Saltar ao contido

Goma arábiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A goma arábiga (denominado E-414 na industria alimentaria dentro dos Números E e acacia gum segundo a lista de aditivos da Unión Europea) é un polisacárido de orixe natural. Extráese da resina de árbores sub-saharianos (Acacia senegal e Acacia seyal) como parte do proceso de cicatrización destes, coñecido como gummosis. Esta resina de cor ámbar recóllese normalmente á man unha vez seca.

Produción

[editar | editar a fonte]

A goma arábiga é unha substancia producida polas acacias para cerrar as súas feridas e evitar desta maneira a entrada de xermes e outros axentes infecciosos. Para provocar a súa produción adóitase producir cortes lonxitudinais paralelos e pouco profundos de 40 - 60 cm. Outros métodos consisten en marcar cadrados ou outras formas na cortiza. A cantidade obtida varía moito entre as árbores (100 - 2.000 g por árbore) cunha media aproximada de 250 g por árbore.

No mercado internacional gástanse unhas 45.000 t anuais (ano 2000) de goma arábiga[Cómpre referencia].

Xa os exipcios a empregaban no proceso da momificación e da elaboración dalgúns cosméticos e perfumes. Tras caer no esquecemento foi redescuberta por navegantes europeos no século XV na África subsahariana. Incluso foi causa da "Guerra da Goma" no século XVIII, trala cal Francia quedou co monopolio para o mercado europeo.

Hoxe en día a maior parte emprégase na industria alimentaria para fixar aromas, estabilizar escumas e emulsións, modificar a consistencia de alimentos ou clarificar viños. Tamén se emprega na fabricación dalgúns medicamentos.

Ao non coñecerse ningún efecto tóxico non hai límites establecidos.

Tamén se emprega na elaboración de tinturas.

A goma arábiga é incluída na composición de grisallas para decorar vidros. Nelas cumpre unha función de aglutinante e xera condicións atmosféricas adecuadas durante a súa combustión no tratamento térmico da peza.

Composición e propiedades

[editar | editar a fonte]

Quimicamente trátase dun polisacárido con cantidades variables de D-galactosa, L-arabinosa, L-ramnosa e algúns ácidos derivados coma o ácido D-glicurónico ou o ácido 4-O-metil-D-glicurónico.

Trátase dunha substancia de cor que vai de amarela a parda, inflamable, aínda que cun elevado punto de inflamación (>250 °C), boa solubilidade en auga (aprox. 500 g/l) e cun LD50 > 16.000 mg/kg en ratas.

Aplicacións técnicas

[editar | editar a fonte]

No século XIX elaborouse un procedemento de impresión baseado na goma arábiga modificada con cromatos. Esta mestura é sensible á luz e permite reproducións case fotográficas. Non obstante, quedou en desuso.

A goma arábiga tamén se acha nalgúns pegamentos, por exemplo os empregados antigamente en selos e sobres postais.

A goma arábiga atópase entre os ingredientes dalgúns caramelos masticables.

A goma arábiga é tamén moi empregada nos cortes dalgunhas drogas ilegais, para así sacarlles un maior rendemento económico. Un exemplo pode ser o haxix de baixa calidade, onde se mestura goma arábiga co propio cánnabis.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]