e periecos (fillos ilexítimos sen ningún dereito civil), pero esta conspiración logrou abortarse.

Os aliados de Esparta, en especial os tebanos e corintios, manifestaron o seu descontento, xa que a hexemonía non se traducira nunha maior liberdade para o resto das cidades.

Atenas: Os Trinta Tiranos

editar

Os atenienses tivéronse que someter ao réxime que Esparta impoñía ás cidades vencidas: pagamento do tributo, presenza dun consello de 10 individuos (decarquías) e máis unha guarnición espartana, cuxo comandante asistía ás reunións do consello.

Ao final da guerra, a loita entre oligarcas e demócratas planificouse con toda crueza. Esparta designou a 30 cidadáns atenienses para que redactasen unha nova constitución, pero acabaron actuando de forma despótica e arbitraria, o que explica que pasasen a historia co nome dos Trinta Tiranos. Para se manteren no poder, reclamaron o reforzamento da guarnición espartana. A relación entre os Trinta non era boa, xa que no seu seo pugnaban tendencias contrapostas, a de manter a tiranía dirixida por Critias e a de crear un réxime de transición cara á democracia, mantida por Terámenes. Prevaleceu a primeiro, pero con todo houbo de se crear un consello de 3.000 cidadáns como representantes do poder público.

Moitos atenienses se exiliaran o foran expulsados e Tebas tornárase no seu principal centro de acollida. Este núcleo de refuxiados púxose en mans de Trasíbulo, quen en dúas accións bélicas tentou de desaloxar do poder aos Trinta, e se ben non chegou a entrar en Atenas, o Consello dos Tres mil destituíron aos Trinta Tiranos e designaron no seu lugar a 10 maxistrados que non tardaron de caer nas mesmas arbitrariedades dos seus antecesores. Ante a presión de Trasíbulo e os exiliados, estes dez maxistrados pediron axuda de novo a Esparta. Foi nomeado Lisandro como árbitro, quen logrou impoñer a paz, outorgouse unha amnistía xeral, excepto para os delitos que cometeran os Trinta e os Dez abusando do seu poder e constituíuse unha comisión lexislativa que revisou e adaptou a Constitución de Solón.

Complicacións bélicas con Persia

editar

Cando se disolveron as comisións fiscalizadoras espartanas (decarquías) establecidas nos territorios ocupados, as cidades xónicas de Asia Menor e á vista da situación de prostración na que se atopaba Atenas, a súa nai-patria, pediron axuda aos persas, os seus antigos inimigos, en busca de protección. No Imperio Aqueménida reinaba Artaxerxes II, pero o seu trono estaba en disputa co seu irmán Ciro o Mozo. Os gregos apoiaban a este e coa axuda de Esparta xuntaron un exército de 13.000 mercenarios gregos (os 10.000 ) que, se ben venceron aos persas en Cunaxa, nesta batalla morreu Ciro o mozo, o que malogrou o resultado da batalla e da guerra. Os gregos víronse obrigados a emprender unha retirada, que pasou á historia polo libro de Xenofonte (Anábasis), quen fora o seu xefe na derradeira parte da mesma.

Os persas, por medio do sátrapa de Licia, Tisafernes, castigou ás cidades xonias, que pediron de novo axuda a Esparta. Aínda que se enviou un exército, as cidades non foron recuperadas. Os persas tamén montaran unha frota de castigo, que puxeron ao mando de almirante ateniense Conón. Aínda que os espartanos, baixo o mando de Axesilao, lograron vencelo en Sardes, os persas conquistaron Rodas e a guerra viuse interrompida pola grave situación interna de Esparta.

Guerra de Corinto

editar

No 395 a. C. toda Grecia era un clamor en contra da dominación espartana, torpe, ineficaz, e que só criaba inimigos. O primeiro conflito que se xerou por esta situación tivo como protagonista a Tebas, quen por unha cuestión de límites, invadiu a Fócida. Esparta considerou que debía intervir e como sempre ocorría entre as disputas entre os gregos, unha intervención levaba a outra, Atenas púxose a carón dos tebanos. Esparta nomeou a Lisandro pero foi derrotado e perdeu a vida. Esta derrota animou a constituír unha liga antiespartana, que integraron Beocia, Atenas, Argos e Corinto, tendo a súa sede nesta derradeira cidade.

