Historia de Francia

A historia de Francia abrangue a historia de Francia e a dos seus estados predecesores. Tradicionalmente os historiadores remontan a fundación de Francia ao ano 486, data da conquista da parte máis grande da Galia por Clodoveo I, rei dos francos. O Reino Franco logo francés existiu sen interrupción dende esta época, o que o fai o estado máis vello de Europa. Se o nome de Francia foi empregado de xeito oficial só a partir de aproximadamente 1190, cando a chancelería do rei Philippe Auguste comezou a empregar o termo de rex Francie no sitio de rex Francorum para designar ao soberano, a palabra foi empregada xa correntemente para designar o conxunto do reino, como se ve na lectura do Cantar de Roldán, escrito un século antes. O termo de "Francia" é a continuación do de "Francie", nado no século IX para designar ao reino franco. Dende 1204, o territorio é designado nas cartas baixo o nome de regnum Francie, é dicir reino de Francia.[1] A ocupación humana do territorio que corresponde hoxe a Francia é moi antiga. Aos grupos presentes dende o paleolítico viñeron engadirse, ata o primeiro milenio, as ondas sucesivas compostas de poboación de celtas,[2] romanos, e pobos xermanos, entre os que destacaban os francos. A partir do comezo do segundo milenio a monarquía dos Capetos aseguraba a unidade territorial do país. O período revolucionario remata a súa unidade administrativa e política. O período contemporáneo caracterizouse polos esforzos de unificación cultural, por un enriquecemento do país e por unha chegada de millóns de inmigrantes de Europa, de África e de Asia que profundamente modificaron a estrutura da poboación.

Historia de Francia

Mapa de Francia en 1721.
Historia de Francia
Cronoloxía Cronoloxía de Francia
Categoría Historia de Francia
Prehistoria
Prehistoria de Francia
Idade Antiga
Historia antiga de Francia
Galia
Século -I
-50 - -486: Galia romana
Idade Media
Historia medieval de Francia
Reino franco
Século V
481 - 751: Dinastía Merovinxia
Século VIII
751 - 987: Dinastía carolinxia
Século IX
843 - 987: Francia occidentalis
Século X
987 - 1792: Reino de Francia
987 - 1328: Casa dos Capetos
Século XIII
1328 - 1589: Dinastía Valois
Idade Moderna
Historia moderna de Francia
Século XVI
1589 - 1792: Casa de Borbón
Século XVIII
1789 - 1799: Revolución Francesa
1791 - 1792: Reino de Francia (1791-1792)
1792 - 1804: Primeira República Francesa
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Francia
Século XIX
1804 - 1814: Primeiro Imperio Francés
1814 - 1830: Restauración Francesa
1830 - 1848: Monarquía de Xullo
1848 - 1852: Segunda República Francesa
1852 - 1870: Segundo Imperio Francés
1870 - 1940: Terceira República Francesa
1871 - 1914: Belle Époque
Século XX
1920 - 1929: Années folles
1940 - 1944: Francia Libre
1940 - 1944: Francia de Vichy
1944 - 1946: Goberno provisional da República Francesa
1946 - 1958: Cuarta República Francesa
1958: Quinta República Francesa

Prehistoria

editar

Existen importantes restos do paleolítico inferior no río Somme e os Pireneos tradicionais (Home de Neandertal), así como na Chapelle-aux-Saints, Le Moustier e La Ferrassie. Do paleolítico superior hai abundantes vestixios dos homes de Cro-Magnon, Grimaldi e Chancelade, datados nuns 25 000 anos de antigüidade, os cales están situados no val de Dordoña[3]. Entre as máis famosas pinturas rupestres do mundo están as de Lascaux e de Font de Gaume, nos Pireneos franceses.

No mesolítico algunhas actividades agropecuarias foron substituíndo en importancia ás covas, e no neolítico (desde o III milenio a. C.) xurdiu a cultura megalítica (que empregou menhires, dolmens e enterramentos). Desde ao redor de 1500 a. C. iníciase a Idade de bronce, desenvolvéndose rutas comerciais.

Atopáronse utensilios da industria acheulense do homo erectus na gruta Lle Vallonnet, no sur de Francia. A Idade de Ferro e as culturas celtas sitúanse dentro do I milenio a. C.

Idade Antiga

editar
Artigos principais: Galia e Historia antiga de Francia.
 
A Galia e as súas divisións administrativas (58 a. C.).

O que hoxe é Francia, antes foi coñecido co nome de Galia.[4] A Galia estaba poboada polos galos, pobo celta de orixe indoeuropea. As súas fronteiras quedaron parcialmente establecidas polo norte co actual Canle da Mancha, polo oeste co Golfo de Biscaia (océano Atlántico), polo sur cos montes Pireneos e o mar Mediterráneo, e polo leste co río Rin (que o separaba da Xermania) e os montes Alpes (que o separaban de Italia).

Os celtas galos protagonizaron as civilizacións de La Téne e Vix. No sur da Galia establecéronse os gregos (xonios), quen fundaron Massalia (Marsella) e Agde, entre outras (s. VIII - VI a. C.).

Caio Xulio César venceu ao xefe galo Vercinxetórix no ano 51 a. C. pasando así a dominio formal do Imperio romano creando un colchón entre Roma e os pobos xermanos, que coas súas migracións acosaban Roma de forma periódica. Logo á súa vez produciuse un xenocidio que diminuíu considerablemente á poboación gala. Iso facilitou a rápida latinización, pero tamén a obra que non moito tempo despois empezaron a realizar os primeiros misioneiros cristiáns que progresaban expandíndose dentro das fronteiras do Imperio romano. Así, a maior parte da Galia celta non tardou en facerse latina e cristiá. Lugdunum (Lión) volveuse un importante centro relixioso cristián. A Galia latina e cristiá cada vez máis enriquecida, alcanzou importantes niveis culturais que sobrevivirían mesmo ás invasións bárbaras. Tempos despois da invasións bárbaras os xermanos volvéronse latinos e houbo a necesidade de declarar a guerra aos pobos xermanos.

Idade Media

editar
Artigo principal: Historia medieval de Francia.
 
A ampliación territorial dos francos entre 481 e 814.
 
Carlomagno segundo unha ilustración de Albrecht Dürer (1511).

A nación de Francia non aparece máis que moi progresivamente ao longo dos séculos. Algúns consideran que non se pode falar de Francia máis que a partir do Tratado de Verdún, que sería tamén a orixe de Alemaña; outros que a partir do acceso de Hugo Capeto ao poder e algún outro mesmo máis tarde. A tradición das escolas primarias en Francia, remontan a orixe do país á unificación dos francos, de modo que a Francia de hoxe é herdeira do reino franco de Clodoveo, e existe sen descontinuidade desde o ano 486 ata os nosos días, onde francos, burgundios, viquingos (normandos), e tamén britans (bretóns), fundíronse cos galos no crisol que hoxe se chama Francia.

Sobre os territorios que compoñían a Francia da Idade Media reinaron as seguintes dinastías:

A Dinastía Merovinxia gobernou a actual Francia e parte de Alemaña entre os séculos V e VIII. O primeiro rei foi Clodoveo I quen conquistou gran parte do territorio galo entre 486[5] e 507; e converteuse ao cristianismo ortodoxo (por oposición á herexía ariana), sendo bautizado en Reims cara ao 496[6] obtendo o apoio das elites galo-romanas e establecendo un importante lazo histórico entre a coroa francesa e a Igrexa católica.

En época dos merovinxios, desapareceu a noción de Estado (ou sexa o «ben público» herdado da Roma antiga), unha institución descoñecida entre os pobos xermanos e impera a confusión entre os bens do tesouro do estado e os bens privados do soberano. Isto provocou que á morte dun rei, o reino era dividido entre cada un dos seus fillos. Non será ata moito máis tarde cando se recupere o Dereito romano e aumente o poder do monarca para que renaza a noción de Estado e a monarquía sexa hereditaria.

Aínda que se instaurou unha división política entre o oeste (Neustria) e o leste (Austrasia), o nome da Galia seguiu usándose entre os cristiáns ata a dinastía seguinte dos Carolinxios. Ao final da época merovinxia, os reis perderan a maioría da súa poder, mentres que os «mordomos de palacio», aristócratas francos, dirixían os asuntos do reino.

Despois da dinastía Merovinxia, sucederíalle a Dinastía Carolinxia, cando Carlos Martel, vencedor fronte aos árabes, erixiuse en dono do reino dos merovinxios; o seu sucesor Pipino o Breve, obtivo o consentimento do Papa para destituír aos merovinxios e erixirse no primeiro rei da dinastía en 751, e conquistou terras lombardas creando con eles os Estados da Igrexa, tamén coñecidos como os Estados Pontificios ou "Patrimonio de San Pedro", pois llos doou ao Papa e declárase ao mesmo tempo garante dos mesmos[7]. Durante a Idade Media, a primeira unión política duradeira (as anteriores foron máis ben efémeras) realizouse con Carlomagno, quen ademais conquistou outras terras formando un Imperio, que logo os seus netos dividiron. No período carolinxio produciuse un notable desenvolvemento das artes e a letras, que se coñece como o "Renacemento Carolinxio".

