Saltar ao contido

Sesta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"La Méridienne", tamén coñecida coma"La sieste, d'après Millet", Van Gogh
A hamaca (Die Hängematte) de Gustave Courbet (1844)

A sesta é unha pausa curta, polo xeral de entre vinte e trinta minutos, que se efectúa despois do xantar coa intención de repousar logo do traballo realizado durante a primeira parte da xornada e de recuperar enerxías. Este costume, tradicional nas culturas hispanas, practícase tamén hoxe en día en moitos outros países.

O termo "sesta" procede da expresión latina "hora sexta", que se refería ao invervalo comprendido entre as 12 e as 15 horas no que se aproveitaba para facer un descanso dos labores cotiáns [1][2]. Segundo especialistas en trastornos do sono, a explicación biolóxica da sesta radica en que o cerebro, despois dunhas horas de actividade continuada, necesita un período de descanso [3]. Asemade, o proceso dixestivo axuda a acentuar a necesidade corporal do repouso (este proceso provoca a chamada depresión postpandrial que se orixina despois de xantar, especialmente con comidas copiosas) [4].

Aínda que a duración da sesta pode ser variable segundo as persoas, o recomendable é que endexamais sobrepase os vinte ou trinta minutos. A explicación radica nas propias etapas do sono, que son en total cinco (catro máis a etapa REM) [5]:

  • Na primeira etapa (vixilia-sono) o sono é moi lixeiro e pódense percibir estímulos do exterior.
  • Na segunda etapa (sono lixeiro) diminúen o ritmo cardíaco e respiratorio e bloquéase o acceso á información sensorial.

Estas dúas primeiras etapas teñen unha duración total aproximada duns vinte minutos, pasados os cales se entra nas etapas terceira e cuarta, correspondentes ás fases profundas do sono. Espertar durante estas últimas fases pode provocar sensación de confusión, desorientación e esgotamento, de aí que se aconselle que o tempo da sesta non sobrepase ao das dúas primeiras etapas do sono.

A sesta resulta moi beneficiosa tanto para rapaces coma para adultos. Nos máis cativos, os pesadelos ou terrores nocturnos aparecen por mor dun alto grao de canseira, polo que durmir diariamente despois da comida axuda a evitar estes episodios [3]. No caso dos adultos a sesta presenta un gran número de beneficios: axuda a relaxarse e a combater o estrés diario; aumenta o rendemento intelectual e as capacidades de concentración, atención e reacción [3] (repercutindo así positivamente na produtividade); permite repoñerse do sono atrasado (unha sesta de vinte minutos equivale a unha hora de sono nocturno [6]); e diminúe o risco de enfermidades cardiovasculares.[6] Porén, quedar durmido sistematicamente despois de xantar pode indicar un problema grave, xa que pode significar que a persoa padece apnea do sono: a apnea consiste na aparición de períodos curtos nos que a persoa se asfixia mentres dorme, polo que descansa peor de noite e necesita botar logo durante o día unha sesta para repoñerse [7].

Pese a ser orixinaria da cultura latina, o hábito da sesta está moi estendido por toda Europa. Entre os países onde máis se practica están Alemaña (case cun 25%), Italia (16%), Reino Unido (15%), España (9%) e Portugal (8%) [3]. Ademais, cada vez máis empresas europeas tentan aproveitar os beneficios que unha sesta pode ter nos seus traballadores, polo que habilitan salas de descanso (coñecidas coma nap lounges) nas que os empregados se poden relaxar [3].

  1. Artigo sobre a sesta
  2. Etimoloxía "sesta"
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Importancia da sesta[Ligazón morta]
  4. "Artigo sobre a depresión postpandrial". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2009. Consultado o 19 de xuño de 2009. 
  5. Artigo sobre etapas do sono[Ligazón morta]
  6. 6,0 6,1 "Artigo sobre os beneficios da sesta" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2009. Consultado o 20 de xuño de 2009. 
  7. Artigo sobre a apnea (El País)