Antroponimia islandesa
A antroponimia islandesa é de carácter patronímico, ou ocasionalmente matronímico, no que respecta á creación dos apelidos, así indican o pai (ou a nai) do meniño ou meniña e non a liñaxe histórica familiar, difire xa que logo da maioría dos sistemas antroponímicos occidentais no que respecta á creación de apelidos. Islandia comparte unha herdanza cultural común a outros países escandinavos como Noruega, Suecia e Dinamarca, ou coas Illas Feroe, que antigamente empregaban o mesmo sistema tradicional mais que acabaron abandonando, aínda que se está a reintroducir como unha opción[1][2]. Así e todo existen islandeses con apelidos de liñaxe familiar, en boa parte herdados de proxenitores de orixe estranxeira. Antes de 1925 legalmente era posible adoptar novos apelidos familiares, mais dende 1925 tan só é legal adoptalos de se demostrar que existe dereito a usalos por herdanza[3]. E así segundo a tradición islandesa a maioría dos apelidos rematan en -son ou -dóttir con poucas excepcións.
Os nomes sen tradición en Islandia han de ser aprobados polo Comité de Nomes para que se poidan usar oficialmente[4]. Para aceptar un nome ten que se poder incorporar con facilidade na lingua islandesa e, con algunha excepción, han conter só letras do alfabeto islandés (incluíndo þ e ð), e o nome ten que poder declinarse segundo as normas gramaticais do islandés.
Creación de apelidos
[editar | editar a fonte]O modo de creación dun apelido é sinxelo. Na maioría dos casos tómase o nome do pai en xenitivo coa terminación -son, no caso dun neno, ou -dóttir, se é nena. Tamén se aceptan os apelidos creados a partir do nome da nai, aínda que é moito menos frecuente aínda que no século XXI adquiriron máis aceptación e uso, tanto polo aumento de nais solteiras como das ideas feministas.
Así, un home de nome Jón Einarsson se ten un fillo chamado Ólafur, non vai levar como apelido Einarsson coma seu pai, senón Jónsson, que indica que Ólafur é o fillo de Jón (Jón + son, que significa fillo) Se o mesmo home ten unha filla denominada Sigríður, o apelido da filla será Jónsdóttir, que indica literalmente que Sigríður é a filla de Jón (Jón + dóttir, que significa filla).
Nalgúns casos o apelido pode derivar do segundo nome do pai, ou da nai. Así se Jón é fillo de Hjálmar Arnar Vilhjálmsson, pode recibir levar como nome Jón Hjálmarsson (Jón fillo de Hjálmar) ou Jón Arnarsson (Jón fillo de Arnar).
Tradicionalmente no caso de dúas persoas do mesmo círculo social teñan o mesmo primeiro nome e o mesmo nome do pai, podíanse distinguir polo nome paternal do seu avó, así Jón Þórsson Bjarnarson (Jón fillo de Þór Bjarnarson) e Jón Þórsson Hallsson (Jón fillo de Þór Hallsson). Na época contemporánea é un sistema que con escasa vitalidade, aínda que aparece frecuentemente nas sagas.
Apelidos de liñaxe familiar
[editar | editar a fonte]Na segunda metade do século XIX algúns islandeses comezaron a adoptar apelidos familiares, en especial aqueles que estudaran fóra, a maioría de clase alta ou altos funcionarios[5]. En 1855 había 108 apelidos familiares mentres en 1910 eran xa 297[5]. En 1913 o Althing legalizou a adopción de apelidos familiares mais en 1925 prohibiu a adopción de novos apelidos familiares[5].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Fornavne, mellemnavne og efternavne". Ankestyrelsen. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2017. Consultado o 29 de outubro de 2017.
- ↑ "Surnames with the suffix -son or -dotter". Swedish Patent and Registration Office. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2013. Consultado o 25 de outubro de 2013.
- ↑ "Personal Names Act". Ministerio do Interior. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2016. Consultado o 25 de outubro de 2013.
- ↑ "Naming Committee accepts Asía, rejects Magnus". Iceland Review Online. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2012. Consultado o 12 de setembro de 2006.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Björnsson, Páll (Outono de 2017). "Ættarnöfn - eður ei". Saga.