Raedwald de Anglia Oriental
Nome orixinal | (ang) Rædwald |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século VI |
Morte | 624 (Gregoriano) |
Rei de Anglia Oriental | |
600 – 624 ← Tyttla de Anglia Oriental – Earpwald de Anglia Oriental → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Familia | Wuffingas |
Fillos | Ricberht de Anglia Oriental, Rægenhere, Ecgric de Anglia Oriental, Earpwald de Anglia Oriental, Sigeberht de Anglia Oriental |
Pai | Tyttla de Anglia Oriental |
Irmáns | Eni de Anglia Oriental |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Encyclopædia Britannica |
Raedwald, finado en 624, fillo de Tyttla, foi rei dos Anglos do Leste desde o 600 até o ano da súa morte.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aproximadamente a partir do 616, converteuse no gobernante inglés máis poderoso ao sur do río Humber, colocando mediante a acción militar a unha persoa da súa confianza no trono de Northumbria. Foi o primeiro gobernante de Anglia Oriental en recibir unha educación cristiá e o bautismo (da misión de Canterbury), asegurando a súa pervivencia durante a apostasía de Essex e Kent. A finais do século IX, nas Crónicas Anglosaxoas aparece designado como Bretwalda.
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]A primeira e máis completa fonte de información sobre Raedwald é Beda na súa Historia ecclesiastica gentis anglorum, que sitúa o seu reinado entre a chegada a Kent da misión agostiña e o matrimonio e conversión de Edwin de Northumbria (625-26). Unha serie de anais pertencentes a posteriores compilacións rexistraron dúas veces a súa morte: no 599 e o 624. De todos os xeitos, é probábel que o anal que se refire ao ano 599 indicase a morte do seu pai Tyttla e a ascensión ao trono de Raedwald.
Contexto do reino de Raedwald
[editar | editar a fonte]Durante a mocidade de Raedwald, as casas gobernantes noutros reinos consolidáronse. Aethelberht de Kent (que gobernou entre o 560 ao 616), casou con Berta, filla do gobernante franco Cariberto de París. Ceawlin de Wessex, o máis poderoso gobernante ao sur do Humber, rexeitou as incursións de Aethelberht de Kent até o 584 cando, tras pelexar contra os britanos, o seu poder minguou e subiu a autoridade do rei de Kent. En Mercia, a borrosa figura de Creoda, descendente de Icel, deu comezo ao poderío da súa familia.
Ao norte do Humber, os reinos de Deira (con capital en York), e Bernicia (con capital en Bamburgh), eran dirixidos por dinastías rivais. Aella de Deira estivo no trono até a súa morte no 588, deixando como herdeiros a unha filla, Acha, un fillo, Edwin, e posibelmente algún outro fillo. A dinastía berniciana, emparentada coa de Wessex, foi gañando superioridade. Por iso, Edwin pasou a súa mocidade na corte de Cadfan ap Iago de Gwynedd. O Rei de Bernicia, Aethelfrith, conseguiu, ao longo de varias guerras, consolidar o estado de Northumbria, conseguindo para si, preto do ano 604, o dominio de Deira.
A familia de Raedwald
[editar | editar a fonte]Segundo Beda, Raedwald descende de Wuffa, o fundador epónimo da dinastía dos Wuffingas. Nado preto do 560 ou do 580, foi o irmán, probabelmente maior, de Eni. Na década de 590 casou cunha muller de costumes pagáns e altos valores morais cuxo nome se descoñece. Con ela tivo dous fillos, Raegenhere (o máis vello?) e Eorpwald. Ademais, Raedwald tivo outro fillo ou fillastro chamado Sigeberht.
Non se atopa o nome "Sigeberht" na dinastía Wuffinga, pero é moi común na dinastía dos Saxóns do Leste. Sledda de Essex, que gobernou desde preto do 587 ao 604, casou con Ricula, irmá de Aethelberht de Kent. Este apoiou a ascensión ao trono de Essex do seu sobriño Saeberht, fillo de Sledda. Ambos os reis, Aethelberht e Saeberht, converteríanse ao cristianismo pouco despois. Nos textos de Guillerme de Malmesbury suxírese que a muller de Raedwald puido estar casada nun principio con alguén desta familia e, por tanto, como se indica máis arriba, Saeberht sería fillastro de Raedwald. Saeberht, quen creceu educado por costumes pagáns, gañouse a inimizade de Raedwald e exiliouse ás Galias, probablemente para protexer a súa propia liñaxe.
Os comezos do reinado de Raedwald
[editar | editar a fonte]Se esta suposición é correcta, o matrimonio de Raedwald introduciríao dentro da esfera de Kent e Essex, pero conservando a súa independencia. Nesta época, o feito máis importante foi a chegada de Agostiño de Canterbury, enviado polo Papa Gregorio Magno, e a conversión, a principios do século VII, de Aethelberht de Kent e de Saeberht de Essex, ademais do establecemento de bispados en Kent e Essex.
Raedwald recibiría o seu sacramento cristián en Kent, seguramente ante a invitación de Aethelberht. A data exacta desta iniciación descoñécese. Deste xeito, Raedwald aliñábase co sistema de autoridade de Aethelberht. Beda afirma que, mesmo durante a vida de Aethelberht, Raedwald afianzaba o liderado no sur de Inglaterra da súa nación dos Anglos do Leste.
En Anglia oriental, o seu conversión non foi aceptada nin pola súa familia, nin tampouco pola súa esposa. Ela e os seus mestres pagáns, persuadírono para que o seu compromiso cara á súa nova fe non fóra tan estrito. Por tanto, no seu templo existirían dous altares: un dedicado a Cristo, e outro para as deidades adoradas polos seus antepasados.
O exilio de Edwin
[editar | editar a fonte]Aethelfrith, o construtor do reino de Northumbria, casou con Acha, filla de Aella de Deira, e perseguía ao seu cuñado Edwin, que nese momento se atopaba no exilio, para matalo, xa que era un rival directo como pretendente ao trono de Deira. Edwin atopábase baixo a protección de Cearl, gobernante de Mercia. Casou coa súa filla e tivo con ela dous fillos. O primo de Edwin, Hereric, exiliado no reino de Elmet, foi asasinado en dito lugar. Edwin, véndose en perigo, deambulou por varios reinos como fuxitivo, ata que atopou a protección de Raedwald en Anglia Oriental.
Raedwald recibiuno cos brazos abertos e prometeu protexelo, permitíndolle unha estancia agradábel no seu reino. Esta noticia chegou a oídos de Aethelfrith, quen ofreceu moito diñeiro a Raedwald para acabar coa vida de Edwin. O rei de Anglia Oriental rexeitou a oferta. Aethelfrith insistiu unha segunda e unha terceira vez, prometendo grandes cantidades de prata e ameazando coa guerra de non cumprirse os seus desexos.
A deliberación sobre a guerra
[editar | editar a fonte]A Edwin ofrecéuselle a oportunidade de escapar, pero rexeitouna. Entón recibiu a visita dun descoñecido que coñecía os plans de Raedwald de ir á guerra. Un documento escrito en Whitby, afirma que este personaxe era Paulino de York. Ofreceulle a Edwin a esperanza, mediante o apoio de Raedwald, de que algún día chegaría a sentar nun trono.
O apoio do rei de Anglia Oriental non se realizou de non estar contemplando o ir á guerra e de non prever o futuro poder de Northumbria. Nese momento, a muller de Raedwald recriminoulle que un rei non debía traizoar a súa palabra e tampouco pór en perigo a un amigo por ouro. Pola súa banda, Edwin asegurou a Paulino que, se obtiña a vitoria e subía ao poder, aceptaría as súas ensinanzas relixiosas. Tras partir os embaixadores do seu reino, Raedwald decidiu finalmente ir á guerra.
A batalla do río Idle (616)
[editar | editar a fonte]Rapidamente, Raedwald formou un grande exército e marchou ao norte para enfrontarse a Aethelfrith antes de que este lograse reunir todas as súas forzas. A influencia de Raedwald en Lindsey percíbese no feito de que se atopase con Aethelfrith xusto ao cruzar o río Trent, a fronteira oeste de Lindsey, na beira leste do río Idle, entre Gainsborough e Bawtry. Nesta batalla faleceron o propio Aethelfrith e o fillo de Raedwald, Raegenhere. Por conseguinte, Edwin sucedeu a Aethelfrith no trono de Northumbria e os fillos deste tiveron que partir ao exilio entre pictos e escotos.
Nun relato sobre a batalla realizado por Henrique de Huntingdon, afírmase que o exército de Raedwald estaba, como nunha lexión romana, formado por tres formacións, liderada cada unha por Raedwald, Raegenhere e Edwin. Xa que o exército de Nortumbria contaba con máis soldados experimentados, Aethelfrith decidiu atacar en formación aberta. Ao ver a Raegenhere, quizais pensando que se trataba de Edwin, atacaron a súa formación, matándoo. Un Raedwald furioso logrou romper as filas northumbrias e asasinar a Aethelfrith, ademais de inflixir un gran número de baixas ao exército do seu inimigo.
O Imperium de Raedwald
[editar | editar a fonte]Aproximadamente na época desta batalla ou un pouco despois, Aerhelberht de Kent morría sendo sucedido polo seu fillo Eadbald, que non era cristián. Saeberht de Essex tamén morrera e o seu tres fillos repartíronse o reino baixo un goberno pagán, expulsando ao bispo Melito de Canterbury. A totalidade da misión de Canterbury trasladouse ás Galias para maior seguridade. Por conseguinte, o único altar real cristián neste período era o de Raedwald. Xa na época da morte deste, a misión en Kent estaba totalmente restablecida.
