Saltar ao contido

O berro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O berro
ArtistaEdvard Munch
Data1893
TécnicaÓleo, témpera e pastel sobre cartón
Dimensións91 cm × 74 cm
LocalizaciónGalería Nacional de Oslo (Oslo)

O berro (en noruegués Skrik) é unha serie de catro pinturas do noruegués Edvard Munch, a máis célebre das cales data de 1893. A obra representa unha figura andróxina nun momento de profunda angustia e desespero existencial. O plano de fondo é o peirao da ría de Oslo (Oslofjord) ao solpor. O berro é considerado como unha das obras máis importantes do movemento expresionista e adquiriu un status de icona cultural, a par da Mona Lisa de Leonardo da Vinci.

A serie ten catro pinturas coñecidas: dúas en posesión do Museo Munch, en Oslo, outra na Galería Nacional de Oslo e outra en colección particular[1]. En 2012, esta última converteuse na pintura máis cara da historia para ser rematada, nunha poxa, por 119,9 millóns de dólares.[2]

O berro de Munch

[editar | editar a fonte]

A fonte de inspiración d'O berro pode atoparse na vida persoal do propio Munch, un home educado por un pai controlador, que asistiu sendo neno á morte da nai e dunha irmá. Decidido a loitar polo soño de se dedicar á pintura, Munch cortou relación co pai e integrou a escena artística de Oslo. A escolla non lle trouxo a paz desexada, máis ben o contrario. Munch acabou cunha muller casada que só lle trouxo mágoa e desespero e no inicio da década de 1890, Laura a súa irmá favorita, foi diagnosticada de trastorno bipolar e internada nun asilo psiquiátrico. O seu estado de espírito está ben patente nas liñas que escribiu no seu diario:

Paseaba con dous amigos ao solpor – o ceo volveuse de súpeto vermello sangue – eu parei, exausto, e inclineime sobre o peitoril– había sangue e linguas de lume sobre o azul escuro do fiorde e sobre a cidade – os meus amigos continuaron, mais eu fiquei alí a tremer de ansiedade – e sentín o berro infinito da natureza.

Munch inmortalizou esta impresión no cadro O desespero, que representa un home con chapeu e medio de costas, inclinado sobre un valo nun escenario moi semellante ao da súa experiencia persoal. Non contento co resultado, Munch tentou unha nova composición, desta vez cunha figura máis andróxina, de fronte para o observador e nunha actitude menos contemplativa e máis desesperada. Tal como o seu precursor, esta primeira versión d’O bero recibiu o nome d’O desespero.

O cadro foi exposto por vez primeira en 1903, como parte dun conxunto de seis pezas, titulado Amor. A idea de Munch era representar as distintas fases dun caso amoroso, desde o encantamento inicial a unha rotura traumática. O berro representaba a última etapa, envolta en sensacións de angustia.

A recepción crítica foi dubidosa e o conxunto Amor foi clasificado como arte demente (máis tarde, o réxime nazi clasificou a Munch como artista dexenerado e retirou toda a súa obra en exposición en Alemaña). Un crítico considerou o conxunto, e en particular O berro, tan perturbador que aconsellou ás mulleres grávidas evitar a exposición. A reacción do público, no entanto, foi a oposta e o cadro tornouse en motivo de sensación. O nome O berro xorde por vez primeira nas críticas e reportaxes da época.

Munch acabou por pintar catro versión d’O berro, para substituír as copias que ía vendendo. O orixinal de 1893 (91x73.5 cm), nunha técnica de óleo e pastel sobre cartón, atópase exposto na Galería Nacional de Oslo. A segunda (83,5x66 cm), en témpera sobre cartón, foi exhibida no Museo Munch de Oslo até ao seu roubo en 2004. A terceira pertence ao mesmo museo e a cuarta era propiedade dun particular, até ser poxada pola Sotheby's, en maio de 2012. Para responder ao interese do público, Munch realizou tamén unha litografía (1900) que permitiu a impresión do cadro en revistas e xornais.

"O berro" na Galería Nacional de Noruega.

O 12 de febreiro de 1994, O berro da Galería Nacional de Oslo foi roubado en pleno día por unha banda de ladróns que estaba conformada polos máis buscados na época (en principio pensouse nun grupo antiabortista activo en Noruega,[3] logo comprobouse que fora unha banda encabezada polo ladrón de arte máis famoso de Noruega, Pål Enger; tardaron 50 segundos en realizar a operación; el mesmo recoñeceu na súa declaración policial escrita que tivera o cadro escondido entre as táboas da mesa do comedor[4]) que se permitiron deixar esta nota: «Grazas pola falta de seguridade». Tres meses despois os ladróns dirixíronse ao goberno noruegués solicitando, pola entrega do cadro, un millón de dólares estadounidenses. O goberno rexeitou a oferta. O 7 de maio recuperouse o cadro nunha acción conxunta efectuada pola policía norueguesa en colaboración con Scotland Yard e o museo Getty.

O 22 de agosto de 2004, a versión exposta no Museo Munch foi roubada a man armada por tres homes enmascarados, xunto coa Madonna do mesmo autor. O museo esperou unha petición de rescate pero esta nunca chegou. Ademais ofreceuse unha recompensa de 97 millóns de euros. Segundo o xornal sueco Svenska Dagbladet, o cadro sería queimado a fin de eliminar probas. Os dous cadros foron recuperados o 31 de agosto de 2006 pola policía norueguesa, dous anos despois do seu roubo, e en relativo bo estado. Con todo, o 20 de decembro do mesmo ano revelouse que os expertos do Museo Munch chegaron á conclusión de que o dano feito a O berro era irreparable. A deterioración, debido á humidade na zona baixa da pintura, causou unha decoloración que impide que o cadro poida ser completamente restaurado á súa perfección orixinal.

  1. Diário de Notícias (3 de maio de 2012). "'O Grito' de Munch bate recorde mundial em leilão". Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2012. Consultado o 4 de maio de 2012. (en portugués)
  2. "Com US$ 120 milhões, quadro 'O Grito' quebra recorde em leilão". G1. 2 de maio de 2012. Consultado o 03/05/2012. 
  3. «Antiabortistas noruegos se atribuyen el robo del cuadro 'El grito'.» El País, 18/02/1994.
  4. "El ladrón de 'El grito' escondió el cuadro entre los tableros de la mesa del comedor. «Es el ladrón de arte más conocido de Noruega». El Mundo, 25/09/2008 http://www.elmundo.es/elmundo/2008/09/25/cultura/1222340312.html

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]