Saltar ao contido

Bildungsroman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo alemán Bildungsroman, traducido ao francés como "novela de formación ou de aprendizaxe"[1] e ao inglés como "novela de formación", fai referencia ás novelas de autoformación nas que se amosa o desenvolvemento físico, moral, psicolóxico ou social dun personaxe, xeralmente da infancia á madurez.

O termo foi creado en 1819 polo filólogo Karl Morgenstern, e máis tarde recuperado por Wilhelm Dilthey, quen o lexitimou en 1870 e o popularizou en 1905[2][3].

Historia do xénero

[editar | editar a fonte]

Malia existiren trazos de bildungsroman nas obras clásicas medievais, pódese situar no Renacemento o nacemento embrionario deste tipo de novela, especialmente no xénero picaresco. Así, no Lazarillo de Tormes amósase un proceso polo que o protagonista, Lázaro, aprende a defenderse da vida ao servizo de moitos amos.

Porén, adoita situarse no século XIX, coa novela Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister de Goethe (1796), o inicio do seu xénero como tal. Moitas das grandes novelas do século XIX e XX, sen ser estritamente bildungsroman, comparten algunha das súas características.

Así, Proust en Á busca do tempo perdido (1913-1927) narra o proceso de aprendizaxe do protagonista, Marcel; o mesmo acontece co personaxe de Stephen Dedalus en Retrato do artista cando novo de James Joyce (1916), ou na obra A montaña máxica de Thomas Mann (1924). Unterm Rad, de Hermann Hesse (1906) é unha bildungsroman no sentido máis estrito.

Malia que a novela de aprendizaxe semella perder peso desde a segunda metade do século XX, moitos dos seus elementos aínda perviven en novelas coma O vixía no centeo, de J. D. Salinger (1951) ou en numerosas películas.

Un exemplo de bildungsroman ou novela de autoformación na literatura galega é Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo (1930), na que Adrián Solovio evoluciona cara ao galeguismo.

  1. Entrada no Dicionario de Termos Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
  2. Engel, Manfred (2008): "Variants of the Romantic 'Bildungsroman' (with a Short Note on the 'Artist Novel')". En: Gerald Gillespie, Manfred Engel e Bernard Dieterle (eds.), Romantic Prose Fiction (= A Comparative History of Literatures in European Languages, vol. XXIII; ed. by the International Comparative Literature Association). Amsterdam, Philadelphia: John Benjamins, pp. 263–266.
  3. Summerfield, Giovanna; Downward, Lisa (2010): New Perspectives on the European Bildungsroman. London; New York: Continuum. ISBN 978-1441108531. p. 1.