Xeografía da Grecia antiga

O territorio da antiga Grecia distribúese entre unha serie de penínsulas e unha grande diversidade de illas. Estas suman cando menos a cuarta parte da súa superficie total. O litoral é moi recortado e o interior moi montañoso, con elevacións que cruzan o seu territorio en todas as direccións, dando lugar a vales pechados ou abertos ao mar e que en xeral dificultan moito as comunicacións. Os ríos son curtos e as terras chás non ocupan máis da quinta parte do total. Esta peculiar morfoloxía orientou dende sempre os afáns gregos cara ao mar, o que eles chamaban "o camiño".

O mundo grego a mediados do século VI a.C.
O territorio grego a vista de satélite.

Grecia setentrional

editar

Se trazarmos unha liña imaxinaria, no senso dos paralelos, que unira a illa de Léucade, no Mar Xónico e na outra extrema, a península de Magnesia, no mar Exeo, esta sinalaría os límites entre a Grecia Setentrional e a Central. A primeira ten clima balcánico e danubiano, de acusada continentalidade. Alí se atopan as rexións menos helenizadas (con excepción da chaira da Tesalia e a illa de Corcira) que os gregos do sur consideraban semibárbaras. Son o Epiro, a Iliria e a Macedonia. Na fronteira de Tesalia e Pieria álzase o monte Olimpo, con 2918 m., máxima altura da Grecia, en cuxo cumio tiñan os deuses a súa morada. Entre Tesalia e o Epiro atópase o macizo do Pindo, marca a divisoria entre as bacías exea e xónica. Na fachada xónica domina o clima mediterráneo húmido.

Grecia central

editar

Ao sur daquela liña imaxinaria esténdese a Grecia Central, cun relevo e un litoral moi recortados. Fronte ás súas costas atópanse as illas de Léucade, Ítaca, Cefalonia, Zacinto e outras mais cativas. En xeral as terras son moi pobres, cun interior de clima continental bastante extremo. As comunicacións son difíciles polo abrupto do terreo. Aquí sitúase o monte Parnaso, de case 2.500 m. A rexión da Ática, onde se atopa Atenas, é moi variada, xa que é ao mesmo tempo continental e marítima, montañosa e chá. Esa variedade traduciuse na Antigüidade nunha riqueza de recursos que pulou a expansión dos atenienses. Nas súas terras chás (Maratón, Eleusis, Val de Cefiso) medraban o trigo, a vide e o oliveira (a famosa triloxía mediterránea) e as súas montañas pechaban reservas minerais como no monte Pentélico con mármore o no Laurión con chumbo arxentífero. Os portos naturais achegaban o comercio exterior. En xeral, a fachada exea é fría no inverno e cálida no verán.

Península do Peloponeso

editar

Ao sur da Grecia continental atópase a península do Peloponeso, cuxa forma comparouse coa dunha folla de parra, e que presenta unha fragmentación máis acusada se cabe e unhas costas máis recortadas que no resto do país. Xunguida á Ática polo estreito de Corinto, de só 6 Km de anchura, entre as profundas escotaduras dos golfos de Corinto e Sarónico, é moi montañosa, de terra pobre, con só unhas poucas franxas fértiles na súa periferia, nas rexións de Acaia, Élida, Mesenia, Laconia e Argólida. No seu interior alcanzase notables altitudes,como o monte Taigeto (2400 m) , preto de Esparta. O clima na costa segue a ser o mediterráneo húmido.

Grecia insular

editar

A Grecia insular poderíase dividir nas illas de maior extensión, situadas a norte e sur do mar Exeo, e tamén fronte ás costas da Grecia continental e da Anatolia e os grupos de illas menores, distribuídas nos arquipélagos das Cícladas e as Espóradas, que forman un arco entre aquelas e a illa de Rodas. As máis principais das illas gregas no mar Exeo, e de norte a sur, son: Thasos, Samotracia, Imbros, Lemnos, Lesbos, Ikos, Sciros e Quíos. A máis extensa é a de Eubea, xunto das costas da Beocia e da Ática. Fronte da Ática atópanse as illas de Salamina e Exina. Do arquipélago das Cícladas forman parte, entre as principais, Andros, Tenos, Keos, Paros, Naxos, Melos, Íos , Amorgos, Astipalea e Thera. As Esporadas están formadas por Samos, Icaria, Calimna e Cos. Deben considerarse á parte as illas de maior tamaño, Creta, Rodas e Chipre. Entre o Peloponeso e Creta está Citerea e entre Creta e Rodas están as illas de Cárpatos e Kasos.

A periferia grega

editar

O que se podería chamar a periferia grega componse dunha serie de rexións na bacía do Exeo que estiveron plenamente helenizadas e que viñan a ser coma enclaves en territorios bárbaros. Así, nas costas setentrionais habería diversas cidades gregas, cun territorio máis ou menos extenso, na Propóntide (Mar de Mármara) e nas costas da Frixia e da Tracia. Nesta última estaba moi helenizada a península Cálcidica. Nas costas de Asia Menor, fronte á illa de Lesbos deica a Illa de Rodas, poderían considerarse na Antigüidade tan gregas como os territorios a outro lado do Exeo. Eses territorios estaban nucleados arredor das cidades como Pérgamo, Elea, Esmirna, Clazomene, Éfeso, Mileto ou Cnido e os seus arredores non diferían moito da Grecia continental, con costas recortadas e clima mediterráneo húmido, aínda que neles desembocarían ríos de certa importancia que viñan da Anatolia como son o Escamandro e o Meandro.