Lugo

concello da comarca de Lugo, na provincia de Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo [1], é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Modelo:Xeografía políticaLugo
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°00′42″N 7°33′26″O / 43.0116667, -7.5572222
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Lugo Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalLugo Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Adai
Bacurín
Bascuas Editar o valor en Wikidata../... 52+
Poboación
Poboación98.214 (2023) Editar o valor en Wikidata (295,83 hab./km²)
Xentiliciolucense Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie332.000.000 m² Editar o valor en Wikidata
Altitude465 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1834 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor en WikidataPaula Alvarellos (2024–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Lugo Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal27001–27004 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE27028 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Facebook: ConcellodeLugo Twitter: concellodelugo Instagram: concellolugo Editar o valor en Wikidata

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lugués[2] ou tamén lucense[3][4]. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro máis dun millón de visitantes.

Xeografía

editar

A cidade atópase nun outeiro rodeado polos ríos Miño e Rato, que tras xuntarse co Fervedoira forma o río da Chanca, que circunda a cidade polo leste. A diferenza de altitude entre o centro da cidade e as beiras fluviais é considerable, mentres no centro da cidade a altitude é de 465 metros sobre o nivel do mar, no Miño á altura do Paseo Fluvial a altitude é de tan só 364 metros. O concello é o segundo máis extenso do país, con 329,78 km² e 59 parroquias.

Cómpre destacar que a contorna da cidade foi declarada Reserva da Biosfera[5] pola UNESCO o 7 de novembro do ano 2002, sendo este recoñecemento o máis importante a nivel internacional en canto á conservación das paisaxes e hábitats desta rexión atlántica europea. Ademais, é de destacar a abondosa fauna arredor do curso do río Miño pola cidade, sobre todo no caso das especies de aves. Todo este parque arredor do río abrangue unha ruta de parques duns 30 quilómetros de lonxitude.

Os outros dous ríos que atravesan a cidade son o Fervedoira e o Mera, habendo arredor de ámbolos dous outros importantes parques con diversas especies de árbores.

O clima é oceánico continental con invernos fríos e veráns suaves. A temperatura media anual é de 11,5 °C e as precipitacións abundantes (máis de 1.000 mm ó ano). Con todo, e debido ao seu afastamento do Atlántico, esta cifra de precipitación pode ser considerada baixa en comparanza con comarcas das Rías Baixas ou Santiago. A temperatura máis alta rexistrada na estación meteorolóxica de Lugo Aeroporto, a 15 km do centro da cidade, entre 1985 e 2018, foi de (41,2 °C), rexistrada o 20 de xullo de 1990;[6], sendo a máis baixa de -10,0 °C o 23 de decembro de 2005.[7] En canto a outros datos climáticos, a precipitación máxima rexistrada nun só día (entre 1952 e 2018) foi de 73,8 l/m² e o máximo refacho de vento (entre 1986 e 2012) de 112 km/h.[8]


  Lugo Aeroporto (445 msnm)
(1971-2000)
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima absoluta (°C) 19,2 23,8 27,8 31,8 34,0 36,4 41,2 40,8 37,8 30,6 22,4 23,4
41,2
Temperatura máxima media (°C) 10,1 11,7 14,0 14,8 17,8 20,8 23,6 24,1 22,3 17,7 13,3 10,8
16,8
Temperatura media (°C) 5,8 6,9 8,4 9,6 12,3 15,2 17,7 18,0 16,1 12,4 8,8 6,9
11,5
Temperatura mínima media (°C) 1,5 2,2 2,7 4,4 6,8 9,5 11,9 11,8 10,0 7,2 4,3 3,0
6,3
Temperatura mínima absoluta (°C) -9,2 -7.4 -8,2 -4,6 -1,0 1,4 4,2 1,6 0,6 -2,2 -7,4 -10,0
-10,0
Precipitacións (mm) 128 102 79 85 80 42 30 35 68 110 114 135
1008
Horas de sol 86 101 143 160 176 216 234 231 172 134 92 79
1821
Humidade relativa media (%) 84 80 76 76 75 75 74 73 75 81 85 84
78
Fonte: AEMET

Demografía

editar

A poboación da cidade en abril de 2020 alcanzou a cifra de 99.638 habitantes[9]. En 1842 a cidade contaba con 13.986 habitantes, repartidos en 2.797 fogares. Medio século despois, en 1897, duplicaría a súa poboación, chegando aos 26.252 habitantes, cifra que se mantivo constante até os anos 1940, cando se chegou aos 41.011. A poboación volveuse a duplicar en 1991, con 83.242 habitantes, que foron medrando até os preto de 100.000 actuais.

En canto á distribución por sexos no ano 2017 o 53,60% da poboación (52.527) son mulleres e o restante 46,50% (45.468) homes. Canto ao lugar de nacemento, dos 96.678 habitantes cos que conta a cidade, 82.147 (85%) naceron en Galicia. Da restante poboación, 7.265 (7,5%) proceden do resto da Unión Europea, habendo outros 57 da Europa non comunitaria (destacando 25 ucraínos e 15 rusos). Do resto de continentes, o que máis habitantes achega á cidade é América, con 3.105 (3,1%), destacando Brasil; 705 proceden de África, principalmente de Marrocos; 179 de Asia (dos cales 102 son chineses) e un de Oceanía.

Datos demográficos de
Lugo (1842-2010)
Ano Poboación Fogares
1842 13.986 2.797
1897 26.252 6.055
1910 35.889 6.179
1930 32.259 6.363
1940 41.011 8.374
1950 52.093 14.624
1970 63.604 17.267
1981 72.574 21.350
1991 83.242 26.256
2001 88.414 31.111
2011 98.007 40.225
2012 98.457
2013 98.761
2014 98.560
2015 98.134
2016 98.268
2017 97.995
2018 98.025
2019 98.276
2020 98.519
2021 97.613
2022 97.211
Fonte: INE.[10][11]

Morfoloxía urbana

editar

Barrios

editar
 
Cruceiro na praza de Santa María.
 
IES Lucus Augusti.
 
Entrada de visitantes do Pazo de Feiras e Congresos na Cheda.
 
Barrio da Ponte.
 
Praza de Augas Férreas, na Acea de Olga.
 
