Saltar ao contido

Desaparafusador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Desaparafusador básico.
Diversos tipos de desaparafusadores.
Típico desaparafusador.

Un desaparafusador[1] é unha ferramenta que se utiliza para apertar e afrouxar parafusos e outros elementos de máquinas que requiren pouca forza de apertado e que xeralmente son de diámetro pequeno.

Desaparafusador eléctrico con batería.

Os desaparafusadores documentados máis antigos foron utilizados en Europa na Idade Media. Foron inventados no século XV, en Alemaña ou Francia. Os nomes orixinais da ferramenta en alemán e francés foron schraubendreher e tournevis, respectivamente. A primeira documentación coñecida da ferramenta atópase no Housebook of Wolfegg Castle, un manuscrito medieval escrito entre 1475 e 1490.[2]

Desaparafusador de estrela

En 1933, Oregonian J.P. Thompson inventou un "parafuso encaixado cruciforme", pero non atopou promotores para a súa proposta. A súa invención languideceu ata que o enxeñeiro Henry Phillips, a quen lle gustou a idea, comprou os dereitos de patente para o deseño de Thompson.[3] Phillips recoñeceu as vantaxes da forma de cruz ou estrela encaixada da cabeza do parafuso: o desaparafusador encaixaba na cabeza destes parafusos mellor que cun desaparafusador de cabeza plana e un parafuso rañurado; tamén permitía máis forza de torsión con menos esforzo.

Desaparafusador eléctrico

O desaparafusador eléctrico está provisto dun motor, que pode estar no interior do mango. A punta do desaparafusador adoita ser intercambiable e levar accesorios para empregalo con porcas. Estes desaparafusadores diminúen o tempo de traballo e poden previr lesións no pulso.[4]

Compoñentes

[editar | editar a fonte]
Tipos de rañura.

Un desaparafusador consta normalmente de tres partes ben diferenciadas:

  • Mango: elemento por onde se suxeita, é dun material illante e de forma adecuada para transmitir forza de torsión, ademais de ergonómica para facilitar o seu uso e aumentar a comodidade.
  • Cana: barra de metal que une a punta co mango. Pode dispor dun aloxamento onde se colocan puntas intercambiables ou ter a punta forxada e endurecida na mesma peza. Frecuentemente son de aceiro para ferramentas, con cromo, vanadio e ás veces tamén molibdeno. O seu diámetro e lonxitude varía en función do tipo de desaparafusador.
  • Punta: é a parte que se introduce no parafuso. Dependendo do tipo de parafuso usarase un tipo diferente de cabeza, o cal varía acorde á necesidade. Hai innumerables tipos de cabezas de desaparafusador e todas cun mesmo propósito. Algúns dos tipos de puntas máis frecuentes son: plana ou de pa, de estrela de catro puntas, de estrías ou de cruz (Phillips e Pozzidriv) e de estrela de seis puntas (Torx), ademais das hexagonais ocas (chave de vaso) ou macizas (chave Allen) ou cadradas.

Desaparafusadores especiais

[editar | editar a fonte]
Desaparafusador buscapolos.

Os desaparafusadores de precisión son de reducido tamaño e teñen no extremo do mango un plano xiratorio para facilitar o seu manexo cunha soa man. Son empregados en actividades tales como a reloxaría ou outras que requiren traballar con parafusos pequenos como poden ser a electrónica ou o mantemento xeral dos equipos.

Un buscapolos é un desaparafusador cunha lámpada de alta reactancia integrada no seu mango para comprobar que un condutor está conectado a unha fase da rede de corrente alterna.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para desaparafusador.
  2. Rybczynski 2000, pp. 90–94
  3. ehowenespanol
  4. Rybczynski 2000, pp. 85–86

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]