Saltar ao contido

Lingua irlandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Irlandés
Gaeilge
Pronuncia:/ˈgeːlʲgʲə/
Falado en: Irlanda, Irlanda do Norte
Rexións: Europa occidental
Total de falantes: 73 803 falantes habituais e outros 1 761 420 falantes como segunda lingua (abril de 2016)[1]
Familia: Indoeuropea
 Linguas célticas
  Linguas goidélicas
   Irlandés
Status oficial
Lingua oficial de: Irlanda
Irlanda do Norte
Unión Europea
Regulado por: Foras na Gaeilge
Códigos de lingua
ISO 639-1: ga
ISO 639-2: gle
Mapa
Status

O irlandés está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[2]
Sinal indicador bilingüe: os topónimos en irlandés aparecen en letra pequena.

O irlandés[3] ou gaélico irlandés (Gaeilge) é unha lingua céltica da rama goidélica falada na illa de Irlanda. Segundo datos de 2016, na República de Irlanda había 73 803 persoas que falan o irlandés a diario fóra do sistema educativo, mentres que outras 1 761 420 declararan ser quen de falalo como segunda lingua. Tamén a fala un número indeterminado de inmigrantes noutros países (Reino Unido, Canadá, Estados Unidos e Australia). É lingua oficial da Unión Europea por selo da República de Irlanda.

Denominación da lingua

[editar | editar a fonte]

As denominacións máis habituais son gaélico irlandés ou, simplemente, irlandés. A primeira permite distinguila das variantes faladas en Escocia e Manx, mais a segunda é a preferida polos irlandeses e é a que figura na Constitución da República de Irlanda. Para algúns, incluír "gaélico" no nome fai referencia a un pasado demasiado remoto e non actual, mentres que para outros utilizar só "irlandés" é como identificar ser irlandés con ser gaélico. Na Irlanda actual o termo gaélico fai referencia aos deportes irlandeses (hurling, fútbol gaélico) e non á lingua.

No padrón oficial da lingua, Caighdeán Oifigiúil, o nome é Gaeilge, que reflicte a pronuncia /ˈgeːlʲgʲə/ do dialecto do sur (Connacht). Con anterioridade á reforma ortográfica de 1948, esta forma escribíase Gaedhilge, orixinariamente o xenitivo de Gaedhealg, que é a forma utilizada en irlandés moderno clásico. Tamén se escribiu Gaoidhealg en irlandés medio e Goídelc en irlandés antigo.

Estatuto oficial

[editar | editar a fonte]
Sinal de tráfico en irlandés.

O irlandés recoñécese na Constitución de Irlanda como primeira lingua oficial da República, co inglés como segunda lingua oficial, a pesar do seu reducido número de falantes na actualidade. Desde a fundación do Estado na década de 1920 (Estado Libre Irlandés), o Goberno de Irlanda requiría o coñecemento do irlandés para calquera posto como funcionario ou empregado de compañías estatais, mais este requisito eliminouse en 1974, debido en parte á actividade de organizacións como o Movemento pola Liberdade de Lingua. A pesar de que xa non se esixe para traballar na administración, o irlandés continúa a ser materia de ensino obrigado en todos os centros educativos sostidos con fondos públicos. En 2005 eliminouse o requisito de ter un certificado para entrar na Gardaí (policía), aínda que os que entran deben cursar dous anos. A maioría dos documentos oficiais do Goberno de Irlanda publícanse tanto en irlandés como en inglés. Na Universidade de Galway é obrigatorio coñecer irlandés para impartir docencia.

A lingua irlandesa é materia obrigatoria na República de Irlanda e é así dende a independencia. Aínda que moitos estudantes aprenden ben o irlandés a través do sistema escolar do país e desenvolven respecto cara a el, moitos outros atópano difícil ou mestres desmotivados ensínanllelo mal; a actitude destes estudantes cara ao gaélico irlandés están entre a apatía e a hostilidade. O goberno irlandés esforzouse en corrixir a situación facendo de novo o currículo de educación primaria para enfocalo no gaélico irlandés falado. Non obstante, en secundaria pódese dicir que o gaélico irlandés ensínase aínda "academicamente". Os estudantes deben escribir longos ensaios, debates e historias en gaélico irlandés para o exame do título de secundaria.

Recentemente discutiuse a abolición da obrigatoriedade do irlandés. En 2005 Enda Kenny, caudillo do principal partido da oposición, o Fine Gael, pediu que fose materia optativa nos dous últimos anos de secundaria, o que atraeu críticas dende moitos sectores, aínda que hai quen o secundou. Kenny, a pesar de ser un falante fluído, dixo que cría que o gaélico irlandés obrigatorio fixera máis mal que ben á lingua.

Un desenvolvemento relativamente recente é a proliferación dos "gaelscoileanna", é dicir, escolas onde o gaélico irlandés é a lingua vehicular da educación. En setembro de 2005 había 158 gaelscoileanna en educación primaria e 36 en secundaria na República de Irlanda e en Irlanda do Norte en conxunto (excluíndo os gaeltacht, cuxas escolas non son consideradas gaelscoileanna), o que significaba uns 31.000 estudantes. Isto representou un incremento dende un total de menos de 20 a principios dos 70, e hai planeadas 15 máis no presente. Coa apertura da Gaelscoil Liatroma no condado de Leitrim en 2005 hai agora polo menos unha gaelscoil en cada un dos 32 condados de Irlanda.

Por ser lingua oficial da Unión Europea, todos os documentos de maior nivel tradúcense para irlandés. Recentemente, recibiu certo recoñecemento oficial en Irlanda do Norte baixo o Acordo de Venres Santo.

Gaeltacht

[editar | editar a fonte]
Zonas irlandesas nas que se fala o gaélico irlandés (2011).

Existen certas áreas de Irlanda nas que o irlandés se fala de maneira tradicional como lingua materna; son as rexións coñecidas como Gaeltacht. Están no Condado de Galway, incluíndo Connemara e as Oileáin Árann; na costa oeste do Condado de Donegal; en Tyrconnell, a Península de Dingle no Condado de Kerry, así como en zonas máis pequenas dos condados de Mayo, Meath, Waterford e Cork.

En todas estas áreas a poboación de fala irlandesa foise reducindo desde que se trazaron os seus límites. Gaoth Dobhair, no Condado de Donegal, é a parroquia dos Gaeltacht de maior tamaño. As áreas de Gaeltacht numericamente e socialmente máis fortes son as do sur de Connemara, o extremo occidental de Dingle e o noroeste de Tyrconnel, coñecidas como Fíor-Ghaeltacht ("verdadeiro Gaeltacht"), se ben contan cunha poboación total que non chega aos 10.000. As maiores porcentaxes de falantes habituais atópanse en Rosmuck (máis do 91%) e arredor de Cnoc na Fola en Tyrconnell.

Cada ano, miles de adolescentes irlandeses acoden ás escolas de verán dos Gaeltacht. Conviven con familias locais, asisten a clases, participan en actividades deportivas e bailan nos céilis, todo isto coa obrigación de falar en irlandés.

Dialectos

[editar | editar a fonte]

O irlandés ten moitos dialectos diferentes. Basicamente, existen tres áreas dialectais principais, que coinciden coas provincias de Munster, Connacht e Ulster.

Dialectos de Munster

[editar | editar a fonte]

O irlandés de Munster fálase no Gaeltachtaí de Kerry, Muskerry, Cabo Clear na parte oeste do Condado de Cork e en pequenas áreas preto de Dungarvan, no Condado de Waterford. A principal subdivisión é a que separa o irlandés de Decies (falado en Waterford) e o resto.

Os trazos característicos do irlandés de Munster son:

  1. Uso de terminacións persoais en troques de pronomes con verbos. Así, "Eu debo" é en Munster caithfead, en canto que outros dialectos prefiren caithfidh mé ( significa "eu"). "Eu era e ti eras" é Bhíos agus bhís en Munster e Bhí mé agus bhí tú noutros dialectos.
  2. Diante das nasais e ll, algunhas vogais curtas alónganse e outras ditongan.
  3. Utilízase con frecuencia unha construción copulativa con is ea.

Dialectos de Connacht

[editar | editar a fonte]

O dialecto máis forte do irlandés de Connacht é o de Connemara e as Oileáin Árann. En certos aspectos, este dialecto é bastante diferente do irlandés xeral de Connacht, mais dado que a maioría dos dialectos de Connacht desapareceron durante o século pasado, o irlandés de Connemara se identifica actualmente co irlandés de Connact. Moito máis preto do irlandés tradicional de Connacht é o dialecto, moi ameazado, que se fala na rexión fronteiriza entre Galway e Mayo. O irlandés de Tourmakeady, no sur de Mayo e o País de Joyce, considéranse os dialectos vivos máis próximos do irlandés medieval. Tamén, os dialectos do norte de Mayo de Erris e Achill son, gramaticalmente e morfoloxicamente, esencialmente dialectos de Connacht, se ben mostran afinidade léxica co irlandés do Ulster, debido á inmigración masiva que seguiu á Plantación do Ulster.

