Dolmen

construción megalítica funeraria

Un dolmen, pala ou anta é un monumento megalítico tumulario colectivo, datado desde o fin do V milenio a.C. ata o fin do III milenio a.C. en Europa, e ata o I milenio no Extremo Oriente. Está constituído por unha cámara formada por unha gran laxe pousada horizontalmente sobre pedras verticais que a sustentan (ortóstatos).

Dolmen de Axeitos, Ribeira

Clasificación

editar
 
Pedra da Arca

Dentro dos monumentos megalíticos é pertinente facer a distinción entre mámoas e dolmens:

  • Os dolmens ou antas serían a parte interna dos enterramentos, consistente nun grupo de pedras colocadas conformando unha especie de caseta. Estas pedras irían recubertas con terra e esta con pequenos croios.
  • A mámoa é ese túmulo de terra e croios que cobre o dolmen. Co paso do tempo, estas pedras iríanse cubrindo de terra e vexetación, camuflando o monumento dentro da paisaxe.

Estes monumentos foron frecuentemente espoliados e desprovistos da protección orixinal, xa que segundo as crenzas populares, os enterramentos neolíticos agachaban importantes riquezas no seu interior. Sirva como exemplo destas afirmacións a licenza que no século XVII lle concedeu a Coroa española ao Licenciado Vázquez de Orxas para escavar os monumentos megalíticos na busca de tesouros.

Etimoloxía

editar

Parece ser que Théophile Malo Corret de la Tour d'Auvergne foi quen "inventou" o termo «dolmen», sendo despois retomado por Pierre Jean-Baptiste Legrand d'Aussy (1737-1800), quen propón unha visión diferente da función do dolmen, interpretándoo xa non como unha mesa de sacrificio senón máis ben como sepultura.

O termo semellaría estar acuñado a partir das palabras bretoas t(d)aol 'mesa' e men 'pedra'. Non obstante, este nome non está rexistrado como bretón, sendo «Liah vaen» o nome bretón real para designar un dolmen. Por outra banda, certos dicionarios etimolóxicos asocian o termo co córnico «tolmen», que nomearía na súa orixe un círculo de pedras.

Palabras galegas tradicionalmente usadas co mesmo significado

editar
 
Dolmen do Meixoeiro, Mos

Dentro das palabras patrimoniais galegas utilizadas para referirnos a estas estruturas atopámonos principalmente con anta, procedente segundo Joan Coromines do latín antae, antarum, para denominar as columnas da parte frontal dun edificio, colocadas a ambos os lados dunha porta. Tamén esta palabra latina pertencería probablemente a unha antiquísima familia indoeuropea, da que quedaron restos léxicos en numerosas linguas, con valores como ‘fin’, ‘límite’ ou ‘fronteira’.[1] Segundo Luís Monteagudo, esta denominación utilizouse nun primeiro momento para referirse aos dolmens e logo para referirse a unha lousa de pedra en xeral. Da verba anta proceden algúns diminutivos como antela ou antiña.

Outra palabra usada para referirse a este tipo de monumentos é arca que, segundo Monteagudo, podería proceder de arceo (prohibir o paso) e que en primeiro lugar significou marco, límite. Tamén, segundo Monteagudo, podería vir directamente do latín arca no significado de 'caixa', 'furna' ou 'cofre'. Algúns derivados de arca son arcal, arqueta ou arquiña.

Outras denominacións utilizadas para referirse a estas estruturas son casa, caseta, forno, forniño ou altar.

O dolmen no folclore

editar

Nas crenzas populares bretoas, os dolmens ábrense durante a noite de Nadal para mostrar os tesouros dos que son gardiáns.

  1. "Sete palabras megalíticas". Portal das Palabras. Consultado o 14 de novembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar