Sintetizador
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2020.) |
Un sintetizador é un aparello composto de circutería electrónica coa función de producir sons, que, aplicándoo sobre a música, sería un instrumento musical clasificado dentro dos electrófonos segundo a clasificación Sachs-Hornbostel, que, en contraposición cos instrumentos denominados tradicionais non producen son mediante enerxía mecánica, senón eléctrica, creando son sintético, que logo se converte en enerxía mecánica mediante altofalantes.
O seu principio de funcionamento é, pois, electrónico, e na súa orixe, a finais do século XIX o proceso de xeración era totalmente analóxico, conectando compoñentes ou módulos que chegaban a ocupar grandes espazos coma armarios. Mudaron moito os sintetizadores desde os modelos antigos, e sobre todo desde o boom dixital, existindo a día de hoxe grandes variedades que mesturan ou non o dixital e o analóxico, e até existindo simples programas de ordenador que cumpren a mesma función.
A forma máis común que presenta un sintetizador é a de teclado electrónico acaroado a uns controis para manexar a circuitería interna. Pódense clasificar en non programables, cunha serie de sons almacenados no disco duro pero non variables, e en programables, que poden crear os seus propios sons. Estes á súa vez, constan de tres partes: os controis de interpretación musical, os controis de programación e o sistema de xeración de son.
O dispositivo elemental da síntese é o oscilador e a máis empregada é a síntese por modulación de frecuencia, que consiste en variar a frecuencia dunha forma de onda, a portadora, uníndoa á amplitude dunha segunda, denominada moduladora.
Existen diversas técnicas para crear un novo son, sendo as máis empregadas:
- A síntese aditiva: que se emprega para crear timbres, manexando a amplitude dos harmónicos mediante osciladores.
- A síntese substractiva: que se emprega, coma a anterior, sobre os harmónicos, xerando un sinal mediante un oscilador para logo ser filtrado.
- A modulación de frecuencia: que consiste en variar determinado aspecto dun sinal (denominado portador) con respecto a un segundo (denominado modulador), xerando unha onda modulada. No caso da Frecuencia Modulada (FM), oscílase a frecuencia da onda portadora.
- A modulación de fase: que é un tipo de modulación que se caracteriza porque a fase da onda portadora varía directamente de acordo co sinal modulante, resultando un sinal de modulación en fase.
Para crear estas técnicas, os módulos ou elementos principais dun sintetizador básico, son:
- VCO (Oscilador controlado pola voltaxe). Controla o timbre ou "cor" dun son a partir dunha serie de formas de onda dispoñibles, máis ou menos continuas en harmónicos. Por exemplo, para crear un son similar ao dunha frauta ou clarinete, é ben partir dunha forma de onda triangular, mentres que para emular instrumentos de vento de metal o mellor é partir dunha onda de "dente de serra" ("sawtooth"), ou utilizar unha onda aleatoria (ruído branco) para crear efectos similares ao vento ou a unha fervenza. O oscilador prové o material básico ao cal se lle dá forma posteriormente con outros módulos.
- VCF (Filtro controlado pola voltaxe). Modifica a compoñente espectral do son (maior realce de graves, medios ou agudos, entre outras opcións).
- VCA (Amplificador controlado pola voltaxe). Controla o volume do son.
- LFO (Oscilador de baixa frecuencia). Permite introducir variacións cíclicas (repetidas no tempo) sobre outros parámetros. Por exemplo, aplicando un LFO sobre un filtro con resonancia permite crear efectos de "wah-wah"; aplicándoo sobre o amplificador permite xerar un "trémolo" etc.
- EG (Xerador de envolvente). Controla a evolución no tempo doutro módulo. Por exemplo, aplicado sobre o amplificador permite crear sons cun ataque rápido ou lento, que manteñan a súa intensidade no tempo, que cesen de repente ou que esvaezan de vagar etc.
Os primeiros en empregar os sintetizadores na música foron os homes e mulleres da vangarda (por exemplo, o Theremin, o Trautonium ou o Ones Martenot). Pero non foi até finais dos 60 cando, grazas ao abaratamento da produción de compoñentes electrónicos e ao traballo de enxeñeiros como Robert Moog ou Don Buchla, cando o sintetizador chega á súa forma definitiva e se incorpora na música popular.
Nun principio, antes da aparición dos sintetizadores compactos (por exemplo, o Moog Minimoog en 1971), os distintos módulos dun sintetizador tiñan que ser interconectados polo intérprete mediante cables para obter o son desexado. A configuración da cablaxe tiña que ser modificada para cambiar o son, xa que naqueles tempos os sintetizadores non dispoñían de memorias. Isto facíaos pouco prácticos para a interpretación en directo, aínda que permitían un flexibilidade enorme para a obtención de timbres creativos e persoais.
Wendy Carlos foi a responsable da primeira obra musical, totalmente executada nun sintetizador Moog, en obter éxito comercial co disco Switched on Bach (1968). Trataba sobre obras de Johann Sebastian Bach e foi aclamado pola crítica e público. Despois do éxito do sintetizador Moog, emerxeron diversos outros fabricantes de sintetizadores : Arp, E-mu, Korg, Oberheim, Roland...
A tendencia natural foi producir sintetizadores cada vez máis voltados cara a actuacións ao vivo: máis estables (que non desafinasen moito co paso do tempo), menores e con prezo máis accesible.
O segundo gran fito na historia dos sintetizadores foi a incorporación da polifonía, ou capacidade de reproducir máis dunha nota simultaneamente, facendo posible a interpretación de acordes (Moog Polymoog, Oberheim 4-Voice, Prophet 5). Antes daquelas (mediados dos anos setenta), a interpretación estaba limitada a unha nota por pulso, relegando os sintetizadores a interpretar liñas solista ou efectos sonoros. Tamén a chegada das memorias foi un grande avance, pois anteriomente a isto, cando se tiña un son buscado e se quería buscar outro, pois había que esquecerse do primeiro.
Máis tarde (a partir de 1983) farían aparición comercial os primeiros sintetizadores baseados en técnicas dixitais, como o Yamaha DX7. Partían dunha concepción totalmente diferente para a creación de sons, sen seguir arquitectura tradicional VCO-VCF-VCA. Isto supoñía unha maior comodidade para o músico como unha paleta sonora moito máis ampla, aínda que a costa de importantes recortes na liberdade de manipulación dos sons dunha forma intuitiva e creativa.
A partir dese momento as técnicas de creación de son multiplícanse. Cada marca desenvolve tecnoloxías específicas, dixitais na maior parte dos casos, para ofrecer unha maior facilidade de operación dos teclados, moitos máis parámetros de edición e a posibilidade de imitar fidelmente instrumentos tradicionais. Tamén cabe comentar, como recordatorio histórico, a aparición nesta época doutros aparatos que sen os cales non se podería entender a música actual e a electrónica en particular: os samplers e os secuenciadores.
A mediados dos noventa prodúcese un período de rexurdimento dos sintetizadores analóxicos, reivindicando algunhas das súas características que ficaran acurrunchadas desde a invasión da tecnoloxía dixital dos anos oitenta. Actualmente algúns fabricantes están especializados na produción de sintetizadores puramente analóxicos coas vantaxes da tecnoloxía moderna, con grandes resultados artísticos e comerciais.
Tamén cabe destacar a continua aparición de sintetizadores de programas, que se basean nunha aplicación informática que se executa nun ordenador corrente cunha tarxeta de son. Poden tratarse de programes independentes ou mesmo de plug-ins. Hai neste eido sintetizadores completamente diferentes, ás veces que empregan técnicas innovadores de difícil implementación en sintetizadores físicos. Tamén hai emuladores fidedignos ou mellorados de modelos xa existentes, como o Arturia V (emulación do MiniMoog). Estes instrumentos dixitais destacan pola súa grande versatilidade e facilidade de edición (pantalla a cor, rato etc); aínda que, coma calquera programa informático, o seu funcionamento correcto depende en gran medida das especificacións e da calidade da tarxeta de son do ordenador.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sintetizador |