Forcadela, Tomiño
Forcadela | |
---|---|
Igrexa parroquial. | |
Concello | Tomiño[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 41°58′56″N 8°44′21″O / 41.98222222, -8.73916667 |
Poboación | 697 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 15[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Forcadela é unha parroquia do concello de Tomiño na provincia de Pontevedra. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 697 habitantes (349 homes e 348 mulleres). Está situada á beira do río Miño. Eclesiasticamente, pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]A parroquia aparece documentada nun documento do 10 de marzo de 1198, no que Fernán Gómez fai doazón ao Mosteiro de Oia, de canto tiña e lle pertencía na Igrexa de San Pedro de Forcadela.
O 28 de xuño de 1331 o mosteiro deu en cambio ao prelado bispo Don Rodrigo esta Igrexa e outras do seu padroado pola de San Mamede de Pedornes. Daquela estaba habitada por 168 veciños, rexidos polo contencioso polo xuíz da propia parroquia, e polo político e gobernativo polo de Barrantes. Ten décimos por valor de 14.400 reais, dos cales o párroco leva a metade con todas as primicias e dereituras parroquiais, o cóengo maxistral da Catedral de Tui unha cuarta parte, e o Beneficiado sen cura a outra cuarta parte. O cóengo ten casa reitoral e igrexario de 9 ferrados de pan en semente. A Fábrica da Igrexa percibe de renda anual 1 ferrado de trigo, 1½ de miúdo e 329 reais con 20 marabedís de arrendos e foros. Pagaba antes á Mitra de Tui medio Xantar, 1 libra de cera e 100 marabedís vellos, e agora fai entrega de 21 reais. O Beneficio con cura é de presentación do Cabido Catedral de Tui vacando nos 4 meses ordinarios, e se vaca nos outros 8 provístao o Rei; e a sen cura é de padroado Real e Ordinario[4].
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa parroquial, construída sobre a primitiva, foi reformada a finais do século XVIII, sendo mandada edificar polo bispo Fernández Angulo. A última restauración foi en 1974.
Conta cunha soa nave rectangular á que se engadiu con posterioridade o actual presbiterio como prolongación, e unha sancristía no lado norte.
A fachada principal é de gran sinxeleza. Enmarca o eixe central nunha moldura a modo de pilastras pouco fondas estendida até a base da espadana. Neste encadramento está a porta moldurada e cunha cornixa a modo de viseira seguindo a curva da porta. Un gran ventanal rectangular e con moldura forma o conxunto desta rúa central.
Nos extremos hai o mesmo estilo de pilastras, das que nace unha moldura cóncavoconvexa que vai unirse coas centrais, apoian a cornixa da mesma forma que se remata con pináculos. Unha balaustrada voada fai de protección na espadana dun só corpo e dous ocos para sendas campás. Remátase con outra cornixa que sustenta dúas pilastras extremas e un arco no que se basea a cruz de remate.
No interior hai cinco arcos de pedra apuntados que sustentan a cuberta de formigón. Os paramentos e o teito están revocados e pintados. Unha moldura en pedra percorre toda a nave á altura onde comeza a curvatura dos arcos. Tamén ten un zócolo de pedra. O arco triunfal é de medio punto e, na que sería a clave, ten a data da súa construción: 1901. No centro da bóveda da capela maior ten un octógono do que parten nervios ata os paramentos laterais.
O retablo maior, ao igual que o que ten na actualidade a Virxe do Carme, é de estilo barroco. Catro columnas salomónicas forman as rúas laterais. A fornela central está presidida polo Corazón de Xesús sobre un escalonamento rematado por un pequeno baldaquino doutras 4 columnas salomónicas. O patrón, San Pedro, está na fornela da rúa lateral dereita, e na esquerda San Xosé co Neno.
A rúa central, ademais da gran fornela central, ten dúas peanas que sosteñen dúas fermosas imaxes dentro de campás de vidro: o Neno Xesús de Praga e a Virxe co Neno. No ático ten outras tres fornelas. Na nave conserva catro retablos máis. Nun atópase a Virxe do Carme, aínda que non é o seu propio, xa que o seu escudo aparece no que acolle a Inmaculada. Nos outros dous están a Virxe da Escravitude e a Dolorosa. Neste último hai un relevo das Ánimas do Purgatorio.
Destacan tres tallas barrocas en madeira de moi boa factura, de San Pedro, San Bieito e Santo Antón de Padua.
No adro hai un cruceiro, inaugurado o 27 de agosto de 1995 segundo consta na súa base. Ten no pé un relevo de San Pedro.
Festas
[editar | editar a fonte]Celébranse dúas festas. A última semana de xuño faise a festa do patrón, San Pedro. Porén, ten máis importancia e sona a festa da Escravitude, celebrada a primeira semana de setembro.
Persoeiros
[editar | editar a fonte]Esta é a parroquia natal do escritor Manuel Santiago Fernández Álvarez, máis coñecido polo seu pseudónimo de Manuel Forcadela.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Forcadela
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Forcadela no concello de Tomiño (Pontevedra) | |
---|---|
A Aldea | Bacelos | A Cova | Os Cruceiros | Os Eidos de Abaixo | O Ferreiro | Gabín | As Garroas | Os Muños | O Pedregal | A Ponte | O Ramo | Solaveiga | O Solleiro | Vilar de Matos |
Parroquias de Tomiño
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023.
- ↑ "A GUARDA-TEBRA archivos". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2023-09-13.
- ↑ Ávila y la Cueva, F. e González Pérez, C.: Ciudad de Vigo: Villa de Bouzas: Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, p. 543