Academia.eduAcademia.edu

Algunhas notas sobre a investigación como realizativo

2012, Anuario Internacional De Comunicacao Lusofona

ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 Algunhas notas sobre a investigación como realizativo Margarita Ledo Andión* ¿Que teñen en común estes acrónimos nos que me represento? Sen dubida o identificativo comunicación e unha delimitación de lugar, de escenarios para a representación.. Tamén, e si unha persoa pode participar de todos eles, esta posición múltipla está indicando que se trata de territorios diferentes, atravesados por desigualdades pero que se queren conectados, complementares e solidarios. E vou botar man dunha das notacións con que Stella Bruzzi, apoiándose en Austin, explica a capacidade realizativa dun tipo de obra pensada para a súa difusión pública, o documental na súa variante performativa, unha obra que se constrúe arredor da presencia intrusiva do cineasta ou da actuación de certas personaxes do filme e que, en facéndoo así, danlle corpo á idea de que o filme empeza a existir no intre da súa execución. Teño para min que esta presencia intrusiva de actores e actrices da pesquisa, en conxunción cos feitos que van relatar, faise cada día máis precisa. A decisión de traer esta idea para a interacción entre investigación en comunicación e realidade lévanos cara unha certa consciencia da necesidade de observar esta relación como un enunciado que, ao tempo que analiza e describe casos, obxectos ou situacións, executa unha acción. Na intención desta nosa chamada a prol da investigación como realizativo está a posibilidade de facer, xa de vez, cousas concretas que fagan avantar as funcións e obxectivos que xustifican unha estrutura, aínda imperceptíbel, como a da Lusocom. A maior abondamento, unha posición semellante é a que constitúe a cerna dun proceso ao longo do ano 2007 está a se desenvolver no Estado español coa fin de desembocar, a comén de 2008, na que será a Conferencia fundacional da Asociación española de investigación en comunicación. A sé deste evento vai ser a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a mesma Facultade que en abril de 2006 acolleu o VII Congreso Lusocom. Nos eixes que organizan o debate recoñécense de seguido temas e motivos que nos preocupan aquén e alén ao insistiren na oportunidade de vencellar de maneira precisa, é dicir, a respecto de determinadas expectativas, investigación e sociedade da información, investigación e democracia, investigación e políticas culturais, investigación e benestar social. Xusto ao iniciárense os traballos e no momento de lle dar nome á convocatoria fai a súa aparición unha sorte de realizativo, Investigación en comunicación: grao cero, que nos levou a falar do cul de sac no que nos atopamos e da oportunidade de alongar a discusión ate as razóns que nos levan a dinamizar, neste momento, unha asociación * Universidade de Santiago de Compostela. Presidente da Lusocom. [email protected] 7 8 ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 que non poderá ser como as asociacións que, no contexto español, apareceron e desapareceron ao se iren baleirando de contido e funcións. E porque o enunciado dos problemas é parello, e porque falar de grao cero é xa en si mesmo un modo de intervir no decurso dos acontecementos, a idea que sobrancea non é só a de investigar para aplicar se non a de investigar para saber cómo aplicar, en harmonía ou en contradicción con qué programas, asumindo responsabilidades no nivel do resultado máis aló do das propostas e recomendacións. E coido que é tamén, neste cruce de camiños onde se atopa, arestora, a Federación lusófona. O mapa no que os estudos contemporáneos de comunicación se moven a vontade fala de diversidade e de espazos lingüísticos como unha das modalidades que definen ámetos singulares de intercambio nos que un certo imaxinario está por crear. Pero esta paseata corre o perigo dun certo manierismo, do fascinio polo que se evoca, de dar voltas sen ousar acertar por cal mar navegar. Por iso, máis que diagnosticar trátase de labrar. Deciamolo en abril, no ritual da apertura da VII Lusocom diante representantes de institucións políticas, académicas e culturais, do Presidente e a Conselleira de Cultura da Xunta da Galiza, do Reitor da USC e en presencia do Presidente do CCG. Permítome lembrar aqués aspectos que considero van máis aló do marco do devandito evento e mesmo lúen na lexitimación de que veñamos a nos configurar, para determinados fins, en Federación de Asociacións . A VII Lusocom, baixo o signo das diferentes formas e das formas diferentes que acolle a comunicación como constitutiva da sociedade e como posta en escena da cidadanía, tratou encol dunha serie de ámetos, dende a pesquisa e ate a produción, como entrada para certos dilemas que enmarcan o espazo da lusofonía no sistema-mundo. A viaxe como idea organizadora do Congreso, a viaxe entre situacións e culturas diferentes para tentar aprofundar nos modos de coñecemento do outro, leva canda si, sempre, o incerto e podería ficar prendida no incerto a pesares de non manifestalo así. Dos tres aspectos substantivos que definiron esa reunión científica, é dicir, a análise de cuestións contemporáneas na área das ciencias da comunicación, que se concretaban nas relacións entre políticas de comunicación, cultura pública e cidadanía; na emerxencia da mediación cultural, os estudos de xénero ou a preocupación polo que apenas comeza a se desvelar so a rubrica ‘terceiro sector’; a abordaxe do paradoxo de que as tecnoloxías dixitais aprofunden a fenda ‘entre pobo e principais’, entre os países máis ricos – e conectados – e o resto da humanidade, e contemplar novos modos – dialogais e lizgairos – de utilización das redes, de todo isto, insistimos, cabería agardar a definición dalgúns proxectos que asentaran os alicerces para intervir nas relacións sociais de comunicación e de participación na área lusófona, reclamando para a súa execución o espallamento da alfabetización no dixital ao tempo que, esa mesma alfabetización, se irá converter nun vehículo de expresión creativa para levar avante obras que se constrúen à marxe das industrias culturais convencionais. Porque se un ben constitutivo da sociedade, como a ciencia e a información, non se poden deixar ao arbitrio do xogo de intereses persoais, a inexcusabilidade de medidas, ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 de accións por parte das políticas públicas que contemplen tanto a formación como a súa aplicación aos usos e produtos da comunicación e da cultura como dereito do común é, en si propio, un signo de democracia real que afecta a existencia mesma das asociacións de investigación. En Maputo, nos acordos de 2002, o compromiso foi facer medrar o debate académico e amplalo ás actividades profesionais e empresariais dos países e comunidades luso-galego-asio-afro-brasileiras. Como adoito acontece en momentos cruciais, a idea precedeu á súa aplicación; certa consciencia do interese en dar comezo a unha nova experiencia de relación e de intercambio levounos a apostar na necesidade da Federación. E se o primeiro acto de distinción tiña sido dotala de nome – abreviado como Lusocom –, e se a análise das implicacións entre postulados teórico-metodolóxicos e modos da práctica en cadanseu país é unha constante, chegar a configurarnos como un espazo – múltiplo e inclusivo – no momento actual da mundialización tal vez chegue a ser o obxectivo que nos represente e no que nos veñamos representar. E teño para min que o noso recoñecemento, tamén por parte da comunidade científica, vaise unir coa construción dun modelo ‘en acto’, tanto para o estudo (de aspectos, dilemas e problemas contemporáneos) como no modo de entender que a nosa función non é a de considerármonos un resultado – das condicións específicas das ciencias da comunicación en cada lugar concreto – se non un operador a partires dunha categoría específica, a que outorga un sistema lingüístico compartido, como construtora dun universo de entendemento e de circulaciòn de persoas e bens. A desconexión, a dificultade de accesibilidade e, polo tanto, de visibilidade, non deberan se entender como ‘naturais’ nen se poderán combater a golpe de tipificar os nosos costumes de consumo cultural: ou Bollywood ou Hollywood máis a pauliña do cativo produto local. Tamén por iso queremos viaxar – dixemos entón – e reproduzo a parte final: “Amigas e amigos congresistas, hai un ano (2005) o Claustro da USC decrarou o seu compromiso explícito a prol da cultura da paz; hai agora 75 anos proclamouse a I República española onde a educación colleu novo pulo e onde as mulleres conquerimos á consideración de cidadáns; e esta Facultade de Ciencias da Comunicación, unha das máis novas dunha Universidade que sobrevoa os cincocentos anos, fará quince no outono que vén. Abofé que temos traballado arreo. No 1995 celebramos o noso 1.