Balneario de Lugo e barrio da Acea de Olga ao fondo.
 
Fogar de Santa María, no barrio do Carme, fronte a Muralla.
 
Casas da Fonte dos Ranchos.

A cidade componse de numerosos barrios, moitos coa súa propia personalidade e arquitectura, debido á súa construción repartida durante toda a historia da cidade.

  • Centro - Recinto amurallado

Tamén coñecido como Zona antiga, é a zona máis antiga da cidade e fica dentro da muralla romana. É o centro comercial e administrativo, ademais da zona onde se atopan a meirande parte dos monumentos. Nel está a Praza Maior, centro neurálxico e a praza pública máis concorrida. Tamén se atopa a zona dos viños, con restaurantes e tabernas tradicionais. Hoxe en día está a sufrir unha profunda rehabilitación.

  • San Roque

Un dos barrios máis céntricos e antigos de Lugo. Conta cunha capela erixida en 1732 por Lucas Ferro Caaveiro. Neste barrio xuraban os bispos gardar os Foros da cidade. Tamén salientan os seus xardíns, adicados a Xoán Montes, e a Residencia de Anciáns, que data de 1886.

  • Recatelo

Tamén coñecido como Barrio do Parque. Esta zona é a máis antiga da cidade fóra do recinto amurallado, onde hai documentación de antigas "domus" romanas, mesmo anteriores ao propio recinto defensivo. Este barrio alberga o Parque de Rosalía de Castro, e alí se celebran as principais actividades festeiras tanto do San Froilán como do Arde Lucus. Ademais, esta parte da Lugo acolle aos Xulgados da cidade e numerosos centros de ensino.

  • A Cheda

Este barrio atópase á beira do río Miño, na súa marxe esquerda. Acolle o principal campo de fútbol da cidade (o Ángel Carro, escenario dos partidos do C.D. Lugo), un importante centro comercial e o Pazo de Feiras e Exposicións. Seguindo dende este barrio pola beira do río atópase o balneario, onde están as antigas termas romanas da cidade.

  • A Ponte – San Lázaro

Atópase cruzando a Ponte romana. Neste encrave atópase a igrexa de San Lázaro, que constitúe un fito do Camiño Primitivo de Santiago. Tamén está o Club Fluvial, centro recreativo con piscinas e actividades de hostalaría. Arredor de todos estes barrios, a carón do río hai un paseo cun percorrido total duns trinta quilómetros,[12] integrando o río Miño na vida dos lucenses. Este espazo verde está considerado como Reserva da Biosfera.

  • A Tolda

Tamén chamado A Tolda de Castela por ter sido lugar de parada de mercadores procedentes das terras castelás. Atópase na confluencia dos ríos Fervedoira e Miño, preto da zona máis moderna da cidade, a Acea de Olga.

  • Acea de Olga

Situado na parte sur da cidade, é un dos barrios máis novos. De grandes avenidas, acolle a zona universitaria, vencellada ao Campus da Universidade de Santiago. Este barrio foi erixido sobre as antigas aldeas de Fingoi e Magoi, nomes cos que tamén é coñecida esta zona. En Acea de Olga tamén se encontra a zona coñecida como Augas Férreas, moi preto do Campus.

  • O Carme

É un barrio moi próximo ao centro urbano, entre a muralla e A Cheda, onde aínda se poden atopar pequenas hortas con leitugas e tomates e mesmo galiñeiros e coelleiras, aínda que este tipo de actividade desaparece pouco a pouco cara a unha maior urbanización.

Neste barrio, na Porta Miñá,[13] ao pé da igrexa do Carme ou da Virxe do Camiño, nacía a importante calzada romana Vía XIX do Itinerario de Antonino, en dirección de Iria Flavia e Braga. Xa na época medieval pasaría sobre o camiño superposto a esta vía (o Regueiro dos Hortos) o Camiño Primitivo que máis tarde sería desviado cara á rúa Santiago. Neste barrio, nos terreos coñecidos coma Regueiro do Horto ou Rego do Horto, propiedade da catedral ata o século XVIII, naceu no ano 833 San Froilán.

  • A Milagrosa

É o barrio máis populoso e un dos máis extensos da cidade. Coa Avenida da Coruña como eixo principal, salienta nel un marcado carácter obreiro e unha notable actividade comercial e de hostalería. A zona sobre a que se asenta este barrio, pola que pasaba o acueduto romano do que hoxe apenas quedan restos, chamábase Agro do Rolo. O nome actual tomouno a partir da construción da igrexa da Milagrosa (comezada no ano 1946). Neste barrio atópase o Parque da Milagrosa, un dos máis importantes da cidade.

  • A Piringalla

Barrio situado á beira do barrio da Milagrosa a camiño até o de Garabolos. É unha zona onde se está a desenvolver unha importante actividade comercial.

En 2007 atopouse un castro de considerables dimensións anterior á ocupación romana preto dos actuais depósitos de auga que abastecen á cidade.[14]

  • Albeiros

Un barrio con moita personalidade propia, xa que é unha antiga aldea que foi engulida pola cidade, que mantén as súas características, sendo un dos barrios máis pintorescos e característicos da cidade.

  • Fonte dos Ranchos

Neste barrio atópase o antigo hospital da cidade, sendo un importante punto de comunicacións e unha das arterias principais da cidade, sendo a saída da cidade cara á Ponte Nova, que leva cara a Santiago de Compostela e Ourense. Cómpre destacar que no ano 2007 foi construída unha gran fonte, chamada multimedia, na que a iluminación se sincroniza coa música.

  • Paradai

Barrio próximo ao centro da cidade, que ao igual que outros barrios mestura as modernas construcións coas máis tradicionais. No ano 2009 sufriu un importante troco tralas obras de urbanización que sufriu, o que o converteu nunha das máis importantes arterias de comunicación da cidade.

  • Fontiñas

Un dos barrios con maior densidade de poboación da cidade e importante núcleo comercial e de comunicacións, que conecta a zona noroeste da cidade coa zona do Campus Universitario. Conta co Parque dos Paxariños, un espazo natural que baixa do alto da cidade até as zonas fluviais.

