Ferdinand de Lesseps
Ferdinand-Marie de Lesseps, vizconde de Lesseps, nado en Versalles o 19 de novembro de 1805, e finado en La Chênaie, preto de Guilly, Indre o 7 de decembro de 1894, foi un diplomático e empresario francés.[1]
Traxectoria
editarProveniente dunha familia de diplomáticos, iniciouse dende novo na profesión, feito que o levou a traballar en diferentes misións en Europa e África. Durante os primeiros anos da súa carreira foi destinado en Exipto, onde ostentou diversos cargos diplomáticos en Alexandría e O Cairo. Posteriormente foi cónsul de Barcelona (1842-48) e embaixador en Madrid (1848-49). Da súa estadía en Barcelona cabe destacar a súa mediación durante o bombardeo de 1842, motivo polo cal anos despois se lle dedicaría unha praza.
Despois dunha controvertida misión en Roma, que provocou a fin da súa carreira diplomática, e co apoio de diversos contactos políticos e empresariais, liderou o proxecto de construción da Canle de Suez que uniría o mar Mediterráneo e o mar Vermello. Malia unha serie de atrancos, a empresa contou co apoio das elites políticas tanto de Exipto como de Francia e o proxecto inaugurouse en 1869.
Despois do éxito que supuxo a construción da canle de Suez, gozou dun gran respecto e influencia entre a sociedade francesa e europea do seu tempo, recibindo diversas condecoracións e converténdose en membro, entre outras, da Academia das Ciencias Francesa. Durante un tempo matinou sobre a súa entrada en política, pero finalmente en 1879 convocou un cumio para estudar a viabilidade de construír a Canle de Panamá, para unir o océano Atlántico e mais o Pacífico, e creou unha sociedade que iniciaría a súa construción durante a seguinte década. Porén, diversos problemas técnicos e financeiros, así como a presión de gobernos estranxeiros, fixeron que a compañía fose liquidada en 1889, provocando un gran rebumbio e un forte descrédito persoal. Xunto co seu fillo e diversos empresarios e políticos foron xulgados e condenados no que se coñecería como o Escándolo de Panamá.
Morreu na súa casa en La Chênaie en 1894 á idade de 89 anos. O seu legado, en forma das dúas grandes infraestruturas que proxectou e axudou a construír, ten aínda unha gran relevancia no mundo actual.
Notas
editar- ↑ Mata, Jordi (febreiro de 2013). "Ferdinand de Lesseps". Revista Sàpiens formato = papel (Barcelona: Sàpiens Publicacions): p.73. ISSN 1695-2014.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ferdinand de Lesseps |
Ligazóns externas
editar- Ferdinand de Lesseps na páxina web da Academia Francesa (en francés)
- Associació LessepsArquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. (en francés), (en inglés), (en castelán)
- Ferdinand De Lesseps na Enciclopedia Británica de 1911 (en inglés)