Saltar ao contido

Non matar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este logo, creado por Glenn D. Paige, explica o concepto de non matar combinando o antigo símbolo asiático do yin-yang co recente descubrimento neurolóxico que indica que a estimulación dos circuítos entre os sistemas cerebrais que controlan as emocións e o movemento poden axudar a cambiar o comportamento humano de violento a non-violento. Analogamente, as Iniciativas Creativas Transformadoras (en azul), apoiadas nas capacidades humanas de non-matar (en branco), poden traer a fin da matanza entre humanos (en vermello).

Non matar (do inglés, nonkilling) refírese á ausencia de mortes intencionais, ameazas de morte e condicións que leven á morte intencional na sociedade humana[1]. Así como o termo "non violencia", o concepto fai referencia non a unha negación senón a unha afirmación. Aínda que o uso do termo, nun sentido académico, fai referencia, basicamente, á morte de seres humanos, en ocasións esténdese e inclúe a morte de animais e outras formas de vida[2]. Este é tamén o caso do uso tradicional do termo «non matar» como parte da ética budista, tal e como se expresa no primeiro precepto da Pancasila[3], de xeito similar ao doutras tradicións espirituais que hai arredor do mundo[4]. De forma significativa, «non matar» foi empregado recentemente na Carta para un mundo sen violencia, aprobada polo Oitavo Cumio Mundial de Premios Nobel da Paz[5].

Principios

[editar | editar a fonte]

Analizando a súa orixe, non matar abrangue os conceptos de paz (ausencia de guerra e de condicións conducentes á guerra), non violencia (psicolóxica, física e estrutural), e ahimsa (non ferir co pensamento, nin coa palabra nin coa acción)[6]. Sen excluír ningunha das anteriores, non matar proporciona un achegamento distinto, caracterizado pola perceptibilidade dos seus obxectivos e da natureza aberta da súa realización. Mentres o uso de termos como «non violencia» e «paz» adoitan seguir a forma de argumentación clásica, por medio de ideas abstractas que levan cara á pasividade[7], matar (e o seu oposto, non matar) poden cuantificarse e relacionarse con causas específicas, seguindo un enfoque de saúde pública (prevención, intervención e transformación post-traumática) cara á progresiva erradicación do matar. Esta lóxica segue as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, que clasificou a violencia como unha «doenza previble»[8].

Pola outra banda, non matar non estabelece ningún camiño predeterminado para conseguir unha sociedade libre de mortes intencionais, do xeito no que o fan algunhas ideoloxías ou tradicións espirituais que promoven restrinxir o feito de quitar vidas. Como enfoque aberto, apela á infinita creatividade e variabilidade humana, estimulando continuos estudos no eido da educación, a investigación, a acción social e a construción de políticas, desenvolvendo un eixe amplo de alternativas científicas, institucionais, educativas, políticas, económicas e espirituais á morte humana. Ademais, a pesar do enfoque específico, non matar tamén aborda cuestións sociais máis amplas[9].

En relación á agresión psicolóxica, aos ataques físicos e á tortura usadas coa intención de aterrorizar con manifestas ou latentes ameazas de morte, non matar implica a eliminación das causas psicosociais. Con respecto ás mortes causadas por condicións estruturais socioeconómicas que son produto do reforzamento letal directo, así como resultado da diversidade de recursos cuxo propósito sexa matar, non matar implica tamén a eliminación das privacións ligadas á letalidade. En canto ás ameazas sobre a viabilidade da biosfera, non matar implica a ausencia de ataques directos contra os recursos que sustentan a vida, así como o cesamento da degradación indirecta asociada coa letalidade. En relación ás formas de matar accidentais, non matar implica a creación de condicións sociais e tecnolóxicas que conduzan á súa eliminación[6].

No seu libro Nonkilling Global Political Science, Glenn D. Paige considera que menos do 0,5% de todos os humanos que algunha vez existiron mataron a outros humanos[10]. Ademais hai evidencias antropolóxicas que apuntan a que, en certas sociedades e culturas, matar ocupa niveis estatisticamente insignificantes[11]. Posto que os humanos viviron exclusivamente como cazadores-recolectores –unha forma de organización social que plasma os atributos dunha sociedade a prol de non-matar- durante o 99% da súa existencia, tamén parece claro que os niveis de violencia e matanzas teñen sido moi baixos durante a maior parte da historia do Homo sapiens sapiens[12].

Nun sentido amplo, non-matar oponse a agresión, asasinato, auto-xenocidio, asasinato a soldo, asasinato colectivo, asasinato masivo, asasinato premeditado, crime de honor, crime ritual, democidio, etnocidio, feminicidio, feticidio, guerra, infanticidio, limpeza étnica, lingüicidio, masacre escolar, matanzas domésticas, omnicidio, pena de morte, policidio, rexicidio, suicidio, suicidio-asasinato, terrorismo, tiranicidio, violencia, violencia estrutural, xenocidio, xenocidio cultural e outras formas de matar, dun xeito directo, indirecto ou estrutural.

  1. Glenn D. Paige, Nonkilling Global Political Science. Center for Global Nonkilling, 2002; 3ª edición 2009, páxina 1.[1]
  2. V. K. Kool e Rita Agrawal, "The Psychology of Nonkilling", in Toward a Nonkilling Paradigm, editado por Joám Evans Pim. Honolulu: Center for Global Nonkilling, 2009 [2].
  3. Stewart McFarlane in Peter Harvey, ed., Buddhism. Continuum, 2001, páxina 187.
  4. Véxase http://en.wikiversity.org/wiki/School:Nonkilling_studies#Program_on_Nonkilling_Spiritual_Traditions
  5. 8th World Summit of Nobel Peace Laureates, Charter for a World without Violence. Roma, 15 de decembro de 2007. [3] Arquivado 10 de maio de 2009 en Wayback Machine.
  6. 6,0 6,1 "Nonkilling Global Society", in Peace Building, editado por Ada Aharoni, in Encylopedia of Life Support Systems (EOLSS), 2005, Eolss Publishers, Oxford [4].
  7. Antonino Drago, "Nonkilling Science", in Toward a Nonkilling Paradigm, editado por Joám Evans Pim. Honolulu: Center for Global Nonkilling, 2009 [5].
  8. World report on violence and health, 2002 [6].
  9. Glenn D. Paige, Nonkilling Global Political Science. Center for Global Nonkilling, 2002; terceira edição 2009.[7]
  10. Glenn D. Paige, Nonkilling Global Political Science. Center for Global Nonkilling, 2002; 3rd ed. 2009, páxina 40.[8]
  11. Véxase Encyclopedia of peaceful societies, [9] Arquivado 10 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine..
  12. Leslie E. Sponsel , "Reflections on the Possibilities of a Nonkilling Society and a Nonkilling Anthropology", in Toward a Nonkilling Paradigm, editado por Joám Evans Pim. Honolulu: Center for Global Nonkilling, 2009 [10].

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]