  • A Chanca

A Chanca é un barrio que mestura a cidade e a construción rural, a medio camiño entre o centro da cidade e a zona residencial de Castelo, contando hoxe cun importante paseo fluvial ao redor dos ríos Rato e Fervedoira, outro importante medio natural. Neste barrio atópase o Viaduto da Chanca, unha gran ponte utilizada para a rede de ferrocarrís dende 1874.

  • Sagrado Corazón

Este barrio é unha zona residencial, de pasado obreiro, situado ao norte da cidade á beira do Parque-Paseo do Rato.

  • As Gándaras

Outra zona residencial que mestura as novas construcións de grandes bloques de edificios con antigas casas, envorcada especialmente cara ao Polígono Industrial, ao que se atopa moi próxima. Arredor deste barrio e o anterior, concretamente na zona de San Cibrao é onde se sitúa o Novo Hospital de Lugo.

  • O Ceao

Zona industrial da cidade, atópase case ao 100 por 100 da súa capacidade de desenvolvemento, motivo o cal levou á construción dunha nova zona industrial nas proximidades deste.

  • Alto de Garabolos

Tamén coñecido sinxelamente como Garabolos, atópase ao final do polígono industrial e dunha das máis importantes arterias da cidade, a Avenida da Coruña. Neste barrio atópanse numerosas empresas adicadas ao sector automobilístico así como o cuartel de bombeiros e un importante centro comercial.

  • Galegos

Sitúase ao leste do río Fervedoira, subindo pola costa que comunica o Sagrado Corazón co HULA. Nos últimos anos está a experimentar un proceso de rehabilitación de vivendas de orixe labrega e tamén a edificación de novos chalés. As construcións máis antigas atópanse na parte alta, formando rueiros tradicionais, con airas e hortas anexas. As construcións da segunda metade do século XX distribúense rúa abaixo e espalladas polas proximidades.

  • Montirón

Edificado ex novo por Iberdrola nos anos 50, posteriormente o Estado franquista poxou as casas. Componse de vivendas unifamiliares dispostas en quinteiros ao redor dunha praza central.

Historia

editar
Artigo principal: Historia de Lugo.
 
A Muralla de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade no 2000.
 
Esculturas adicadas aos fundadores de Lugo na Praza Maior.

Idade Antiga

editar

Lugo fundouse coma un campamento romano ao mando de Caius Antistus Vetus, probablemente no lugar dun antigo castro,[15][16] nunha campaña coa finalidade de anexionar ao Imperio Romano o noroeste peninsular na época de Augusto ao redor do ano 25 a.C. Así, en nome do emperador, entre o 15 a. C. e o 13 a. C., Paulo Fabio Máximo funda "Lucus Augusti" sobre este campamento militar,[17] e a partir do ano 50 asístese á expansión da cidade, co asentamento de poboación indíxena dos castros próximos. Posteriormente a cidade convértese nun importante núcleo urbano, representativo da cultura e o modo de vida romano. Proba dilo son os restos atopados da antiga cidade, correspondentes a templos, piscinas, termas, moedas ou mosaicos.

Tradicionalmente considerábase que as dúas vías perpendiculares que configuraban tódalas cidades romanas (o cardo e o decumano) seguían a ruta das actuais rúas San Pedro e Rúa Nova, que se cruzaban na praza do Campo, o cal sería o foro. Con todo, recentes descubrimentos arqueolóxicos demostran que existía unha ampla praza pública que ocupaba dende a Rúa Doutor Castro (chamada das Dozarías) até a Rúa do Progreso, incluíndo gran parte da actual praza de Santo Domingo, o que levou a reformularse a devandita teoría. Consérvanse multitude de pezas, xacementos romanos e mosaicos que aínda hoxe seguen aparecendo, sobre todo cando se levan a cabo obras na zona antiga.

No século III, a cidade foi capital da provincia Hispania Superior. Entre os anos 260 e 325 a cidade rodéase dunha muralla,[18][19] no comezo do baixo Imperio Romano. Esta muralla, que se conserva íntegra, sendo o único caso único en todo o mundo, no ano 2000 foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[20] A muralla rodea o centro da cidade, a catedral, o museo provincial, a casa do concello e outros edificios de interese. A estes restos únese o conxunto monumental de Santalla de Bóveda, onde destacan as súas pinturas pompeianas.

Formou parte do Imperio romano até ser conquistada o día de Pascua do 459 polos suevos.[17] Pouco despois, controlada por estes, tivo lugar o Concilio de Lugo,[16] no que se elevou a igrexa lucense a sé metropolitana,[21] pasando a depender dela os bispos de Astorga, Bretoña, Iria Flavia, Ourense e Tui. Durante este período perdeu a maioría da poboación, comezándose a recuperar no século X. No ano 741 Afonso I ocupa, sen resistencia, a cidade de Lugo e o bispo Odoario, atopando a cidade nun estado lamentable, ordena sepultar os restos romanos e reconstruír a cidade, conscientes ambos da importancia que nestes anos adquirirá dentro do reino, xa que era a única Igrexa metropolitana reconquistada e a única cidade en toda a Hispania cristiá durante o século VIII e a primeira metade do IX[22] Deste xeito, a urbe romana converteuse nun locus eclesiástico, núcleo do actual burgo.

Idade Media

editar

Durante a Alta Idade Media, a cidade estaba ocupada practicamente só polo clero[23]. No ano 842 un grande exército galego reuniuse na cidade para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I, o primeiro rei da dinastía galega. En 1129 comezou a construción da catedral románica, deseñada polo mestre Raimundo de Monforte e adicada a Santa María, chamada Virxe dos Ollos Grandes.

Durante a Idade Media Lugo foi, ao igual que Santiago de Compostela,[24] un centro de peregrinación, posto que a catedral contaba co especial privilexio, que aínda conserva, de expor ao público unha hostia consagrada as vinte e catro horas do día. No ano 1669 constitúese a Ofrenda do Reino de Galicia ao Sacramento, aínda hoxe festexada. Xa no século XVIII foille concedido a Lugo o privilexio de organizar as feiras de san Froilán, concretamente no ano 1754.

Idade Moderna

editar
 
Torre da catedral.