O irlandés de Connemara é moi popular entre os estudantes, grazas ao manual de auto-aprendizaxe de Mícheál Ó Siadhail. Porén, certos trazos fican fóra do padrón oficial, en particular a terminación dos nomes deverbais en -achan, como lagachan en vez de lagú, "debilitamento". A pronuncia non padrón, con vogais alongadas e terminacións moi reducidas, dálle ao irlandés de Connemara o seu acento distintivo.

Os trazos distintivos deste dialecto inclúen a pronuncia de bh como w, en vez de como v, como noutras partes do país. Por exemplo Ní raibh pronúnciase "Ni raow" en Connacht e "Ni rev" no resto. Ademais, os falantes de Connacht tenden a colocar o pronome "nós" despois do verbo en vez de co verbo mesmo. Por exemplo, "Bhí muid", "nós somos", en vez de Bhíomar. Resulta unha construción moito máis fácil con calquera verbo para a forma "nós" que é a que se ensina habitualmente nas escolas.

O irlandés de Connacht está máis estendido que os demais dialectos, dado que a maioría dos falantes de irlandés proveñen de alí.

Dialectos do Ulster

[editar | editar a fonte]

O dialecto máis importante do Ulster na actualidade é o de Rosses, moi utilizado na literatura por autores como Séamus Ó Grianna e Seosamh Mac Grianna. É esencialmente o mesmo de Gaoth Dobhair, de onde proveñen a cantante Enya e o seu antigo grupo Clannad.

O irlandés do Ulster soa moi diferente e comparte varios trazos específicos co gaélico escocés. Conta tamén con moitas palabras características e matices de significado. Porén, debido ao declinio dos dialectos irlandeses falados na actual Irlanda do Norte, resulta probabelmente unha esaxeración ver o irlandés do Ulster como forma intermedia entre o gaélico escocés e os dialectos do sur e oeste de Irlanda. En efecto, o gaélico escocés conta con moitos trazos que non aparecen no Ulster mais si no Munster.

Unha característica notábel do irlandés do Ulster é a utilización da partícula negativa cha(n), en lugar das que se usan no Munster e Connaught, . Mesmo no Ulster, cha(n), tan típica do gaélico escocés, substituíu a máis común só nos dialectos máis orientais (que inclúen os xa extintos na Irlanda do Norte). A práctica parece ser que cha(n) se utiliza sobre todo ao responder a unha afirmación, tanto para confirmar unha afirmación negativa (Níl aon mhaith ann - Chan fhuil, leoga = "Non é bo" - "Seguro que non o é") como para refutar unha afirmativa (Tá sé go maith - Chan fhuil! = "É bo" - "Non, non o é!"), mentres que se prefire para contestar a unha pregunta (An bhfuil aon mhaith ann? - Níl = "É bo?" - "Non").

Outras rexións

[editar | editar a fonte]

Os dialectos de Leinster, a cuarta provincia de Irlanda, extinguíronse durante o século XX, aínda que se conservan gravacións realizadas, entre outros, pola Comisión do Folclore Irlandés.

O irlandés do Condado de Meath é un caso especial. Pertence ao dialecto de Connemara, dado que a comunidade de fala irlandesa de Meath é simplemente un grupo de falantes de Connemara que migraron na década de 1930 a resultas dunha reforma agraria dirixida por Máirtín Ó Cadhain, máis tarde un dos maiores escritores modernistas en irlandés.

Nas áreas fóra do Gaeltacht tradicional, nas que o irlandés padrón se aprende na escola, este converteuse no "dialecto" dos estudantes. Tamén ten aparecido o "irlandés de Dublín" ou "Gaelscoil Irish", un irlandés moi influenciado polo inglés. Os modismos ingleses tradúcense directamente (p.ex. Tabhair suas, "abandonar", de "give up", cando existe Lig). A gramática inglesa tamén se utiliza directamente ás veces. Con frecuencia, cando un falante non coñece unha palabra, utiliza a inglesa, afixándolle ás veces "-áil", unha terminación para nomes deverbais. Porén, ao engadírselle a unha palabra inglesa, esta convértese na raíz: p.ex. vótáil ("votar"). Utilízanse moitas palabras e expresións "Béarlachas" ("castrapo"). Tamén se utilizan as interxeccións inglesas e americanas, como like, man, so etc.

Quen estuda no leste de Irlanda tende a pronunciar as palabras irlandesas á inglesa e non na maneira tradicional gaélica.

Comparacións

[editar | editar a fonte]

As diferenzas entre dialectos son notábeis e teñen provocado dificultades á hora de definir o irlandés normativo. Mesmo frases cotiás poden mostrar unha sorprendente variabilidade dialectal. O exemplo máis común é "Como estás?":

  • Ulster: Cad é mar atá tú? ("Que é como estás ti?" Nota. caidé ou goidé e, ás veces, son variantes de cad é)
  • Connacht: Cén chaoi a bhfuil tú? ("De que maneira é que estás ti?")
  • Munster: Conas taoi? ou Conas tánn tú? ("Como estás ti?")
  • Irlandés normativo: Conas atá tú? ("Como estás ti?")

Recentemente, porén, o contacto entre os falantes dos distintos dialectos tense feito máis frecuente e teñen aparecido dialectos mixtos. Porén, moitos falantes de dialectos (especialmente no Ulster) prefiren feramente conservar a súa variante contra influencias doutros dialectos. Os acentos rexionais ensínanse habitualmente aos non nativos, que os imitan.

Existe tamén unha xerga chamada Shelta, baseada parcialmente no inglés e parcialmente no irlandés, que utilizan os viaxeiros irlandeses.

Estrutura lingüística

[editar | editar a fonte]

Os trazos máis rechamantes son a ortografía, a mutación da consoante inicial, a sintaxe verbo+suxeito+obxecto e a utilización de dúas formas distintas para o verbo ser/estar.

A cópula (an chopail) describe o que algo ou alguén é, en oposición ao como e o onde. No presente é is:

Is fear é. "É un home."
Is Sasanaigh iad. "Son ingleses."

Para "isto é", ou "iso é", utilízanse seo e sin:

Seo í mo mháthair. "Esta é a miña nai."
Sin é an muinteoir. "Ese é o mestre."

Tamén se pode engadir "está en el/ela", especialmente ao utilizar un adxectivo, cando se quer salientar a calidade:

Is fear láidir atá ann. "É un home forte."
(Literalmente: "É un home forte que está nel.")
Is cailín álainn atá inti. "É unha rapaza linda."
(Literalmente: "É unha rapaza linda que está nela.")

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

Outro trazo da gramática irlandesa que comparte con outras linguas celtas é o uso dos pronomes prepositivos (forainmneacha réamhfhoclacha), que son basicamente preposicións conxugadas. Por exemplo, a palabra que significa "en" é ag, que na primeira persoa do singular se converte en agam "en min". Cando se usa co verbo ("ser/estar"), ag indica posesión. É o equivalente do verbo "ter", do que carece o irlandés.

Tá leabhar agam. "Teño un libro." (Literalmente, "está un libro en min")
Tá deoch agat. "Tes unha bebida."
Tá ríomhaire aige. "El ten un computador."
Tá páiste aici. "Ela ten un neno."
Tá carr againn. "Temos un coche."
Tá teach agaibh. "Vós tendes unha casa."
Tá airgead acu. "Eles teñen cartos."

Compárese co bretón:

Ul levr a zo ganin. "Teño un libro."
Ur banne a zo ganit. "Tes unha bebida." ('Banne' relacionado co irlandés 'bainne' - leite, con deriva semántica)
Un urzhiataer a zo gantañ. "El ten un ordenador."
Ur bugel a zo ganti. "Ela ten un neno." ('Bugel' relacionado co irlandés "buachaill" - neno, con deriva semántica)
Ur c'harr a zo ganimp. "Temos un coche."
Un ti a zo ganeoc'h. "Tendes unha casa."
Arc'hant a zo ganto. "Eles teñen cartos."

Ortografía e pronuncia

[editar | editar a fonte]

A lingua escrita ten unha aparencia sorprendente para quen non está familiarizado. Unha vez comprendida, a ortografía é bastante obvia. O acento agudo síneadh fada (´) serve para alongar o son das vogais e, nalgúns casos, tamén modifica a súa calidade. Por exemplo, no irlandés do Munster, a é /ʌ/ ou /ɑ/ e á é /ɔ/, mais no irlandés do Ulster, á tende a ser /ɑː/.

Aproximadamente durante a segunda guerra mundial, Séamas Daltún, a cargo do Rannóg an Aistriúcháin (departamento oficial de traducións do Goberno irlandés), redixiu as súas propias directrices sobre como normativizar a ortografía e a gramática irlandesas. Estas normas de facto aprobáronse máis tarde e convertéronse na Normativa Oficial ou Caighdeán Oifigiúil. Elimináronse moitas palabras e letras mudas e as combinacións vocálicas aproximáronse da lingua escrita. Cando existían varias versións da mesma palabra nos diferentes dialectos escolleuse unha ou máis.

Exemplos:

  • Gaedhealg / Gaedhilg(e) / Gaedhealaing / Gaeilic / Gaelainn / Gaoidhealg / Gaolainn => Gaeilge, "lingua irlandesa" (Gaoluinn ou Gaolainn aínda se utiliza nos libros de autores do dialecto de Munster, ou como designación pexorativa para eles).
  • Lughbhaidh => , "Louth"
  • biadh => bia, "comida" (A ortografía biadh aínda a utilizan os falantes de dialectos que manteñen unha diferenza significativa entre biadh - nominativo - e bídh - xenitivo: "da comida". Por exemplo, no irlandés de Munster o último remata nun -g audíbel porque o -idh, -igh final perde a lenición en -ig.)

O irlandés moderno só conta cun diacrítico o agudo (á é í ó ú) síneadh fada "marca longa". O diacrítico consistente nun punto superior, chamado ponc séimhithe ou sí buailte deriva do punctum delens utilizado nos manuscritos medievais para indicar perda de lenición.

A lenición de c, p, e t indicábase colocando a letra h despois da consoante afectada; a lenición doutros sons non se marcaba. Con posterioridade, os dous métodos estendéronse para indicar a lenición de calquera son a excepción de l e n e os dous sistemas utilizáronse xuntos: a lenición podía marcarse cun buailte ou cun h posposto. Finalmente, o uso do buailte predominou cando os textos se escribían con letras gaélicas e o h cando se utilizaban as romanas.

Hoxe en día as letras gaélicas e o buailte apenas se utilizan cando o estilo "tradicional" se require, como no lema da Universidade de Dublín ou no símbolo das Forzas de Defensa Irlandesas, (Óglaiġ na h-Éireann).

Mutacións

[editar | editar a fonte]

En irlandés, existen dúas clases de mutacións iniciais:

  • Lenición (séimhiú "abrandamento") describe a modificación das plosivas en fricativas. Na ortografía antiga indicábase cun punto sobre a consoante modificada. Agora utilízase un -h-:
    • caith! "tira!" - chaith mé "Tírame" (este é un exemplo da lenición dun marcador de pasado, que se produce co uso de do, que normalmente se omite).
    • margadh "mercado", "oferta" - Tadhg an mhargaidh "o home común" (literalmente "Timoteo do mercado" (a lenición marca o caso xenitivo dun substantivo masculino)
    • Seán "Xoán" - a Sheáin! "Ó, Xoán!" (a lenición é parte do caso vocativo - de feito, a lenición do vocativo resulta do a)
  • Nasalización (urú "eclipse") cobre a sonorización das oclusivas xordas, así como a verdadeira nasalización das oclusivas sonoras.
    • athair "pai" - ár nAthair "O Noso Pai"
    • tús "comezo", ar dtús "no comezo"
    • Gaillimh "Galway" - i nGaillimh "en Galway"

Historia e política

[editar | editar a fonte]

Períodos da historia do irlandés

[editar | editar a fonte]

O léxico parece indicar que o irlandés se introduciu en Irlanda após o ano 1.200 a.C. A forma máis antiga, o irlandés primitivo, aparece en inscricións oghámicas do século IV. Após a conversión ao cristianismo, apareceu o irlandés antigo en glosas nas marxes de manuscritos en latín no século VI, que deu paso no século X ao irlandés medieval. O irlandés moderno data do século XVI.

O movemento irlandés pola lingua

[editar | editar a fonte]

O irlandés era a lingua máis falada na illa de Irlanda até o século XIX. A primeira Biblia traduciuna William Bedell, bispo da Igrexa de Irlanda en Kilmore no século XVII.

