Rublo belaruso
- Para outras moedas con denominación semellante, véxase Rublo.
Rublo belaruso | |
---|---|
беларускі рубель en belaruso | |
Código: | BYN |
Ámbito: | Belarús |
Símbolo: | Br. |
Fracción: | 100 kópecks. |
Moedas: | 1, 2, 5, 10, 20, 50 kópecks. 1 e 2 rublos. |
Billetes: | 5, 10, 20, 50, 100, 200 e 500 rublos. |
Emisor: | Banco Central da República de Belarús. |
Taxa de troco: 9-5-2020 [1] | 1 EUR = 2,63 BYN 1 USD = 2,43 BYN |
O rublo belaruso (en belaruso: беларускі рубель rubieĺ) é a moeda de curso legal na República de Belarús. O seu código ISO 4217 é BYN e adoita utilizarse como abreviatura Br.[2][3]
O rublo belaruso divídese en 100 kópecks (капейка kapiejka).[4]
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiro rublo (1992-2000)
[editar | editar a fonte]Logo da independencia de Belarús e como resultado da ruptura da cadea de subministración nas antigas empresas soviéticas, o novo Estado precisaba liquidez para acceder aos bens e servizos no mercado. A división belarusa do Banco Estatal da URSS non tiña a capacidade nin a licenza para imprimir billetes soviéticos, polo que o Goberno decidiu a introdución da súa propia moeda nacional para aliviar a carencia de efectivo circulante.
Inicialmente suxeriuse como unidade a denominación da antiga moeda alemá Thaler (en belaruso: талер), dividida en 100 groschen (грош), mais a maioría comunista no Soviet Supremo de Belarús rexeitou a proposta e aferrouse á denominación de rublo, que era habitual na república desde os tempos da Unión Soviética e do Imperio ruso. No medieval Gran Ducado de Lituania, do que Belarús era unha parte importante, a palabra rublo tamén se utilizara para designar unha moeda en circulación.[7]
Desde o colapso da URSS e ata maio de 1992, o rublo soviético circulou en Belarús xunto cos billetes do rublo belaruso. Tamén circularon os novos billetes da recente Federación Rusa, pero foron substituídos polos billetes en rublos rusos emitidos polo Banco Nacional da República de Belarús en maio de 1992. A este primeiro rublo belaruso asignóuselle o código ISO BYB e substituíu o rublo soviético a razón de 1 BYB = 10 rublos soviéticos. O tempo de adaptación durou arredor dous anos ata que se conseguiu establecer exclusivamente o rublo belaruso.[8]
Segundo rublo (2000-2016)
[editar | editar a fonte]En 2000 introduciuse un novo rublo, con código ISO BYR, en substitución do antigo rublo, cunha relación de 1 BYR = 1.000 BYB. Soamente se emitiu papel moeda para a súa circulación, xa que as únicas moedas cuñadas foron conmemorativas, producidas exclusivamente para o coleccionismo.[8]
Desde o comezo da súa presidencia, Alexander Lukashenka suxeriu a idea de crear unha integración coa Federación Rusa e seguir os seus pasos. Desde o principio tamén xurdiu a idea de crear unha moeda única para a Unión de Rusia e Belarús; de feito, o artigo 13 do Tratado para a creación da Unión Estatal de Rusia e Belarús, de 1999, prevé unha unidade monetaria común. As discusións sobre a unión monetaria continúan logo de terse chegado ás metas fixadas por ambos os países en 2005.[10]
No entanto, a comezos de 2008, o Banco Central de Belarús anunciou que o rublo belaruso se fixaría ao dólar, no canto de ao rublo ruso. Stanislav Bogdankevich, expresidente do banco, cualificou a decisión de política, aducindo que estaba vinculada ao desgusto de Belarús pola decisión rusa de aumentar os prezos de exportación do petróleo e do gas a Belarús a principios dese mesmo ano. Cómpre ter en conta que a economía belarusa é, en gran parte, de estilo soviético, controlada centralmente, e é moi dependente das subministracións de enerxía barata desde Rusia.[11][12]
Terceiro rublo (desde 2016)
[editar | editar a fonte]O 1 de xullo de 2016 introduciuse un novo rublo, con código ISO BYN, en substitución do segundo rublo, dividido en 100 kópeks, a razón de 1 BYN = 10.000 BYR. Os rublos vellos e os novos circularon en paralelo desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro de 2016. Con esta redenominación, por primeira vez na historia do país, cuñáronse tanto moedas como billetes para a súa circulación.[13][14]
Moedas
[editar | editar a fonte]Nin durante o primeiro rublo nin durante o segundo se emitiron moedas destinadas á circulación. Ata esa data, Belarús era un dos poucos países do mundo carente de moeda metálica en circulación. Foi a partir de 2016, coa entrada do terceiro rublo, cando o país emitiu a súa primeira serie de moedas circulantes. As moedas estaban xa fabricadas en 2009 (e amosaban esa data), mais a crise financeira impediu que se puxesen en circulación naquel momento, o que provocou unha demora de sete anos vinculada á necesidade de reducir a inflación.[14]
As moedas de 1, 2 e 5 kópeks cuñáronse en aceiro bañado en cobre, en tanto que as de 10, 20 e 50 kópeks tiñan un núcleo de aceiro cun baño de latón. Pola súa banda, a moeda dun rublo tiña unha composición de aceiro niquelado e a moeda de 2 rublos era bimetálica, cun aro de aceiro e latón, e un centro de aceiro niquelado).[14][15]
Todas as moedas amosan o emblema nacional de Belarús, a inscrición БЕЛАРУСЬ (Belarús) e o ano de cuñaxe nos seus anversos. Os reversos amosan o valor facial da moeda adobiado con diferente adornos.[14]
Esta serie de moedas foi cuñada na Casa da Moeda de Lituania e na Casa da Moeda de Kremnica, en Eslovaquia.