Xa logo, durante a Idade Moderna,[23] Lugo foi protagonista de certo auxe, aínda que outras cidades próximas coma Mondoñedo ou Ribadeo lle disputaban a supremacía, pola importancia comercial da primeira e a puxanza industrial da segunda. Non foi até a división do estado en provincias de 1833 e a creación das deputacións que Lugo se converteu na máis importante vila de entre as que hoxe forman parte da provincia, ao converterse na capitalidade, decisión motivada sobre todo polo céntrico da cidade amurallada, o que supuxo un crecemento en poboación e extensión constante. Este auxe foi reforzado coa chegada do primeiro ferrocarril á cidade en 1875. Ademais as xa nomeadas feiras de San Froilán tiveron unha extraordinaria importancia económica, que xunto co ferrocarril, fixeron de Lugo o principal centro de comercio de gando vacún da península.

Durante esta época, o 2 de abril de 1846, co pronunciamento do Coronel Miguel Solís, en Lugo comeza a chamada Revolución Galega de 1846, que remataría co fusilamento dos Mártires de Carral. En 1908 fundouse o único xornal elaborado na cidade: El Progreso, que no seu momento tivo que competir con outros coma La Voz de la Verdad. No ano 1905 accede á alcaldía Ánxel López Pérez, que dirixiu a cidade durante sete mandatos (até 1930), facendo grandes refornas na cidade, aínda que non exento de polémica.

Idade Contemporánea

editar

En 1936 durante a guerra civil foron asasinado un gran número de republicanos da cidade, sendo lembrados estes feitos nos poemas de Luís Pimentel. No 1972 e promovida polo Concello e a Dirección Xeral de Belas Artes, procedeuse á demolición dos 130 edificios e 1.429 alpendres que estaban apoiados na muralla polo exterior e impedían a observación do monumento. A obra significou quizais a meirande remodelación do aspecto da cidade dende tempo dos romanos. O último gran fito da historia da cidade sucedeu no ano 2000, cando a muralla foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[25]

Cultura

editar

Toponimia

editar

No ano 26 a.C. chegou á que posteriormente sería a Gallaecia un corpo expedicionario romano ao mando de Caius Antistus Vetus para controlar o noroeste peninsular, e estableceu un campamento no territorio da actual Lugo no ano 25 a.C., ao que deu o nome de Lucus Augusti, orixinado posiblemente na divindade céltica Lugh[26][27] (que tamén orixinaría o nome de cidades como Lugano ou Lión) e que se converteu na capital da Gallaecia lucense. Lucus Augusti significa "o bosque sagrado de Augusto" (fundador en xenitivo).

Outra posibilidade é que esconda o teónimo Lug ou Lugu, nome do deus celta da luz, do que se sabe, pola epigrafía, que foi venerado na provincia.[28]

Patrimonio

editar

Patrimonio arquitectónico

editar
Muralla romana
editar
 
Muralla, vista da Mosqueira.
Artigo principal: Muralla de Lugo.

Trátase do principal monumento da cidade. É a única muralla romana do mundo que conserva todo o seu perímetro orixinal das innumerábeis que existían no antigo Imperio Romano. Ten máis de dous quilómetros de extensión e foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 30 de novembro do ano 2000[18], e irmandada dende o día 6 de outubro de 2007 coa Gran Muralla Chinesa de Qinhuangdao.[29]

Arrodea o centro da cidade, incluíndo a catedral, o museo provincial, o concello e outros edificios de interese. A muralla constaba de 85 torres elevadas con grandes fiestras, hoxe só consta de 71 cubos ao nivel do adarve. Das torres só queda un resto delas, A Mosqueira. O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2,3 quilómetros e á súa altura varía entre os 8 e os 12 metros. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. Sobre a muralla o camiño de rolda varía entre os 4, 5 e os 7 metros de largo.

A muralla conta hoxe en con dez portas (cinco antigas e cinco novas, abertas a partir de 1853 por necesidades do crecemento urbano) que unen o recinto antigo co ensanche da cidade. O adarve, cunha anchura de ao redor de catro metros, que hoxe é un paseo ao que se accede por escaleiras unidas ao paramento interior, que á súa vez é un miradoiro da cidade vella.

Catedral de Santa María
editar
 
Fachada da catedral de Lugo.
Artigo principal: Catedral de Lugo.

Mandada construír no 755 polo bispo Odoario, ás deficiencias de construción e aos asedios das guerras impediron que se comezase a construír até o ano 1129 polo mestre Reimundo de Monforte. A obra orixinal é románica, con planta de cruz latina. A comezos do século XVI construíuselle un pórtico á porta do norte; e a finais reconstruíuse a torre do reloxo, na praza de Santa María. No 1710 fíxose o claustro, obra de Frei Gabriel de Casas e Fernando de Casas Novoa. Finalmente, debido ao mal estado da primitiva fachada románica, derrubouse e construíuse a actual neoclásica.

A igrexa ten planta de cruz latina cunha lonxitude de 85 m. Ten tres naves, cruceiro e deambulatorio con cinco capelas absidais. A cabeceira é triabsidal. A nave maior cóbrese con bóveda de canón apuntado e os laterais con bóveda de canón e aresta, de nervios no cruceiro, e bóveda de canón con lunetos no triforio. As fiestras do triforio son de arco agudo ou apuntado ao interior e ao exterior. Ten o "privilexio" de albergar unha hostia consagrada en permanente exposición as 24 horas do día, esta exposición é única no orbe católico, o cal se reflicte no escudo da cidade (e á súa vez do Reino de Galicia), coa lenda Hoc hic mysterivm fidei firmiter profitemvr (Aquí confesamos firmemente este misterio da fe), en referencia ao misterio da consagración e do corpo de Cristo e que se trasladou ao propio escudo de Galicia, museos, institutos, ao campus universitario, ao Parque de Rosalía de Castro etc.

Outros monumentos de interese
editar
 
Torre do reloxo da casa do concello.
 
Pazo de San Marcos.
 
A Ponte romana de Lugo.
  • Termas romanas
Artigo principal: Termas romanas de Lugo.

Declaradas Monumento Histórico-Artístico en 1931, as antigas termas romanas forman parte dun balneario de augas termais. Atópanse dentro das instalacións do Hotel Balneario de Lugo á beira do río Miño, preto da ponte romana. A construción destes baños é contemporánea da fundación da cidade no ano 15 a.C., sendo a parte máis impresionante das instalacións romanas conservadas o "Apodycterium", estancia na que se espían os usuarios.

