Facendo xustiza ao recordo xenealóxico, retense nas escabrosas pólas das estirpes nobiliarias unha das ramas secundarias dos acérrimos señores da fronteira lusitana: a Casa dos Soutomaior de Lantaño. Alzándose como unha nova heráldica...
moreFacendo xustiza ao recordo xenealóxico, retense nas escabrosas pólas das estirpes nobiliarias unha das ramas secundarias dos acérrimos señores da fronteira lusitana: a Casa dos Soutomaior de Lantaño. Alzándose como unha nova heráldica desde o século XIV, que para nada tivo un papel mol e manido pola corrente principal, enarborouse como unha das familias máis influentes dos anos centrais do século XV, especialmente, baixo a intimidatoria figura de don Sueiro Gómez de Soutomaior, quen, nesta ocasión, recibirá a nosa íntegra atención.
Enfocado o punto de inicio e asimilando o modelo feudal do cabaleiro galego tentarase expor a orientación, ou máis ben a incompatibilidade de don Sueiro, conforme aos “tempos modernos” que anunciaban os baluartes urbanos, e, en particular, o círculo pontevedrés. Como puido acceder? Canta presenza tivo? Que papel desempeñou? Por que non callou no ritmo mercantil dos patróns urbanos?... Todas elas serán algunhas das cuestións a indagar no presente estudo; sempre co peso da coherencia espazo-temporal sobre o tenor da lóxica.
O egocentrismo expansivo da súa época arribarao aos pes da muralla pontevedresa, contenedor dun dos máis prolíferos núcleos produtores da Galiza daquela época, chegando incluso a gozar dunha certa xurisprudencia das súas decisións urbanas a mediados do século XV. Porén, a finalidade do traballo non se limitará sinxelamente ao illado abordo do apoxeo do lantañés nas intrincadas tramas do concello oligárquico de Pontevedra, senón que o abanico das intencións tamén se abrirá ás distintas gradacións feudais do cabaleiro, as cales finalizarán co declive da súa pegada sobre o burgo mariñeiro.