Harry Potter e as reliquias da morte
- Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre os filmes e mais os videoxogos.
Harry Potter e as reliquias da morte | |
---|---|
Monte de libros arrombados nunha libraría de Stirling na noite da presentación do libro. | |
Título orixinal | Harry Potter and the Deathly Hallows |
Autor/a | J. K. Rowling |
Cuberta | Dolores Avedaño[1] Jason Cockcrof |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | Inglés |
Colección | Harry Potter |
Tema(s) | Magia de Harry Potter e Harry Potter |
Xénero(s) | Fantasía, misterio |
Editorial | Galaxia Bloomsbury |
Data de pub. | 21 de febreiro de 2008 21 de xullo de 2007 |
Formato | Capa dura |
Páxinas | 632 |
ISBN | ISBN 978-84-9865-050-1 |
Precedido por | Harry Potter e o misterio do príncipe |
Seguido por | Harry Potter and the Cursed Child |
Tradución | Laura Sáez |
[ editar datos en Wikidata ] |
Harry Potter e as reliquias da morte é o nome do sétimo e derradeiro libro da saga de Harry Potter escritos pola británica J. K. Rowling. O título en inglés foi revelado na páxina web oficial da súa autora o 21 de decembro de 2006. Máis tarde, o 1 de febreiro de 2007 anunciouse oficialmente que a data da publicación da edición en inglés do libro será o 21 de xullo de 2007. A data de publicación da edición en galego foi o 21 de febreiro de 2008[2], simultaneamente coas versións en castelán e catalán.
O sétimo libro é a conclusión e culminación da saga. Trata acerca do mozo Harry Potter e a súa busca e destrución dos restantes Horcrux (partes da alma de lord Voldemort) para acabar dunha vez co mago escuro.
O sexto libro deixou varias cuestións sen responder, e os fans queren saber como acabarán os eventos na serie, o cal fai deste libro moi agardado. J. K. Rowling dixo que, máis ca calquera outro libro de Harry Potter, o sétimo libro será unha continuación da historia incompleta do sexto libro.
Por outra banda, J. K. Rowling sinalou que non ten intencións de escribir un oitavo libro (secuela dos anteriores), nin unha precuela; pero tamén dixo que é posible que escriba libros que xoguen un papel secundario ou que teñan un fin caritativo, como Fantastic Beasts and Where to Find Them ou Quidditch Through the Ages que publicou anteriormente.
Epígrafe
[editar | editar a fonte]Todos os libros da serie Harry Potter teñen dedicatorias, pero Harry Potter e as reliquias da morte é o único que inclúe unha epígrafe. Este consta de dúas citas sobre a morte e a amizade. A primeira é unha tradución ao inglés dunha pasaxe da Orestíada, unha das traxedias do escritor grego Esquilo. A segunda cita é de More Fruits of Solitude, escrita en 1682 por William Penn, un autor cuáquero, fundador de Pensilvania.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Deixando aos Dursley
[editar | editar a fonte]Como a protección que a casa dos Dursley proporciona a Harry expirará cando cumpra 17 anos, a Orde do Fénix decide separar aos Dursley e a Harry por seguridade. Para iso, usan Harrys falsos como reclamos para así tratar de despistar aos devoradores da morte, pero lord Voldemort e os seus secuaces logran identificar ao verdadeiro Harry. Aínda que case todos logran escapar ao Tobo, Ollotolo Moody e Hedwig (o moucho de Hary) morren durante o ataque.
Uns días despois, o Ministro de Maxia, Rufus Scrimgeour, acode ao Tobo ao encontro de Harry, Ron e Hermione para lles entregar o legado do testamento de Dumbledore. Ron recibe un Desluminador, un aparello máxico que captura a luz; Hermione recibe un libro con historias infantís escrito en Runas Antigas e Harry herda a espada de Godric Gryffindor e a pispa dourada que capturou no seu primeiro partido de quidditch no seu primeiro ano. O Ministro retén a espada, alegando que esta non foi nunca propiedade de Dumbledore e, polo tanto, non a pode obter.
Na procura dos Horcrux
[editar | editar a fonte]Durante a voda de Bill Weasley e Fleur Delacour, aparece o patronus de Kingsley Shacklebolt coa mensaxe: «O Ministerio caeu. Scrimgeour foi asasinado. Veñen para aquí.» (The Ministry has fallen. Scrimgeour is dead. They are coming.). Inmediatamente despois chegan os devoradores da morte. Harry, Ron e Hermione escapan e refúxianse no abandonado número 12 de Grimmauld Place. Descobren alá que o irmán de Sirius, Regulus, é o tal "R.A.B", que se levara o Horcrux do lago na cova (o medallón) pero que, entón, estaba en mans de Dolores Umbridge, así que se infiltran no Ministerio de Maxia usando a poción Polizume e recuperan o Horcrux.
Tras pasar uns meses movéndose dun lado a outro, o trío escoita unha conversa que revela que o Ministerio garda a confiscada espada de Gryffindor na cámara acoirazada de Bellatrix Lestrange en Gringotts, o banco dos magos. Pero o Ministerio non sabe que esa espada é falsa; descoñécese o paradeiro da verdadeira. Cando Harry descobre que Dumbledore eliminou un Horcrux coa espada real, quere ir a buscala para así poder destruír os outros Horcrux. Ron anóxase porque Harry non ten un plan claro para atopar os outros e abandona a Harry e Hermione. Eles dous van a Godric's Hollow, coa esperanza de que Dumbledore agachase alí a espada. Porén, caen nunha emboscada tendida por Voldemort e a súa serpe Nagini. Durante a súa escapada, Hermione rompe accidentalmente a variña de Harry.
Unha noite, un descoñecido patronus con forma de cerva prateada aparece preto do campo e conduce a Harry ata a verdadeira espada de Gryffindor. Cando Harry trata de recuperar a espada, situada ao fondo dun lago xeado, o Horcrux con forma de medallón estréitase ao redor do seu pescozo, esganándoo. Ron, que volta inesperadamente, rescata a Harry e destrúe o Horcrux coa espada.
As reliquias da morte
[editar | editar a fonte]O trío acode a ver a Xenophilius Lovegood, o pai de Luna Lovegood, ao que preguntan acerca dun símbolo co que toparon varias veces. El dilles que representa ás Reliquias da Morte, tres obxectos lendarios que podían conquistar a morte: A Variña de Bieiteiro, a Pedra de Resurrección e a Capa de Invisibilidade. Harry está convencido de que a súa Capa de Invisibilidade é unha das tres Reliquias. Xenophilius traiciónaos ao Ministerio coa esperanza de que lle devolvan a Luna, a quen os devoradores da morte tomaron como refén, pero Harry, Ron e Hermione logran escapar.
Os rastreiros (un grupo de persoas que pululaban polas rúas buscando a fuxitivos do Ministerio) capturan aos tres rapaces despois de que Harry usase accidentalmente o nome de Voldemort, o cal activaba un feitizo rastrexador ao pronuncialo. Eles son feitos presos na Mansión dos Malfoy, o novo cuartel xeral dos devoradores da morte. Ao atopar a espada entre as pertenzas do trío, Bellatrix Lestrange teme que irrompesen na súa cámara acoirazada en Gringotts. Nese intre aparece Dobby (o trasno doméstico), que vén liberar os presos, pero Peter Pettigrew descóbreos. Pettigrew compensa a súa débeda con Harry entregando a súa vida, e é vítima da súa propia man de prata, a cal o estrangula. Durante a fuxida, Harry queda coas variñas de Bellatrix e Draco Malfoy, pero Bellatrix mata a Dobby. O trío irrompe en Gringotts, coa axuda do sumicio Griphook (que traballara alí), e conseguen a Copa de Hufflepuff, outro dos Horcrux, pero perden a espada. Conseguen escapar a duras penas montados nun dragón. Voldemort dáse de conta de que alguén está a destruír os seus Horcrux, e o nexo mental entre Harry e o Señor Escuro revélalle a Harry que hai un agochado nalgún lugar de Hogwarts.
A batalla de Hogwarts
[editar | editar a fonte]O irmán de Dumbledore, Aberforth, axuda ao trío a entrar a Hogwarts. Alertan ao profesorado sobre a inminente chegada de Voldemort. Varios membros da Orde do Fénix acoden a loitar xunto a Harry, e as forzas de Voldemort atacan Hogwarts. Fred Weasley morre na batalla. Harry descobre que o Diadema perdido de Ravenclaw é o Horcrux agochado na escola, e conclúe que se atopa na Sala do Necesitado. Mentres tanto, Ron e Hermione entran na Cámara dos Segredos e toman cairos de basilisco, cos cales Hermione destrúe a Copa de Hufflepuff. Logo, na Sala do Necesitado, os tres enfróntanse a Draco, Crabbe e Goyle. Crabbe utiliza con torpeza o conxuro Fogodemo, un feitizo moi poderoso, causando a súa propia morte e destruíndo, sen sabelo, o Diadema de Ravenclaw.
Harry ten outra visión e vai á Choupana Chiona en Hogsmeade, o pobo que está ao carón do colexio. Alá, sen ver visto, ve como Voldemort ordena a Nagini que mate a Snape, que fora director de Hogwarts ata ese momento. Voldemort cre que Snape se converteu no amo da Variña de Bieiteiro cando matou o seu dono anterior, Dumbledore, e que coa morte de Snape a variña porase ao seu servizo. Antes de morrer, Snape dálle a Harry, despois de que Voldemort abandonase o lugar onde estaba, varios recordos seus. Usando o pensadoiro, Harry ve que Snape sempre foi leal a Dumbledore, levado polo amor da súa vida, Lily Evans, a nai de Harry. Dumbledore, condenado a morrer despois de ser maldicido polo Anel de Gaunt, pediulle a Snape que o matase, se era necesario, para librar a Draco desa tarefa. Snape enviara o patronus con forma de cerva prateada a Harry para lle dicir onde se atopaba a espada de Gryffindor. E, finalmente, Harry descobre que el mesmo é un Horcrux; Voldemort non pode ser asasinado mentres Harry siga con vida.