 
Xoana de Arco, unha das figuras clave da Guerra dos Cen Anos.

A Dinastía dos Capetos (ou Capeta) chegou a gobernar Francia, que se foi subdividendo sucesivamente cada vez máis, característica que se denominou "Feudalismo clásico". En todo este período o rei houbo de enfrontarse continuamente aos demais nobres do seu reino, en teoría os seus vasalos, pero que ás veces adquirían demasiado poder como para desafiar abertamente a autoridade real. Neste período producíronse as Cruzadas e a Guerra dos Cen Anos. Francia inventou a arte gótica, e houbo tempo no que con toda Europa foi vítima da peste bubónica, epidemia que foi chamada a "Peste negra". Tamén participou do Humanismo que sería precursor do Renacemento.

Idade Moderna

editar
Artigo principal: Historia moderna de Francia.
 
Francia en 1477.

Tras o final da Idade Media, Francia experimenta a súa consolidación como nación. As Guerras de relixión de Francia dominan a vida do país desde o século XVI pacificándose internamente co Edicto de Nantes (a paz exterior non chegaría senón ata a primeira metade do XVII, cando se celebra a Paz de Westfalia).

Na primeira parte do século XVI, o rei francés Francisco I, enfrontouse ao rei Carlos I de España, quen por coincidencia dinástica era ao mesmo tempo Carlos V do Sacro Imperio Romano. Desta maneira quedaron abertamente enfrontadas a Casa de Borbón e a Casa dos Austria, e nos campos de Italia e dos Países Baixos disputáronse o dominio de Europa. Pola súa banda Henrique II, sucesor de Francisco I non dubidou en aliarse cos turcos para continuar a loita do seu pai.

Francia participa do auxe dos descubrimentos xeográficos particularmente no novo mundo. Na actividade intelectual, Descartes marcou decisivamente a orientación do pensamento occidental co seu Racionalismo. Lois XIII (1610-1646) e o seu ministro o Cardeal Richelieu dirixiron a Francia durante a súa intervención na Guerra dos Trinta Anos, arruinando os dominios e influencia da Casa de Austria. A Lois XIII e Richelieu, seguíronlles a rexencia e Mazarino, e logo Lois XIV, con quen Francia daría a coñecer ao mundo todo o seu esplendor.

 
Denis Diderot, impulsor de L'Encyclopédie xunto a D'Alembert. Retrato de Louis-Michel van Loo, 1767.

O século XVII está marcado pola instauración da "Monarquía absoluta" ou "Absolutismo", que se consolida a través de Lois XIV, o "Rei Sol". O intento de imitación ou copia en que se empeñaron os pobos veciños e os seus gobernantes pola admiración e influxo que Francia producía conduciu á chegada do chamado "Despotismo ilustrado". A presión que producía o poder de Francia conduciu a guerras con todos os seus veciños os cales se aliaban entre si para conseguir enfrontárselle e conterlle. Sucedeulle Lois XV, e Lois XVI. Desde finais do século e durante todo o seguinte o país foi epicentro de tendencias intelectuais que se coñecen baixo o termo da Ilustración, antesala da Revolución francesa e a Revolución industrial. Este movemento de grande influencia nas ciencias e as artes, tivo como principais representantes intelectuais aos enciclopedistas Denis Diderot e D'Alembert así como aos filósofos Jean-Jacques Rousseau e Voltaire. O influxo dos ideais revolucionarios motivaría fondas transformacións de grandes consecuencias no mundo enteiro.

Revolución francesa

editar
Artigo principal: Revolución Francesa.
 
Mapa da Primeira República Francesa

Foi un proceso social e político que se desenvolveu entre 1789 e 1799 cuxas principais consecuencias foron a abolición da monarquía absoluta e a proclamación da República, eliminando as bases económicas e sociais do Antigo Réxime. Aínda que a organización política de Francia oscilou entre república, imperio e monarquía durante 75 anos despois de que a Primeira República caese tras o golpe de estado de Napoleón, o certo é que a revolución marcou o final definitivo do absolutismo e deu a luz a un novo réxime onde a cidadanía, e nalgunhas ocasións as masas populares, convertéronse na forza política dominante no país.

Idade Contemporánea

editar
 
O Imperio napoleónico (1811).
 
Napoleón I.

O Consulado e a primeira República cederían o seu lugar a Napoleón Bonaparte, que se fixo co poder en Francia no medio da Revolución francesa. Napoleón loitando en Italia e Exipto (onde levou científicos e estudosos investigadores, inaugurándose así a "exiptoloxía"), pronto dirixiu a contraofensiva francesa ante as potencias europeas que pretendían restaurar o antigo réxime, desta maneira, xeneral vitorioso convertido en heroe da revolución, coroouse a si mesmo Emperador de Francia en 1804, e construíu un vasto Imperio que liderou o continente. Durante o Imperio de Napoleón I os territorios de Francia estendéronse ata a fronteira con Rusia. Disolveu o Sacro Imperio Romano Xermánico, e estendeu e afianzou os ideais revolucionarios por toda Europa, e en consecuencia, o mundo. Napoleón, tan xenio militar como estadista, ideou o "Bloqueo Continental", para dar unha maior consecuencia económica ás súas transformacións políticas. Promulgou un código civil, ao que se denominou posteriormente "Código Napoleónico", modelo no seu xénero. Napoleón, o grande, enfrontouse vitorioso en varias guerras ás coalicións dos seus rivais. Finalmente houbo de ser derrotado pola Europa enteira en coalición. Así concluíu este Imperio. Bonaparte aínda volveu, pero as demais potencias europeas, medorentas, non lle deron tregua. Corría o ano 1815 e foi definitivamente derrotado.

Restauración

editar
Artigo principal: Restauración Francesa.

Cando Napoleón faleceu en 1821 na illa de Santa Helena, Lois XVIII tomou por segunda vez o imperio pero esta vez cos ensinos da revolución. No Congreso de Viena tentouse restaurar o mapa político europeo. Con todo, removéronse os cimentos da vella Europa, e xa non volvería ser a mesma. Se entronou a Lois XVIII da dinastía Borbón, (o Antigo Réxime practicamente volvera a gobernar en Francia) a quen sucedeu Carlos X, pero neste caso o pobo francés decidido a non aceptar o xugo monárquico, sublevouse e estalou a revolución de 1830, a cal derrocaría aos monarcas e instauraría un novo ámbito político denominado 'monarquía popular' co parcial apoio do pobo. Á súa vez, sería coroado Lois Filipe I, o "rei cidadán". En 1839 Francia decláralle a guerra a México (a coñecida como a Guerra dos Pasteis), polas reclamacións feitas polo embaixador de Francia de pagar seiscentos mil pesos a un pasteleiro por uns pasteis que non pagaron os soldados de Antonio López de Santa Anna e o fusilamento dun cidadán francés acusado de piratería.

Segunda República Francesa

editar
Artigo principal: Segunda República Francesa.

Despois da abdicación de Lois Filipe por mor dos movementos revolucionarios de febreiro de 1848 co obxectivo preciso e absoluto de derrocar a monarquía e establecer definitivamente unha república, creouse un goberno provisional. De febreiro ata o 23 de abril de 1848, data das primeiras eleccións á Asemblea nacional, o goberno provisional da República compúxose de republicanos moderados, de radicais e de socialistas. Esa etapa coñécese como a «República Social e Democrática».

Nas eleccións xerais, as primeiras con sufraxio universal masculino, o peso do voto campesiño, tradicionalmente dominado polas clases máis conservadoras, imprimiu á política nacional un franco xiro cara á dereita. Unhas primeiras medidas impopulares adoptadas sen demora provocan manifestacións de protesta en París do 23 ao 26 de xuño de 1848 (as «Xornadas de xuño») o que levou a declarar o estado de sitio e a revolta foi duramente reprimida.

O 10 de decembro de 1848, o primeiro Presidente da República francesa foi elixido por sufraxio universal masculino: foi Luís Napoléon Bonaparte, sobriño de Napoleón Bonaparte. Ante a negativa da Asemblea para modificar a Constitución para a súa reelección, preparou un golpe de estado que levou a cabo o 2 de decembro de 1851. O 7 de novembro de 1852, un novo plebiscito puxo fin á Segunda República e instaura o Segundo Imperio.

Segundo Imperio francés

editar
Artigo principal: Segundo Imperio francés.
 
Ferdinand de Lesseps, diplomático francés que construíu a Canle de Suez.

