Saltar ao contido

Psitacosauro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Psitacosauro
Rango fósil: Cretáceo inferior

P. meileyingensis
Estado de conservación
Extinto (fósil)
Clasificación científica
Clase: Sauropsida
Superorde: Dinosauria
Orde: Ornithischia
Suborde: Cerapoda
Infraorde: Ceratopsia
Familia: Psittacosauridae
Xénero: Psittacosaurus
Osborn, 1923
Especies
Sinonimia

Protiguanodon Osborn, 1923
Hongshanosaurus You, Xu, & Wang, 2003

O psitacosauro (Psittacosaurus, "lagarto papagaio", do grego ψιττακος/psittakos, "papagaio" e σαυρος/sauros, "lagarto") é un xénero de dinosauro cerátopo psitacosáurido que viviu no Cretáceo inferior no que hoxe en día é Asia, hai entre 130 e 100 millóns de anos. É o xénero de dinosauros con máis especies coñecidas. Recoñécense cando menos dez especies diferentes a partir de fósiles atopados en diferentes rexións da China, Mongolia e Rusia, cunha posible especie adicional de Tailandia.

Tódalas especies de psitacosauro eran da medida dunha gacela, bípedes e herbívoros, caracterizadas por un pico elevado e potente na mandíbula superior. Só unha das especies tiña estruturas alongadas semellantes a plumas sobre a cola e a parte posterior do lombo, que probablemente servían para exhibirse. Os psitacosauros son cerátopos extremadamente primitivos e, mentres que desenvolveron adaptacións novas propias, tamén compartían moitos trazos anatómicos acos cerátopos máis tardíos, como protocerátops e o tricerátops, da medida dun elefante.