Anverso | Reverso | Valor | Data | Aliaxe | Diámetro | Peso | Canto |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1 kópeck | 2009 | Cobre/aceiro | 15 mm | 1,55 g | Liso | ||
2 kópecks | 2009 | Cobre/aceiro | 17,5 mm | 2,01 g | Liso | ||
5 kópecks | 2009 | Cobre/aceiro | 19,8 mm | 2,7 g | Liso | ||
10 kópecks | 2009 | Latón/aceiro | 17,7 mm | 2,8 g | Estriado | ||
20 kópecks | 2009 | Latón/aceiro | 20,35 mm | 3,7 g | Estriado | ||
50 kópecks | 2009 | Latón/aceiro | 22,25 mm | 3,95 g | Estriado | ||
1 rublo | 2009 | Níquel/aceiro | 21,25 mm | 5,6 g | Estriado | ||
2 rublos | 2009 | Aro: latón/aceiro.
Centro: níquel/aceiro |
23,50 mm | 5,81 g | БЕЛАРУСЬ
РЭСПУБЛIКА БЕЛАРУСЬ 2009 |
Emisións conmemorativas
[editar | editar a fonte]Belarús é un importante produtor de moedas para o comercio numismático, especialmente de pezas de ouro e prata non circulantes destinadas ao investimento. A primeira emisión belarusa deste tipo de moedas produciuse o 27 de decembro de 1996, baixo o sistema do primeiro rublo.[8][24]
Billetes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Billetes do rublo belaruso.
Primeiro rublo
[editar | editar a fonte]En 1992 introducíronse billetes con valores nominais de 50 kópeks e de 1, 3, 5, 10, 25, 50, 100, 200, 500, 1.000 e 5.000 rublos (BYB). En 1994 engadíuselles o novo valor de 20.000 rublos. A eses seguíronos os 50.000 rublos en 1995 e os 100.000 rublos en 1996. A serie completouse co billete de 500.000 rublos en 1998 e cos de 1 e 5 millóns de rublos en 1999. Esta progresión nos valores faciais do papel moeda dá boa conta da intensa inflación que caracterizou a primeira década de independencia do país.[26]
Segundo rublo
[editar | editar a fonte]En 2000 introducíronse billetes con denominacións de 1, 5, 10, 20, 50, 100, 500, 1.000 e 5.000 rublos. En 2001 entraron en circulación novos valores de 10.000, 20.000 e 50.000 rublos, seguidos dos de 100.000 rublos en 2005 e de 200.000 rublos en 2012.[26]
O 1 de setembro de 2010 entrou en vigor unha reforma da ortografía da lingua belarusa. Consonte as vellas regras, a ortografía correcta da palabra cincuenta era пяцьдзесят (piaćdziesiat), mais segundo as novas regras debería escribirse пяцьдзясят (piaćdziasiat); a diferenza radica no sétimo carácter. Como resultado destes cambios, os billetes existentes de 50 e de 50.000 rublos pasaron a conter un erro nas súas denominacións. O 29 de decembro de 2010, o Banco Nacional de Belarús introduciu novos billetes de 50 e de 50.000 rublos coa ortografía actualizada, mantendo a mesma cor e o mesmo tamaño que nos preexistentes datados en 2000. Con este cambio aproveitouse para actualizar tamén as medidas de seguridade dos billetes.[28][29]
Terceiro rublo
[editar | editar a fonte]En 2016 introducíronse novos billetes por valor de 5, 10, 20, 50, 100, 200 e 500 rublos, correspondentes ao sistema do terceiro rublo (BYN) ou "novo rublo".[13][14][31]
O 4 de novembro de 2015, o Banco Nacional da República de Belarús anunciou que os billetes que estiveran en uso ata aquel momento serían substituídos polos novos, que xa estaban fabricados desde 2009, esperando a solución dos problemas inflacionarios para a súa posta en circulación.[13][14]
Estes billetes están impresos pola compañía De La Rue, un fabricante de billetes e artigos de papel de seguridade con sede no Reino Unido, e os seus motivos e tamaños lembran os billetes do sistema do euro.[13][14]
Tipos de cambio
[editar | editar a fonte]O 2 de xaneiro de 2009, o Banco Nacional da República de Belarús reduciu o tipo de cambio do rublo belaruso un 50 %, e o 24 de maio de 2011 un 56%.[32]
