Saltar ao contido

Sociedade Real de Numismática de Bélxica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Sociedade Real de Numismática de Bélxica
Entrada da Biblioteca Real de Bélxica, sede da Sociedade Real de Numismática de Bélxica Editar o valor en Wikidata
Tiposociedade científica
Data de fundación1841
EnBruxelas
PaísBélxica
Na rede
http://www.numisbel.be/index.html
editar datos en Wikidata ]

A Sociedade Real de Numismática de Bélxica (en francés: Société royale de numismatique de Belgique; en neerlandés: 'Koninklijk Belgisch Genootschap voor Numismatiek') é unha asociación sen ánimo de lucro fundada en Bruxelas en 1841 co obxectivo da promoción e o progreso da numismática, a sixilografía e as disciplinas relacionadas en Bélxica.[1]

A Sociedade Real de Numismática de Bélxica comparte a súa sede co Gabinete de Moedas e Medallas da Biblioteca Real de Bélxica (Bibliothèque royale de Belgique), no número 4 de Boulevard de l'Empereur, en Bruxelas.[2]

Fundada en 1841 por un grupo de coleccionistas de moedas antigas, trátase dunha das entidades de carácter numismático máis antigas que manteñen a súa actividade. Entre os seus fundadores cómpre salientar a personalidade do historiador polaco Joachim Lelewel, un dos pais da numismática moderna, que naquela época estaba exiliado en Bélxica e a quen os outros membros lle ofreceron de inmediato a presidencia honoraria da sociedade. Outras figuras notables do grupo orixinal foron os historiadores e numismáticos belgas Constant-Philippe Serrure e Charles Piot.[3][4]

O primeiro labor dos fundadores foi a publicación dunha revista, ao estilo da Revue de la Numismatique Française da Sociedade Francesa de Numismática, que comezara a súa andaina uns anos antes, en 1835. Baixo a cabeceira de Revue de la Numismatique Belge publicouse un primeiro folleto en 1842 e non foi ata 1846 cando a publicación pasou a ter unha periodicidade anual. En 1875, a revista pasou a denominarse Revue Belgue de Numismatique e, en 1908, cambiou novamente a Revue Belgue de Numismatique et de Sigillografie.[5][6] Ata 1980 non se lle engadiu á cabeceira a súa versión en neerlandés: Belgisch Tijdschift voor Numismatiek en Zegelkunde.[7]

En 1866, con motivo do seu 25 aniversario, a sociedade recibiu do rei Leopoldo II a autorización para denominarse "sociedade real" (société royale). O recoñecemento internacional da entidade veulle en 1891, cando se lle encomendou a organización da primeira edición do Congreso Internacional de Numismática, con participantes procedentes principalmente de Francia, Italia, os Países Baixos e Alemaña.[8][9][10]

Logo da segunda edición de París en 1900, en xuño de 1910 encargouse tamén da organización do terceiro Congreso Internacional de Numismática, esta vez en colaboración coa Société Hollando-Belge des Amis de la Médaille d'Art.[11][12] No seu transcurso, manifestouse o desexo de que o ensino da numismática e da sixilografía pasasen a formar parte do ensino superior, e varios membros da sociedade, entre eles o numismático Victor Tourneur, estableceron as bases para o ensino da numismática en Bélxica, no Instituto Superior de Historia da Arte e de Arqueoloxía e no Instituto de Estudos Superiores de Bélxica, ambos en Bruxelas. Uns anos máis tarde, a sociedade organizou o primeiro curso de numismática nunha universidade belga, na Universidade Católica de Lovaina.

Durante os dous conflitos mundiais, a sociedade interrompeu as súas actividades, o que explica que non puidese celebrar nin o seu 75 aniversario nin o seu centenario; isto fixo que os actos de celebración do 125 aniversario, en 1966, fosen particularmente solemnes. Naquelta celebración utilizouse por vez primeira a variedade flamenga do neerlandés nunha actividade da sociedade, que ata a data utilizara exclusivamente o francés no seu labor social. A partir dese momento, o flamengo comezou a utilizarse tamén na redacción de diversos artigos da Revue Belgue de Numismatique et de Sigillografie.[13]

En setembro de 1991, a sociedade celebrou o seu 150 aniversario durante o desenvolvemento, novamente en Bruxelas, do XI Congreso Internacional de Numismática, coorganizado co Consello Internacional de Numismática, onde se encargou paralelamente da exposición "Unha moeda para Europa".[14][15]

En 2016 conmemorouse o 175 aniversario cun coloquio sobre a numismática en Bélxica.[16]

Actividades

[editar | editar a fonte]

Ademais da publicación da Revue Belgue de Numismatique et de Sigillografie, a sociedade organiza reunións mensuais e conferencias e encárgase, así mesmo, da publicación, a partir de 1988, dunha bibliografía anual sobre numismática.