Beda recoñeceu a Raedwald como o sucesor do imperium de Ceawlin e Aethelberht de Kent. Tamén o chamou Rex Anglorum ou "Rei dos Anglos". Grazas á débeda que Edwin tiña con el, Raedwald converteuse nunha persoa con influencia no reino de Northumbria e, moi probabelmente, apoiou a Edwin no seu desexo de controlar Bernicia. A autoridade de Raedwald en Kent non foi conseguida posteriormente por Edwin. Este conseguiría o imperium tras a morte de Raedwald, cumprindo a súa promesa de se converter ao cristianismo e casándo coa irmá de Eadbald de Kent.
Gipeswic
[editar | editar a fonte]Ao redor do primeiro cuarto do século VII, as zonas portuarias de Gipeswic (Ipswich) comezaron a converterse en importantes centros comerciais, recibindo importacións de cerámica e, probabelmente, outras mercadorías provenientes de Renania e da Galia merovinxia. É de supor que este importante desenvolvemento tivo lugar baixo supervisión real. Aínda que levou a Gipeswic uns cen anos o conseguir desenvolverse e conseguir o status de vila, os seus comezos como asentamento reflicten a importancia de Raedwald durante a súa supremacía.
Coa excepción dunha tumba na que se atoparon bastantes obxectos probabelmente pertencentes a un visitante de Renania, os obxectos extraídos das demais tumbas atopadas no seu cemiterio, incluíndo pequenos túmulos funerarios, non son particularmente ricos ou elaborados e carecen da forte caracterización dos obxectos de finais do século sexto achados no veciño cemiterio de Hadleigh Road.
Raedwald e Sutton Hoo
[editar | editar a fonte]Non se pode probar que o monumento funerario en forma de barco de Sutton Hoo fose en honra a Raedwald. Con todo, Raedwald é o candidato máis probábel, aínda que se suxiran outros.
As probas realizadas demostran que o personaxe que está alí enterrado, viviu na época de Raedwald. O equipamento corporal de cor dourada e granate, foi producido por un ourive cunha técnica igual ou mellor a calquera usada en Europa, e foi deseñado para proxectar unha imaxe de poder imperial. Os obxectos de prata achados na tumba son únicos para ese período en Europa e a inclusión de cuncas e culleres, que foron interpretados como agasallos bautismais, non entra en conflito coa historia da conversión de Raedwald.
O propio ritual funerario en forma de barco e as fortes conexións da armadura con obxectos similares da era de Vendel, suxiren conexións xenealóxicas do tipo que se describen no poema Beowulf. Beda relátanos como, tras pasar trinta anos desde o funeral, Sutton Hoo, e en especial Rendlesham, foi obxecto do patrocinio por parte de familiares herdeiros de Raedwald.
A interpretación do reino e da autoridade de Raedwald a través dos obxectos e do funeral, require dunha opinión persoal que non debe ser dada en absoluto. Aínda así, a ensamblaxe reflicte máis aló de toda dúbida a espectacular riqueza, os contactos e a cultura do personaxe de Anglia Oriental máis poderoso da súa época. Neste período e no contexto inglés non existe testemuño comparable.
Notas
[editar | editar a fonte]- Beda, H.E. ii.15
- Kirby 1991, 52, 61
- Bede, H. E. ii.12
- Kirby 1991, 61–62
- Campbell 2000
- Bede, H.E. iii.22
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- The Venerable Bede, Historia Ecclesiástica Gentis Anglorum, ed. B. Colgrave and R.A.B. Mynors (Oxford 1969).
- R.L.S. Bruce-Mitford, Aspects of Anglo-Saxon Archæology: Sutton Hoo and other discoveries (Londres 1974).
- R.L.S. Bruce-Mitford, The Sutton Hoo Ship-Burial (Vol I) (Londres 1975).
- J. Campbell, The Impact of the Sutton Hoo Discovery, in The Anglo-Saxon State (Hambledon & London, Londres, 2000). ISBN 1-85285-176-7
- D. Dumville, 1976, The Anglian Collection of royal genealogies and regnal lists, Anglo-Saxon England 5, 23-50.
- N.J. Higham, Rædwald, in M. Lapidge et al. (eds), The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England (Blackwell, Londres 1999). ISBN 0-631-22492-0
- D.P. Kirby, The Earliest English Kings (Londres 1991).
- S. Newton, The origins of Beowulf and the Pre-Viking Kingdom of East Anglia (Cambridge 1993).
- S. Newton, The Reckoning of King Rædwald (Brightlingsea 2003).
- S. Plunkett, Suffolk in Anglo-Saxon Times (Tempus 2005).
- F.M. Stenton, 1959, The East Anglian Kings in the seventh century, in P. Clemoes (ed.), The Anglo-Saxons: Studies presented to Bruce Dickens (Londres 1959).
- B. Yorke, Kings and kingdoms of early Anglo-Saxon England (Londres 1990).