Bloque Nacional Popular Galego
Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG) | |
---|---|
Coalición electoral en Galiza | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Lois Diéguez Bautista Álvarez |
Historia | |
Fundación | 1977 |
Disolución | 1982 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Nacionalismo galego Soberanismo Nacionalismo de esquerda |
Representación | |
Parlamento de Galicia (1981-1982) | 2 / 71 |
Deputacións provinciais de Galiza (1979-1982) | 3 / 105 |
Concelleiros (1979-1982) | 258 / 4.069 |
O Bloque Nacional Popular Galego (BNPG ou BN-PG) foi unha organización e coalición electoral constituída en abril de 1977 pola Unión do Povo Galego e a Asemblea Nacional-Popular Galega. Opúxose ao proceso autonómico e tiña como obxectivos a obtención da soberanía para Galiza.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Presentouse como agrupación de electores ás eleccións xerais de 1977 defendendo como programa as Bases constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal e de goberno provisorio galego redactadas en 1976 polo Consello de Forzas Políticas Galegas como alternativa nacionalista ao proceso autonómico. O BNPG obtivo 23 167 votos, un 2% do total, non conseguindo representación Congreso. Nas eleccións xerais de 1979 acadou os 63 747 votos, un 5,87% do total. Nas eleccións municipais de 1979 o BNPG presentou candidaturas en 164 concellos, obtendo 70 355 votos (7,18%) o que lle supuxo 258 concelleiros e 9 alcaldes. No referendo do Estatuto de 1980 solicitou o voto en contra. Nas eleccións autonómicas de 1981 formou unha coalición co Partido Socialista Galego, conseguindo, baixo as siglas BNPG-PSG, 61 870 votos (6,27%) e tres deputados no parlamento galego. Dous deles polo BNPG, Bautista Álvarez Domínguez e Lois Diéguez Vázquez, e un terceiro polo PSG, Claudio López Garrido. Porén, estes serán expulsados ao se negar a xurar a Constitución Española e o Estatuto de autonomía.[2] Neste contexto, comezou a haber conflitos internos que learon á realización dunha asemblea en setembro de 1982 que transformou ó BNPG no Bloque Nacionalista Galego (BNG). A primeira convocatoria electoral á que concorreron foron as eleccións xerais do seguinte mes de outubro, nas que obtivo un moi mal resultado con 38 615 votos (2,98%).
Resultados electorais
[editar | editar a fonte]Elección | Ano | Votos | % | Representantes | Alcaldías |
---|---|---|---|---|---|
Eleccións xerais | 1977 | 22 771 | 2,02 | 0 / 350 |
|
Eleccións xerais | 1979 | 60 889 | 5,95 | 0 / 350 |
|
Eleccións municipais | 1979 | 78 216 | 7,32 | 258 / 4.072 |
9 / 313 |
Eleccións ao Parlamento de Galicia[a] | 1981 | 61 870 | 6,27 | 2 / 71 |
|
Eleccións xerais | 1982 | 38 437 | 2,97 | 0 / 350 |
Os resultados electorais do bloque variaron ao longo dos anos. Nas primeiras eleccións o resultado foi peor do previsto, pero o mal resultado non provocou ningunha crise interna no bloque, xa que estaba máis centrado na protesta na rúa e nas loitas obreiras e campesiñas que na política electoral. En 1979 houbo eleccións tanto locais como xerais, co BN-PG acadando mellores resultados, e estabilizándose nun 6-7% dos votos ata as xerais de 1982, nas que a fronte perdeu numerosos votos ante o PSOE de Felipe González.
Os bastións do partido eran vilas industriais ou zonas rurais con forte presenza do Sindicato Labrego Galego (SLG). Na provincia da Coruña o bloque tiña os seus mellores resultados na área metropolitana de Ferrol e na comarca de Eume, especialmente en Fene (11,95% dos votos nas eleccións xerais de 1979) e nas Pontes de García Rodríguez (13,64% nas mesmas eleccións). Na provincia de Lugo o BN-PG era máis forte na zona oriental, especialmente na serra dos Ancares, onde o SLG estivo moi activo. Os resultados foron especialmente elevados en Becerreá (18,01%), Castroverde (27,84%), Pedrafita do Cebreiro (37,15%), Ribeira de Piquín (15,93%), As Nogais (33,67%) e Navia de Suarna (19,92%). Na provincia de Ourense o BN-PG tivo as súas principais bases de apoio na comarca de Allariz - Maceda, especialmente nos concellos de Allariz (14,71%), Maceda (19,02%) e Baños de Molgas (12,8%) e Montederramo (14,94%). Na provincia de Pontevedra a comarca do Morrazo e toda a ría de Vigo foron o seu principal baluarte.
Nas eleccións municipais de 1979 o bloque obtivo 258 concelleiros e 9 alcaldes (sobre 313).[3][4] As localidades que tiveron alcalde de BN-PG no período 1979-1982 foron: Ourol, Pedrafita do Cebreiro, Bueu, Fene, Láncara, Moaña, As Nogais, Ribeira de Piquín, Bóveda e Corcubión (1980-1982, foi elixido alcalde nas listas do Partido del Trabajo de España (PTE), mais trala desaparición deste partido en 1980 a asemblea local do PTE incorporouse ao BN-PG).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Alternativa do Bloque Nacional Popular Galego, c. 1977.
-
Cartel do BNPG anunciando a celebración do Día da Patria de 1977.
-
Logotipo do Bloque Nacional Popular Galego de 1977.
-
Cartel para o Día da Patria, 1978. Deseño de Pepe Barro.
-
Cartel contra a Constitución española, 1978.
-
Propaganda do BNPG pedindo o non no referendo do estatuto de autonomía, 1980.
-
Cartel para o Día da Patria de 1981.
-
Cartel pedindo o voto para a coalición BNPG-PSG, 1981.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ En coalición co Partido Socialista Galego e acadando 3 deputados.
- Referencias
- ↑ "Planteamientos autonómicos muy avanzados en las principales opciones nacionalistas y regionalistas. Resumen de programas electorales". El País. 18 de febreiro de 1979. Consultado o 22 de outubro de 2023.
- ↑ "Incidentes en el Parlamento de Galicia por la expulsión de tres parlamentarios nacionalistas". El País. 25 de novembro de 1982. Consultado o 22 de outubro de 2023.
- ↑ "Historia Electoral: Diputaciones provinciales de Galicia". Consultado o 22 de outubro de 2023.
- ↑ "Resultados detallados". datoselecciones.com. Consultado o 22 de outubro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bloque Nacional Popular Galego |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Justo Beramendi e Xosé Manoel Núñez Seixas (1996). O nacionalismo galego. A Nosa Terra.
- Manuel Anxo Fernández Baz (2003). A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984). Edicións Laiovento.