  • Ponte romana
Artigo principal: Ponte romana de Lugo.

Coñecida tamén como a ponte vella cruza o río Miño, no itinerario que comunicaba Lucus Augusti con Bracara Augusta (a actual Braga). Conta cunha lonxitude total de 104 m e 4 m de largura, e está feita enteiramente de pedra e lousa, estando composta por sete arcos. Na Baixa Idade Media a ponte romana sufriu restauracións de certa importancia, tendo que facer na Idade Moderna varias reparacións para finalmente, en 1893, ser ancheada e modificada no seu aspecto ao suprimírselle varios elementos. Con todo, pese a todas estas modificacións os fundamentos da obra son en boa parte os orixinais.

Hoxe en día segue a ser utilizada, sendo unha das tres pontes coas que conta a cidade sobre o río Miño. Debido á apertura dunha nova ponte en xuño de 2011, 1.200 metros río abaixo, está en fase de proxecto a remodelación e peonalización da ponte.

  • Casa do concello
Artigo principal: Casa Consistorial de Lugo.

Atópase na cabeceira da Praza Maior, e é considerada como unha das obras máis importantes do barroco civil galego. Foi proxectado por Lucas Ferro Caaveiro e erixida en 1738. A fachada principal do consistorio ten unha composición de dúas alturas, a inferior posúe un soportal con oito arcos de medio punto apoiados sobre nove alicerces e no andar de piso as oito portas-fiestra dispostas sobre os arcos inferiores dan paso a dúas balconadas de forxa de ferro sustentadas por ménsulas decoradas. A torre do reloxo, foille engadida en 1871.

As placas da fachada están en relación directa co barroco compostelán, sendo a súa decoración moi semellante á deseñada por Casas Novoa na capela dos Ollos Grandes. A fachada complétase con escudos e unha cornixa moldurada con seis gárgolas sobre outros tantos pináculos. Esta composición péchase con dúas torres nas esquinas de corpo único. O peite da sección central ten unha cartela orlada que sinala a José Vaamonde, rexedor da cidade en 1738.

  • Pazo de San Marcos
Artigo principal: Pazo de San Marcos.

Este pazo está situado na rúa de San Marcos, sendo a sede da Deputación Provincial. É un enorme edificio de dous andares, estando na súa parte traseira a muralla, onde se atopan os xardíns da Deputación. Posúe tamén unha sala de exposicións.

  • Pazo Episcopal

É o actual pazo de residencia dos bispos da diocese, é de estilo barroco e sitúase fronte á catedral, na praza de Santa María. Está presidida polo escudo do bispo Cayetano Gil Taboada, baixo cuxo bispado se rematou a obra.

  • Outros pazos urbanos
    • Casa do Rexedor Santiso.
    • Casa dos Montenegro.
    • Casa dos Saavedra.
    • Pazo de Dona Orraca.
    • Pazo da Maza.
    • Pazo de Orbán.
    • Pazo do Marqués de San Martiño de Ombreiro.
Prazas e parques
editar
 
A Praza Maior durante o Arde Lucus.
 
Casa do concello na Praza Maior.
 
A praza do Campo.
  • Praza Maior
Artigo principal: Praza Maior de Lugo.

É segundo verbas de Luís Pimentel a "sala de visitas da miña vila". A praza, presidida polo barroco Pazo do Concello, é de forma rectangular. Na súa beira lado norte atópanse casas con soportais, que albergan locais de hostalería e unha pequena zona comercial. Na outra beira atópase o Convento dos Franciscanos de 1598 e o edificio do Círculo de Belas Artes, coroado cunha cúpula, de 1855. Outros edificios destacables son o que fai esquina coa rúa Conde de Pallares, unha casa palaciana de feituras barrocas, que ten na fachada un escudo sen labrar.

Tamén destacan a estatua adicada aos fundadores da cidade, o pequeno paseo con placas e bustos adicados aos principais escritores do país, a estatua adicada a Pimentel, o cal naceu e morreu nun edificio situado na praza e o "quiosco da música", onde ás veces toca a Banda Municipal de Música. É o centro vital da cidade e un dos principais lugares de encontro dos lucenses, realizándose na mesma diferentes actividades de entretemento, ou diversas actividades encadradas dentro das festas, como o pregón das Festas de San Froilán, concertos ou o Macellum do Arde Lucus.

  • Praza do Campo

A praza do Campo, situada no corazón do recinto histórico, está considerado como un dos recunchos máis fermosos.[30] Trátase dunha pequena praza de forma triangular no corazón da cidade vella, moi preto da catedral de Santa María. É probablemente a praza máis antiga que se conserva na cidade, pois nela estivo o foro romano. Na Baixa Idade Media constituía o centro comercial. O seu aspecto actual é, produto da primitiva ordenación medieval, fortemente impregnada polo estilo barroco dominante nas casas que a limitan, construídas principalmente polos comerciantes máis ricos durante a segunda metade do século XVIII.

No centro da praza érguese unha fonte presidida por estatua adicada a San Vicente Ferrer. Esta fonte recibía as augas para abastecer a cidade por un antigo acueduto, hoxe desaparecido. Foi rematada en 1754, en tempos bispo Esquerdo, cuxo brasón está esculpido na base da estatua. As casas barrocas da praza do Campo apoian as súas fachadas de cantería en arcos que forman soportais. Na parte máis baixa da praza consérvanse algunhas casas medievais, apoiadas en columnas, algunha das cales é romana reutilizada. Na praza do Campo conflúe a Rúa Nova, tamén de orixe medieval, que foi a máis populosa da cidade ata que esta empezou a medrar extramuros. Esta zona é hoxe coñecida como a rúa dos viños. Na praza atópase o Centro de Interpretación da Muralla.

  • Praza do Campo Castelo

Nesta praza destaca o que queda do antigo cárcere episcopal barroco, que se levantou no lugar que ocupara o castelo medieval, e o edificio que fai esquina coa Praza Maior, construído en 1898. Hai unha estatua ao escritor Ánxel Fole e un parque onde se poden ver ao aire libre restos atopados do antigo Lugo romano. Esta praza é unha das máis frecuentadas da cidade, estando no verán ateigada de terrazas dos bares, locais comerciais e dun parque para rapaces novos.

