Saltar ao contido

Altofalante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Altofalante.
Conexións dun altofalante.

Un altofalante é un transdutor que converte a enerxía eléctrica en enerxía acústica, realizando o proceso contrario ao micrófono, é dicir, a restitución da enerxía eléctrica en acústica despois dunha etapa de potencia da amplificación de baixa frecuencia.

Esta conversión pódese dividir nunha primeira transformación da enerxía eléctrica en mecánica, e nunha segunda transformación desta enerxía mecánica en enerxía acústica, por medio dun dispositivo que actúa sobre o movemento vibratorio do aire ambiente.

Tipos de altofalantes

[editar | editar a fonte]

Dinámico ou de bobina móbil

[editar | editar a fonte]

É o tipo de altofalante máis utilizado. Úsase tanto nun pequeno receptor de radio, coma en sistemas de megafonía ou en monitores de estudo de alta calidade.

O conxunto formado por imán, bobina e cono coñécese como motor do altofalante. O cono ou diafragma sostense en suspensión cunha tea fina e envolvente ou cun anaco de goma ao redor do chasis. O chasis ou carcasa adóitase construír en aceiro fundido para poder soster sen deformacións a estrutura ríxida que soporta pesados imáns.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

O altofalante electromagnético de bobina móbil é unha aplicación das leis físicas dos campos magnéticos, das accións que producen estes ao ser atravesado un condutor por unha corrente eléctrica. Abrangue os seguinte elementos:

  • un imán ou electroimán que produce o campo magnético;
  • unha bobina móbil; polo xeral constituída por un solenoide condutor, envolvendo unha alma de cartón tratado moi fino, de pouco peso. O condutor máis empregado é de cobre e de sección circular.
  • unha membrana, ou diafragma; comunícase co aire, desempeñando unha parte importante. A construción do diafragma afecta a propiedades acústicas do altofalante, como a intensidade sonora, o raio de frecuencias reproducibles e o volume sonoro máximo.
  • dispositivos de centraxe e suspensión que aseguran o correcto movemento da bobina móbil; de xeito paralelo ao eixo do núcleo, así pois, existen elementos encargados do guiado para que a bobina non entre en contacto coas expansións polares.
    • dispositivo de centraxe da bobina móbil, chamado tamén spider, ten como finalidade impedir que a bobina móbil entre en contacto coas paredes do entreferro, aínda que sen impedir en ningún momento os movementos útiles. O spider oporase a calquera movemento lateral da bovina móbil.
    • dispositivo de centraxe e suspensión da membrana, a base do cono que forma o diafragma suxeitase ao chasis do altofalante por medio dun enganche dobre, chamado "suspensión dianteira" ou "suspensión externa". A suspensión externa terá un máximo de flexibilidade para obstaculizar o menos posible os desprazamentos da membrana.
  • un chasis ou montaxe do conxunto en pantalla acústica (ou caixa acústica).

Electrostático

[editar | editar a fonte]

Comézase a utilizar nos anos 50 e é difícil de construír, e polo tanto caro. Non produce os niveis sonoros dos dinámicos, pero a súa calidade non é igualada polos outros tipos de altofalantes.

O motor do altofalante electrostático consiste nun diafragma grande e chan de moi pouco peso colocado entre dúas placas ríxidas. Mediante polarización aplícaselle ao diafragma unha alta corrente, que fai que se cargue o condensador formado por ambas placas e o diafragma. Como resultado o diafragma móvese entre as placas producindo o son. Dado que este desprazamento é moi reducido, requírese un diafragma de gran superficie se se queren reproducir as baixas frecuencias.

O principio de funcionamento é practicamente idéntico ao do micrófono de cinta, pero invertendo o proceso. O seu núcleo é unha fita corrugada.

Adóitase empregar especialmente para altas frecuencias.

Piezoeléctrico

[editar | editar a fonte]

Cun material piezoeléctrico, que ao recibir unha diferenza de tensión experimenta deformacións. Dado que os desprazamentos que sofre son microscópicos, auméntase o seu rendemento medio de trompetas ou difusores acústicos, sendo empregado para altas frecuencias.