Napoleón III de Francia, sobriño de Napoleón I, deu un golpe de estado e instaurou un novo Imperio. O novo Réxime tentou compaxinar un goberno autoritario e personalista co mantemento dos principios liberais burgueses. Napoleón III exerce o poder executivo auxiliado polos seus ministros. O poder lexislativo repartiuse en tres cámaras: un Consello de Estado, designado polo emperador e encargado de elaborar os proxectos de lei; un Senado, gardián da Constitución imperial e composto por senadores vitalicios tamén nomeados por Napoleón; e un Congreso, elixido por sufraxio universal masculino pero sen iniciativa legal. Baixo unha aparencia de participación popular, mantíñase un réxime conservador ao gusto da alta burguesía. A estabilidade política foi acompañada dunha economía que propiciou o desenvolvemento de todos os sectores produtivos e o incremento dos apoios sociais ao réxime.

Para restaurar a grandeza de Francia, Napoleón III desenvolveu unha activa política imperialista levando a cabo expedicións cara a África e Extremo Oriente, venceu con Gran Bretaña a Rusia na Guerra de Crimea, pero interveu sen éxito en México ao tentar constituír un imperio liberal gobernado por Maximiliano I[8] e sucumbiu tras a derrota sufrida polo seu exército no marco da Guerra franco-prusiana de 1870-1871. Víctor Hugo foi un dos intelectuais que denunciou os desacertos do réxime. Durante este período rexistrouse a máis radical transformación urbanística e de infraestruturas da historia de París. Tras a abdicación de Napoleón III, xorde brevemente a experiencia da "Comuna de París" que instaura formalmente e definitivamente en Francia o réxime republicano. En Francia inventouse o globo aerostático.

Terceira República

editar
Artigo principal: Terceira República Francesa.

Durante as últimas décadas do século XIX, Francia do mesmo xeito que as demais potencias europeas viu un ámbito de parcial desenvolvemento social e económico e á súa vez lanzouse a colonizar África (ocupando en norte, o Magreb; no occidente, Sudán e Guinea; no centro, o Congo; no sur, Madagascar; e no oriente, Somalia) e Asia (no oeste, Líbano e Siria; no sueste, Indochina), entre outros. A situación deste proceso colonizador deu orixe a numerosos conflitos como o incidente de Fachoda fronte a Gran Bretaña pola posesión dunha parte do Sudán, que se viu resolto a través da "Entente cordiale", ou a Crise de Tanger fronte a Alemaña, pola hexemonía en Marrocos, que tamén se solucionou favorablemente.

Século XX

editar

Primeira guerra mundial

editar
Artigo principal: Primeira guerra mundial.

Polas súas características, a I Guerra Mundial en parte pode resumirse como unha Guerra entre Francia e os seus aliados contra Alemaña e os seus aliados. Francia resultou vencedora nesta guerra que se desenvolveu entre 1914 e 1918, e que lle permitiu recuperar as provincias de Alsacia e Lorena, anexionadas por Alemaña desde a guerra franco-prusiana de 1870. Desde 1918, Francia tivo o control da rexión do Sarre ata que en 1935, tras un plebiscito e respectando o seu resultado, devolveullo a Alemaña. As desfeitas materiais deixaron a infraestrutura do país en peor estado que a de Alemaña, país que resultou derrotado no conflito.

Segunda guerra mundial

editar
Artigo principal: Segunda guerra mundial.

A II guerra mundial resultou ser o conflito que marcou a xeopolítica mundial que en parte está presente na actualidade. Francia aínda que finalmente resultou vencedora no bloque aliado foi practicamente derrotada ao comezo da guerra. Os feitos foron que Francia e o Reino Unido declararon a guerra á Alemaña nazi o 3 de setembro de 1939[9] en virtude dun tratado subscrito con Polonia, cuxo territorio fora invadido pola Wehrmacht, exército alemán. Francia foi derrotada durante a primeira parte da guerra, o que levou a que a metade norte e parte do oeste do país fose ocupada polos alemáns e a metade sur gobernada polo goberno colaboracionista de Vichy. O país foi finalmente liberado grazas aos esforzos conxuntos dos aliados, das tropas da "Francia libre" e da Resistencia organizada no interior do país.

Posguerra

editar

Despois dunha depuración limitada dos elementos colaboracionistas, Francia emprendeu un labor de reconstrución e de relanzamento da economía en parte grazas ao Plan Marshall. Ademais converteuse nunha das cinco potencias con dereito a veto no Consello de seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), e nunha das catro potencias vencedoras ocupantes de Alemaña. Francia novamente tivo baixo o seu control á rexión do Sarre, desde 1945 ata 1957 en que tras un plebiscito foi devolto a Alemaña.

