Saltar ao contido

Tristura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Home amosando tristura.

A tristura ou tristeza[1] é unha das seis emocións básicas descritas por Paul Ekman, xunto coa felicidade, a ira, a sorpresa, o medo e o noxo. Trátase dunha dor emocional asociada a sentimentos de desvantaxe, perda ou impotencia que a miúdo se manifesta a través do pranto. O choro é a miúdo unha indicación de tristura.[2]

Na infancia

[editar | editar a fonte]
Tristura na infancia
Desolación, aflición na adolescencia

A tristura é unha experiencia común na infancia. Recoñecer estas emocións pode axudar a detectar problemas emocionais graves, aínda que algunhas familias poden ter unha regra (consciente ou inconsciente) que non considere apropiado a exteriorización deste sentimento, o cal pode favorecer un comportamento maníaco no neno.

A tristura é parte do proceso de evolución do neno que se manifesta, por exemplo, cando este se vai distanciando da nai para ser máis independente. Cada vez que o neno se separa un pouco máis, el ou a nai terán que facer fronte a unha pequena perda e este feito axuda á madurez do individuo, pois aprende a lidar coa tristura por si mesmo.

A pediatra Selma Friberg suxire que é importante respectar o dereito do neno a experimentar unha perda, total e profundamente.

Neuroanatomía

[editar | editar a fonte]

A tristura pode estár orixinada por diversos motivos, porén, con independencia da súa orixe, parece que pode seguir un patrón semellante en tódolos casos.

Os estímulos desagradables poden exercer un efecto sobreexcitador nunha zona do cerebro chamada hipotálamo, de xeito que as neuronas desa zona producen unha substancia denominada FLC. Esta molécula é capaz de facer que o cerebro segrege a hormona do crecemento ó torrente sanguíneo e que esta chegue ás glándulas suprarrenais. Na parte máis externa destas glándulas, a hormona de do crecemento estimula a síntese dunha molécula chamada cortisol e esta predispón ó corpo, tanto física como psiquicamente para o estrés. Dentro dos cambios inducidos polo cortisol estarían o insomnio, a inquietude nerviosa, a ansiedade e toda unha serie de síntomas depresivos.

A nivel nervioso, unha diminución dos neurotransmisores noradrenalina e serotonina no cerebro, sería responsable da aparición da sensación de tristura.

Non se sabe con precisión a relación causa-efecto, é dicir, non se sabe por que un baixón de serotonina conduce á sensación de tristura, pero está claro que, nos procesos depresivos, o emprego de fármacos que aumenten o nivel de serotonina no cerebro contribúen á recuperación das depresións.

Mecanismos de adaptación

[editar | editar a fonte]

As persoas enfróntanse á tristura de distintas maneiras e esta é unha emoción importante porque axuda a motivar ós individuos para facerlle fronte á súa situación. Algúns mecanismos de adaptación inclúen: buscar apoio nos demais, pasar o tempo cunha mascota ou participar nalgunha actividade que lle axude a expresar ese sentimento. Outras persoas poden excluírse temporalmente do contorno social mentres non se recuperan do decaemento.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tristura.
  2. Jellesma F.C., & Vingerhoets A.J.J.M. (2012). Sex Roles (Vol. 67, Iss. 7, pp. 412-421). Heidelberg, Germany: Springer

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]