Violencia doméstica
A violencia doméstica é un padrón de comportamento que implica violencia ou outro tipo de abuso por parte dunha persoa contra outra nun contexto doméstico, como no caso dun matrimonio ou unión de feito, ou contra nenos ou anciáns. Cando é perpetrada por un cónxuxe ou parella nunha relación íntima contra o outro cónxuxe ou parella denomínase violencia conxugal, podendo ocorrer tanto entre relacións heterosexuais como homosexuais, ou aínda entre antigas parellas ou cónxuxes. A violencia doméstica pode asumir diversos tipos, incluíndo abusos físicos, verbais, emocionais, económicos, relixiosos, reprodutivos e sexuais. Estes abusos poden asumir dende formas sutís e coercivas até violación conxugal e abusos físicos violentos como asfixias, malleiras, mutilación xenital feminina e ataques con ácido que provoquen desfiguración ou morte. Os homicidios domésticos inclúen a lapidación, inmolación de noivas, morte por dote e crimes de honra.
En todo o mundo, a esmagadora maioría das vítimas de violencia doméstica son mulleres, sendo tamén as mulleres as vítimas das formas máis agresivas de violencia.[1][2] Nalgúns países, a violencia doméstica é moitas veces vista como xustificábel, especialmente en casos de ocorrencia ou sospeita de infidelidade por parte da muller, en que está legalmente permitida. A investigación ten confirmado que existe unha correlación directa e significativa entre o nivel de igualdade de xénero dun país e a prevalencia de violencia doméstica.[3] A violencia doméstica é un dos crimes que menos se declara en todo o mundo, tanto no caso das mulleres como dos homes.[4][5] Debido ó estigma social asociado á vitimización masculina, hai maior probabilidade de que as vítimas masculinas sexan obviadas polos servizos de atención.[6][7]
A violencia doméstica ocorre cando o abusador cre que o seu abuso é aceptábel, xustificado ou improbábel de ser reportado. A violencia doméstica pode dar orixe a ciclos de abuso interxeracionais, creando a imaxe en nenos e outros membros da familia de que o abuso é aceptábel. Moi poucas persoas nese contexto son quen de se recoñecer no papel de abusadores ou vítimas, unha vez que a violencia é considerada unha disputa familiar que simplemente se descontrolou.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ McQuigg, Ronagh J. A. (6 de abril de 2011). "Potential problems for the effectiveness of international human rights law as regards domestic violence". International Human Rights Law and Domestic Violence: The Effectiveness of International Human Rights Law (en inglés). Taylor & Francis. p. 13. ISBN 9781136742088.
- ↑ Grodin, Michael; Tarantola, Daniel; Annas, George; Gruskin, Sofia (4 de xullo de 2013¡). "Protection of sexual and reproductive health rights: addressing violence against women". Health and Human Rights in a Changing World (en inglés). Routledge. pp. 780–781. ISBN 1136688633.
- ↑ Esquivel-Santoveña, Esteban Eugenio; Lambert, Teri L.; Hamel, John (xaneiro de 2013). "Partner abuse worldwide" (PDF) 4 (1). pp. 6–75. doi:10.1891/1946-6560.4.1.6.
- ↑ Strong, Bryan; DeVault, Christine; Cohen, Theodore (16 de febreiro de 2010). Cengage Learning, ed. The Marriage and Family Experience: Intimate Relationships in a Changing Society. p. 447. ISBN 978-1133597469.
- ↑ Concannon, Diana (11 de xullo de 2013). Newnes, ed. Kidnapping: An Investigator’s Guide. p. 30. ISBN 978-0123740311.
- ↑ Riviello, Ralph (1 de xullo de 2009). Jones & Bartlett Learning, ed. Manual of Forensic Emergency Medicine. p. 129. ISBN 978-0763744625.
- ↑ Finley, Laura (16 de xullo de 2013). ABC-CLIO, ed. Encyclopedia of Domestic Violence and Abuse. p. 163. ISBN 978-1610690010.