Esparta respondeu estreitando os seus vellos vínculos coas cidades da Grecia Central e Setentrional, e Axesilao púxose á fronte do seu exército, vencendo en Nemea e Queronea. Pero como tiñan que loitar en dúas frontes, a naval contra dos persas, as súas naves foron derrotadas por Conón en Cnido, e logo aquelas saquearon as costas da Lacedemonia e varias illas aliadas de Esparta. Conón regresou a Atenas e coordinou a reconstrución das murallas da cidade, e afanábase en reconstruír o poderío naval de Atenas, tratando de manter o beneplácito de Persia.

Os espartanos enviaron aos persas unha embaixada para persuadilos de que non lles conviña ter unha gran potencia naval no mar Xónico coa ascendencia sobre as cidades de Asia Menor, argumentos que convencérona os persas e que foron o final da vida política de Conón, aglutinador desa idea. Aínda así, os atenienses trataron de volver a nuclear unha confederación de cidades e potenciar a súa frota. Pero coa morte de Trasíbulo o proxecto malogrouse.

Paz do Rei ou Antálcidas

editar

O empeño ateniense de refacer o seu poderío marítimo persistiu, até que Persia, co beneplácito de Esparta, deulle un ultimato. Unha frota combinada espartana e persa bloqueou o Helesponto, ameazando as rotas comerciais atenienses, polo que houbo que aceptar o ultimato. O resultado do mesmo foi a chamada paz de Antálcidas ou Paz do Rei, que foi o marco de relación entre os estados gregos e os destes cos persas durante moitos anos. En virtude deste tratado, as cidades de Asia Menor e as illas de Cazomene e Chipre pasaban a mans aqueménidas. Os aliados de Atenas deberían ser autónomos, sen obrigas para con aquela cidade, que se viu así desposuída do seu imperio marítimo. A Esparta recoñecíaselle a súa hexemonía continental a través da Liga do Peloponeso, única que foi capaz de subsistir.

Esparta tivo así nas súas mans un instrumento de dominio que decidiu explotar ao máximo. O artífice da política deste período foi Axesilao, quen se preocupou sobre de todo de controlar o paso do istmo e de manobrar en contra dos réximes democráticos establecidos nas cidades. En torno a 380 a. C. Esparta culminou o seu poderío e o seu dominio sobre a Grecia era practicamente total.

Fin da hexemonía espartana

editar

Baixo a hexemonía espartana, en Tebas instaurouse un réxime de tiranía, que non tardou en ter unha tenaz oposición, organizándose esta arredor dos atenienses que saíran de Atenas por motivos políticos. Tras derrotar os espartanos, instaurouse de novo a democracia e Atenas non tardou en tratar de restablecer as súas relacións cos seus antigos aliados, pero non a Confederación, imposible neses intres, senón con acordos bilaterais. Tebas adheriuse a eses acordos, recoñecendo todos eles os termos da Paz do Rei, respectando a autonomía dos asociados e sen pago de tributos. Ao mesmo tempo comezou a construción dunha nova frota. Esparta trataba por todos os medios de afogar a Tebas, e a súa frota foi vencida e aniquilada fronte á illa de Naxos.

Esta vitoria aliada marcou o irreversible declinar de Esparta. Atenas volveu a ter a hexemonía marítima e de novo aparecían as reparticións tradicionais. Atenas era dona do mar e Esparta como potencia terrestre, e esta viuse na obriga de recoñecer a Liga ateniense. Pero no continente emerxía unha nova potencia, Tebas, que se dedicaba a subtraer territorios das influencias espartanas, conquistando toda a Beocia.

Nesta atmosfera azoutada por ventos de guerra, os persas promoveron un Congreso de Paz, que se celebrou en Esparta. Os delegados, sempre dentro das liñas xerais da paz do Rei, acordaron recoñecer a autonomía das cidades, a retirada das guarnicións e o desmantelando do entramado das hexemonías. A sinatura da paz xa foi un entramado de agravios, xa que Tebas atribuíuse a representación de toda a Beocia. Esparta negou este recoñecemento e ordenou ao seu exército que marchase contra Tebas.

A derrota que os tebanos inflixiron aos lacedemonios de Esparta en Leuctra tivo unha gran transcendencia na orde militar e na política, xa que significou o fin da hexemonía espartana e o inicio dunha nova e derradeira etapa de brillo das polis, antes dos macedonios desbaratala.

Fugaz hexemonía de Tebas

editar

A eclipse de Esparta foi aproveitada por Atenas para relanzar a construción do seu imperio marítimo. Os membros da Liga do Peloponeso, xa ceibes do control espartano, implantaron réximes de signo democrático.

Á fronte de Tebas situáronse dous estrategos de gran valía: Epaminondas e Pelópidas. O primeiro levou a guerra ao corazón do Peloponeso, para render os derradeiros redutos fieis a Esparta. A situación fíxose tan insostíbel que buscou nos seus seculares inimigos, os atenienses, como aliados coa esperanza de que estivesen temerosos da supremacía de Tebas. Estes enviaron ao Peloponeso as tropas que se limitaron a interromper as súas liñas de subministración, e o exército tebano viuse na obriga de se retirar cara á súa cidade.

Isto bastou para que se estreitasen as relacións entre Esparta e Atenas, pero no ano seguinte, Epaminondas levou a cabo a súa segunda expedición contra a Lacedemonia, logrando a adhesión de Sicíone, cidade ao norte do Peloponeso, interveu en Tesalia e incluso en Macedonia.

Tebas atopábase na cúspide do seu poder, pero a súa hexemonía tiña un signo distinto dos seus predecesores, ao menos en intencións e inspiración, xa que non procuraras un mero dominio pola forza, senón a unión de todos os helenos, con obxecto de se fortalecer fronte aos bárbaros. Pero este propósito, no terreo dos feitos traduciuse nos mesmos métodos que antes usaran outros, así que no básico, veu a significar o mesmo.

Como en ocasións anteriores, os propios socios de Tebas foron os que pronto se amosaron cansos daquel dominio e xurdiron os movementos de afirmación local. De novo foron os persas os que chamaron a paz, esta vez no Santuario de Delfos, pero non chegaron a ningún acordo porque ninguén quería renunciar aos seus supostos dereitos e a guerra continuou. Ao ano seguinte foi Tebas a que pediu a paz, esgotada polo esforzo militar e por non chegar a ningún resultado duradeiro. Esta paz asinouse no 366 a. C.. Tebas abandonou o Peloponeso e Atenas seguiu tecendo o seu imperio marítimo.

Transcorreron dous anos e unha vez máis a situación complicouse e conduciu a outro enfrontamento. En Arcadia o movemento localista foi atraendo máis e máis partidarios, co que se chegou a formar unha liga, que se dedicou a buscar apoios. No seo da Liga unha facción inclinábase por manter unha estreita relación con Tebas, garante de que a rexión non volvería á órbita de Esparta, e cuxo núcleo estaba en Texea, mentres que a política de distanciamento de Tebas estaba en Mantinea. Con motivo dun intento de golpe de estado en Texea, ao parecer promovido por Tebas, deu lugar ao enfrontamento das diferentes políticas e os seus aliados. Todo rematou na batalla de Mantinea, que tivo a maior transcendencia para a historia de Grecia, porque non só representou o final da hexemonía de Tebas, senón o preludio do fin do réxime das polis e dunha serie de constantes ata entón na historia da Hélade. Foi o fin dunha época. Epaminondas morreu na batalla. Os tebanos, que gañaran polas armas, déronse por vencidos, pero ninguén se deu por vencedor.

Macedonia

editar

Trala batalla de Mantinea, os contendentes aviñéronse á paz, pero non houbo acordo sobre os litixios que enfrontaban os diferentes estados. O papel de Esparta quedou moi diluído e Atenas estaba concentrada no Exeo, pero sen o poderío doutros tempos.

Macedonia era unha ampla rexión ao norte que se estendía coma un arco entre a Tesalia e a Tracia e que os gregos consideraban bárbara. Alí non se desenvolveran as polis e mantíñase o réxime monárquico coa capital en Pella. Con todo, unha das liñas mestras na política macedónica mantida por tódolos reis e que era un auténtico dogma nacional era o de ser recoñecidos como gregos con todas as consecuencias. O mecanismo usado para este recoñecemento foi o de intervir nas disputas entre os Estados helenos. Por outra banda, o empeño macedónico por contar cunha saída ao mar a ambos os dous lados da península da Calcídica enfrontou aos reis cos territorios xónicos daquelas costas.