º Congreso internacional virado para os países europeos da periferia atlántica, de Finlandia ate Portugal. Naquela sesión inaugural tamén estaba o presidente da Xunta, o Reitor, o profesor Pinto Balsemao en representación do Instituto Europeo para os Medios de Comunicación, o profesor quebequés Gaëtan Tremblay e un convidado de estima, o enxeñeiro Barbosa Magalhaes, para falarnos dun lugar entre os océanos Indico e Pacífico, onde chegaran os viaxeiros na procura de sándalo branco, a Illa de Timor A invasión do Leste de Timor, o xenocidio físico e cultural que incluíu a prohibición da lingua Tetum e da lingua portuguesa, a persecución a morte das prácticas animistas, a masacre no hospital de Dili ou ao pé do cimeterio de Santa Cruz fixo daquela guerra desencadeada pola Indonesia de Suharto unha das máis mortíferas do mundo, co exterminio de 250 mil persoas dentre as 700 mil que nalgún momento formaran 9 10 ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 esa nación mariña. Pero a historia non finalizou. Hoxe o Timor Leste é independente e hoxe ten o seu propio representante nesta Lusocom, o xornalista Antonio Ramos.” A seguido, como saben vostés, facía uso da a palabra Joaquim Paulo da Conceiçao, presidente da Angocom, asociación responsábel pola organización do vindeiro Lusocom 2008 en Luanda. E penso que é nesa vindeira cita onde urxe levármonos connosco grupos de traballo máis ou menos enunciados, máis ou menos artellados, para comezar a actuar encol cuestións como a edu-comunicación, a coprodución de contidos para a rede ou a idea dunha televisión para a lusofonía que tamén podería ser pola web. Entre as propostas coas que o secretario da Presidencia da Lusocom, Joam Evans, remata o seu artigo para este Anuário, fai a súa aparición unha televisión para a lusofonía, emprendemento que conta con modelos previos para avaliar – tanto a Nordicom, como a televisión da francofonía, por exemplo, para alén dese exemplo latinoamericano tan interesante, Telesur, que foi obxecto de estudo nunha das comunicacións á VII Lusocom. Se non queremos que a querencia que se expresa en frases-consigna tan ben sucedidas como ‘outro mundo é posíbel’ fique submersa nunha manchea de elementos que non se conseguen sequer suturar, temos necesariamente que botar a andar a pesquisa polos vieiros da intervención en acto, como un realizativo neste espazo de espazos que, a priori, se identifica polas diferentes versións dun mesmo sistema lingüístico. Para facelo así temos que activar, obviamente, ao noso favor as TIC, as tecnoloxías da información e da comunicación. Dende o máis instrumental – pensen en cómo fai uso da intranet, para as súas edicións en diferentes áreas, Le Monde diplomatique, distribuíndo contidos que cada redacción nacional utiliza ou non ao tempo que engade os seus propios contidos locais –, ate o máis performativo, todo o que necesariamente pasa pola interfaz, que é o aspecto que imos anotar e que, a falta de mellor denominación, identificamos no xenérico Ciborg. Como en calquera outro espazo tamén no lusófono, o ciber implica esa vella cuestión da democratización mediática, dos seus usos sociais, do dereito á apropiación das TIC para a construción da liberdade de información e de expresión – vencellada directamente á capacidade de decisión, á cidadanía e ao interese público – e prantéxalle, o ciber, á sociedade civil o deber de definir a súa posición en relación as redes globais de comunicación, redes controladas polas corporacións e institucións financeiras e tamén aquelas so control estatal, e fai pensar, tal e como non aprenden autores xa clásicos como Mattelart pero tamén outros máis novos como o quebequés Sénécal, –quen nos advirte que o «Global», entendido como resultado e etapa do desenvolvemento histórico incide a nivel espazo-temporal, pon en custión a razón política, a razón identitaria – por exemplo no campo da cultura como excepción – e mesmo a razón económica pola que ate hoxe se mantivo vivo, activo, o servizo público – na necesidade de formas de organización internacional a nivel popular – por exemplo na agricultura –, e de modo sobranceiro no nivel da investigación para que, tamén no no so cometido, acolla corpo a angueira formal de democratizar a comunicación. ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 Porque se ben se comunícase dende unha cultura ou dende unha intracultura – unha intranet, unha rede visíbel ou invisíbel que vincula por xénero, clase social, idade, coñecemento, intereses... – como a que nos agrupa, cómpre sermos conscentes da necesidade do corpo. O exemplo próximo cólloo do que Toni Negri ten calificado como «A Comuna de Madrid» para referir o uso dos teléfones móbiles de cara a congregar os corpos na rúa Genova, fronte da sé do Partido Popular por ter ocultado información sobre o atentado do 11M. A necesidade do corpo tamén para manter as alertas sobre unha outra necesidade, a de reflexionar no perigo, se seguimos ao filosofo e sicoanalista Slavoj Zizek,1 de chegar a naturalizar a web, porque, e cítoo a forma máis sinxela de isolar o conxunto de relacións sociais que sobredeterminan o funcionamento do ciberspazo e fixarse na súa “ideoloxía espontánea”, o chamado ciber-revolucionarismo, cuxa tese básica é que o ciberespazo é un organismo ‘natural’ que evoluciona por si mesmo. E advirte, asemade, que élles crucial a disolución da diferenza entre cultura e natureza: naturalización da cultura (concebir o mercado, a sociedade, como se fosen organismos vivos) e culturalización da natureza (concebir a vida como un conxunto de informacións con capacidade para se autoreproducir). Tampouco poderemos pensar, xa que logo, que un modo de interacción trasmediático comporte de maneira automática a posibilidade de acceso, xeral ou parcial, e non é preciso sequer constatar a existencia doutras fronteiras como as culturais, económicas e sobre todo de poder. Remitámonos ao fracaso declarado dos programas da ONU para os países excluídos do sistema das TIC e, no ameto da academia, a García Canclini cando nos lembra que é necesaria a integración entre pesquisa e sociedade para ter un lugar no proceso de globalización e levar connosco para aí cuestións que teñen que ver coa interculturalidade, as diferencias, e a desigualdade. Un noutro académico, Majid Tehranian, profesor do Toda Institute for Global Peace and Policy Research, para nomear o futuro da aprendizaxe escrebe Knowtopia2 e singularízaa neste relato con dobre fin: “I can google any topic on which I need to know about the past or current controversies. Google refers me to over one trillion webpages, from extreme left to extreme rigth, from vegetarians to cannibalists, from animist to monotheists, polytheists and atheists. If I have a questions to ask an expert, I email him or her.If I am lucky enough to find an expert during his or her emails hours, I will shortly receive a response. If I need to take a course on a subject to beef up my background knowledge, I can go to Harvard, MIT, Stanford, or other major university webpage and find out if they offer the course online...” Deste xeito o profesor do Instituto para a Paz Global (un motivo ben do Ciberespazo, por certo) achéganos a fin da Universidade como un chanzo máis que segue a aqueles anuncios da fin da historia ou da fin da ideoloxía, citando a Eli Noam (1995) e as 1 Zizek, Lacrima FERUM, Debate, Madrid, 2006 Véase Communication and Learning in the Multicultural World. Festschriff for Profesor Tapio Varis, VV.AA., University of Tampere & OKKA Foundation, Tampere,2006. 