Neste volume se editaron as poesías en galego de Fr. Samuel Eiján, "Magoas" (ás dúas ediciós, sendo a de 1902 moi complexa de conseguir e a de 1913), "D'y'alma" e "Froliñas de San Francisco". Un tomo único dun dos mellores poetas da súa...
moreNeste volume se editaron as poesías en galego de Fr. Samuel Eiján, "Magoas" (ás dúas ediciós, sendo a de 1902 moi complexa de conseguir e a de 1913), "D'y'alma" e "Froliñas de San Francisco". Un tomo único dun dos mellores poetas da súa xeración, que conta cun completo análise previo do historiador Francisco Leira e do crítico literario Armando Requeixo. Participaron na confección deste volumen a Real Academia Galega, a Secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Centro Ramón Piñeiro, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego
Fraysel foi o principal pseudónimo co que asinou, cando o facía, Samuel Eiján. Un xogo de palabras que procede de “fray” e das primeiras letras do seu nome completo, Samuel Eiján Lorenzo. Foi un prolífico escritor de comezos do século XX que cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro e a poesía. Naceu un 10 de maio de 1876 en San Clodio, no municipio de Leiro, na provincia de Ourense. Desde moi novo interesouse por realizar a carreira eclesiástica e entrar no seminario. Ingresou na “pasantía de Gomariz”, onde sentiu inquietudes vocacionais para o estudo. Xa desde mozo publicou os seus primeiros artigos en prensa grazas a súa calidade narrativa. Na súa madureza recordaba este período da súa vida, a través de pequenas publicacións en El Eco Franciscano. O 25 de abril de 1890 inaugurouse a Escola Seráfica de Louro e él foi un dos alumnos da primeira promoción. Eiján “tomou o hábito o 18 de outubro de 1890 a só tres días de cumprir os 15 anos, realizou a profesión solemne o 16 de agosto de 1895. Desde a súa ordenación sacerdotal, feita en 1899 en Lugo”, comezou a trasladar aos demais frades da provincia a súa preocupación humanística a causa de que xa “desde setembro de 1896 fora nomeado director da importante revista da Provincia Seráfica de Santiago El Eco Franciscano”. Destacou intelectualmente desde a súa mocidade e ademais do cargo de director da revista foi nomeado bibliotecario provincial en Santiago, posto relevante debido ao seu importante patrimonio bibliográfico, ademais de ser o lugar de estudo de irmáns da orde, así como dos leigos ou postulantes, ata que o destinaron a Terra Santa a realizar labores misioneiros no 1902.
Coa idade de 27 anos foi nomeado superior da Basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén en 1903, un posto que ostentou ata 1906, sendo o primeiro superior que completou alí o trienio no cargo. Elixírono para ocupar a tarefa de discreto de Terra Santa. En 1908 foi nomeado secretario de Procura Xeral e actuou como guía de Peregrinacións (Soto, 1969: 253). A súa estancia en Terra Santa ten un reflexo nas súas obras ambientadas alí, como A cuestión dos Santos Lugares. Escenas Palestinianas (1905), Memento Jerusalem! Manual dos devotos dos Santos Lugares (1905), Narracións e lendas de oriente (1906) ou a tradución da Nueva guía de Tierra Santa (1908) de R. P. Bernabé Meistermann.
No seu regreso a Galicia en 1908 volvérono a nomear director de El Eco Franciscano, cargo que desempeñou ata 1915 cando o nomearon superior de Ribadavia onde permaneceu ata 1920. Da súa estancia nace o libro Historia de Ribadavia (1920) ou Rumores del Avia. Versos Ribereños (1916). É durante este período cando foi director da Juventud Antoniana. Do mesmo xeito, foi comisario provincial da orde terceira entre 1914 a 1917 e entre 1931 e 1933, procurando que correspondese o seu labor ao contexto histórico. No ano 1923 foi nomeado ministro provincial da Provincia Seráfica de Santiago. Foi o primeiro frade que desempeñou o posto dous trienios seguidos. En 1929 foi nomeado custodio provincial e en 1933 comisario de Terra Santa ata a súa morte. Faleceu en Santiago o 14 de decembro de 1945. Unha vida adicada as letras e o apostolado franciscano, tanto en Terra Santa como en Galicia.
O que se pretende destacar deste personaxe tan complexo é o seu papel como narrador, poeta e difusor da cultura. Deixou unha inmensa cantidade de escritos en periódicos e revistas, encargouse de dirixir outras como El Eco Franciscano, San Antonio ou Revista Franciscana. Foi novelista, escribiu relatos curtos, poeta, tradutor, profesor, historiador e ensaísta. Por estes méritos, en 1915 nomeárono membro correspondente da Real Academia Galega e en 1941 numerario. En 1925 ingresou na destacable institución do Instituto Histórico do Minho de Portugal. En 1928 entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos. Incluso foi membro da Xunta de Turismo de Ourense en 1941. Estes postos gañounos grazas a un importante traballo como literato galego e en favor da súa lingua: Mágoas, D’a-y-alma, Froliñas de San Francisco e os numerosos poemas publicados en prensa e reivindicando a súa terra testemúñano. Así mesmo, outorgáronlle a Placa de la Orden de Isabel La Católica en 1940 e foi membro nato da Xunta Oficial da Obra Pía dos Santos Lugares o mesmo ano. Tamén participou como xurado en certames literarios na xunta Editora da Biblioteca Franciscana de Madrid.