  • Premio da Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Outórgaselle cada catro anos a un estudo científico orixinal e inédito no campo da numismática ou da sixilografía. Estableceuse en 1976, aínda que a primeira concesión data de 1981:[17]
  • Premio Hubertus Goltzius. Con carácter trienal, recoñe un estudo orixinal e científico inédito no ámbito da numismática dos séculos VI a XXI das rexións belgas. Concédese por vez primeira en 2019.[21]

Publicacións históricas da SRNB

[editar | editar a fonte]

Á parte das numerosas publicacións de carácter numismático realizadas polos seus membros de maneira particular, ao longo da súa historia, a sociedade promoveu a publicación de diversas monografías, entre as que cabe salientar as seguintes:

Presidentes da SRNB

[editar | editar a fonte]
  • 1841-1848: Joachim Lelewel (presidente honorario).
  • 1848-1887: Renier Chalon.
  • 1887-1889: Alphonse de Schodt.
  • 1889-1925: Baudouin de Jonghe.
  • 1925-1949: Victor Tourneur.
  • 1949-1955: Marcel Hoc.
  • 1955-1961: Jules Desneux.
  • 1961-1967: Paul Naster.
  • 1967-1970: Marcel Hoc.
  • 1970-1976: Jean Jadot.
  • 1976-1980: Émile Wheelbarrow.
  • 1980-1982: Paul De Baeck.
  • 1982-1988: Maurice Colaert.
  • 1988-1990: Tony Hackens.
  • 1990-1996: Luc Smolderen.
  • 1996-1999: Hubert Frère.
  • 1999-2005: Pierre Cockshaw.
  • 2005-2008: Raf van Laere.
  • 2008-2011: Jean-Luc Dengis.
  • 2011-2017: Johan van Heesch.
  • >2017: François de Callataÿ.
  1. "Qui sommes-nous?". No sitio web da SRNB.
  2. "Quelques renseignements utiles". No sitio web da SRNB.
  3. Claes, L. "Docendo discimus: the history of numismatic education in Belgium and some recommendations for the future". En Moens, J. (ed). Colloquium Belgian Numismatics in Perspective. Bruxelas. 2017.
  4. Colaert, M. (1991). Páxinas V-VII.
  5. Doyen, Jean-Marc. "Numismatique et Archéologie: une approche bibliometrique de la Revue Belge de Numismatique [et de Sigillographie] (1842-2015)". En Moens, J. (ed). Colloquium Belgian Numismatics in Perspective. Bruxelas. 2017.
  6. "Revue Belgue de Numismatique et de Sigillografie". En Archaeology Matters. Acceso á consulta en liña de todos os seus números.
  7. Vanhoudt, H. "Numismatische genootschappen in België (19de - 21ste eeuw)". En Moens, J. (ed). Colloquium Belgian Numismatics in Perspective. Bruxelas. 2017.
  8. "The International Numismatic Congress at Brussels". En American Journal of Numismatics, and Bulletin of the American Numismatic and Archaeological Society. Vol. 26. Nº 2. Outubro de 1891. Páxinas 25-27.
  9. Cumont, G.; De Witte, A. Congrès international de numismatique organisé et réuni à Bruxelles. J. Goemaere. Bruxelas. 1891.
  10. Colaert, M. (1991). Páxina XXIX.
  11. Comte de Castellane, H.; Blanchet, A. Congrès international de numismatique réuni à Paris. Société Fraçaise de Numismatique. 1900.
  12. Colaert, M. (1991). Páxinas XXX-XXXI.
  13. Colaert, M. (1991). Páxinas XXXVIII-XXXIX
  14. Burnet, A. "Numismatique: science, art, hobby, commerce. A Bruxelles du 8 au 13 sept.91". En Le Soir. 4 de setembro de 1991.
  15. Burnet, A. "Bien plus que des monnaies à admirer... Vingt-six siècles de frappe sur des coins d'Europe Arquivado 16 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En Le Soir. 17 de setembro de 1991.
  16. "175 years of the Royal Numismatic Society of Belgium". En Coins Weekly.
  17. "Règlement pour participer au prix quadriennal de la Société". No sitio web da SRNB.
  18. "François de Callataÿ". Foundation Francqui-Stichting.
  19. "Christophe Flament". Université de Namur.
  20. "Lyce Jankowski". En Coins Weekly.
  21. "Règlement pour participer au Prix triennal "Hubertus Goltzius" de la Société". No sitio web da SRNB.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]