2 11 12 ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 funcións de base que lle apón: creación, conservación e transmisión de coñecemento... que lle foron usurpadas polas TIC. Mais o que concluirá Majid e que as TIC poden, en todo caso, usurpar só as dúas derradeiras funcións e restaría, para a Universidade, o da creación que alonga para os contidos e a súa crítica: A universidade, dinos, é unha Knowtopia onde as ideas flúen libremente, as controversias están vivas e o acceso ao coñecemento especializado é relativamente posíbel, pero hai algo máis. É un lugar onde unha ‘comunitas’ se socializa, adequire destrezas, orientase cara o mercado de traballo... e onde, respondendo ás necesidades sociais, económicas e educacionais do seu entorno, pode participar do diálogo e partillar aspiracións de caracter global. Por exemplo, medioambientais. Na Galiza soubémolo ben coa maré negra. Retornando, en futuro, ao espazo lusófono coa integración do e-learning, nel toma corpo a paisaxe dunha era que adoito se define a partires de tres parámetros: a globalización económica, a revolución dixital e a rexionalización, que é de onde podemos tirar as ideas para a creación de contidos expansivos e inclusivos que podemos facer emerxer coa televisión en rede. Achegándonos a este vector e se modificamos o modo estándar de entender a Tv e pasamos a considerala como unha ponte entre culturas, como un lugar para a relación, a observación do caso francófono é, para nós, un sinal. Así, a partires dunha Tv transnacional de carácter xeralista como TV5, unha Tv cunha grella en base a informativos, ficción e concursos, coa súa orixe a partires de tres públicas e que difunde seis sinais, para Francia/Suiza/Bélxica, para a Europa non francófona, para África, para Asia, para Oriente, e para Québec, que amplía o seu programa á rexionalización e a súa fórmula a Internet, decidiuse tamén por un proxecto de Tv cultural para un espazo político-cultural que une Francia e Québec coa posta en marcha de ‘Télé des Arts’ que tén de parceiros La Sept Art, Radio-Canada, Télé-Québec, L’Equipe Spectra (Festival Internacional de Jazz de Montréal, FrancoFolies, Montréal en Lumière). Nalgún momento falamos con Ivan Negro Isola, da Tv Cultura do Brasil, na posibilidade dun festival de cinema por televisión, comprometendo a TV-Galicia e á RTP. Agora magóame non ter ido máis aló da intención. E remato estas notas retomando esa perda a camiño da casa, para continuar a falar tanto das posibilidades como da comenencia da lusofonía como un escenario real para o intercambio e a xeración dunha experiencia de grande futuro no eido intercultural, en base a diferentes linguas dun mesmo sistema, a nivel dun mercado que podemos axudar a construir e que pula, asemade, polas aplicacións tecnolóxicas, por exemplo en vencello coa nova economía, e como acción política que cadra cos principios da diversidade e mesmo coas preocupacións do debate público tocante á circulación dos productos cinematográficos e audiovisuais3. Non esquezamos, unha vez máis, esa recomendación á Comisión Europea de analizar os problemas crónicos do sector audiovisual a partir de factores culturais, económicos e políticos que facía no 3 Véxase a Comunicación da CE, baixo os auspicios da comisaria Viviane Reding, durante a presidencia belga, segundo semestre 2001 ANUÁRIO LUSÓFONO l 2007 seu lúcido informe a comisaria Redig, nen esquezamos que a televisión, ese sinónimo para a industria da comunicación e da cultura e a parte máis visíbel do sistema dos Media, como a paisaxe no que arestora se escenifica a Res Publica. Redactei estas notas asumíndome como unha autora-pesquisadora que se move por entre as variacións do pensamento crítico e a partires duna das súas posicións máis coñecidas, aquela que considera a sociedade como o locus da verdade, como o ámbito no que cómpre confrontar os paradigmas e aplicar as propostas, con indas e vindas, re-envíos e diálogos do eu ao nós, do exterior, do que é a pesares nosa, e do interior, do que somos, a pesares deles. Exprésome desde as Ciencias Sociais e no concreto desde as Ciencias da Comunicación como praxe, como práctica con teoría, e exprésome como detractora de certa tendencia actual que quere substituír a práctica pola técnica, facela desaparecer ao abeiro do discurso tecnolóxico, do management e do pensamento neo-liberal con ínfulas de verdade oficial. E sigo a teimar na nosa presencia, a presencia de liñas de investigación intrusiva e realizativa, como ese camiño que nos poda lexitimar. Ábrense as ás de e para calquera hipótese neste inmenso mar. 13