O soberano que cimentou a transformación de Macedonia nunha gran potencia foi Arquelao, quen impulsou as obras públicas (calzadas), fundou cidades e arrodeouse dun núcleo selecto de nobres que compuñan o corpo militar de elite. Reorganizou o exército, impoñendo o servizo militar obrigatorio, e atraeu á súa corte a poetas e artistas. Á súa morte seguírono unha serie de reis sen importancia histórica, até Pérdicas III, quen morreu nun enfrontamento cos ilirios, e Macedonia estaba outra vez en plena descomposición. Nestas circunstancias fíxose co trono Filipo, irmán máis novo de Pérdicas, xa que na corte de Pella eran comúns as intrigas palacianas, usurpacións e cruentas loitas polo poder. Filipo non chegou ao reinado do xeito máis ortodoxo pero chegado o intre, tamén pereceu vítima dunha conspiración urdida no seu círculo máis achegado.

Filipo vivira en Tebas e estaba penetrado da cultura helénica. Ninguén mellor ca el encarnou a aspiración dos reis macedónicos de que o seu Estado fose aceptado como un máis entre os gregos. Coñecedor dos complicados mecanismos da política das polis, asumiu a misión histórica de unificar a Hélade. As súas dotes militares, o intre histórico trala breve hexemonía tebana e a prostración extrema de Grecia permitíronlle levar a cabo os seus ambiciosos designios.

Macedonia somete a Grecia

editar

Nun principio, Filipo buscou e atopou a alianza de Atenas, que aceptou de boas esta axuda, chegando a negarlle a axuda a Anfípolis, que estaba sitiada por Filipo. Este continuou as súas conquistas para someter as rexións próximas ás súas fronteiras, e foi entón cando se produciu o choque con Atenas. Tomou Pidna e fíxose coa Potidea. Atenas tivo que facer fronte ás defeccións de diversas cidades da súa liga, que como sempre, aproveitaron a ocasión para se desligar da liga ateniense, e viuse na necesidade de transixir, pola presión de Persia.

Filipo non abandonaba os seus planos de conquista e fíxose dono virtual da Tracia, coa seguinte ameaza ás rotas comerciais de Atenas. Filipo mandou construír unha frota e interveu nas loitas internas da Tesalia e da Fócida, de xeito que a súa presenza en Grecia cada vez ía máis ao sur.

Tras a paz asinada por Atenas, esta entrou nun período de restauración financeira e institucional nas mans de Eubolo, e a renuncia de intervención exterior, pese a que a ameaza macedónica, aínda se consideraba afastada. En efecto, Filipo dirixiu os seus intereses cara ao norte coa conquista de Epiro e Iliria. Nese intre produciuse na cidade calcídica de Olinto, aliada de Filipo, o partido pro-ateniense subiu ao poder. Dende Atenas, Demóstenes galvanizaba aos seus concidadáns cos seus discursos en contra de Filipo (as filípicas). Este anexionou toda a Calcídica, no mesmo ano en que Eubea se separaba de Atenas.

O punto de partida para a intervención decisiva dérono as guerras sagradas. Dáse ese nome ás loitas que ao longo da historia de Grecia tiveron lugar a causa dalgunha violación do santuario nacional de Delfos. Nesta ocasión, era a terceira e a de maior repercusión. A súa orixe foi a intención da Fócida de controlar o santuario que estaba no seu territorio e correspondíalle a súa soberanía. Mentres que Atenas e Esparta aceptaban dito control, Tesalia, Beocia e outros Estados non o recoñeceron. Beocios e tesalios pediron axuda os persas, pero estes non acudiron, e entón chamaron ás portas de Macedonia. O novo corpo da infantaría macedónica (falanxe) resultaba invencíbel e persuadiron a espartanos e atenienses de loitar e no 346 a. C. asinouse a paz de Filócrates, nome de maxistrado ateniense que xunto con Esquines, representaba a facción macedónica. Atenas comprometíase a abandonar tódalas súas posesións do norte, excepto a Quersoneso.

