Saltar ao contido

Good Bye, Lenin!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Good Bye, Lenin!
Ficha técnica
Título orixinalGood Bye, Lenin!
DirectorWolfgang Becker
ProdutorStefan Arndt
GuiónWolfgang Becker
Bernd Lichtenberg
IntérpretesDaniel Brühl
Katrin Saß
Chulpan Khamatova
Maria Simon
Alexander Beyer
MúsicaYann Tiersen
Claire Pichet
Antonello Marafioti
FotografíaMartin Kukula
MontaxePeter R. Adam
EstudioX-Filme Creative Pool
DistribuidoraX Verleih AG (Alemaña)
Sony Pictures Classics (USA)
Estrea13 de febreiro de 2003
Duración121 minutos
OrixeAlemaña Alemaña
XéneroDrama
Orzamento€4 800 000
Recadación$79 384 880
Na rede
http://www.good-bye-lenin.de/index2.php e https://www.good-bye-lenin.de/
IMDB: tt0301357 Filmaffinity: 213013 Allocine: 52715 Rottentomatoes: m/good_bye_lenin Mojo: goodbyelenin Allmovie: v282254 Metacritic: movie/goodbye-lenin! TV.com: movies/good-bye-lenin Netlix: 60034095 Editar o valor en Wikidata

Good Bye, Lenin! é un filme alemán dirixido por Wolfgang Becker que se estreou no 2003. Está protagonizada por Daniel Brühl, Katrin Sass, e Chulpan Khamatova. A maioría das escenas graváronse na Karl-Marx-Allee en Berlín e ao redor das Plattenbauten preto da Alexanderplatz.

República Democrática Alemá, outubro de 1989. Christiane, a nai de Alexander Kerner (Daniel Brühl), é unha muller orgullosa das súas ideas socialistas e dirixente do Partido Socialista Unificado entregada á política tras o abandono do seu marido á Alemaña Occidental. Christiane perde o coñecemento ao ver o seu fillo metido en disturbios ocasionados por unha manifestación en contra de Erich Honecker, coa policía do estado que tanto admira, e entra en estado de coma.

Alex vese enredado nunha complicada situación cando a súa nai sae do coma oito meses despois. Nada podería afectar tanto á súa nai como a caída do Muro de Berlín e o triunfo do capitalismo na súa amada Alemaña Oriental, e seguindo a advertencia do médico de deixala en repouso e sen grandes desgustos, para evitar unha posible recaída, decide ocultarlle que o Muro de Berlín caeu mentres ela estaba enferma. Para iso montará unha serie de falsos telexornais, coa axuda do seu amigo Denis, nos que escribirá a súa propia historia do país.

Como trama paralela, a película revela a verdadeira historia do pai de Alex e o reencontro co seu fillo.

O filme formula críticas tanto ao socialismo (a parafernalia, burocracia e militarismo), como ao capitalismo (cheo de símbolos baleiros e exaltacións do simplemente material).

Información

[editar | editar a fonte]
  • Dirixe Wolfgang Becker (Renania do Norte (Alemaña), 1954) tamén director de Schmetterlinge (1987) e Das Leben ist eine Baustelle (1997) entre outras. Tamén é autor do episodio da serie de televisión Tatort titulado Blutwurstwalzer (1991), do documental Celibidache (1992) e do telefilme Kinderspiele (1992).
  • Os seus protagonistas son Daniel Brühl, nado en Barcelona (Cataluña) e fillo de nai catalá e pai alemán; Katrin Saß; Chulpan Jamatova (Viktor Vogel – Commercial Man, Luna Papa, Tuvalu) e Maria Simon.
  • O guión está escrito polo propio director en colaboración con Bernd Lichtenberg.
  • O director de fotografía é Martin Kukula, que xa traballara con Becker en Das Leben ist eine Baustelle.
  • A a banda sonora está composta por Yann Tiersen, tamén compositor da banda sonora de Le Fabuleux Destin d'Amélie Poulain.
  • Un dos personaxes secundarios da trama é un taxista chamado Stefan Walz, e que foi cosmonauta da RDA. O personaxe está inspirado no astronauta e mito na RDA Sigmund Jähn, malia que este non acabou como taxista tras a reunificación, senón como consultor da DLR (Deutsches Zentrum für Luft- und Raumfahrt) ou Axencia espacial alemá, herdeira da do antigo Oeste, e posteriormente da ESA ou Axencia Espacial Europea.
  • O apartamento da nai de Alex está localizado no distrito berlinés de Friedrichshain e gran parte das escenas graváronse alí, incluída unha das máis importantes; cando a nai de Alex decide saír do apartamento. Con todo, Friedrichshain só se menciona unha vez nas noticias montadas despois desa escena.
  • Presentouse no Festival Internacional de Cine de Berlín de 2003 onde conseguiu o premio Blaue Engel á mellor película europea.
  • Gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Cine de Valladolid en 2003.
  • Conseguiu os Premios do Cine Europeo 2003 á mellor película, actor (Daniel Brühl) e guión, así como todos os premios do público (película, actor e actriz para Katrin Saß).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]