Chasco común
Chasco común | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Saxicola rubicola (Linnaeus, 1766) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
vexa texto |
O chasco común (Saxicola rubicola, antes S. torquata, S. torquatus ou S. torquatus rubicola),[1] é unha pequena ave paseriforme membro da familia Muscicapidae, dos papamoscas do Vello Mundo, (antes incluída en Turdidae). Este é aínda un taxón controvertido xa que só recentemente se propuxo considerala como especie independente, Saxicola rubicola, como resultado de estudos de secuenciación de ADN, recibindo aceptación diversa. Recibe tamén os nomes de chasca, chaschás e charra[2].
Descrición
[editar | editar a fonte]O chasco e mailo carrizo —Popular[3]
|
O chasco europeo é algo menor có paporroibo. Ambos os dous sexos teñen as ás curtas, máis curtas cás do chasco siberiano (Saxicola maurus) e o chasco rabipinto (Saxicola rubetra) que son máis migratorias. No verán o macho ten o lombo e maila testa negros, a gorxa e mailo peito alaranxados, o bandullo e o baixo ventre brancos. Ten tamén parches brancos nos lados do pescozo, un pequeno parche branco na escápula da á e un moi pequeno parche branco na rabadilla, a miúdo veteado con negro. A femia ten as partes dorsais e a cabeza dunha cor marrón máis clara e sen parches brancos no pescozo, a rabadilla ou a barriga, estas áreas son de marrón claro veteadas de castaño escuro, a única cor branca é a do parche escapular nas ás e mesmo a miúdo este é de cor branca-parduzca.
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]O chasco aniña nas carrasqueiras ou queirugais, dunas costeiras e sebes formadas por pasteiros ásperos con pequenas matogueiras e silvas dispersos, espiños, herbas altas ou carrasqueiras abertos. Son non migratorias ou migrantes de curta distancia, con parte da poboación que se move ao sur para invernar máis ao sur en Europa, e máis amplamente no norte de África e no Medio Oriente até Irán.[4]
Dentro da Península Ibérica Galicia é un dos territorios que abrangue unha maior poboación desta especie. Atópase amplamente espallada nas sebes rurais e nas matogueiras de toxos, silvas, xestas etc.[5]
Vocalización
[editar | editar a fonte]O macho ten un reclamo chasqueante, como de pedras que baten entre si, seguido dun asubío; un "tsack-tsack" - "uuiit" persistente. O canto é alto e chirlante coma o da azulenta (Prunella modularis).
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Segundo estudos a nivel de ADN,[6][7][8][9][10] Saxicola torquatus, require ser dividida en varias especies debido a que é parafilética respecto das especies recoñecidas S. tectes e S. dacotiae, e pola diferenciación, illamento e diverxencia xenética entre as súas subespecies. Entre as novas especies que se establecen están Saxicola maurus e Saxicola rubicola. Mais a proposta, que recibiu a aceptación dalgún organismo,[11] aínda non foi amplamente aceptada,[12] pero o Grupo de Traballo Taxonómico de BirdLife International revísaa.[13]
Acéptanse dúas subespecies dubidosas: S. r. rubicola no sur da área de distribución, e S. r. hibernans do occidente e noroeste de Europa, notablemente nas áreas costeiras atlánticas. Son moi semellantes e dificilmente diferenciables, mais ao análise da pegada xenética (fingerprinting) de microsatélites de ADN nuclear revela algún grao de separación.[7] Estas dúas razas atópanse xuntas no occidente, o centro e o sur de Europa, o extremo noroeste de África e o occidente de Turquía.
Parentescos
[editar | editar a fonte]Ten relación próxima con algunhas especies, varias das cales son ben semellantes a esta:
- Saxicola maura, chasco siberiano
- Saxicola torquata, chasco africano
- Saxicola tectes, chasco de Reunión
- Saxicola dacotiae, chasco canario
No pasado, estas eran consideradas coespecíficas chasco europeo, e mesmo até recentemente esta xunto coas dúas primeiras foron agrupadas, en S. torquata (chasco común). Unha nova revisión coa adición de evidencias por análises de secuencias de citocromo b de ADN mitocóndrico e de secuencias de pegada xenética (fingerprinting) de microsatélites de ADN nuclear[7][9] apoia fortemente a separación en especie distintas.[14] Obsérvese que os datos moleculares non foron adquiridos de espécimes Saxicola torquata torquata senón de S. t. axillaris; e por un curto tempo, o nome S. torquata foi erroneamente empregado por eses investigadores para o chasco europeo.
Esta especie xunto coas especies de chasco siberiano e canario constitúen representantes occidentais e orientais dunha liñaxe euroasiática do complexo de especies de Saxicola torquata. As poboacións de Asia e Europa separáronse durante o Plioceno Tardío ou o Plistoceno Inferior, aproximadamente 1,5-2,5 millóns de anos atrás, e as Illas Canarias foron colonizadas por aves do occidente de Europa dende o noroeste de África, separándose o chasco canario algo máis tarde durante o Plistoceno Inferior, preto de 1-2 millóns de anos atrás.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Etimoloxía: Saxicola, "morador das rochas", do latín saxum, "rocha" + incola, "quen habita nun lugar"; torquatus, latín por "con colar"; e rubicola, "morador das silveiras", do latín rubus, silva + incola, en referencia ao seu hábitat favorito.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chasco.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do carrizo. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 41. ISBN 84-7154-379-6.
- ↑ Kirwan, G. e Bates, J.M. 2008. The status of European Stonechat Saxicola rubicola in the Islamic Republic of Iran. Sandgrouse 30:114-116.
- ↑ Distribución do Chasco común en España Arquivado 03 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine. Consultada o 03/01/20
- ↑ Wittmann, U., Heidrich, P., Wink, M., & Gwinner, E. (1995). Speciation in the Stonechat (Saxicola torquata) inferred from nucleotide sequences of the cytochrome b-gene. J. Zoo. Syst. Evol. Res. 33: 116-122.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Wink, M., Sauer-Gürth, H., & Gwinner, E. (2002). Evolutionary relationships of stonechats and related species inferred from mitochondrial-DNA sequences and genomic fingerprinting. British Birds 95: 349-355. Texto completo PDF
- ↑ Wink, M.; Sauer-Gürth, H.; Heidrich, P.; Witt, H.H. e Gwinner, E. (2002). A molecular phylogeny of stonechats and related turdids. En: Urquhart E. (ed) Stonechats. A.C. Black, London, pp. 23-30. Texto completo PDF
- ↑ 9,0 9,1 Urquhart, Ewan e Bowley, Adam (2002): Stonechats. A Guide to the Genus Saxicola. Christopher Helm, London. ISBN 0-7136-6024-4
- ↑ Woog, F., Wink, M., Rastegar-Pouyani, E., Gonzalez, J., Helm, B. (2008). Distinct taxonomic position of the Madagascar stonechat (Saxicola torquatus sibilla) revealed by nucleotide sequences of mitochondrial DNA, J. Ornithol. 149:423-430, Texto completo PDF
- ↑ "Fauna europaea". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2017. Consultado o 07 de marzo de 2010.
- ↑ BirdLife International, IUCN, Zoonomen, ITIS
- ↑ O Grupo de Traballo Taxonómico de BirdLife International tenas en revisión. BirdLife International 2008. BirdLife Checklist v1 May08. Consultada o 25 de xaneiro de 2009.
- ↑ Véxase o artigo Saxicola torquatus
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Chasco común |