En Atenas estendíase o desánimo por tanta guerra, xa non tiña o poder marítimo dos seus antepasados coa fraxilidade política que comportaba e abríase paso a necesidade dun poder unitario forte e Filipo presentábase como defensor dos valores culturais helenos e atopábase en condicións de encarnar ese poder. Destacábase como portavoz desa corrente Isócrates, quen engadía a intención de Filipo de levar unha guerra de vinganza contra Persia e a plena soberanía grega en Asia Menor, unha empresa que seducía aos atenienses, pero que eles nunca poderían levar a cabo. Demóstenes, pola súa banda, propugnaba a defensa con decisión das liberdades atenienses e o sistema das polis para mantelas. Así, en Atenas foise abrindo a idea de que a paz asinada pola guerra sagrada, era en realidade unha tregua e comeza a se rearmar. Atenas concibira o enfrontamento con Filipo no mar, pero tiña unha conta pendente con Fócida, que lograra a soberanía dobre Delfos. Tebas, quen disputara aquela soberanía aos focidios, aliouse con Atenas, quen veu fortalecida a súa posición de enfrontamento con Macedonia. Pero todo isto levou a que o previsto encontro no mar, se dese en campo aberto, onde Filipo tiña todas as vantaxes. Na batalla de Queronea caeu a derradeira resistencia para o pleno dominio da Grecia por Macedonia. É unha data simbólica que supuxo o final do réxime das polis e o inicio dunha época no que a Hélade non sería máis que un apéndice das grandes creacións imperiais que sucederían.

Preparación da Guerra contra Persia

editar

Fidel aos seus propósitos de integración, Filipo abstívose de castigar a Atenas, pero o seu fillo Alexandre, quen se destacara á fronte da cabalaría en Queronea, encargouse de castigar a Tebas dun xeito que servira de escarmento ás cidades que se opuxeran aos plans da nova orde. Con Esparta, os macedonios amosáronse indiferentes, abandonando a antiga potencia militar, moi debilitada, aos desquites dos seus tradicionais inimigos.

No mesmo ano da batalla de Queronea, Filipo convocou a todos os Estados gregos en Corinto e constituíu con eles unha liga. Manterían a súa autonomía pero recoñecerían o rei macedónico como hexemón. Os conflitos dirimiríanse aplicando os usos parlamentarios, para rematar coa historia secular de guerras entre os gregos. Cada Estado contaba co seu propio exército, pero en caso de guerra, poñeríanse todos baixo o mando do hexemón, quen se atribuía o grao de xeneralísimo dos gregos (Strategos Autokrator Hellenón). Pero a finalidade desta liga de Corintio non era poñer paz na atormentada Grecia, senón emprender a loita contra do Imperio Aqueménida. Esta empresa sería unha ligazón para a dividida Grecia, de novo se lograría o dominou pleno do Exeo e os estreitos e talvez se tomaría un bo botín dadas as inxentes riquezas acumuladas polos soberanos persas.

No 336 a. C., nunha máis das endémicas intrigas cortesáns que axitaban a dinastía macedónica, acabou a vida de Filipo. Sucedeulle o seu fillo Alexandre, con só 20 anos.[14]

Alexandre Magno

editar

Alexandre foi unha das personalidades máis influentes da historia, pois promoveu unha transformación do mundo mediterráneo que significou a universalización da cultura grega, ingrediente esencial no que convimos en chamar civilización occidental.

Ningunha "necesidade histórica" nin imperativo económico lle empurraron a iso, só unha iniciativa persoal que se traduciu en levar a cabo o proxecto inicial de Filipo a unhas consecuencias imprevisíbeis.

Antes de se lanzar a empresas de conquista, Alexandre quixo deixar o seu poder ben consolidado na Hélade. En primeiro lugar asegurouse a fidelidade dos xenerais do seu pai, e logo dirixiu unha campaña contra os bárbaros que ameazaban a Tracia. Unha vez pacificados os confíns da Grecia, apresurouse a convocar a liga de Corinto, xa que corría o rumor de que na conspiración que acabar coa vida de Filipo, tamén finara Alexandre. O principal foco de rebelión era Tebas, e Alexandro conseguiu que a Liga se pronunciase por un escarmento. El mesmo arrasou a cidade por completo, da que só respectou a cidadela e a casa de Píndaro.

Pero Alexandro tiña presa por emprender a acción que unise a tódolos gregos contra Persia. Ao principio tratábase de recuperar a soberanía sobre os territorios de Asia Menor e tomar vinganza polas xa afastadas Guerras Médicas. As ulteriores conquistas explícanse pola debilidade do Imperio Persa, que se convertera nun xigante con pés de lama, a cuxa fronte estaba un soberano mediocre, Darío III Codomano e polo xenio estratego e a capacidade de improvisación de Alexandro.

Conquista de Asia Menor

editar

No 334 a. C. o exército da Liga de Corinto, no que predominaban os elementos macedónicos até sumar uns 40.000 homes entre as forzas da infantaría e cabalaría, atravesou o Helesponto e venceu aos persas nun encontro xunto do río Gránico, na Frixia. Despois, Alexandre foi descendendo cara ao sur e conquistando as cidades gregas ata Halicarnaso, a máis meridional. Pero non as entregou á Liga, senón que as incorporou ao reino de Macedonia, o que deu lugar ás primeiras mostras de descontento.

Se os persas estivesen minimamente á altura do seu adversario, terían atacado Grecia e terían cortado as súas liñas de subministración, tal como aconsellaba Memnón de Rodas, un grego que cun grupo de mercenarios se pasara ao bando persa e sabía como se aproveitar das inimizades que Alexandre creara. Pero os persas optaron pola batalla campal, confiando en que se atopaban no seu territorio e cunha evidente superioridade numérica.

 
Alexandre fronte a Darío na Batalla de Isus.
Mosaico romano de Pompeia (século I).

A segunda gran batalla tivo como escenario Issos, na costa siria, e de novo prevaleceron as armas gregas (333 a. C.). Darío III, consternado, dedicouse a reorganizar o exército mentres Alexandre se facía co dominio de toda a fachada mediterránea do Imperio. Á vista dos acontecementos, Darío amosouse disposto a lle ceder tódolos territorios a Oeste do Éufrates, pero iso era algo que Alexandre xa conquistara, de xeito que declinou a súa oferta.

Pasou o Exipto, onde foi recibido coma un liberador, coroouse como faraón en Menfis, fundou Alexandría no delta do Nilo e consultou o oráculo de Amón no oasis de Siwa. O oráculo rebeloulle a súa orixe divina e confirmoulle a súa misión universal. Xa fora este episodio unha montaxe de Alexandre ou dos sacerdotes amonitas, o certo foi que Alexandre se imbuíu de tal xeito no seu parentesco cos deuses que rematou converténdose nun déspota oriental, sobre todo tras a morte de Darío, alleándose con iso da amizade de moitos camaradas de armas gregos que, penetrados polo espírito igualitario, propio da súa cultura, negáronse a se prosternar diante de Alexandre.

No ano 331 a. C. Alexandre abandonou Exipto. A súa longa estancia neste país non foi aproveitada polos persas para se reorganizar, pois en Gaugamela, na bacía alta do río Tigris, Alexandre desfixo literalmente o exército aqueménida e, dun só golpe, desmantelou toda a estrutura do poder do Imperio.

Darío III fuxiu e Alexandre entrou triunfalmente en Babilonia, Susa, Persépole, Pasargada e Ecbatana, as capitais persas. Darío foi asasinado por un dos seus e Alexandre proclamouse o seu sucesor. Pretendía constituír un imperio universal gobernado por gregos e persas unidos. Castigou coa morte a Beso, asasino de Darío, e casou coa princesa persa Roxana, dous actos simbólicos dos seus propósitos e de como se sentía continuador do soberano vencido.

Culminación e final da xesta alexandrina

editar

Alexandre considerou que a campaña da Liga de Corinto rematara coa destrución do Imperio Persa, e continuou por conta propia as súas conquistas. Estas levaron as satrapías orientais e aos confíns da India, no que hoxe é Afganistán e as ribeiras do río Hifasis, afluente do río Indo. Neste punto, o exército negouse a seguir, e foi necesaria a volta. Os expedicionarios chegaron á desembocadura do Indo, onde construíron unha frota que os devolveu ao golfo Pérsico. Outra parte do exército volveu con Alexandre por terra cara a Babilonia, que pensaba converter na capital do seu Imperio. A estrutura deste seguiría sendo a creada polos persas, a base de satrapías. Alexandre estaba sumido nestes proxectos cando o sorprendeu a morte en Babilonia no ano 323 a. C. con 33 anos. Parece que o falecemento, tras unha enfermidade de dez días, debeuse á malaria e, en todo caso, non hai razóns para atribuílo ao envelenamento como se ten aventurado.

Período helenístico

editar
Artigo principal: Período helenístico.

Alexandre morreu sen ter ocasión de completar a súa obra. O imperio que creara en tan pouco tempo era moi vasto, pero por iso mesmo, e naquelas circunstancias de baleiro institucional, corría o risco de se disgregar. Así, os xenerais macedonios apresuráronse en se repartir os territorios, adxudicándose cada un deles unha parte do Imperio.