  • Prazas de Santa María e Pío XII

A praza de Santa María está comunicada coa Praza Maior,[31] case formando un espazo continuo coa mesma, estando tan só separadas polo edificio da Fundación Caixa Galicia. Nesta praza atópase o nártice, a torre do reloxo, os ábsidas e a capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral. Fronte a mesma atópase o Pazo Episcopal, construído por orde do bispo Xil Taboada en 1713, aproveitando parte do antigo pazo dos Condes de Lemos, en cuxa torre aínda se observa o seu brasón.

Moi preto da praza de Santa María atópase a praza de Pío XII. Nela pódese contemplar a fachada principal da catedral, flanqueada por un muro e a carón da Porta de Santiago da Muralla, unha das máis antigas e na que destaca unha estatua adicada ao apóstolo Santiago. Dende a parte dereita da praza accedese ao Pazo dos Saavedra, decorado co escudo da familia.

  • Parque de Rosalía de Castro
Artigo principal: Parque de Rosalía de Castro.

É un parque situado no centro da cidade, aberto a mediados do século XX como Cidade Xardín. Conta cunha extensión de preto de dúas hectáreas, onde se poden atopar diversas construcións, coma un Palco da Música, un estanque ou xogos infantís, a parte dun miradoiro dende onde se pode ver o río Miño en case toda a súa extensión ao seu paso pola cidade.

O parque componse de diferentes zonas axardinadas e amplos paseos delimitados por árbores altas e vellas. Os corredores principais crúzanse nun grande espazo central presidido por unha fonte enfeitada con roseiras, un dos máis comúns arranxos florais do parque. Sobre a estrutura xeométrica predomina a capa arbórea con especies de sombra e outras de gran porte entre as que cómpre salientar os abetos. O parque acada especial relevancia durante as celebración das festas de san Froilán, pois serve de espazo para atraccións, barracas e quioscos.

Arquitectura relixiosa
editar
  • Igrexa de san Domingos

A igrexa de san Domingos atópase situada na praza do mesmo nome, tamén coñecida como praza de Santo Domingo.[32] Esta construción atópase vinculada ao convento ocupado polas monxas agostiñas. Antigamente a igrexa pertencía ao convento dos Padres Dominicos, do cal hai constancia xa dende 1274. A pesar das diversas reformas feitas ao longo do tempo no templo, engadidos e edificios que a circundan parcialmente, como o da Caixa de Aforros de Galicia, a igrexa conserva a súa estrutura gótica.

Arquitectonicamente ten planta de cruz latina, e a súa cabeceira consta de tres ábsidas poligonais abovedadas, nas que se atopan unhas xanelas estreitas e altas. Tanto a nave central, coroada por unha cúpula, como a do cruceiro, datado do século XIV, cóbrense con bóvedas apuntadas. A fachada principal non é visible, pois forma parte da clausura. A portada sur consta dun pórtico barroco.

 
Fachada da Igrexa de San Froilán.
  • Igrexa de San Froilán

A igrexa de san Froilán, patrón da cidade,[33] está situada na praza de Ferrol, un espazo situado dentro na zona antiga entre a Porta Falsa e a Porta de San Fernando da Muralla. Esta igrexa foi en orixe unha capela vinculada ao Hospital de San Bartolomeu, refundada en 1621. Xa a comezos do século XVIII a igrexa pasou a ser administrado polos irmáns de san Xoán de Deus. Na súa forma actual, o templo foi construído en 1768, en tempos do Bispo Esquerdo. Derrubado o hospital en 1878, a capela converteuse pouco despois na igrexa parroquial de san Froilán.

A fachada da igrexa ten sobre a porta alinteada unha efixie de san Bartolomeu,[31] Está cuberta por unha bóveda de berce, cunha pequena cúpula central. Ten unha fachada barroca moi característico, co escudo do bispo construtor e coroado cun arco cunha estatua de san Rafael, que segundo o catolicismo é o arcanxo médico. A fachada está flanqueada por dúas torres campanarias de cúpula cónica e cuarteronada. O interior consta dunha soa nave, estando o presbiterio, espazo antes do altar, coas imaxes da Virxe da Milagrosa e do propio san Froilán. Anexo a un lado da igrexa, nunha construción máis moderna, atópase o Colexio da Milagrosa.

 
Igrexa de San Francisco.
  • Igrexa de San Francisco

Na praza da Soidade, no medio do centro histórico, atópase esta igrexa, agora parroquial de san Pedro, contigua ao Museo Provincial.[34] É coñecida co nome de san Francisco, en lembranza da súa pertenza inicial ao antigo convento dos Padres Franciscanos, extinguido pola desamortización. Despois da catedral, é o monumento relixioso máis importante da cidade. Segundo conta a tradición, a igrexa foi fundada por Francisco de Asís en 1912, e en 1230 hai constancia xa da presenza dos franciscanos na cidade.

Ademais da igrexa e das edificacións do convento, consérvase a cociña, o refectorio e mailo claustro, integrados no Museo Provincial. O conxunto foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931. A igrexa está considerada unha obra moi importante dentro do gótico mendicante. Arquitectonicamente ten planta de cruz latina, cunha soa nave, á que se entra por unha portada de tripla arquivolta e está coroada por unha xanela con dous parteluces. Á esquerda desta porta atópase unha torre de construción posterior.

Tanto a nave principal como a do cruceiro están cubertas de madeira sobre arcos apuntados. A cabeceira está composta por tres ábsidas poligonais. Conta tamén de altas fiestras oxivais con parteluces, cun amplo rosetón orientado ao sur que ilumina o interior. Nas ábsidas laterais consérvanse catro sartegos, tres deles con estatuas de cabaleiros. O lateral sur deste templo foi cuberto no século XVIII pola capela da Orde Terceira. No interior adoitan celebrarse concertos sinfónicos, sobre todo durante o Festival de Música do Corpus.

 
Igrexa de Santiago "A Nova".
  • Igrexa de Santiago A Nova

A igrexa parroquial de Santiago, coñecida popularmente como A Nova,[35] atópase situada na rúa da Raíña, a carón da Praza Maior. Antigamente pertencía ao convento de relixiosas dominicas instaurando no lugar en 1363 o cal, ao igual ca Igrexa de San Francisco, desapareceu coa desamortización. Naquela época tiña como patroa a Santa María, polo que era coñecida como Santa María "A Nova" para distinguila da catedral, tamén adicada á Virxe.

A igrexa actual, Foi edificada no século século XVIII, sendo posteriormente recortada para adaptala á aliñación do resto de edificios da Rúa da Raíña. En 1859 a igrexa converteuse na parroquial de Santiago, e a súa fachada tal como figura hoxe foi rematada en 1914. No interior destaca a vista da cúpula que coroa a igrexa e a imaxe do Apóstolo Santiago. O retablo maior, feito sobre planos de Domingo de Andrade, é notable por algunhas das súas imaxes.

  • Capela de san Roque

A capela de san Roque atópase situada no barrio homónimo, fóra do recinto amurallado, preto da Porta de San Pedro. O barrio de San Roque, situado ao redor da capela, medrou ao redor da mesma e a consecuencia da concesión á cidade das feiras anuais de san Froilán en 1754.

O proxecto da capela é de Lucas Ferro Caaveiro, arquitecto que tamén foi o artífice do Pazo do Concello. Arquitectonicamente é un edificio con planta de cruz latina, cuberto con bóveda de berce e cúpula semiesférica no cruceiro. A súa construción tal como se coñece rematou en 1731, aínda que posteriormente engadíuselle un pórtico frontal cunha balconada na parte superior. Nesta capela xuraban os bispos os foros da cidade. Anexo á capela atópase un parque adicado ao músico Xoán Montes é o Centro Arqueolóxico San Roque.

  • Capela do Carme

Sita extramuros ó carón da porta Miñá ou do Carme. Trátase dunha capela neoclásica do século XVIII aínda que con reminiscencias barrocas. Antigamente chamábase capela da Virxe do Camiño por mor de estar localizada á beira do Camiño Primitivo de Santiago, o troco de nome debeuse á creación da confraría da virxe do Carme en 1773. No interior consérvanse imaxes de ámbalas dúas virxes (do Camiño e do Carme).[36]

Patrimonio cultural

editar
Véxase tamén: Museos de Lugo.
 
Fachada do Museo na praza da Soidade.

A cidade amurallada conta cunha gran variedade de museos, entre os que se atopan o Museo Provincial, o Centro de Interpretación da Muralla, o Centro Arqueolóxico san Roque, a Casa dos Mosaicos, a Sala de Exposicións Porta Miñá ou o Museo Diocesano.

O museo máis importante da cidade é o Museo Provincial, cuxos fondos do distribúense ao longo de vinte e oito salas repartidas en dous andares. Así, o museo conta "Refectorio, cociña e claustro do convento de San Francisco", declarado Ben de Interese Cultural; coas "Salas de arte sacra", onde se atopan pinturas e diversas obras de arte relixiosa; as "Salas dos mosaicos de Dédalo e Parsífae", onde se atopan dous dos mosaicos romanos achados na cidade; a "Sala de prehistoria e arqueoloxía", onde se expoñen numerosos obxectos atopados en escavacións arqueolóxicas e as "Salas de arte galega", onde se poden contemplar obras de Castelao, Tino Grandío, Colmeiro, Prieto Nespereira, Xulia Minguillón, Francisco Asorey, Ramón Conde ou Maruxa Mallo entre outros.

En novembro de 2012 inaugurouse un novo museo na cidade, o Museo Interactivo da Historia de Lugo,[37] o primeiro museo do estilo construído en Europa e que se agarda que sexa un reclamo turístico importante. Este museo, situado na zona do Parque da Milagrosa, na antiga zona Frigsa, conta cunha superficie de 4.039 e unha dotación nos seus arredores de 11.000 m². A parte do propio museo, o edificio conta con locais para exposicións temporais, salón de actos e biblioteca, ademais doutros locais de lecer.

Etnografía

editar
editar
Refraneiro
  • De Lugo, nin boa besta nin bo burro.
  • En Lugo, nin boa besta nin bo burro [38].
  • De Lugo, nin boa besta nin bo burro, mais montadores, os millores.
  • Na provincia de Lugo non hai boa besta nin bo burro, pero manteadores, dos millores.
  • O que che é burro tanto é eiquí como en Lugo.
  • O que é burro, tanto é aquí como en Lugo.
Cantigueiro
  • Viva Cruña, viva Lugo,/ viva Ourense e Pontevedra,/ viva Galicia, irmauciños,/ que pra nós no’hai millor terra [39].

Festas e celebracións

editar
Véxase tamén: Categoría:Festas de Lugo.
 
Zona antiga de Lugo.
San Froilán
editar
Artigo principal: Festa de San Froilán.

Son festas adicadas ao patrón da cidade entre o 4 e o 12 de outubro. Estas festas de Interese Turístico Nacional reúnin tódolos anos multitude de visitantes de todo o país e de fóra, chegando na súa edición do 2008 a reunir a 1 035 000 persoas.[40] Dende tempos remotos durante os días que van do 4 ao 12 de outubro celébranse unha serie de actos festivos cuxas xornadas principais son a do patrón (día 5) e o domingo seguinte, chamado Domingo das Mozas, onde a xente engalánase cos traxes tradicionais e onde antes a tradición dicía que as familias do rural daban permiso a acudir a este día das festas aos seus fillos.

Tradicionalmente foi unha feira do ámbito rural con bailes, actuacións teatrais e competicións deportivas. Hoxe en día a estas actividades súmanse moitas outras, coma concertos, feiras de artesanía etc., aínda que o máis típico sexa a visita ás barracas e sobre todo visitar as casetas onde, durante todo o mes de outubro, se pode degustar o polbo á feira.

Arde Lvcvs
editar
 
Desfile romano polas rúas da cidade con motivo do Arde Lucus.
Artigo principal: Arde Lvcvs.

Con preto de medio millón de visitantes esta festa conmemora o pasado romano da cidade de Lugo. Son tres días de actividades lúdicas nos que se recrea a vida da cidade no Imperio Romano, con circos romanos, carreiras de cuadrigas, loitas de gladiadores, desfiles militares romanos, gardas nas portas da muralla, venda de escravos, vodas celtas... onde a xente da cidade viste con traxes de romano ou de celtas, participando en tódalas actividades.

