Oliveira
Oliveira | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A oliveira de Vigo, a Cidade Olívica. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Olea europaea L., 1753[1] | |||||||||||||||
Subespecies | |||||||||||||||
O. europaea subsp. europaea | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Olea pallida Salisb., 1796 nom. illeg. |
A oliveira (Olea europaea) é unha das 35 especies do xénero Olea. A oliveira silvestre está considerada dentro da subespecie sylvestris e as oliveiras cultivadas dentro da subespecie sativa. É unha árbore perennifolia, de tamaño mediano e con tronco nodoso. Encóntrase presente en toda a rexión mediterránea e Oriente Próximo, mais foi estendida a outros países ou zonas con clima semellante como Perú, Chile, Arxentina, California, Suráfrica ou Australia. É un dos cultivos tradicionais máis antigos. É unha planta orixinaria do Oriente Próximo, introducida hai máis de 5000 anos no oeste da conca mediterránea.
En Galicia a oliveira está pouco espallada, aínda que se poden atopar exemplares illados practicamente por todo o país, se ben no pasado a súa extensión foi moito maior. Na zona galega con influencia do clima mediterráneo poden atoparse masas arbóreas pequenas, que se crearan basicamente para autoconsumo. Esas masas localízanse, fundamentalmente, no conca do río Sil (comarcas de Quiroga, Valdeorras, Bolo) e no val de Verín.
Descrición botánica
editarA oliveira forma parte da familia das oleáceas, que comprende, entre outras, as lilas (Syringia), os ligustros (Ligustrum) e os freixos (Fraxinus), así como formas arbustivas como as forsythias ou os xasmíns.
Aspecto xeral
editarMoi ramoso, de toro nodoso e cortiza esburacada e castaña, pode chegar alcanzar de 15 a 20 m de altura e vivir moito tempo. Porén, pola acción de animais cavadores ou vivir en lugares moi venteados ou expostos ás brétemas, xeralmente adopta un aspecto arbustivo, manténdose en bolas compactas e impenetrábeis, tomando a forma dun mato espiñento. Na maioría das formas de cultivo, as oliveiras son mantidas a unha altura de 3 a 7 metros de altura, a fin de facer posíbel o seu cuidado e a recolleita dos froitos.
Raíces
editarAs raíces poderosas e longas da oliveira poden chegar até unha profundidade de 6 metros, característica que lle asegura sempre a posibilidade de obter auga para o seu desenvolvemento.
Follas
editarAs follas son opostas, ovais, alongadas, sostidas por un curto pecíolo, coriáceas, enteiras, enroladas sobre os seus bordos, dunha cor verde escura brillante na cara superior e dun verde claro prateado, cunha nervadura medial saínte na cara inferior. A follaxe é persistante, e sempre verde, mais isto non quere dicir que as súas follas sexan inmortais, pois viven, como media, tres anos, logo amarelean e caen, principalmente no verán.
Flores
editarAs flores son brancas cunha corola, dous estames, un cáliz con catro pétalos ovais, e un ovario de forma arredondada que ten un estilo bastante espeso e remata cun estígmata. Este ovario contén dous óvulos. As flores están agrupadas en pequenos acios con entre 10 e 20 exemplares, abrochando na axila das follas a comezo da primavera nas pólas con dous anos de idade.
A maioría das oliveiras son autofértiles, é dicir que o seu propio pole pode fecundar os seus propios ovarios. A fecundación efectúase sobre todo polo vento e non dura máis que apenas unha semana por ano. Se non chove demasiado durante ese período, entre un 5% e un 10% das flores producirán froitos suficientes para unha boa sazón.
Froitos
editarValor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 609 kJ (146 kcal) |
3.84 g | |
Azucres | 0.54 g |
Fibra alimentaria | 3.3 g |
15.32 g | |
Saturadas | 2.029 g |
Monoinsaturadas | 11.314 g |
Poliinsaturadas | 1.307 g |
1.03 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Vitamina A equiv. | 3% 20 μg2% 231 μg510 μg |
Tiamina (B1) | 2% 0.021 mg |
Riboflavina (B2) | 1% 0.007 mg |
Niacina (B3) | 2% 0.237 mg |
Vitamina B6 | 2% 0.031 mg |
Ácido fólico (B9) | 1% 3 μg |
Colina | 3% 14.2 mg |
Vitamina E | 25% 3.81 mg |
Vitamina K | 1% 1.4 μg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 5% 52 mg |
Ferro | 4% 0.49 mg |
Magnesio | 3% 11 mg |
Fósforo | 1% 4 mg |
Potasio | 1% 42 mg |
Sodio | 104% 1556 mg |
Outros constituíntes | Cantidade |
Auga | 75.3 g |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
O froito, a oliva é unha drupa, da que a pel (epicarpio) está recuberta dunha materia cerosa impermeábel á auga, e unha polpa (mesocarpio) carnosa, rica en materia graxa, almacenada durante a época de lipoxénese, que vai entre fins de agosto e o inicio da maduración. En inicio verde, tórnase negra na completa madurez. A coia moi dura, ososa, está formada dun envoltorio (endocarpio) que se esclerosa no verán a partir de finais de xullo e contén unha améndoa con dous ovarios, dos cales un é, polo xeral, estéril e non funcional: ese gran (raramente os dous) produce un embrión, que dará unha oliveira nova se as condicións son favorábeis.
Subespecies
editarA especie Olea durante moito tempo foi subdividida en dúas subespecies, Olea europaea var. europaea para a oliveira doméstica (Europa e Turquía), e Olea europaea var. sylvestris (Mill.) Lehr para a oliveira brava. Esta subdivisión está hoxe anticuada. Diversos traballos teñen demostrado a ausencia de límites entre as poboacións salvaxes e as cultivadas, tanto no aspecto xenotípico como fenotípico[2].
Porén existen outras seis subespecies:
- Olea europaea subsp. africana (África, Madagascar, Arabia).
- Olea europaea subsp. cerasiformis (Illas Canarias, Madeira).
- Olea europaea subsp. cuspidata (África e Asia, desde Irán até China).
- Olea europaea subsp. guanchica (Canarias).
- Olea europaea subsp. laperrinei (Alxeria, Arxentina, Níxer, Sudán)
- Olea europaea subsp. maroccana (Marrocos)
Ciclo vexetativo
editarFases Vexetativas | Comezo | Duración | Manifestacións |
---|---|---|---|
Repouso vexetativo | decembro-xaneiro | 1-3 meses | Actividade xerminativa parada ou lentificada |
Indución floral | febreiro | . | Os froitos desenvólvense sobre pólas deitadas o ano precedente (> poda). |
Aceleración da vexetación | fins de febreiro | 20-25 días | Emisión de nova vexetación de cor clara |
Aparición de botóns florais | metade de marzo | 18-23 días | Inflorescencias de cor verde, abrancazada na madurez |
Floración | de inicio de maio a 10 de xuño | 7 días | Flores abertas e de bo aspecto, polinización e fecundación |
Frutificación | fin maio-xuño | . | Caída dos pétalos, precocidade de flores e froitos |
Desenvolvemento dos froitos | segunda metade de xuño | 3-4 semanas | Froitos pequenos mais de bo aspecto |
Endurecemento das coias | xullo | 7-25 días | Fin da formación dos froitos tornándose resistentes a cortes |
Medramento dos froitos | agosto | 1,5-2 meses | Aumento considerábel do tamaño dos froitos e aparición de lentículas |
Comezo da maduración | metade de outubro a decembro | . | Polo menos a metade da pela do froito vira de verde a violeta |
Maduración completa | fin de outubro a decembro | . | Froitos con cor uniforme de violeta a negro |
A oliveira non produce de modo natural máis que un ano de cada dous a falta de poda, e a produción non se estabiliza máis que de vagar, progresivamente, mais tamén duradeiramente: entre 1 e 7 anos é o período non produtivo, cunha dura que pode dobrar o tempo en caso de seca; até os 35 anos, a árbore desnvólvese e coñece un aumento progresivo da produción; entre 35 anos e 150 anos, a oliveira alcanza a súa madurez plena e a súa produción óptima. Despois dos 150 anos, a árbore envellece e os seus rendementos tórnanse aleatorios, ao chou.
Cultivo
editarNecesidades climáticas
editarA oliveira é un cultivo propio de climas mediterráneos caracterizados por invernos relativamente suaves e veráns longos, cálidos e secos, con medias anuais de temperatura entre 15 e 20 graos, e de precipitacións entre 500 e 700 mm. Prefire os vales amparados ou as chairas baixas que non estean expostas a fríos intensos. Pode medrar nas ladeiras de montañas orientadas para o sur.
A oliveira é máis sensíbel ao frío que outras árbores froiteiras, como maceiras, pereiras ou pexegueiros, pero é máis resistente que os cítricos. Como outras árbores experimenta un aguante progresivo ás baixas temperaturas a partir do outono.
As temperaturas entre 0 e -5 graos provocan pequenas feridas en pólas novas, mentres que con temperaturas entre -5 e -10 graos poden xa morrer esas mesmas pólas, e a partir de temperaturas inferiores a -10 graos morren tamén pólas grandes e mesmo toda a parte aérea da planta.
A oliveira precisa un verán bastante cálido para que poidan madurar as olivas. Na clasificación agroclimática de Papadakis necesita un verán do tipo do que permite o cultivo do arroz.
O mínimo pluviométrico rexístrase na rexión de Sfax, en Tunisia, onde se cultiva a oliveira con non máis de 200 litros de choiva anual. Porén, un clima tan seco leva uns rendementos moi baixos.
As boas prácticas agrarias determinan que, en caso de terreos en pendente, as aradas se fagan seguindo as curvas de nivel para limitar os perigos da erosión.
Na plantación tradicional colocábanse 100 árbores ou menos por hectárea. Actualmente tense comprobado que plantacións máis densas, de até 300 oliveiras por hectárea, son máis produtivas.
Labores habituais
editarOs labores correntes son:
- As aradas, que se fan con obxecto de incrementar a retención de auga no chan e de erradicar malas herbas.
- A cuita, que se fai hoxe mecanicamente; aínda que a oliveira necesita poucos nutrientes en comparación con outros cultivos é moi sensíbel á deficiencia de boro.
- A expurgación faise manualmente e ten por fin a corta da ramaxe para que chegue ben a luz, e, ademais, para darlle forma a árbore e que se poidan alcanzar con maior facilidade as olivas.
- A recolleita, até hai pouco manual, é agora mecanizada, usando vibradores individuais ou grandes máquinas autopropulsadas.
Recentemente estanse a xeneralizar as técnicas de mínimo cultivo, é dicir, que só se fan as aradas indispensables e quítanse as malas herbas con herbicidas. Con esta técnica obtéñense producións similares, pero con menor custo económico.
A agricultura ecolóxica da oliveira está moi espallada, por ser unha árbore rústica, resistente, sendo moi fácil aplicala. Combátense as pragas empregando feromonas e mais insecticida biolóxico, e non se usan produtos sintéticos químicos para cuitar nin herbicidas.
As plantacións "superintensivas", ou de alta densidade, supoñen plantar unhas 2.000 oliveiras por hectárea, utilizándose unha mecanización total para a espurga; a recolección faise con máquinas que pasan por riba das plantes, ao xeito das máquinas de vendimar; así redécese moito o custo da recolleita, pero non hai aínda suficiente experiencia respecto de se estas novas plantacións poderán aguantar bastantes anos con tal sistema.
O cultivo da oliveira, por tradición, é de secano, aínda que actualmente tamén se realiza con rega; así asegúrase unha produción dada, pois se o ano é moi seco pode ser nula.
As olivas para aceite cóllense entre finais de outono e comezo do inverno. Algunhas variedades son recollidas á man cando aínda están verdes, e, cun pouco de adubo, poden seren consumidas como olivas de mesa. Tradicionalmente as destinadas para obtención de aceite cóllense con sacos ou mallas cosidas, estrándoas en terra por embaixo da copa (máis un par de sacos arredor da raíz, para evitar perderen as olivas por esa zona); as olivas fanse caer: sacudindo coas mans as gallas con froito ou ben cunha especie de "pinza" de ferro ou ben a golpes de vara (nas variedades en que se pode, por ter un tipo de oliva que cae facilmente ao vareala). As olivas estendidas sobre os sacos ou mallas recóllense en seiróns ou outros recipientes para levalas ao muíño ou lagar, para moelas e extraerlles o aceite. Antigamente tamén se collían as que xa caeran antes da recolleita, e que andaban ciscadas entre pedras e terróns, mais hoxe considérase unha práctica traballosa e antieconómica. Ademais esas olivas son de calidade ruín porque adoitan ser acedas en demasía.
A oliveira na mitoloxía grega
editarOs deuses gregos Atenea e Poseidón enfrontáronse polo dominio de Atenas, é dicir, por ser a deidade protectora da cidade e, por conseguinte, receptora de culto e sacrificios. Poseidón fixo nacer unha fonte de auga salgada no alto da Acrópole [3], pero Atenea chegou e plantou unha oliveira [4]. Para dirimir o enfrontamento entre os dous deuses, dado que Zeus prohibiulles solucionalo mediante un combate, recorreuse á mediación de Cécrope, primeiro rei da Ática, como árbitro da disputa (outras fontes din que fora a asemblea dos doce deuses olímpicos [5]). Como ninguén podía acreditar que fose Poseidón quen abrira esa fonte, Cécrope concedeu a cidade a Atenea. Tamén se di que foron os cidadáns atenienses, por maioría dun só voto das mulleres sobre os homes, escolleron a Atenea por considerar de máis valor a árbore (as olivas, o aceite e maila madeira), nacida na rocha da Acrópole, que unha fonte de auga salgada [6]. Atenea bautizou a cidade co seu nome e Poseidón vingouse asolagando a Ática.
Por este motivo, en moedas de dracma de prata do século V a. C., da cidade de Atenas, represéntase a Atenea, como protectora da cidade, coroada por follas de oliveira no casco.
A oliveira en Galicia
editarA oliveira cultivouse en Galicia desde, como mínimo, os tempos dos romanos, como demostra o descubrimento de ruínas de instalacións da época para a fabricación de aceite, como a de Teis, en Vigo.
Parece ser que se trataba dun cultivo común en Galicia, canto menos nas provincias de Lugo, Ourense e sur da de Pontevedra ata os tempos dos Reis Católicos, que supostamente mandaron cortar as oliveiras galegas para garantir a Andalucía o monopolio da produción de aceite [7]. A tradición engade que aquela orde exceptuaba unha árbore por parroquia, coa fin de permitir obter o aceite necesario para o gasto da igrexa [2]. Esta erradicación das oliveiras galegas pode explicar o feito de que en Portugal, onde non se aplicaría, sexan moito máis abundantes.
No século XVI, o Licenciado Molina, na súa obra Descripcion del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, describiu como se colleitaba en abundancia na provincia de Ourense. Porén, no século seguinte, o cultivo volveu esmorecer a causa dos gravames impostos polo conde-duque de Olivares.[8]
Xa no século XIX, na Exposición Rexional de Lugo (1896) presentáronse mostras de aceite de calidade, procedente de Quiroga (Lugo) [9], Valdeorras (Ourense) e Betanzos (A Coruña). No século XX o cultivo de oliveiras quedou reducido ás zonas de Quiroga, Valdeorras e Verín, nunha extensión que non superaba as 23 hectáreas (datos de 1999), cunha produción testemuñal de aceite. A vide veu substituír as oliveiras da conca do Miño e outras zonas ourensás.
Outra explicación da forte regresión das plantacións de oliveiras en Galicia sitúa este feito no século XIX, tras unha máxima expansión nos dous séculos anteriores, motivado polos fortes impostos cos que se gravou este cultivo, o que motivou que se arrincaran a maior parte das árbores e foran substituídas por outras plantacións.
Como posible consecuencia daquela presenza xeral das oliveiras en Galicia está a abundante toponimia derivada: Oliveira é nome de lugares da Arnoia e Poio e parroquia de Ponteareas [10], A Oliveira é nome de lugares de Corcubión, Gondomar, Ponteareas e Vigo. Tamén Olveira, lugar de Teo e parroquias de Dumbría e Ribeira; A Ponte Olveira é lugar de Mazaricos, e O Alto de Olveira, lugar de Porto do Son. E Olives é nome dunha parroquia da Estrada. En Ribadavia existe unha igrexa do século XII denominada de Santa María de Oliveira. O nome de Cidade olívica que recibe Vigo vén dunha oliveira singular que había na cidade e que forma parte do escudo da cidade; a actual árbore do Paseo de Alfonso XII descende daquela.
Hai unha festa gastronómica dedicada ó aceite: a Feira do Aceite de Bendilló, en Quiroga, nacida no ano 2000 e na que se elabora aceite puro de oliva nun muíño de aceite restaurado.
Nos primeiros anos do século XXI a empresa Abril, dedicada ó envasado de aceite andaluz, e a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia promoveron a recuperación do cultivo da oliveira en Galicia, concretamente na zona da Estrada como forma de aproveitamento de superficies agrícolas abandonadas. O obxectivo é a produción dun aceite ecolóxico elaborado integramente a partir de olivas galegas.
Á parte desta distribución, a oliveira está presente en toda Galicia mediante exemplares soltos que medran xunto ás igrexas, exemplares de xardinería e nalgunhas casas nobres. Entre estes últimos destacan tres exemplares clasificados como árbores senlleiras de Galicia:
- A oliveira do Paseo de Afonso XII, en Vigo (Pontevedra).
- As oliveiras do cemiterio de Adina, en Padrón (A Coruña).
- A retícula de oliveiras do Pazo de Santa Cruz, en Vedra (A Coruña).
Rosalía de Castro escribiu o seguinte en Follas Novas [3], sobre as oliveiras do cemiterio de Adina, onde sería enterrada ó morrer:
A oliveira na cultura popular galega
editar- Véxase tamén A oliveira na cultura popular galega
Por ser usada esta árbore para obter os santos óleos e porque coas súas polas se recibiu a Xesús cando entrou en Xerusalén [11], considérase posuidora de poderes máxicos e protectores contra o mal de ollo, posesións diabólicas e outros males desta natureza. Así, nalgunhas comarcas galegas recórrese ás pólas de oliveira para asperxer á nai cando se practica o bautismo anticipado como remedio para previr o aborto. E queimar unhas pólas de oliveira que fosen benditas o último Domingo de Ramos crese eficaz para combater a posesión diabólica. No Courel curaban o mal de ollo follas de oliveira (xunto a outros ingredientes), coas que facían tres cruces sobre a auga coa que se lavaba o ameigado.
As follas de oliveira entran tamén na composición dunha mestura de plantas curadoras que se queima e, co fume, cura o mal de aire. Risco recolleu a crenza de queimar follas ou pólas de oliveira bendita o día de San Pedro Mártir [12] ou o Domingo de Ramos para protexerse do raio, alcanzando así as mesmas propiedades protectoras que as ramas de loureiro. Do mesmo xeito, queimalas na lareira afastaba as treboadas e os malos espíritos da casa. Pendurar follas de oliveira no balcón ou trala porta da casa ou das cortes protexía a xente e o gando de tódalas posibles desgrazas. As follas, nunha saqueta pendurada ó pescozo, serven como amuleto protector.
Unha práctica protectora contra a Santa Compaña consiste en trazar un círculo no chan cunha póla de oliveira nacida en sagrado e resgardarse dentro. Así, as almas en pena non poderán facer dano.
Na igrexa de San Vicente de Augasantas, no concello de Rois (A Coruña), hai unha fonte milagreira. Mollando unha póla de oliveira nesta auga, asperxendo con ela as terras e espichándoa logo no chan, protéxese a colleita contra as pragas ou a casa que se constrúa nela; tamén arreda os perigos que poden representar unha morte ou unha desgraza acaecida na casa. Para que sexa realmente eficaz, cando se colle a auga hai que recitar este ensalmo: "Entre Xesús en Xerusalén, saia o mal e entre o ben".
Por outra banda, a presenza común desta árbore nos adros das igrexas, nos que tamén se localizaba o cemiterio, fixo que se relacionase a oliveira coa vida e a morte, como árbore funeraria protectora da paz dos mortos [13]. Críase que estas oliveiras dos adros das igrexas tiñan poder para salvar do raio, afastar treboadas (queimando algunhas follas), escorrentar os trasnos e curar enfermidades:
"A oliveira do adro/ ramo dela ten virtude:/ pasei por ela doente/ e logo tiven saúde" [14].
Nalgunhas zonas galegas asperxíanse os cadáveres con pólas de oliveira molladas con auga bendita, para procurar a salvación da alma do defunto. Risco di que, en Ribadavia, percibir un forte cheiro a aceite é sinal de mal agoiro, porque lembra as lampadelas que lle poñen ós defuntos [15].
Hai persoas que son quen de agoirar a morte próxima dalgún veciño ou familiar, e crese que esa virtude lles vén de que, no momento do bautismo, o crego utilizou o óleo de defuntos (pensado para dar a extremaunción) en lugar do óleo dos vivos (pensado para o bautismo).
Evidentemente, a oliveira úsase tamén como remedio terapéutico popular contra enfermidades reais ou imaxinarias. Así, para curar as úlceras da boca ou o fogardente (tecnicamente, ergotismo, intoxicación polo cornizó do centeo), fanse cruces sobre o enfermo con pólas de oliveira; e para curar as anxinas é bo mascar unha folla de oliveira e tragar o zume que produce. Tamén se trata o enganido queimando distintas herbas e, entre elas, unha ramiña de oliveira, xunto á pluma dunha galiña e pelos de gato. O uso dunha póla de oliveira para asperxer auga -bendita ou non- sobre o enfermo tamén é habitual, como por exemplo no ritual do bautismo anticipado. Para curar a erisipela [16] envolvíase un pau de oliveira en la de ovella e, mollado en aceite, facíanse cruces sobre as lesións (na Moureira, Pontevedra); ás veces completábase o rito cun ensalmo: "Dille que lle dean/ con aceite de oliva/ e un guedello de lan/ dunha ovella viva" (en Beariz, Ourense)
Tamén o aceite ten propiedades terapéuticas: cura a dor de oídos e mesmo a xordeira. O aceite da igrexa de Santa Marta de Babío, en Bergondo (A Coruña), protexe contra as enfermidades dos oídos. E, finalmente, fritindo en aceite miñocas ou un alacrán, ou macerando nel certas plantas medicinais, obtéñense diferentes tipos de aceite ós que se lles atribúen propiedades curativas contra determinadas doenzas.
O aceite forma así mesmo parte dalgunhas supersticións: crese que se se untan con aceite as patas dos gatos da casa non escapan cando están de xaneira. Por iso dise que hai que untarlle os pés con aceite ós amigos que veñen pouco por casa, para que se deixen ver con máis frecuencia.
Outro uso tradicional do aceite é protexer as ferramentas de ferro para que non se oxiden, así como as ferraduras ou outros trebellos de ferro. Por iso disque o aceite é medio ferreiro ou o aceite é armeiro, reloxeiro, cociñeiro e curandeiro.
Notas
editar- ↑ Linné, Carl von, Species Plantarum, vol. 1, p. 8, 1753
- ↑ Breton C. Reconstruction de l'histoire de l'olivier et de son processus de domestication, Thèse de doctorat, 2006.
- ↑ Segundo algunhas fontes, un mar. En versións tardías, latinas, do mito foi un cabalo o que fixo xurdir.
- ↑ Grimal di que esta oliveira aínda se podía ver na cidade no século II. Pseudo-Apolodoro di que era a que "actualmente se exhibe no Pandrosio" (III, 14, 1).
- ↑ Que non puido tomar unha decisión pois tódolos deuses apoiaban a Poseidón mentres que tódalas deusas secundaban a Atenea.
- ↑ Esta versión procede de Varrón e recolleuna Santo Agostiño (354-430) no seu tratado A cidade de Deus. Conta que en Atenas apareceron de repente auga e unha oliveira, e que o oráculo de Delfos respondeu que a auga era a marca de Poseidón e a oliveira a de Atenea, tendo que decidir os cidadáns cal dos dous deuses debía dar nome á cidade.
- ↑ Outras fontes dan como explicación deste feito unha represalia contra as revoltas dos Irmandiños [1].
- ↑ "As oliveiras galegas que fixo desaparecer o conde-duque de Olivares recuperan o seu valor". Praza Pública. 2022-04-09. Consultado o 2022-04-11.
- ↑ Onde disque se producían máis de 300 arrobas anuais (Eladio Rodríguez).
- ↑ Outras parroquias deste mesmo concello son San Lourenso de Oliveira e San Mateo de Oliveira.
- ↑ Existe tamén a crenza de que a cruz na que foi crucificado tamén era de oliveira: Eladio Rodríguez recolle un fragmento dun romance popular que comeza así: Noso Señor Xesucristo levaba a cruz d'oliveira....
- ↑ 29 de abril.
- ↑ Disque xa os celtas a trataban como árbore funeraria.
- ↑ Vítor Vaqueiro.
- ↑ Habitualmente, esta crenza fai referencia, e pola mesma razón, ó cheiro a cera.
- ↑ Enfermidade da pel causada por estreptococos.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Oliveira |
Bibliografía
editar- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
- REGUERA LÓPEZ, A.: "Aceite", na Gran Enciclopedia Galega, tomo 1.
- Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)
- RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011. s.v. oliveira.
- VÁZQUEZ VARELA, José Manuel: "Oliveira", na Gran Enciclopedia Galega, tomo 33.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Consellería de Medio Rural: Listaxe de árbores e formacións senlleiras
- "Promueven la recuperación del cultivo del olivo en A Estrada" (La Voz de Galicia, 4.04.2012)
- Galicia, Andalucía y el olivo
- Pablo Taboada: "Aceitunas do país: una empresa promueve la plantación de olivos entre agricultores gallegos" (El País, 7.12.2011)
- A fonte de san Vicenzo de Augasantas (Galiciaencantada.com)
- Feira do Aceite de Bendilló (Quiroga) Arquivado 01 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
- XI Mostra do Aceite de Quiroga (vídeo)