Veiga, Ortigueira
Veiga | |
---|---|
Igrexa de Santo Adrao de Veiga | |
Concello | Ortigueira[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°38′15″N 7°49′21″O / 43.63751054, -7.82254151 |
Área | 13,1 km² |
Poboación | 299 hab. (2013) |
Densidade | 22,82 hab./km² |
Entidades de poboación | 29[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santo Adrao de Veiga é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 299 habitantes (141 mulleres e 158 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 455 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Veiga está situada na beira sur da Ría de Ortigueira, na vertente oriental da Serra da Capelada. Linda polo norte coas parroquias de Feás e Landoi do concello de Cariño e coa parroquia de Régoa do concello de Cedeira. Polo oeste linda tamén con esta última parroquia cedeiresa, polo sur o linde é coa parroquia de Mera de Abaixo, e polo leste limita coa Ría de Ortigueira entre a desembocadura dos regatos Mazaricos e San Pedro.
A estrada comarcal de Mera a Cariño que enlaza coa AC-862 cruza a parroquia dende Ponte de Mera polos lugares de Viñán, Peago, Rozavella, Mineixa e Serantes. Dende este último lugar sae un ramal que atravesando Leixa remata no antigo embarcadoiro de Fornelos á beira da ría. O río Casón que atravesa a parroquia pola súa metade descende dende a Capelada até desembocar no río Lourido en Mineixa pouco despois de cruzar a estrada Mera-Cariño.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa parroquial de Veiga é dunha soa nave, cun brazo pequeno no lado dereito e un pórtico. No seu interior ten un altar maior e dous laterais. Atópase nun pequeno outeiro no lugar da Igrexa e ten unha fachada de cantería cunha torre no medio que segundo Julio Dávila procede da antiga igrexa parroquial de Ortigueira derruída no 1880.
No 1893 fundouse nesta parroquia a Sociedade Campesiña de Veiga, unha das pioneiras de Galicia. No lugar do Calvario foi construído un centro escolar no ano 1906 pola Sociedade de Instrución San Adrián creada en Santa Clara (Cuba) polos emigrantes desta parroquia. Esta é outra das escolas chamadas de indianos do Concello de Ortigueira, entre os cales destacou Antonio Couzo García, que foi fundador da citada sociedade. De xeito lamentable estase deixando abandonar pois foi construído un moderno local social noutro lugar da parroquia, ao contrario do que se fixo noutras parroquias con estas escolas, perdido o seu uso orixinario a partir das concentracións escolares.
O Castelo do Casón é unha estrutura con restos de muralla e foxos situada na cima do monte sobre o río Casón. De carácter defensivo e de vixilancia, xa foi estudado por Federico Maciñeira. Ao parecer os restos atopados apuntan aos dunha fortaleza medieval, quizais construída á súa vez sobre os restos dun antigo poboado castrexo. Desde el obsérvase toda a ría de Ortigueira.
Historia
[editar | editar a fonte]Nesta parroquia editouse o periódico El Faro de Veiga.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escolar da Sociedade de Instrución.
-
Casa reitoral de Veiga.
-
Cruceiro no lugar do Calvario.
-
O Castelo do Casón.
-
Vista da Ría de Ortigueira desde o Castelo.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Veiga
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Veiga no concello coruñés de Ortigueira | |
---|---|
O Calvario | A Capelada | As Cascas | O Casón | A Catadoira | Cerdeiras | O Cotiño | A Cruz | Fabás | Figueiras | Lamelas | A Leixa | Miñeixa | Montecelo | Montoán | Muíños | As Naveiras | O Peago | A Pena do Vilar | As Penas | Pereira | Quintá | A Ramalleira | Sa | Serantes | Soñín | Veiga | Viñán | Vixildo |