Enfermidade de Minamata
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A enfermidade de Minamata é unha síndrome neurolóxica grave e permanente causada por un envelenamento por mercurio. Os síntomas inclúen ataxia, alteración sensorial nas mans e nos pés, deterioración da vista e da audición, debilidade e, en casos extremos, parálise e morte.
Historia e características
[editar | editar a fonte]A enfermidade de Minamata chámase así porque a cidade de Minamata (no Xapón) foi o centro dun envelenamento por metilmercurio nos anos 1950. En 1956 morreron corenta e seis persoas.
Entre 1953 e 1965 houbo 111 vítimas e máis de 400 casos con problemas neurolóxicos. Tamén se deron casos de nais que non presentaban ningún síntoma, mais que deron á luz meniños gravemente afectados.
En 1968, o goberno xaponés anunciou oficialmente que a causa da enfermidade era a inxestión de peixe e de marisco contaminado de mercurio que vertera a empresa petroquímica Chisso. Calcúlase que entre 1932 e 1968, ano en que cambiou o proceso de síntese por outro menos contaminante, vertéronse na baía 81 toneladas de mercurio.
As vítimas non foron indemnizadas até 1996. O caso constitúe un dos chamados "catro grandes procesos" da responsabilidade ambiental no Xapón. A súa característica máis importante radica na admisión do uso da proba epidemiolóxica como proba do nexo causal entre o consumo dos alimentos contaminados e a enfermidade.
En 2001 había diagnosticados case 3.000 casos da enfermidade de Minamata, e 2.265 viviran na costa do Mar de Yatsushiro. Os pacientes poden solicitar compensacións económicas e axudas para os gastos médicos. Para reducir a preocupación da poboación, o goberno xaponés tamén ofrece exames médicos aos habitantes da área afectada.
A reportaxe gráfica de W. Eugene Smith atraeu a atención do mundo pola enfermidade.