Un deles, Antígono, estivo a punto de se impoñer aos seus rivais e reconstruír a magna creación de Alexandre. Enfrontado con eles, foi derrotado e morto en Ipsos.

A continuación quedaron consolidadas as monarquías helenísticas e cada un dos xenerais fundou a súa dinastía: Casandro en Macedonia, Lisímaco en Tracia, Seleuco en Siria e Tolomeo en Exipto. Os descendentes dos anteriores rexeron os seus reinos, en tanto a cultura helenística e a nova mentalidade que comportaba a ruptura do marco tradicional das polis. As cidades gregas, máis débiles ca nunca, xuntáranse en ligas.

As máis importantes foron a Liga Etolia, con centro en Delfos e que levou a cabo unha política promacedónica, e a Liga Aquea, que pactou con Tolomeo Everxetes de Exipto para se opoñer á presión macedónica.

Mentres tanto, no Mediterráneo Occidental desenvolvíase a segunda guerra púnica entre Roma e Cartago, a Liga Etolia aliouse con Roma, quen ambicionaba tamén o dominio do Adriático. Isto último levou a Roma ao enfrontamento con Filipo V de Macedonia, quen foi vencido en Cinoscéfalos (197 a. C.) e houbo de renunciar ás súas pretensións sobre a Grecia. Perseo, fillo de Filipo, volveu a disputas con Roma, e resultou vencido en Pidna (168 a. C.).

Esta batalla considérase o punto de partida efectivo do dominio de Roma sobre Grecia. Pouco despois, un levantamento dun pretendente ao trono macedonio deu o pretexto para intervir e a resistencia desesperada da Liga Aquea estrelouse co poder romano na batalla de Leucopetra (146 a. C.).A partir de entón Grecia foi convertida en provincia romana. Aínda no século I a. C. houbo levantamentos, que Roma reprimiu con facilidade, se ben sempre dispensou bo trato a Grecia, cuxa superioridade cultural recoñecía. Neste senso, cabe afirmar que Roma conquistou militarmente a Grecia, pero esta conquistou a aquela no terreo da cultura.

  1. Thomas, Carol G. (1988). Paths from Ancient Greece (en inglés). BRILL. ISBN 978-90-04-08846-7. 
  2. "Cultura greco-romana: origem, características, influência - Maestrovirtuale.com" (en portugués). 2019-12-09. Consultado o 2022-07-26. 
  3. "Renaissance Philosophy ; Internet Encyclopedia of Philosophy" (en inglés). Consultado o 2022-07-26. 
  4. "Arquitectura neoclásica: orixe, características e representantes - Ciencia - 2022". warbletoncouncil (gl). Consultado o 2022-07-26. 
  5. "Neoclasicismo: características, origen, contexto, autores y artistas más representativos". Cultura Genial (en castelán). Consultado o 2022-07-26. 
  6. "Los griegos en Iberia - Histórico Digital" (en castelán). 2013-10-23. Consultado o 2022-07-26. 
  7. Tsetskhladze, G. R. (2008-09-30). Greek Colonisation: An Account of Greek Colonies and Other Settlements Overseas, Volume Two (en inglés). BRILL. ISBN 978-90-474-4244-8. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "CULTURA CLÁSICA; Grecia" (PDF). www.edu.xunta.gal ; IES Ribeira. Consultado o 26 de xullo de 2022. 
  9. "Arte rupestre en la isla de Creta se remonta al Pleistoceno final". Arqueología Paleorama en Red. Consultado o 2022-07-26. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Burkert, Walter (2003). La religione greca di epoca arcaica e classica (en italiano). Editoriale Jaca Book. ISBN 978-88-16-40585-1. 
  11. "Grécia: Knossos e a lenda do labirinto do Minotauro". viagens.hi7.co (en portugués). Consultado o 2022-07-26. 
  12. "El final de la Grecia micénica". historia.nationalgeographic.com.es (en castelán). 2022-01-07. Consultado o 2022-07-26. 
  13. "Lectures on Ancient Ethnography and Geography, Comprising Greece and Her Colonies, Epirus, Macedonia, Illyricum, Italy, Gaul, Spain, Britain, The North of Africa, Etc., Volume 1". calameo.com. Consultado o 2022-07-26. 
  14. "Alexandre III da Macedônia - Portal Graecia Antiqua". greciantiga.org. Consultado o 2022-07-26. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar