Mielopatía asociada ao virus HTLV-1
Paraparesia espástica tropical | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
ICD-10 | E04.1 |
DiseasesDB | 29487 |
MeSH | D015493 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A Mielopatía asociada ao virus HTLV-1, tamén denominada paraparesia espástica tropical (PET), é unha doenza neurolóxica hereditaria agrupada dentro do grupo das doenzas desmielinizantes.[1] Está causada por un retrovirus, o virus linfotrópico de células T humano tipo I (ou HTLV-1), descuberto no ano 1980. Este virus foi asociado dende 1985 cos síntomas da mielopatía crónica denominada paraparesia espástica tropical, en doentes de Martinica, Xamaica e Colombia, e a denominada paraparesia espásticas espiñal no sur do Xapón, que tamén se asociou a unha variedade do virus designada coma HTLV-II.
Clínica
[editar | editar a fonte]Os síntomas da paraparesia espástica tropical son, ao inicio, dificultade para camiñar. Nalgúns doentes a enfermidade maniféstase primeiro con estomatite, conxuntivite e diarrea. A partir do primeiro ano da doenza, preséntase alteracións no control dos esfínteres vesicais e vexiga neuróxena, impotencia sexual en homes, cambras en membros inferiores e hiperreflexia osteotendinosa, dor lumbar e estreñemento.
Co paso do tempo, o paciente perde totalmente a capacidade de empregar os membros inferiores e pode perder a sensibilidade nos pés. Este fenómeno denomínase paraparesia, e nesta doenza ten unha orixe viral. Así, ha de diferenciarse da paraparesia espástica familiar, cuxo orixe é hereditario. Para establecer a diferenza entre ámbalas dúas paraparesias, cómpre realizar estudos inmunolóxicos de antíxenos e anticorpos anti-HTLV.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Na actualidade non hai ningún tratamento curativo eficaz contra a paraparesia espástica tropical. Porén, a estes doentes adóitaselle pautar interferón alfa ou ciclofosfamida, iso si con resultados incertos.[2] O resto do tratamento que se emprega é puramente sintomático, isto é, procura calmar a sintomatoloxía derivada da doenza, para o control farmacolóxico de síntomas coma a espasticidade, a dor, a incontinencia urinaria. A rehabilitación xoga tamén un papel importante dadas as grandes dificultades dos pacientes para camiñaren.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ JJ Zarranz; Neuroloxía. Ed Esselvier, 4º edición. Capítulo 20: Doenzas desmielinizantes.
- ↑ Dr. Guillermo Urquizo Ayala e al: Paraparesia espástica tropical: a propósito de un caso clínico. Rev. Cuadernos 2006;51(1)71-73. Dispoñíbel aquí Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine..