Abdoulaye Ba
Ba | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Abdoulaye Ba | ||
Nacemento | 1 de xaneiro de 1991 | ||
Lugar de nacemento | Saint-Louis | ||
Altura | 1,97 m. | ||
Posición | Defensa central | ||
Información de club | |||
Club actual | Arouca | ||
Número | 53 | ||
Carreira xuvenil | |||
ASC Linguère | |||
2008–2010 | Porto | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2010–2017 | Porto | 15 | (0) |
2010–2011 | → Covilhã | 24 | (9) |
2011–2012 | → Académica | 21 | (1) |
2012–2013 | → Porto B | 9 | (2) |
2013–2014 | → Vitória de Guimarães | 6 | (0) |
2014–2015 | → Rayo Vallecano | 20 | (0) |
2015–2016 | → Fenerbahçe | 6 | (1) |
2016 | → Alanyaspor | 10 | (1) |
2017 | → TSV 1860 München | 15 | (3) |
2017–2020 | Rayo Vallecano | 44 | (1) |
2020 | → Deportivo da Coruña | 3 | (0) |
2020 | Dinamo București | 3 | (0) |
2021 | Moreirense | 13 | (0) |
2021–2022 | Arouca | 20 | (0) |
Selección nacional | |||
2011–2012 | Senegal sub-23 | 4 | (1) |
2012–2013 | Senegal | 6 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 19 de xullo de 2022. Selección: actualizado a 19 de xullo de 2022.[ editar datos en Wikidata ] | |||
Abdoulaye Ba, nado en Saint-Louis, Senegal, o 1 de xaneiro de 1991, é un futbolista senegalés que xoga de defensa central no FC Arouca da Primeira Liga. Desenvolveu a maior parte da súa carreira en Portugal e pasou tamén por clubs de España, Turquía, Alemaña e Romanía. Irmán dos tamén futbolistas Mamadou e Pape Samba, os tres foron internacionais coa selección do Senegal.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicos
[editar | editar a fonte]Nacido na cidade senegalesa de Saint-Louis, comezou a xogar ao fútbol no ASC Linguère da súa cidade, antes de se trasladar a Europa para xogar no equipo xuvenil do FC Porto, ao que chegou con 17 anos.
FC Porto
[editar | editar a fonte]Tras rematar a súa etapa xuvenil pasou dúas tempadas cedido noutros equipos. Na 2010/11 militou no SC Covilhã, da Segunda Liga, mentres que na seguinte vestiu a camiseta do Académica de Coimbra da Primeira Liga.[1] Debutou na máxima categoría do fútbol portugués o 15 de agosto de 2011, nunha vitoria por 1-2 sobre o UD Leiria.[2] Co equipo coimbrán disputou 22 partidos de liga, 21 deles como titular, e foi titular na final da Copa de Portugal, que o seu equipo conquistou ante o Sporting no Estadio Nacional de Oeiras (1-0).[3]
De regreso no Porto, durante a tempada 2012/13 compaxinou o primeiro equipo co filial, e debutou na Liga de Campións, disputando tres partidos contra Dynamo de Kíiv, Dinamo de Zagreb e Paris Saint-Germain. Acabou a campaña como campión de liga e foi titular na final da Taça da Liga contra o Braga, onde foi expulsado nos últimos instantes da primeira parte, ao provocar un penalti que supuxo o único gol do partido e a vitoria para o equipo bracarense.[4]
Para a seguinte tempada foi cedido ao Vitória de Guimarães.[5] No equipo do Miño tivo pouco protagonismo e o 1 de febreiro de 2014 regresou ao Porto.[6] O 4 de agosto foi cedido ao Rayo Vallecano da Primeira división española, categoría na que debutou nun encontro ante o Atlético de Madrid no Estadio de Vallecas.[7] Na seguinte tempada xogou cedido no Fenerbahçe turco.[8] Para a campaña 2016/17 continuou na Süper Lig turca, como cedido no Alanyaspor.[9] En 2017 saíu na súa sétima cesión, desta vez ao o TSV 1860 München alemán, da 2. Bundesliga, etapa marcada polos problemas que tivo coas lesións.[10][11][12]
Rayo Vallecano
[editar | editar a fonte]En 2017 recibiu a carta de liberdade do Porto e regresou ao Rayo, agora na Segunda División, co que asinou un contrato por catro anos.[13]
Da man de Míchel o equipo logrou o ascenso á Primeira División esa mesma tempada,[14] contribuíndo Ba con 18 partidos, 15 deles como titular, despois de competir polo posto con Antonio Amaya.[15] Gañou participación co equipo durante a tempada 2018/19 na máxima categoría, xogando un total de 26 partidos, 25 como titular, e marcando o seu único gol en España nunha derrota por 2-1 ante o Espanyol. Con todo, o equipo acabou descendendo de novo á Segunda División.
No verán de 2019 o adestrador Paco Jémez comunicoulle que non contaba con el para a vindeira temporada, mais o Rayo Vallecano non aceptou ningunha das ofertas que recibiu polo xogador. Deste xeito, Ba continuou no club, pero sen xogar ningún minuto en liga, participando só nun partido da primeira rolda da Copa do Rei contra o Tarazona.[15] Tampouco saíu do club no mercado invernal e empeorou a súa relación con Jémez, co que chegou a ter un enfrontamento mentres adestraba.[15]
Finalmente, en marzo de 2020 saíu cedido ao Deportivo da Coruña, que recorreu aos seus servizos debido á grave lesión de Michele Somma.[16] No equipo galego, adestrado por Fernando Vázquez, xogou só tres encontros, e acabou descendendo á Segunda División B.
En outubro de 2020 desvencellouse do Rayo Vallecano e puxo rumbo a Romanía, onde fichou polo Dinamo București, asinando un contrato por un ano.[17] No equipo de Bucarest continuaron os problemas para el, pois o club deixou de pagar os salarios dos futbolistas.[18] Deixou o equipo só tres meses despois da súa chegada.[19] A continuación volveu a Portugal, onde asinou co Moreirense, da Primeira Liga.[19] Na seguinte campaña xogou no Arouca, da mesma categoría.
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Representou ao Senegal nos Xogos Olímpicos de 2012 en Londres.[20] Titular nos dous primeiros partidos, foi expulsado no segundo deles cun cartón vermello directo á media hora de xogo por unha entrada sobre Luis Suárez.[21] Reapareceu como titular nos cuartos de final, onde o seu equipo caeu eliminado na prórroga contra México, que finalmente gañaría a medalla de ouro.[22]
O 29 de febreiro dese ano debutou coa selección absoluta nun partido amigable ante Suráfrica, que rematou sen goles.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Os seus irmáns máis vellos Mamadou e Pape Samba, tamén foron futbolistas e internacionais coa selección senegalesa.[23]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Académica
- Copa de Portugal (1): 2011/12.
- Porto
- Primeira Liga (1): 2012/13.
- Rayo Vallecano
- Segunda División (1): 2017/18.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Frederico, Francisco (11 de xullo de 2011). "Académica: Abdoulaye (F.C. Porto) apresenta-se esta segunda-feira" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2014. Consultado o 18 de xullo de 2022.
- ↑ "Emanuel entra com pé direito". Correio da Manhã (en portugués). 16 de agosto de 2011. Consultado o 18 de xullo de 2022.
- ↑ "Final da Copa de Portugal 2012". zerozero.pt (en portugués). Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Final da Taça da Liga 2013". zerozero.pt (en portugués). Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ Ruela, João (3 de setembro de 2013). "Abdoulaye e Tiago Rodrigues emprestados ao Vitória". Diário de Notícias (en portugués). Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ Ferreira, Bruno José (1 de febreiro de 2014). "Abdoulaye deixa Guimarães para regressar ao F.C. Porto" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2014. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Abdoulaye Ba nuevo jugador del Rayo" (en castelán). 4 de agosto de 2014. Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2014. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "El Fenerbahce ficha a Abdoulaye Ba, procedente del Rayo Vallecano" (en castelán). Axencia EFE. 2 de xullo de 2015. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Alanyaspor, Abdoulaye Ba'yı kiraladı" (en turco). 26 de xullo de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Ba mit toller Geste: Videobotschaft an verletzten Würzburg-Keeper" (en alemán). 22 de marzo de 2017. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2023. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Löwen-Lebensversicherung Ba: Jetzt droht eine Gelbsperre" (en alemán). 7 de abril de 2017. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2023. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "TSV 1860 München: Abdoulaye Ba muss Training vor Heidenheim-Spiel verletzt abbrechen" (en alemán). 16 de maio de 2017. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Abdoulaye Ba nuevo jugador del Rayo Vallecano para las próximas cuatro temporadas" (en castelán). 30 de agosto de 2017. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ Martín, Maite (2 de xuño de 2018). "El Rayo es campeón de Segunda por primera vez en su historia". As (en castelán). Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 "Adiós a Abdoulaye Ba: su polémico segundo ciclo en el Rayo Vallecano" (en castelán). 6 de outubro de 2020. Consultado o 18 de xullo de 2022.
- ↑ "Abdoulaye Ba cedido al Real Club Deportivo" (en castelán). 11 de marzo de 2010. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Abdoulaye Ba ficha por el Dinamo de Bucarest" (en castelán). 5 de outubro de 2020. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ Barreiros, Pedro (16 de novembro de 2020). "El calvario de Borja Valle, sin cobrar desde que llegó a Rumanía". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ 19,0 19,1 "Abdoulaye Ba recinde en el Dinamo y firma por el Moreirense" (en castelán). 7 de xaneiro de 2021. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Senegal leave Papiss Cisse out of Olympic squad". BBC (en inglés). 7 de xullo de 2012. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "Sucumbió Uruguay en Londres 2012, perdió 2-0 con Senegal" (en castelán). 29 de xullo de 2012. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ "México puede con la floja Senegal y pasa a semifinales". As (en castelán). 4 de agosto de 2012. Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2022. Consultado o 19 de xullo de 2022.
- ↑ Suárez, Isaac (27 de setembro de 2014). "Un pívot en la Liga". Marca (en castelán). Consultado o 19 de xullo de 2022.
- Nados en Saint-Louis
- Nados en 1991
- Futbolistas do Senegal
- Defensas de fútbol
- Xogadores do FC Porto
- Xogadores do SC Covilhã
- Xogadores do Académica de Coimbra
- Xogadores do FC Porto B
- Xogadores do Vitória SC
- Xogadores do Rayo Vallecano
- Xogadores do Fenerbahçe
- Xogadores do Alanyaspor
- Xogadores do TSV 1860 München
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do FC Dinamo București
- Xogadores do Moreirense FC
- Xogadores do FC Arouca
- Futbolistas olímpicos do Senegal
- Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2012
- Xogadores da selección de fútbol do Senegal