Saltar ao contido

Noches en los jardines de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xardíns do "Generalife".

Noches en los jardines de España é unha obra musical do compositor español Manuel de Falla (1876-1946). A orixe andaluza de Falla reflíctese nalgúns elementos da música da obra. A súa duración aproximada está entre os 22 e os 26 minutos.

Falla comezou esta obra como un conxunto de nocturnos para piano só en 1909, mais cóntase que confiou o proxecto a Isaac Albéniz (quen daquela residía en París, como o compositor andaluz), e que este, xunto co pianista Ricardo Viñes convenceron a Falla para que transformara os nocturnos nunha obra para piano e orquestra. Aínda coa obra inconclusa, Falla volveu a España, instalándose na casa do pintor catalán Santiago Rusiñol na localidade de Sitges, e crese que a visión dos 30 lenzos do pintor titulados Jardines de España supuxo a inspiración definitiva para completar a obra.[1] Outros non concordan con esta afirmación e afirman que Falla xa comezara a traballar na obra varios anos antes de ver os cadros de Rusiñol. Henri Collet, que coñeceu ao compositor en París, suxeriu que un poema de ambiente francés pertencente a Francis James foi o motor real da composición.[2]

Falla rematou a obra en 1915, adicándolla a Ricardo Viñes. A súa estrea tivo lugar no Teatro Real de Madrid o 9 de abril de 1916 coa Orquestra Sinfónica de Madrid dirixida por Enrique Fernández Arbós, e con José Cubiles ao piano.

Viñes tocou por primeira vez a obra na súa estrea en Donostia, pouco despois da súa estrea mundial, cos mesmos protagonistas. Arthur Rubinstein estaba entre a audiencia aquela noite, e foi quen introduciu a obra en Buenos Aires. A estrea en París tivo lugar en xaneiro de 1920 co pianista Joaquín Nin e coa dirección de Fernández Arbós. O propio compositor foi o solista na estrea da obra en Londres en 1921 no Queen's Hall baixo a batuta de Edward Clark.[3]

Movementos

[editar | editar a fonte]

A obra describe 3 xardíns:

  • En el Generalife (Palacio da Alhambra, Granada)
  • Danza lejana (este segundo xardín non é identificable)
  • En los jardines de la Sierra de Córdoba (festa xitana do Corpus)

Semella que Falla propuxo a posibilidade de engadir un cuarto movemento baseado no tango de Cádiz, mais finalmente ese movemento sería empregado en El amor brujo.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Falla describiu as Noches en los jardines de España como "impresións sinfónicas". O propio Falla escribiu sobre a obra:[2]

Se estas "impresións sinfónicas" lograron o seu obxectivo, a mera enumeración dos seus títulos debe constituír unha guía suficiente para o oínte. Aínda que nesta obra -así como en toda aquela que teña o lexítimo dereito de ser considerada música- o compositor seguiu un deseño definido, en canto ao material tonal, rítmico e temático... O fin para o cal foi escrito non é outro que evocar [o recordo de] lugares, sensacións e sentimentos. Os temas empregados baséanse (como en moitas das primeiras obras do compositor) nos ritmos, modos, cadencias e figuras ornamentais que distinguen a música popular de Andalucía, aínda que eles rara vez estean empregados nas súas formas orixinais. A orquestración emprega frecuentemente, e dun xeito convencional, certos efectos peculiares dos instrumentos populares que se empregan nesa rexión de España. A música non ten ningunha pretensión de ser descritiva; é meramente expresiva. Mais algo máis que os sons dos festivais e as danzas ten inspirado estas "evocacións en son", pois a melancolía e o misterio tamén teñen a súa parte.

A parte do piano é elaborada, brillante e elocuente, mais raramente dominante, sendo o piano unha parte integrante mais diferenciada dunha grande orquestra, empregando recursos típicos do impresionismo como os arpexios con transposicións sucesivas a oitavas superiores ou glissandi.[1] A partitura orquestral é exuberante.

Trátase da obra máis impresionista do mestre gaditano, na que as influencias españolas e francesas se mostran evidentes, cunhas escalas e motivos españois moldeados nunha orquestración francesa.[1]

Se ben na obra Falla ensaia novas formas musicais, non abandona a influencia do concerto sinfónico de compositores como César Franck, Vincent d'Indy ou Claude Debussy. Nesta obra apréciase como o compositor se afasta cada vez máis da forma sonata para achegarse a un carácter rapsódico.[1]

Instrumentación

[editar | editar a fonte]

A obra orixinal está escrita para:

Instrumentación de Noches en los jardines de España
Madeiras
3 frautas e piccolo, 2 óboes e corno inglés, 2 clarinetes, 2 fagots e contrafagot.
Metais
4 trompas, 2 trompetas, 3 trombóns, tuba.
Percusión
Timbais, pratos e ferriños.
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos

arpa

Teclado
Celesta, piano
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "M. de Falla. Noche en los Jardines de España. Ficha de Audición". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2014. Consultado o 16 de xaneiro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Noches en los jardines de España de Manuel de Falla". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2014. 
  3. "Ivory Classics" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de febreiro de 2019. Consultado o 16 de xaneiro de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]