Saltar ao contido

Autólico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Autólico, na mitoloxía grega, foi un afamado ladrón, normalmente de gando, pero non só. Era fillo de Hermes e de Quíone. Tiña un irmán xemelgo, Filamón, músico, e tivo unha filla, Anticlea, que foi seducida por Sísifo, co quen enxendrou a Ulises.

Dise que Quíone se deitou a mesma noite con Hermes e con Apolo. De Hermes enxendrou a Autólico, e de Apolo a Filamón.

Practicamente, só é coñecido polos roubos que cometeu sen que o descubrisen, grazas ás ensinazas recibidas do seu pai, Hermes. No caso do gando, Autólico era quen de camuflar as reses roubadas, por exemplo tinxindo a pel dos animais noutras cores diferentes da propia ou poñendo cornos ás reses que non tiñan, ou quitándoos ás que si os tiñan. Mesmo se di que tiña a capacidade de metamorfosearse a si mesmo.

Entre as súas moitas trasnadas está o roubo do gando do seu veciño Sísifo. Sospeitando este ó ver como o seu rabaño minguaba e mentres medraba o de Autólico, fixo gravar o seu nome (ou as iniciais SS [1]) nos pezuños dos animais, e así puido demostrar ante tódolos veciños que o gando que Autólico gardaba na súa corte era o seu, e puido recuperalo.

Pero ese mesmo día casaban Anticlea, a filla de Autólico, e Laertes, e Sísifo entrou na casa e maquinou ata conseguir seducir á noiva esa noite, enxendrando así ó heroe Ulises [2]. Claro que tamén se di que Autólico entregou voluntariamente a filla a Sísifo porque desexaba ter un neto tan astuto como este.

Tamén foi sonado, polas súas consecuencias, o roubo das eguas do rei de Ecalia, Éurito [3]. Éurito negara a Heracles a man da súa filla Iole, polo que todos sospeitaron que Heracles fora o ladrón, todos menos Ífito, o fillo de Éurito. Pero na busca deste para atopar as bestas, seguiu unhas pegadas que o levaron ata a casa de Heracles, en Tirinto. Cando lle pediiu explicacións, Heracles díxolle que llelas vendera Autólico, quen resultou ser o verdadeiro ladrón. Ífito esixiu a Heracles que lle devolvera os animais pero este negouse, porque el as comprara de boa fe. Discuten e ó final Heracles mata a Ífito lanzándoo desde o alto da muralla na que se atopaban nese momento.

Noutra orde de cousas, tamén lle roubou a Amintor un casco de coiro. Logo doullo a Ulises e este levábao posto na guerra contra Troia.

Pero non só foi un ladrón de éxito. Autólico forma parte do ciclo de lendas de Heracles porque foi un dos mestres que este tivo de meniño: el ensinoulle a loitar [4], mentres que Anfitrión, Cástor, Lino e Éurito lle ensinaron outras artes de guerra.

Tamén foi un dos participantes na expedición dos Argonautas [5], e de feito, era o avó de Xasón a través da súa filla Polimede, casada con Esón.

  1. Algúns autores din que mandara gravar as palabras "Roubado por Autólico" (Graves, 239).
  2. Así, Ulises herdaría a astucia que o caracteriza do seu pai Sísifo.
  3. Para Pseudo-Apolodoro, tratouse dunhas vacas (II, 6, 2).
  4. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 9.
  5. Pseudo-Apolodoro, I, 9, 16.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 239.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 60; 201.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].