Cuarta República Francesa

editar
Artigo principal: Cuarta República Francesa.

Tras terminar a guerra, fórmase un goberno provisional presidido polo xeneral Charles de Gaulle, que dá paso á Cuarta República. A Cuarta República tivo que facer fronte á crise da descolonización, cuxas resolucións máis dramáticas aconteceron en Vietnam e Alxeria, traumática para o colonos pero inmensamente máis para os futuros cidadáns dos novos Estados.

Francia e a construción europea

editar
Artigo principal: Historia da Unión Europea.

Francia é un dos seis estados fundadores das comunidades europeas que deron orixe á actual Unión Europea (UE).

Desde que en 1950, Robert Schuman, Ministro de Asuntos Exteriores, pronunciou a súa soada declaración, ambos os países (Francia e Alemaña) son considerados como o motor da comunidade europea. Dentro dos personaxes claves da Unión Europea, destácanse franceses como Jean Monnet, Jacques Delors e o propio Schuman.

Quinta república

editar
Artigo principal: Quinta República Francesa.

De 1959 a 1969, volve o xeneral De Gaulle, que reformou a constitución para dar maior estabilidade aos gobernos (Quinta República) e tivo que enfrontar os transcendentais acontecementos de "maio do 68". Francia converteuse en potencia nuclear, e no marco da guerra fría, Francia uniuse á OTAN aínda que se retirou da estrutura militar da OTAN en 1966 baixo mandato de Charles de Gaulle, volvéndose a incorporar en 2009 durante a presidencia de Nicolás Sarkozy.

O goberno socialista de François Mitterrand, implantouse en Francia desde comezos dos anos 1980, ata mediados dos 1990, cando foi substituído pola administración de Jacques Chirac.

Francia apoiou os Estados Unidos na primeira Guerra do Golfo (1990),[10] así como no derrocamento do réxime Talibán, con todo despois Dominique de Villepin á cabeza da diplomacia francesa, liderou o bloque de países que se opuxo á invasión de Iraq de 2003, ameazando con utilizar o seu dereito a veto no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, levando a un arrefriado das relacións coa administración de George W. Bush.

Século XXI

editar

En 2005, tras a morte de dous mozos musulmáns de orixe africana mentres escapaban da policía, producíronse numerosos disturbios por todo o país. O candidato da centrodereita, Nicolas Sarkozy, gañou os comicios electorais do 6 de maio de 2007 para ocupar a Presidencia da República Francesa, sucedendo a Jacques Chirac.

O 15 de maio de 2012, o socialista François Hollande, converteuse no 24º presidente da República Francesa, tras derrotar nas urnas ao entón presidente Nicolas Sarkozy.

Francia durante as últimas décadas foi un país pioneiro da globalizacion e no desenvolvemento e práctica da tecnoloxía.

  1. Jacques Le Goff, Encyclopaedia universalis, « Capétiens »
  2. Georges Duby, Histoire de la France des origines à nos jours, Larousse, In extenso.
  3. Cole, Robert (1989), pp.4
  4. Sprachcafee International (2013-09-27). "Historia de Francia". sprachcaffe-frankreich.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 2024-07-03. 
  5. (en francés) Clovis dans l'Histoire de France Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine., Lycée Polyvalent Privé Le Rebours, URL último acceso o 15/04/2008
  6. A cronoloxía do reino de Clodoveo I é incerta, en vista da mediocridade das fontes históricas. Esta data baséase na Historia Francorum, libro II de Grégoire de Tours, pero é discutida na actualidade (Lucien Musset, Les Invasions, les vagues germaniques, PUF, collection Nouvelle Clio – a historia e os seus problemas, París, 1965, 2.ª edición 1969, p 390-391)
  7. G. Bührer-Thierry, L'Europe carolingienne (714-888), 1999, p.19
  8. El segundo Imperio francés Arquivado 06 de agosto de 2014 en Wayback Machine., Planeta Sedna, URL último acceso o 11/05/2007.
  9. Historia da Segunda Guerra Mundial Arquivado 03 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine., URL último acceso o 09/05/2007.
  10. Blas, Javier. "La Guerra del Golfo: una batalla por el petróleo". expansion.com (en castelán). Consultado o 2024-07-03. 

Véxase tamén

editar