Mísia
Nome orixinal | (pt) Susana Maria Alfonso de Aguiar |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de xuño de 1955 Porto, Portugal |
Morte | 27 de xullo de 2024 (69 anos) Lisboa, Portugal |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Cemitério do Alto de São João (pt) |
Outros nomes | Mísia |
Actividade | |
Ocupación | cantante, actriz |
Xénero artístico | Fado |
Instrumento | Voz |
Premios | |
Sitio web | misia-musik.com |
Susana Maria Alfonso de Aguiar, coñecida como Mísia, nada no Porto o 18 de xuño de 1955, e finada en Lisboa o 27 de xullo de 2024, foi unha cantora portuguesa, maiormente de fado.[1][2]
Deulle nova mirada á música tradicional portuguesa, cantando en portugués, francés, napolitano, catalán e español; unha mestura de tendencias, diferentes culturas e sons, que rende homenaxe ás raíces do fado.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De familia paterna portuguesa e materna catalá, foi intérprete de fado, aínda que tamén explora outros xéneros musicais como o tango ou bolero no seu disco Drama box. Comezou a súa carreira a principios dos anos 90 e foi considerada unha das voces emblemáticas do fado moderno, recibindo numerosos galardóns ao longo da súa carreira de máis de tres décadas, entre eles a Orde das Artes e das Letras de Francia e a Ordem de Mérito da República Portuguesa.
Os seus inicios foron como bailarina de cabaret en El Molino de Barcelona. Mísia chegou ao fado cando regresou a Portugal despois de actuar no Paralelo de Barcelona, a cidade da súa nai, e despois de cantar un tempo na postmovida de Madrid.[4] [5]
Mísia é coñecida por revitalizar o xénero tradicional portugués, incorporando elementos de teatro e poesía nas súas actuacións e discos, reinterpretando autores clásicos da música e literatura portuguesas, como Amália Rodrigues, Pessoa ou Lobo Antunes.[6]
O seu álbum debut, Mísia, foi lanzado en 1991. O disco inclúe temas de Joaquim Frederico de Brito, José Niza, José Carlos Ary dos Santos, Carlos Paião, entre outros.
En 1993 volveu con Fado, que foi producido por Vitorino Salomé e que contén temas como "Liberdades Poéticas", de Sérgio Godinho, "Nasci Para Morrer Contigo", de António Lobo Antunes e Vitorino, "Fado Adivinha" de José Saramago e António Vitorino de Almeida e tamén versións de "Velhos Amantes", de Jacques Brel, "As Time Goes By" e "Nome de Rua" de Amália Rodrigues.
O seguinte disco, Tanto menos, tanto máis foi lanzado en 1995 e conta con nomes como António Lobo Antunes, Fernando Pessoa ou João Monge.
O disco Garras dos Sentidos foi publicado en 1998. Canta poemas de Fernando Pessoa, Mário de Sá Carneiro, Natália Correia e António Botto e tamén de contemporáneos como José Saramago, Mário Cláudio, Agustina Bessa-Luís ou Lídia Jorge. O álbum recibiu o premio Charles Cros en Francia.
No 1999 lanzou o disco Paixões Diagonais,que conta coa colaboración da pianista Maria João Pires. En 2001 publicouse Ritual, baseado en cancións de Carlos Paredes e poemas de Vasco Graça Moura. Publicou Canto en 2003. O disco Drama Box, publicado en 2005, contou con Fanny Ardant, Miranda Richardson, Ute Lemper, Carmen Maura, Maria de Medeiros e Sophia Calle.
Pura vida (2019) veu despois da primeira operación de cancro, con catro letras de Diego Torres Silva e un choque forte entre o acústico e o sentimental.[7]
Animal sentimental (2022) foi un álbum cuxos temas foron escollidos a partir dos capítulos do seu libro co mesmo título e foi estreado nun concerto no Museo do Oriente de Lisboa.[8] Contén: "Qué he sacado con quererte", de Violeta Parra, "De alguna manera", de Luis Eduardo Aute, ademais dunha composición de Rodrigo Leao, "Fico a cismar".[9] Están Tiago Torres da Silva, Fernando Pessoa, Mário Cláudio, Natália Correia, Vasco Graça Moura e Lídia Jorge.
Ten cantado no Teatro Nacional de São Carlos, en Lisboa, o Town Hall de Nova York, o Teatro Real Carré de Ámsterdam, o Teatro María Guerrero de Madrid, o Palau de la Música en Barcelona, a Cour d’Honneur du Palais des Papes, en Avignon, o Teatro Piccolo, en Milán e o Teatro Coccoon de Tokio. En París, nas salas como o Olympia, o Thêatre des Bouffes du Nord (con programación de Peter Brook) e a Cité de La Musique. Tamén no Gran Auditorio Culturgest de Lisboa, o Festival de Avignon no Théatre du Châtelet de París, a Berliner Philharmonie de Berlín, o Arts Festival de Hong Kong ou o festival WOMAD.[10]
Discografía
[editar | editar a fonte]- Mísia (1991)
- Fado (1993)
- Tanto menos, tanto mais (1995)
- Garras dos Sentidos (1998)
- Paixões diagonais (1999)
- Ritual (2001)
- Canto (2003)
- Drama box (2005)
- Ruas (2009)
- Senhora da noite (2011)
- Delikatessen Café Concerto (2013)
- Para Amália (2015)
- Do primeiro fado o último tango (2016)
- Pura vida (Banda sonora) (2019)
- Animal sentimental (2022)
Filmografía
[editar | editar a fonte]- Passione, de John Turturro (2010)
- Mísia, la voz del fado (2003) de Carmen Castillo.[11]
Libros
[editar | editar a fonte]- Animal sentimental (2022). Oficina do Livro.[12]
Premios[13]
[editar | editar a fonte]- 1996: Premio da Academia Charles Cros, Francia
- 2004: Grand Médaille de Vermeil de la Ville de Paris, Francia
- 2004: Ordem Chevalier des Arts et des Lettres, Francia (19 de xaneiro)[14]
- 2004: Premio dla crítica discográfica, Alemaña.
- 2004: Disco Canto Premio do Festival International du Film d’Art et Pédagogique, Francia
- 2005: Comandante da Ordem do Mérito, Portugal
- 2010: Premio Renato Carosone, Italia
- 2011: Ordem Oficcier des Arts et des Lettres, Francia
- 2012: Premio Amália Rodrigues, Portugal
- 2012: Premio Gilda de Cinema, Italia. Película Passione dirixida por John Turturro
- 2016: Academie Charles Cros, Coup de Coeur-Mémoire Vivante. Disco Para Amália
- 2019: Premio da crítica discográfica, Alemaña. Disco Pura Vida (banda sonora)
- 2020: Academia Charles Cros, en París, premio «In Honorem» pola traxectoria e innovación no fado.
Notas
- ↑ "Mísia, una Cantante Portuguesa con Aires de Fado". ElChePortu (en castelán). 2014-04-16. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ Rosa, Adriana Alves, Diana. "Morreu Mísia. Fadista tinha 69 anos". Observador (en portugués). Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Murió la cantante Mísia, intérprete del Novo Fado - Último momento - Ansa.it". Agenzia ANSA (en italiano). 2024-07-28. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Mísia, anarquista del fado, estrena disco en Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 2012-10-04. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ Francesch, Federico (2014-02-02). "Mísia -" (en castelán). Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Morreu Mísia". CNN Portugal (en portugués). Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Misia: «Sentía que tenía suerte de estar viva y notaba la presencia de la muerte»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-06-14. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Mísia: «No confieso que tengo cáncer como un pecado, yo lo declaro»". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-05-02. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Animal sentimental – Mísia". Diariofolk (en castelán). Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Mísia - Biografía". Mísia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2024. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Ciclo de los documentales de Carmen Castillo". Tinta Limón Ediciones (en castelán). 2023-08-03. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ tgadmin (2022-07-12). "Lanzamiento oficial del libro Mísia - Sentimental Animal". Mísia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2024. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "Mísia - Premios y colaboraciones". Mísia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2024. Consultado o 2024-07-28.
- ↑ "FRANÇA DISTINGUE ARTISTAS LUSOS". www.cmjornal.pt (en portugués). Consultado o 2024-07-28.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web sobe Mísia Arquivado 28 de xullo de 2024 en Wayback Machine.