O 20 de outubro de 2011 o tipo de cambio do rublo belaruso caeu un 42 % (de 5,712 a 8,680 unidades por dólar), cando se mantivo totalmente flotante logo das demandas de Rusia e do Fondo Monetario Internacional.[33]
En xaneiro de 2015, o Banco Nacional da República de Belarús desvalorizou a súa moeda un 23 % fronte ao dólar dos EEUU, malia os esforzos para evitar que a crise do rublo ruso se estendera a través das fronteiras entre ambos os países. Ata o 1 de febreiro, un dólar valía 15,40 rublos belarusos; o día seguinte caeu a 15,45 rublos, consonte os datos da web do banco central belaruso.[34]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sitio web do Banco Central da República de Belarús.
- ↑ "Rublo". En Alfaro Asins, C. (2009).
- ↑ "Currency codes". Publications.europa.eu
- ↑ "Kopek". En Alfaro Asins, C. (2009).
- ↑ "Расследование «КП»: белорусского «зайчика» списали из детской книжки Arquivado 04 de xuño de 2020 en Wayback Machine.!" En Комсомольская правда. 22 de febreiro de 2012.
- ↑ "1 ruble". RealBanknotes.com
- ↑ Karnila, V. "Was the Russian Rouble invented in Lithuania?". En VilNews. 8 de maio de 2020.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 "Banknotes and Coins of the National Bank of the Republic of Belarus". The National Bank of the Republic of Belarus.
- ↑ "1 Rouble Tale of Pokatigoroshek". Numista.
- ↑ "Will rouble become Belarus currency?". En Pravda. 2 de decembro de 2003.
- ↑ "Is the Belarusian Ruble pegged to the US Dollar? And should it be?". En Quora. 17 de outubro de 2016.
- ↑ "FAQs: All You Need To Know About Belarusian Currency Arquivado 10 de agosto de 2020 en Wayback Machine.". En BelarusFeed.com. 30 de outubro de 2018.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 "Belarus new redenominated notes (B137a – B143a) reported for introduction on 01.07.2016". BanknoteNews.com. 5 de novembro de 2015.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 "On redenomination of the Belarusian ruble since July 1, 2016". The National Bank of the Republic of Belarus.
- ↑ "Coins Put into Circulation by the National Bank of the Republic of Belarus". The National Bank of the Republik of Belarus.
- ↑ "1 kópeck". Numista.
- ↑ "2 kópeck". Numista.
- ↑ "5 kopecks". Numista.
- ↑ "10 kópecks". Numista.
- ↑ "20 kópecks". Numista.
- ↑ "50 kópecks". Numista.
- ↑ "1 rouble". Numista.
- ↑ "2 roubles". Numista.
- ↑ "Weißrussische münchen". Belaruscoins.de
- ↑ "5 rublei". RealBanknotes.com
- ↑ 26,0 26,1 "Banknotes of the National Bank of the Republic of Belarus Out of Circulation". The National Bank of the Republic of Belarus.
- ↑ "1 ruble 2000". RealBanknotes.com
- ↑ "Belarus language changes create errors on old notes (B125 and B132)". En BanknoteNews.com. 5 de novembro de 2010.
- ↑ "Belarus new 50- and 50,000-ruble notes (B134a and B135a) confirmed". En BanknoteNews.com. 28 de abril de 2011.
- ↑ "5 rubles 2016 (dated 2009)". RealBanknotes.com
- ↑ "Banknotes of the National Bank of the Republic of Belarus in Circulation". The national Bank of the Republic of Belarus.
- ↑ "Panic ensues amongst Belarus residents after 56% devaluation of national currency". En Baltic News Network. 24 de maio de 2011.
- ↑ "Belarus ruble sinks 34% in full free float". En France24.com. 20 de outubro de 2011.
- ↑ "Belarusian Ruble Drops 20% Against Dollar in January". En The Moscow Times. 3 de febreiro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rublo belaruso |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
- Krause, C. L.; Mishler, C. (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991 (18th ed.). Krause Publications. ISBN 0873411501
- Pick, A. (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues (7th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9