A combinación da introdución do sistema educativo de primaria, no que se prohibía o uso do irlandés e só se ensinaba o inglés, e a Gran Fame (An Gorta Mór) de mediados do século XIX, que afectou especialmente aos habitantes das zonas máis pobres, acelerou o seu declinio. Os líderes políticos, como Daniel O'Connell, eran críticos coa lingua, que vían como "reaccionaria". Os relatos contemporáneos mostran aos pais desaconsellándolles aos fillos que falasen irlandés e animándoos a empregar o inglés. Esta práctica continuou após a independencia e o estigma relacionado con falar irlandés mantívose forte. A pesar do intento de sucesivos gobernos irlandeses de promover a lingua, o seu declinio de falantes nativos dentro mesmo dos Gaeltacht tense acelerado, se ben o número dos que a saben falar no resto do país ten aumentado.

O movemento inicial de defensa da lingua partiu dos protestantes irlandés, como o lingüista e relixioso William Neilson a finais do século XVIII. O maior pulo deuse coa fundación da Liga Gaélica, Conradh na Gaeilge, por Douglas Hyde, que deu lugar ao Renacemento Gaélico. Entre os seus defensores estaban Patrick Pearse e Éamon de Valera. O interese no rexurdimento coincidiu con outros renacementos culturais, como a fundación da Asociación Atlética Gaélica e o incremento na representación de obras de teatro sobre Irlanda en inglés por autores como William Butler Yeats, J.M. Synge, Sean O'Casey e Lady Gregory, co seu lanzamento do Teatro Abbey.

Aínda que os autores do Teatro Abbey escribisen en inglés (e, de feito, a algúns desagradáballes o irlandés), a lingua influenciounos. A versión do inglés falada en Irlanda mantén semellanzas con modismos gramaticais irlandeses, o que se observan claramente nas obras de Yeats, George Bernard Shaw, Oscar Wilde e máis recentemente Seamus Heaney, Paul Durcan, Dermot Bolger e moitos outros.

En 1914 iniciouse unha campaña da Igrexa de Irlanda para promover o culto en irlandés, coa fundación de Cumann Gaelach na hEaglaise.

A Irlanda independente

[editar | editar a fonte]

Co establecemento do Estado Irlandés en 1922 (Estado Libre da Irlanda 1922-37; Éire desde 1937, ou República de Irlanda desde 1949), o inglés continuou a ser utilizado como lingua da administración, mesmo en áreas nas que o 80% da poboación falaba irlandés. Aínda que se requiría o coñecemento da lingua para ser funcionario, o seu nivel era tan baixo que non a utilizaban. A pesar da tentativa de promover o irlandés no sistema educativo, o proceso de normalización resultou un fracaso e boa parte abandonouse a partir dos 1940.

Os tres primeiros presidentes (Douglas Hyde, Sean T. O'Kelly e Éamon de Valera) falábanno ben, mais os posteriores non e o irlandés ficou relegado discursos ocasionais. Mesmo a lexislación parlamentaria só se publica con frecuencia exclusivamente en inglés, e o irlandés que se ve publicamente está moi "acastrapado" ou non é gramaticalmente correcto, o que irrita aos falantes nativos e aos seus inimigos.

A radio e televisión en gaélico (Gaeltacht radio e Teilifís na Gaeilge) teñen certo éxito, aínda que boa parte do seu éxito se debe a que emiten fútbol gaélico, hurling e rugby. Publícase un xornal en irlandés, , un semanario, Foinse, e os xornais Irish Times e Daily Ireland teñen páxinas en irlandés, que inclúen un glosario. Outras seis publicacións aparecen mensualmente.

Irlanda do Norte

[editar | editar a fonte]

Como na República, o irlandés é minoritario en Irlanda do Norte (Tuaisceart na hÉireann/Tuaisceart Éireann ou na sé chontae (os seis condados).

As actitudes cara ao irlandés reflicten as diferenzas políticas tradicionais entre as dúas comunidades divididas. Os unionistas relaciónanna coa República, dominada por católicos e, máis recentemente, co movemento republicano irlandés. Moitos republicanos, incluído o presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, aprenderon irlandés no cárcere, no que se chama jailtacht. Aínda que se ensinase nos institutos de secundaria católicos, non o era nos centros públicos protestantes e os letreiros en irlandés estaban prohibidos.

Estas leis non foron abolidas até comezos da década de 1990. Porén, xa se fundaran escolas en irlandés (gaelscoileanna) en Belfast e Derry. O irlandés recibiu recoñecemento oficial por primeira vez en 1998 co Acordo do Venres Santo.

  1. Cso.ie (ed.). "The Irish language" (PDF). Consultado o 4 de outubro de 2017. 
  2. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para irlandés.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]