Saltar ao contido

Argonautas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A nave Argo, por Lorenzo Costa

Na mitoloxía grega, os Argonautas (en grego: Αργοναύται) eran un grupo de heroes que, en anos anteriores á Guerra de Troia, acompañaran a Xasón á Cólquida, na busca do vélaro de ouro. O seu nome procede do nome da súa nave, a Argo, que á súa vez fora designada así en honra do seu construtor Argos; de modo que, literalmente, Argonautas significa "mariñeiros do Argo".

Lenda do mito

[editar | editar a fonte]

Pelias converteuse en rei de Iolco tras destronar a Esón. Este, temeroso de que o seu fillo Xasón, quen era herdeiro ó trono, fose asasinado enviouno á cova do centauro Quirón onde recibiu instrución ata o seu regreso a Iolco para reclama-lo seu dereito ó trono.

Na súa viaxe a Iolco, Xasón perdeu unha das súas sandalias e ó presentarse ante Pelías este lembrou que un antigo oráculo advertíralle sobre alguén cunha soa sandalia que baixaría do monte para destronalo e matalo. Pelias accedeu a devolverlle o trono a Xasón pero esixiulle cumprir co suposto pedido de regresar á súa orixe o vélaro de ouro.

Xasón aceptou o encargo e ordenoulle a Argos a fabricación dunha nave. Esta embarcación tiña o don da fala e da profecía. Despois formou a tripulación cos mozos máis valentes daqueles tempos.

Os Argonautas partiron da costa de Págasas e, ó seu paso pola illa de Limnos, habitada por mulleres, uníronse con elas coa idea de que concibiran fillos homes. Pasaron por Samotracia e chegaron á terra dos Dolións, onde o seu rei Cícico os acolleu. Ó partir os ventos leváronos de novo á costa, onde por erro se enfrontaron ós seus antigos anfitrións resultando mortos o rei Cícico e a súa corte. Nas costas de Misia, as ninfas apoderáronse de Hilas, e Heracles e Polifemo abandonaron o barco para ir na súa axuda e a viaxe continuou sen eles. Ó pasar pola terra do adiviño cego Fineo, librárono das Harpías, e el en agradecemento deulles o contrasinal para evita-las rochas Cianeas que destruían calquera nave que se atrevese a pasar entre elas.

Despois destas e outras aventuras a expedición chegou ó reino de Eetes. Xasón realizou unha visita ó monarca e solicitoulle a entrega do Vélaro de Ouro. O rei para entregarllo pediulle a cambio que domara os touros con unllas de bronce e que arase o campo e o sementase con dentes de dragón que lle entregaría.

Medea, filla de Eetes e namorada de Xasón, ofreceuse a axudarlle sempre e cando Xasón casase con ela. Entregoulle unha cataplasma máxica para que a aplicase sobre o seu corpo e un escudo co que quedaría protexido contra o lume e o ferro. Advertiulle que ó sementa-los dentes do dragón converteríanse en soldados que o asasinarían. Indicoulle que lanzara pedras sen ser visto e deste modo confundiríaos facendo que loitasen e se matasen entre eles.

Xasón realizou estas tarefas con éxito, pero Eetes incumpriu a súa promesa. Entón Xasón, axudado por Medea, durmiu ó dragón gardián, apoderouse do vélaro de ouro e fuxiu con ela. Cando o rei Eetes descubriu a fuga e o roubo do vélaro de ouro, lanzouse na súa procura. Medea, para atrasalo, deu morte ó seu irmán Apsirto, e lanzou ó mar un a un os seus membros. Eetes non puido levar a bo termo a persecución ó ir recollendo os restos do seu amado fillo.

De regreso, ó seu paso pola illa das sereas, os argonautas foron protexidos dos seus cantos por Orfeo, músico de Tracia, coa súa melodiosa lira e voz; chegaron a Creta, onde se enfrontaron ó xigante Talos coa axuda dos feitizos de Medea.

Ó chegar a Iolco, traendo o vélaro de ouro, Xasón soubo que Pelias asasinara a tódolos seus parentes e que ademais se negaba a entregarlle o trono. Medea convenceu ás fillas do rei a que lle axudaran a eliminalo prometéndolle-la eterna xuventude. Xasón asumiu o trono e, con Medea, reinou en Iolco. Anos máis tarde concibiron un fillo, confiándolle a súa educación ó centauro Quirón.

Os Argonautas máis célebres

[editar | editar a fonte]

Partiron en total cincuenta guerreiros, dos cales os principais Argonautas eran:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]