Xosé Manuel Pereiro
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
(2009) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1956 (67/68 anos) Monforte de Lemos, España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, escritor |
Participou en | |
13 de novembro de 2019 | Petición pública en favor dunha negociación política sobre Cataluña |
Familia | |
Irmáns | Lois Pereiro |
Xosé Manuel Pereiro Sánchez, nado en Monforte de Lemos o 17 de setembro de 1956[1] como José Manuel Sánchez Pereiro[2], é un xornalista galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Complutense, en 1975 funda a Revista Loia, xunto a outros universitarios galegos afincados en Madrid: Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Lois Pereiro. Un fanzine con contidos culturais asociados á contracultura underground, nun tempo de moitos cambios políticos, de experimentación e de procura de novos vieiros de expresión. Anos despois, participará na creación da publicación cultural, alternativa, crítica e irónica, “La Naval” (1986-87), auténtico manifesto da “movida atlántica” que aglutinaba a todos os militantes dese “atlantismo”, dende Miguelanxo Prado, ao poeta Lois Pereiro e colaboradores como Diego A. Manrique ou José Manuel Costa. Tempos cando Galicia emerxe coma referente de transgresión e modernidade, atraendo todas as miradas e provocando fascinación. Rexurdimento cultural auspiciado polo cambio político materializado nunha nacente autonomía, co seu Estatuto, e na televisión pública galega. Actividades que Xosé Manuel compaxina coa de letrista e cantante do grupo de rock Radio Océano. Fundou e dirixiu a Revista Bravú, editada por Edicións Xerais na década de 1990, e no comité de redacción estaba xente como Manuel Rivas ou Manu Chao. Destacou como revista de contidos alternativos cunha mirada satírica sobre a realidade do país e nela escribiron persoeiros das artes relacionados co movemento homónimo, maiormente musical, chamado bravú. Entre estes Xurxo Borrazás, Gonzalo Navaza, Suso de Toro, Xurxo Souto, Fran Alonso ou Santiago Jaureguízar. Tamén foi coeditor do portal bravu.net.
Comezou a súa traxectoria profesional en 1981 escribindo nos xornais galegos Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Tamén foi desde 1985 correspondente do diario El País. Compaxinou a prensa coa radio (Radio Nacional e Ondas Galicia-SER), e coa televisión. Foi guionista e director de programas de televisión na TVG (O veciño do xoves, o primeiro programa de Xosé Ramón Gayoso, 1987) e TVE (Canal 13 (1988), Composteláns (1989) e ¡Que Serán? (1999). Foi redactor de informativos de TVE entre 1988 e 2008. Xosé Manuel Pereiro foi Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dende o ano 2008 ata 2016, e hoxe en día é o seu Vicedecano. Na actualidade escribe en CTXT, de cuxo consello editorial forma parte, e colabora ocasionalmente en medios como Público, Tinta Libre ou El Progreso. Dirixe con Manuel Rivas a revista Luzes, que ambos fundaron en 2013. Escrita en galego, con máis de cen páxinas e unha tirada mensual, destaca no eido cultural polas súas reportaxes en profundidade e entrevistas sen presas.
Entre as súas obras escritas podemos destacar o seu primeiro libro, Si home si (2001), onde recolle unha serie de artigos xornalísticos publicados en La Opinión da Coruña. "Textos narrativos vibrantes, directos, intelixentes, e sobre todo divertidos. Unhas auténticas radiografías do noso tempo que desvelan o que subxace ás noticias do día a día e analizan a súa repercusión na nosa sociedade, dende os cambios dos nosos costumes e forma de vida ata a complexidade da situación política nacional e internacional. É un exercicio dun xornalismo rabudo, que desmonta as falacias de calquera poder ou do comunmente establecido e provoca a reflexión... e o sorriso", segundo a presentación que fai Manuel Bragado da súa edición en libro. En 2011, xunto cuns vinte autores galegos, publican A Praza é Nosa. Quen constrúe a Democracia? Obra para a reflexión sobre as orixes, composición, causas e consecuencias do movemento 15M, co obxectivo de contribuír a enriquecer o debate sobre tan importante movemento cidadán e procurar respostas que poidan axudar a construír unha democracia comprometida co ben común, a solidariedade, a liberdade e a xustiza. Tempo despois, publica a obra Prestige. Tal como foi, tal como fomos[3] (2014), onde narra, con humor, a catástrofe empezando polo momento no que se recibiu o aviso de emerxencia no Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra ata os acontecementos posteriores. Segundo o autor, o Prestige foi unha “traxedia” que deu a oportunidade para demostrar a dignidade da sociedade galega.
Obras
[editar | editar a fonte]Ensaio
[editar | editar a fonte]- Si home si (2001). Vigo: Xerais.
- Prestige. Tal como foi, tal como fomos (2012). 2.0 editora.
- Diario dun repunante (2017). Libros de Luzes.
- Reboiras. O camiño da rebeldía (2021). Aira Editorial. Con Xurxo Martínez.[4]
- Tal como foi, tal como fomos (2022). Vigo: Galaxia. 122 páxs. ISBN 978-84-9151-952-2. Sobre o Prestige.
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- A praza é nosa, 2011, 2.0 editora.
- Galicia neghra 2015, con Manuel Rivas, Manuel Jabois, Anibal Malvar, Silvia R. Pontevedra, Bieito Iglesias e Santiago Jaureguizar. Libros de Luzes
- Chapapote, 2022 (coordinador), con Manuel Rivas, Arturo Lezcano, Fer González Gonzo, Marta Veiga Izaguirre, Lucía Taboada, Xosé Hermida, Silvia R. Pontevedra, Natalia Junquera Libros del K.O.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Lois Pereiro. Suplemento das Letras Galegas. a coruña: Xornal de galicia, suplemento “contexto”, 15 de maio. reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura" (PDF). Poesiagalega.org. Consultado o 18 de setembro do 2023.
- ↑ "Consejos para candidatos (15 de xaneiro do 2009). "A comienzos de este siglo, pasé de llamarme oficialmente José Manuel Sánchez Pereiro a Xosé Manuel Pereiro Sánchez. Más que nada por adecuarlo a la realidad (...)".". El País. Consultado o 18 de setembro do 2023.
- ↑ "Prestige. Tal como foi, tal como fomos". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2017. Consultado o 11 de maio de 2017.
- ↑ Villar, Miro (xaneiro, febreiro, marzo 2022). "Humanizar e deconstruír un mito". Grial LX (233): 111–113. ISSN 0017-4181.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina do autor Arquivado 21 de novembro de 2011 en Wayback Machine.