Aceptando o seu destino, Harry vai só á Fraga Prohibida onde Voldemort o agardaba. Antes de chegar ao lugar, Harry abre a pispa dourada que lle deixara Dumbledore e no seu interior encontra a Pedra de Resurrección, unha das Reliquias da Morte. Con ela invoca aos espíritos de James e Lily Potter, Sirius Black e Remus Lupin (este último foi recentemente asasinado en batalla de Hogwarts xunto á súa esposa, Nymphadora Tonks), que lle dan ánimos. Harry permite que Voldemort lle lance o Avada Kedavra, a maldición letal. Logo, Harry esperta na estación de King's Cross, onde Albus Dumbledore aparece e lle explica que, ao igual que Voldemort, non pode morrer mentres un fragmento da súa alma permaneza en Harry, e que Harry non pode morrer mentres o seu sangue viva no corpo de Voldemort.
Harry revive, pero fai que está morto. Voldemort, crendo ter derrotado por fin a Harry, lévao a Hogwarts como trofeo. A batalla comeza de novo, e Harry, sen que ninguén se decate, cóbrese coa Capa de Invisibilidade, mentres que Neville quita a Espada de Gryffindor, que saíu por si soa do Sombreiro Escolledor, e decapita a Nagini, destruíndo o derradeiro Horcrux. Por outra banda, Molly Weasley enfróntase a Bellatrix Lastrange e véncea. Harry quita a Capa e enfróntase a Voldemort, dicíndolle que cando Draco Malfoy desarmou a Dumbledore (o ano anterior antes de ser asasinado por Snape), Draco, sen sabelo, volveuse o amo da Variña de Bieiteiro. Posto que Harry lle arrebatara despois a Draco a súa variña, a lealdade da Variña de Bieiteiro pasou a Harry. Voldemort conxura o Avada Kedavra contra Harry, pero a Variña de Bieiteiro coa que realiza a maldición protexe a Harry, o seu amo, e o conxuro rebota, matando a Voldemort.
Tralo seu enfrontamento final con Voldemort, Harry quere evitar que ninguén unha de novo as tres Reliquias. Conserva a Capa de Invisibilidade, deixa a Pedra de Resurrección na Fraga Prohibida e planea devolver a Variña de Bieiteiro á tumba de Dumbledore. Salvo que alguén derrote a Harry, o poder da Variña de Bieiteiro morrerá con el.
Epílogo
[editar | editar a fonte]Dezanove anos despois, Harry e Ginny teñen tres fillos: James, Albus Severus e Lily. Ron e Hermione teñen dous fillos chamados Rose e Hugo. As familias están en King's Cross, onde Albus Severus e Rose saen para o seu primeiro ano en Hogwarts, acompañados de James, que xa cursara algúns anos no colexio. Alí na estación, ven a Draco Malfoy e á súa esposa co seu fillo Scorpius; Malfoy dá sinais de recoñecer a Harry, e logo afástase. Harry dille a Albus Severus, que non quere ser elixido para a casa Slytherin, que o seu nome vén de Severus Snape e de Albus Dumbledore, e que Snape foi, probablemente, o home máis valente que Harry coñeceu xamais. Revélase tamén que Neville é agora o profesor de Herboloxía en Hogwarts e íntimo amigo de Harry. O libro conclúe coas palabras: «The scar had not pained Harry for nineteen years. All was well.» ("A cicatriz non o molestara en dezanove anos. Todo estaba ben.").
Capítulos do libro
[editar | editar a fonte]Á esquerda están os títulos dos capítulos en inglés, e á dereita o seu correspontente título en galego:
- The Dark Lord Ascending
- In Memoriam
- The Dursleys Departing
- The Seven Potters
- Fallen Warrior
- The Ghoul in Pyjamas
- The Will of Albus Dumbledore
- The Wedding
- A Place to Hide
- Kreacher's Tale
- The Bribe
- Magic is Might
- The Muggle-Born Registration Commission
- The Thief
- The Goblin's Revenge
- Godric's Hollow
- Bathilda's Secret
- The Life and Lies of Albus Dumbledore
- The Silver Doe
- Xenophilius Lovegood
- The Tale of the Three Brothers
- The Deathly Hallows
- Malfoy Manor
- The Wandmaker
- Shell Cottage
- Gringotts
- The Final Hiding Place
- The Missing Mirror
- The Lost Diadem
- The Sacking of Severus Snape
- The Battle of Hogwarts
- The Elder Wand
- The Prince's Tale
- The Forest Again
- King's Cross
- The Flaw in the Plan
Epilogue: Nineteen Years Later
- O Señor Escuro ascende
- In Memoriam
- A marcha dos Dursley
- Os sete Potters
- Guerreiro abatido
- O coco en pixama
- O testamento de Albus Dumbledore
- A voda
- Un lugar onde esconderse
- A historia de Kreacher
- O suborno
- A maxia é poder
- A Comisión de Rexistro da Descendencia Muggle
- O ladrón
- A vinganza dos sumicios
- Godric's Hollow
- O segredo de Bathilda
- Vida e mentiras de Albus Dumbledore
- A cerva prateata
- Xenophilius Lovegood
- O conto dos tres irmáns
- As Reliquias da Morte
- A mansión dos Malfoy
- O variñeiro
- A casiña das cunchas
- Gringotts
- O agocho final
- O espello que faltaba
- O diadema perdido
- O despido de Severus Snape
- A batalla de Hogwarts
- A Variña de Bieiteiro
- O conto do príncipe
- O bosque de novo
- King's Cross
- O fallo no plan
Epílogo: Dezanove anos despois
Información adicional e comentarios de J. K. Rowling
[editar | editar a fonte]Nunha entrevista[3] e conversación en liña,[4][5][6] Rowling deu información adicional sobre o futuro dos personaxes principais, e que escolleu non incluír no epílogo do libro.
Protagonistas
[editar | editar a fonte]- Sobre Harry dixo que se volta un auror no Ministerio de Maxia, e máis tarde é nomeado cabeza do departamento. Tamén posúe a motocicleta de Sirius Black que Arthur Weasley amañou para el. Rowling engadiu que xa non pode falar pársel, logo de que se destruíse o fragmento da alma de Voldemort que habitaba no seu interior.
- Ginny Weasley xogou nas Holyhead Harpies por un tempo, e logo converteuse na correspondente de quidditch para O Profeta Diario.
- Ron Weasley traballa por un tempo con George na súa tenda de bromas, e máis adiante, vólvese un auror.
- Hermione Granger inicialmente traballa para o Ministerio de Maxia no Departamento de Regulación e Control de Criaturas Máxicas, mellorando considerablemente as condicións dos trasnos domésticos. Despois trasládase ao Departamento de Regulación da Lei Máxica e axuda a erradicar leis opresivas a favor dos meigos de vello. Tamén atopa aos seus pais en Australia e lles levanta o conxuro co que lles modificara a memoria.
- Lord Voldemort era incapaz de sentir amor porque a súa concepción se producira grazas a unha poción e non á libre elección. Isto podería ter mudado se a súa nai o criase e o quixese. Os asasinatos a partir dos cales Voldemort realizou os seus Horcrux foron: para o diario, Myrtle a Chorona; para a Copa de Hufflepuff, Hepzibah Smith, a súa anterior dona; para o Medallón de Slytherin, un vagabundo muggle; para Nagini, Bertha Jorkins; para o Diadema de Ravenclaw, un campesiño albanés; e para o Anel, o seu pai, Tom Riddle. Trala súa morte, Voldemort quedou na especie de limbo que Harry identificou como a Estación de King's Cross, xa que para el sempre foi a barreira entre o mundo muggle e o máxico.
Personaxes secundarios
[editar | editar a fonte]Ademais, Rowling tamén explicou o porvir de varios personaxes secundarios.
- George Weasley saca a diante a súa exitosa tenda de obxectos de bromas, inicialmente coa axuda de Ron. George chama ao seu primeiro fillo Fred, na honra do seu falecido irmán xemelgo.
- Luna Lovegood viaxa polo mundo buscando criaturas raras e únicas. Eventualmente casa con Rolf, o neto do famoso naturalista Newt Scamander, autor de Fantastic Beasts and Where to Find Them. A revista do seu pai, O Impertinente, volve ao seu estado de "tolemia avanzada" e é apreciada polo seu humor inintencionado.
- O centauro Firenze é benvido novamente á súa manda, os cales comprenden que as inclinacións cara aos humanos non eran vergoñosas, senón honorables.
- Dolores Umbridge é arrestada, interrogada e prendida polos seus crimes contra os nacidos de muggles.
- Os Malfoy non acabaron no cárcere por axudar en segredo (aínda que con evidente interese persoal) a Harry ao final da batalla. Draco e Harry melloran a súa relación, aínda que nunca deriva en amizade.
- Remus Lupin foi asasinado por Dolohov, e Tonks, por Bellatrix Lestrange (isto sae no libro).
- Lily Evans quería a Snape coma a un amigo, e podería telo amado se non fose pola atracción deste cara a Maxia Negra. Por outra banda, Snape non renunciou a estas aínda que estivese namorado de Lily, porque devecía o poder e quería ser alguén impresionante. Isto é definido pola autora como "a traxedia de Snape".
- Neville Longbottom pide axuda ao Sombreiro Escolledor cando lle prenden lume, da mesma maneira que o fixera Harry na Cámara dos Segredos. Deste xeito a espada de Gryffindor transportouse ao seu interior, xa que o Sombreiro era orixinalmente de Godric Gryffindor. Isto proba que, ao contrario do que dicía Griphook, o fundador non roubou a espada.
Outros datos
[editar | editar a fonte]Tamén hai información sobre xeitos máis amplos do universo máxico.
- Kingsley Shacklebolt convértese no novo Ministro de Maxia, con Percy Weasley traballando con el nun alto cargo. Como unha das súas reformas, o cárcere de Azkaban xa non utiliza dementores. En consecuencia, o mundo é agora: "un lugar moito máis soleado".
- En Hogwarts, a casa de Slytherin diluíuse e deixou de ser o bastión para meigos de vello que algunha vez foi; porén, a súa reputación de maxia escura mantense. A maldición de Voldemort sobre o posto de profesor de Defensa Contra a Maxia Negra rómpese coa súa morte, e agora hai un profesor permanente nesa materia. Non aparece un retrato de Snape no despacho do director de Hogwarts, xa que abandonou o seu posto antes de morrer. Harry tentará persuadir para que se engada este retrato, ao igual que revela a todos a verdadeira lealdade de Snape.
Os Horcrux
[editar | editar a fonte]A continuación móstranse os sete Horcrux que lord Voldemort creou:
- O Diario de Tom Riddle; que foi destruído no segundo libro por Harry.
- O Anel de Gaunt, destruído por Dumbledore.
- O Medallón de Slytherin, que foi destruído por Ron.
- A Copa de Hufflepuff, destruída por Hermione.
- O Diadema de Ravenclaw, que facía ao seu posesor máis intelixente cós demais, foi destruído por Vicent Crabbe cun poderoso feitizo que causou a súa propia morte.
- A serpe de Voldemort, Nagini, eliminada por Neville Longbottom.
- E o mesmo Harry, que foi asasinado por Voldemort, aínda que só a parte da alma de Voldemort que habitaba en Harry foi destruída nese momento. El quedou nunha especie de ponte entre a vida e a morte no que se atopou con Dumbledore.
Pre-publicación do libro
[editar | editar a fonte]Elección do título
[editar | editar a fonte]Pouco antes de publicar o título, J. K. Rowling anunciou que considerara tres títulos diferentes para o libro.[4][7] O título final, Harry Potter and the Deathly Hallows (Harry Potter e as reliquias da morte) foi feito público o 21 de decembro de 2006 a través dun xogo do aforcado cunha temática de Nadal na páxina de Internet da autora, confirmada pouco despois polos editores do libro.[8] Durante a conversación en liña que tivo Rowling con fans, preguntáronlle cales foron os outros dous títulos que considerara, ao que a autora contestou Harry Potter and the Elder Wand (Harry Potter e a variña de bieiteiro) e Harry Potter and the Peverell Quest (Harry Potter e a travesía dos Peverell).[4]
Campañas de mercadotecnia
[editar | editar a fonte]O lanzamento foi celebrado cunha lectura e asinado de libros no Museo de Historia Natural de Londres, á que asistiu Rowling xunto con 1700 convidados escollidos por sorteo.[9] Rowling planea viaxar polos Estados Unidos en outubro, onde se celebrará outro evento no Carnegie Hall en Nova York.[10]
A editorial Scholastic, o editor estadounidense da serie de Harry Potter, lanzou unha campaña de mercadotecnia de varios millóns de dólares titulada There will soon be 7 ("Axiña serán 7") cun "Autobús nocturno" viaxando por corenta librarías a través dos Estados Unidos, foros e competencias en liña, marcapáxinas coleccionables, tatuaxes e o lanzamento das sete preguntas sobre As reliquias da morte máis debatidas entre os fans:[11]
- Quen vai vivir e quen vai morrer?
- É Snape bo ou malo?
- Reabrirá Hogwarts?
- Quen acaba (casando) con quen?
- Onde están os Horcrux?
- Será derrotado Voldemort?
- Que son as reliquias da morte?
Finalización do libro
[editar | editar a fonte]Rowling completou o libro mentres se hospedaba no Balmoral Hotel, en Edimburgo, en xaneiro de 2007, e deixou un grafitti nun busto de mármore de Hermes no seu cuarto que dicía:
J. K. Rowling acabou de escribir Harry Potter e as reliquias da morte neste cuarto (652) o 11 de xaneiro de 2007[12].
En declaracións no seu sitio web, ela dixo:
Nunca sentín esta mestura de emocións extremas na miña vida, nunca soñei que podería sentirme co corazón roto e eufórica ao mesmo tempo.
Comparou os seus sentimentos mixtos con aquilos expresados por Charles Dickens no prefacio da súa edición de 1850 da novela David Copperfield:
Unha tarefa imaxinativa de dous anos da cal eu só podo suspirar, trata dezasete anos, Charles...
Acabou a súa mensaxe con:
As reliquias da morte é a miña favorita, e é a maneira máis marabillosa de rematar a serie[13].
Cando se lle preguntou acerca da publicación do libro próximo a vir, Rowling declarou que non podería mudar o final mesmo aínda que o quixese.
O argumento destes libros estivo escrito durante tanto tempo, e con seis libros agora, todos eles dirixen a unha certa dirección. Así que realmente non podo[14].
Tamén comentou que o último volume se relacionaba co libro anterior da serie «case como se fosen dúas metades da mesma novela»[15]. Dixo que o último capítulo do libro foi escrito "ao redor do 1990" como parte dun traballo moi preliminar da serie[16].
Embargo
[editar | editar a fonte]Rowling fixo unha petición pública a calquera que conseguise información sobre o contido do último libro, dicíndolles que gardasen a devandita información para si mesmo, co obxectivo de evitar botar a perder a experiencia a outros lectores.[17] Para este fin, Bloomsbury investiu 10 millóns de libras esterlinas nun intento de manter o contido dos libros seguros ata o 21 de xullo, data da publicación.[18] Arthur Levine, editor estadounidense da serie, negou distribuír copias adiantadas para críticas de prensa, non obstante dous xornais dese país publicaron críticas de todas as maneiras.[19][20]
Filtracións e distribución temperá
[editar | editar a fonte]Na semana anterior ao lanzamento, un número de textos afirmando ser filtracións xenuínas apareceron en distintos formatos. O 16 de xullo, un conxunto de fotografías representando todas as 759 páxinas da edición estadounidense filtrouse en Internet e foi transcrita completamente antes da publicación oficial do libro.[21][22][23][24] As fotografías apareceron máis tarde en sitios web e en redes p2p, levando a Scholastic a solicitar unha orde de comparecencia co obxectivo de identificar unha fonte.[25] Isto representou o fallo de seguridade máis serio na historia da serie.[26] Rowling e o seu avogado admitiron que houbo filtracións en liña que eran xenuínas.[27]
Críticas publicadas tanto en The Baltimore Sun como en The New York Times o 18 de xullo de 2007 corroboraron moitos dos elementos da trama destas filtracións, e un día antes da publicación, The New York Times confirmou que a filtración principal que circulaba era real.[26]
Scholastic anunciou que o 0,01% da mercancía estadounidense (ao redor de 1.200 copias) foran distribuídas antes do previsto.[28] Un lector en Maryland recibiu unha copia do libro por correo do sitio web deepdiscuont.com catro días antes de que fose publicado, o que provocou respostas incrédulas por parte de Scholastic e Deepdiscount. Scholastic declarou inicialmente que se tratara dun "erro humano" e que non ían discutir posibles multas.[29] Porén, ao día seguinte, Scholastic anunciou que iniciaría accións legais contra deepdiscount.com e ao seu distribuidor, Levy Home Entertainment.[30] Algúns dos libros lanzados cedamente apareceron rapidamente en eBay, e ata nun caso pedían por unha copia ata 250 dólares estadounidenses, cando o prezo inicial eran 18 da mesma moeda.[31]
Vendas
[editar | editar a fonte]O 21 de xullo de 2007 todas as edicións en inglés, foron publicadas un minuto pasada a medianoite (00:01), (UTC+1).[32][33] Foi globalmente lanzado en 93 países.[34] O libro alcanzou o cume das listas de best-séllers en Amazon.com e en Barns and Nobre só unhas poucas horas despois de que se anunciase a súa publicación, o 1 de febreiro de 2007.[35] En xullo de 2007, o diario Daily Telegraph, reportou que o libro fora mercado por máis do 10% da poboación británica nos cinco días posteriores á publicación.[36]
Tendas como Amazon.com, Barns & Nobre e Borders Group dixeron que se fixeran máis pedidos para este libro que para ningún outro na historia,[37] e mesmo en Amazon.com se rexistaron 2,2 millóns de pedidos anticipados en todo o mundo,[37] rompendo o récord do sexto libro, de 1,5 millóns.[38] Scholastic anunciou unha impresión inicial de algo máis de 12 millóns de copias, unha cantidade sen precedentes.[11]
No seu primeiro día de vendas, o libro vendeu 11 millóns de copias no Reino Unido e nos Estados Unidos, rompendo o récord de 9 millóns batido por o seu predecesor na serie.[39] Nos Estados Unidos vendéronse 8,3 millóns de libros de tapa dura nas primeiras 24 horas, rompendo novamente unha marca do misterio do príncipe , de 6,9 millóns.[40] Pola súa parte se venderon, no primeiro día, 400.000 copias na Alemaña,[36] todas as 250.000 copias dispoñibles nos Países Baixos e en Bélxica,[36] 170.000 na India,[41] e algo máis de 573.000 en Australia;[42] mentres que no Canadá se venderon 800.000 copias nas primeiras 48 horas.[43] Barns & Nobre, a cadea de librarías máis grande dos Estados Unidos, declarou ter vendido 560.000 copias na primeira hora, unha media de máis de 150 copias por segundo. O audiolibro tamén rompeu récords, con 225.000 copias vendidas nos seus primeiros dous días.[44]
Despois do lanzamento de Harry Potter e as reliquias da morte, as accións de Bloomsbury Publishing devaluáronse por máis de £151 millóns. Os investidores reaccionaron ao fin do produto clave da editora.[45] No último ano financeiro no cal non se lanzou ningún libro de Harry Potter, os beneficios de Bloomsbury caeran un 75%.
A recepción da crítica
[editar | editar a fonte]Na crítica do The Baltimore Sun, Mary Carole McCauley, gabou a totalidade da serie, como un «clásico bildungsroman». Ademais engadiu que «a este sétimo libro lle falta moito do encanto e do humor que distinguiu aos romances anteriores. Mesmo a escritura é mais prosaica», pero entón observou que dada a natureza máis seria do libro, «¿como podería ser doutra maneira?».[46]
Alice Fordham de The Times escribiu que «o xenio de Rowling non é soamente a súa total invención dun mundo de fantasía, máis o seu xeito de crear personaxes que saltan das páxinas, reais, valentes e adorables». Fordham conclui: «esperamos un longo tempo, pero nin Rowling nin Harry nos decepcionaron ao final».[47]
Por outro lado, Jenny Sawyer do Christian Science Monitor dixo que «hai moito que gusta da serie de Harry Potter, desde o seu brillante mundo máxico á súa narrativa de capas múltiples», porén, «unha historia é sobre alguén que cambia, e, apartando a puberdade, Harry non cambia moito. Segundo o ve Rowling, Harry camiña polo camiño do ben tan previsiblemente, que a súa vitoria final sobre Voldemort se sente non só inevitable, senón tamén chá».[48]
Stephen King criticou as reaccións dalgúns revisores dos libros por facer conclusións precipitadas do traballo.[49] El sente que isto era inevitable, dado o extremo misterio antes do lanzamento, que non deu tempo aos críticos para ler e considerar o libro, e que a moitas das primeiras críticas lles faltaba profundidade. Máis que atopar o estilo de escritura decepcionante, sentiu que madurara e mellorara. Cre que o tema dos libros volveuse máis adulto, e que Rowling claramente estivo a escribir coa audiencia adulta en mente desde a metade da serie. Comparou os traballos con Huckleberry Finn e Alicia no país das marabillas os cales tamén alcanzaron éxito e volveron clásicos, en parte por se dirixir tanto a un público adulto coma infantil. As súas críticas ao libro inclúen a tendencia de Rowling a permanecer moito tempo nalgúns elementos, como o extenso período do campamento a través do libro, e unha certa tendencia a producir solucións máxicas do nada nunha situación difícil. Isto é, se cadra, inevitable nun mundo máxico.
Traducións non oficiais
[editar | editar a fonte]Logo da publicación do libro, moitos sitios web ofereceron descargas en formato PDF de traducións non autorizadas do contido noutras linguas, como o chinés, cuxa tradución estaba dispoñible só algunhas horas despois da publicación.[50] Copias ilegais do libro eran vendidas nas rúas da China por 40 yuans, en comparación cos 270 que custa a versión en inglés nas librarías. Pola súa parte, o día 24 de xullo xa había dous blogs ofrecendo a tradución ao español, os cales se estima que recibiron catro millóns de visitas.[51]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
- ↑ O final de Harry Potter, en galego o 21 de febreiro. Vieiros. 20 de novembro de 2007
- ↑ Brown, Jen (2007-07-25). "Finished Potter? Rowling tells what happened next.". MSNBC. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2007. Consultado o 2007-07-26.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Online Chat Transcript". Bloomsbury. 2007-07-31. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2008. Consultado o 2007-07-31.
- ↑ Toler, Lindsay (2007-07-30). "Rowling Answers Fans' Final Questions". Associated Press. Consultado o 2007-07-30.
- ↑ "Rowling Answers Fans' Final Questions". MSN Entertainment. 2007-07-30. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2007. Consultado o 2007-07-31.
- ↑ "J.K.Rowling Official Site". News Archive. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2007. Consultado o 2007-04-23.
- ↑ Bloomsbury Publishing, ed. (2006-12-21). "Harry Potter and the Deathly Hallows". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2007. Consultado o 2006-12-21.
- ↑ scholastic (ed.). "Harry Potter". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2007. Consultado o 2007-05-25.
- ↑ "USA open book tour". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2007. Consultado o 2007-06-15.
- ↑ 11,0 11,1 "Scholastic Announces Record-Breaking 12.1 Million First Printing In United States Of J.K. Rowling's Harry Potter And The Deathly Hallows". Scholastic. 2007-03-14. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2007. Consultado o 2007-03-29.
- ↑ Cornwell, Tim (2007-02-03). The Scotsman, ed. "Finish or bust - JK Rowling's unlikely message in an Edinburgh hotel room". Consultado o 2007-03-29.
- ↑ "Rowling reacts to Potter's end". USA Today (Associated Press). 2007-02-06. Consultado o 2007-07-21.
- ↑ "Jones, Owen. One-on-one interview with J.K. Rowling, ITV Network July 17, 2005". ITV. 17 July 2005. Consultado o 16 June 2007.
- ↑ Rowling, J. K. (2004-03-15). J. K. Rowling Official Site, ed. "Progress on Book Six". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2012. Consultado o 2006-12-23.
- ↑ ""Rowling to kill two in final book"". BBC News. 2006-06-27. Consultado o 2007-07-25.
- ↑ J K Rowling, ed. (14 de maio de 2007). "J.K.Rowling Official Site". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2005. Consultado o 2007-05-18.
- ↑ Rediff, ed. (16 July 2007). "10 million pounds to guard 7th Harry Potter book". Consultado o 2007-07-16.
- ↑ MTV Overdrive (vídeo), ed. (17 de xullo de 2007). "Editor Says 'Deathly Hallows' Is Unleakable". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2007. Consultado o 2007-07-19.
- ↑ Houbo unha especulación sobre se algunhas tendas romperían o embargo e distribuirían copias antes da data de lanzamento, xa que a pena imposta para as instancias anteriores da serie era que ese distribuidor non podería vender o próximo título.BBC News, ed. (12 de xullo de 2007). "Potter embargo 'could be broken'". Consultado o 2007-07-17.
- ↑ "Harry Potter Fans Transcribe Book from Photos". TorrentFreak. 18 July 2007. Consultado o 2007-07-19.
- ↑ "New Potter book leaked online". Sydney Morning Herald, Fairfax newspapers. 18 July 2007. Consultado o 2007-07-18.
- ↑ "Harry Potter and the Deathly Hallows leaked to BitTorrent". TorrentFreak. 17 July 2007. Consultado o 2007-07-19.
- ↑ "Harry Potter Spoiler Count". Los Angeles Times. 20 July 2007. Consultado o 2007-07-20.
- ↑ "New Did the Times Betray Harry Potter Fans?". New York Times. 30 July 2007. Consultado o 2007-07-30.
- ↑ 26,0 26,1 "Web abuzz over Potter leak claims". 17 July 2007.
- ↑ Malvern, Jack (2007-07-19). "Harry Potter and the great web leak". Times. Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2008. Consultado o 2007-07-19.
- ↑ "Publisher slams book on "Harry Potter" distributor". Newsday. 18 July 2007. Consultado o 2007-07-18.[Ligazón morta]
- ↑ "The spell is broken". The Baltimore Sun. 18 July 2007. Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2021. Consultado o 2007-07-18.
- ↑ "Press release from Scholastic". PR Newswire (from Scholastic). July 18, 2007. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 2007-07-18.
- ↑ "I Was an eBay Voldemort". National Review Online. 20 July 2007. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2007. Consultado o 2007-07-20.
- ↑ Rowling, J. K. (2007-02-01). "Publication Date for Harry Potter and the Deathly Hallows". J. K. Rowling Official Site. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2011. Consultado o 2007-03-29.
- ↑ "Official Raincoast Harry Potter page". Raincoast Books. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2007. Consultado o 2007-07-20.
- ↑ "Potter books fly off the shelves". BBC. 2007-07-21. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ "'HPDH' reaches no. 1 on U.S. Amazon & BN lists". HPANA. 2007-02-01. Consultado o 2007-03-29.
- ↑ 36,0 36,1 36,2 Issue number 47,318 Tuesday 24 July 2007 p9 New Harry Potter book in over 10pc of homes
- ↑ 37,0 37,1 Blais, Jacqueline (2007-05-03). "After final 'Harry Potter' book, can anyone fill the void?". USA Today. Consultado o 2007-05-03.
- ↑ "'Harry Potter and the Deathly Hallows' Breaks Online Record". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 11 de setembro de 2007.
- ↑ "Harry Potter finale sales hit 11m".
- ↑ 'Deathly Hallows' sells 8.3 million in first 24 hours Arquivado 05 de xuño de 2013 en Wayback Machine.. Retrieved on 2007-07-25.
- ↑ Potter magic: 1.7 lakh copies sold Arquivado 12 de outubro de 2007 en Wayback Machine., The Hindu, 22 July, 2007
- ↑ Bloomsbury Says `Harry Potter' Sold 573,845 Copies in Australia, News.com.au, 21 July, 2007
- ↑ Canadian Potter sales up 25% over No. 6[Ligazón morta], Globe and Mail, 24 July 2007
- ↑ 'Harry Potter and the Deathly Hallows' Breaks Records Arquivado 07 de maio de 2009 en Wayback Machine.. Retrieved on 2007-07-25.
- ↑ "Harry Potter and a nightmare for the high street bookshops". The Independent. 2007-07-23. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2007. Consultado o 2007-07-23.
- ↑ McCauley, Mary Carole (July 18, 2007). "An inevitable ending to Harry Potter series". Baltimore Sun. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 2007-07-21.
- ↑ Fordham, Alice (21 de julio, 2007). "Harry Potter and the Deathly Hallows". The Times. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2011. Consultado o 2007-07-25.
- ↑ Sawyer, Jenny (July 25, 2007). "Missing from 'Harry Potter" – a real moral struggle". Christian Science Monitor. Consultado o 2007-07-25.
- ↑ Stephen King. "J K Rowling's Ministry of Magic". entertainment weekly. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2007. Consultado o 2007-8-21.
- ↑ "Harry Potter xa ten un poco de competencia". Infobae.com. 24 de agosto de 2007. Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2007. Consultado o 2007-08-24.
- ↑ "Os fans hispanos de Harry Potter non queren esperar". Infobae.com. 15 de agosto de 2007. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 2007-08-24.