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo
editar

Dende 1669 os delegados das sete antigas capitais do Reino (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) acoden cada ano para cumprir coa súa centenaria promesa de dotar dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior. A comitiva diríxese á catedral dende o pazo do Concello e, acabada a ofrenda, acompaña ao Santísimo na procesión pola cidade. Este acto desenvólvese o segundo domingo despois da festividade de Corpus Christi e foi declarado de Festa de Interese Turístico Galego.

A Carballeira
editar

Festa universitaria, nace na década dos 90 da man dos Comités Abertos de Faculdade como acto protesta contra as continuas promesas das institucións de ampliación do Campus Universitario, aínda que pronto se afianza como unha festa de sona nacional, xa pasado o ano 2000 o concello de Lugo prohibe a celebración organizada desta festa, derivando ata a situación actual na que é un macrobotellón máis sen ningún tipo de responsábeis nin control.

Outras festas
editar

Outras festas dignas de mención son as do barrio da Milagrosa, que se celebran a primeira fin de semana de setembro, o Entroido, as Letras Galegas, o Samaín ou o Magosto.

Gastronomía

editar

Lugo é famosa polas súas tabernas da rúa Nova (tamén coñecida coma rúa dos Viños), rúa da Cruz e praza do Campo. Tamén podemos atopar unha rica gastronomía. Entre os seus pratos típicos están o polbo á feira, o lacón con grelos, o caldo galego, a empanada, as anguías, as troitas... Entre a repostería destacan as filloas (que poden ser feitas con sangue de porco), os freixós, as tellas e as orellas.

Símbolos

editar
Artigo principal: Escudo de Lugo.
 

No escudo da cidade figura,[41] en campo de azur, unha torre donxonada de ouro, aclarada e terrasada de goles, acostado de dous leóns afrontados, de ouro, rampantes contra a torre, e sumada dun cáliz de ouro, sumado á súa vez de hostia de prata, radiante de ouro, e acostado de dous anxos en adoración afrontados, de prata, sobre senllas nubes do mesmo metal. Bordura de prata coa divisa: "Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur" (do latín: "Aquí confesamos firmemente este misterio da fe") en letras de sable. Ó timbre, coroa de marqués.

Con todo o escudo da cidade non foi sempre tal como se coñece agora.[42][43][44] A primeira versión coñecida, da que se descoñece a data, apareceu na Rúa do Miño, na coñecida como Casa do Sangro. Este escudo atópase no Museo Provincial. En dito escudo non figuran os actuais anxos, saíndo só os leóns e a torre, o que demostra a súa primitiva vinculación co selo do cabido catedralicio. O primeiro escudo do que se ten constancia cos anxos custodios é o que se atopa enriba da Porta de San Pedro na Muralla. Esta representación data de 1781. Despois de diversas modificacións, o anterior escudo, que databa de 1942 non contiña os leóns exteriores, que foron recuperados en 2012 para a bandeira de Lugo.

Con respecto ao lema da cidade "Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur",[45] que tamén figura no escudo, ten a súa orixe na catedral de Lugo, a cal posúe o privilexio papal de exposición permanente do "Santísimo Sacramento". Isto tamén é a orixe do cáliz e a hostia que aparecen no escudo. Polo tanto, a lenda fai referencia ao misterio da consagración do corpo de Xesús Cristo. Debido a este feito Lugo é coñecida como A cidade do Sacramento ou Sacramental. Este mesmo lema foi adoptado e trasladado con posterioridade ao escudo do Reino de Galicia, onde o atopamos en representacións gráficas a partir do século XVII.

Distincións

editar

A partir da designación do principal monumento da cidade, a muralla, coma Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 2 de decembro de 2000, a cidade recibiu unha serie de recoñecementos máis. Por exemplo cómpre destacar que, o 7 de novembro do ano 2002, a propia UNESCO designou a parte central da provincia, na que está incluído totalmente o concello, como Reserva da Biosfera "Terras do Miño".

Pouco despois debido ao auxe das festas patronais da cidade estas foron declaradas de Interese Turístico Nacional, ademais da propia cidade como Municipio Turístico Galego. As festas do Arde Lucus, de Interese Turístico Galego, estase a estudar tamén a súa presentación como candidata para recibir o galardón de Interese Turístico Nacional.

Cidades irmandadas

editar

O concello está irmandado coas seguintes cidades:[46]

Economía

editar
 
Campus de Lugo.

Lugo é unha cidade de servizos. As principais actividades son as comerciais, a administración (delegacións da Xunta, de organismos estatais...) e servizos sanitarios e educativos. O incremento constante da poboación da cidade fai da construción un dos principais sectores económicos do municipio. A industria é moi escasa e dedícase case de forma exclusiva á transformación de produtos agrícolas (lácteas, cárnicas, madeira...). A reducida presenza de industrias, a ausencia de medianas e grandes empresas e certo estancamento económico fan de Lugo unha das cidades menos desenvolvidas de Galicia. Porén, estase a converter nun importante núcleo comercial e de servizos.

O polígono industrial máis importante da cidade é o Polígono do Ceao,[48] situado ao norte da cidade, a rentes da Autovía do Noroeste. Comezouse a construír no ano 1979 ocupando unha superficie de máis de 700.000 , o que o converteu no seu momento no maior núcleo industrial do concello. Posteriormente foi completando o seu desenvolvemento cunha segunda fase que o ampliou en 300.000 metros cadrados. Dispón dunha rede mallada de viarios e rúas segundo o definido pola Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo. Así, en conxunto, o polígono conforma unha rede industrial de máis de 100 hectáreas, as cales hoxe en día están urbanizadas e vendidas totalmente, sendo a súa ocupación industrial do 90%.

Canto á distribución das activades empresariais do polígono,[48][49] o 50 % das empresas adícanse ao comercio, o 24 % á fabricación, o 12 % ao sector do transporte, o 10 % á construción e o 5 % restante son locais de servizos. As empresas do polígono están agrupadas dentro da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Ceao, a cal publica unha revista sobre as últimas novidades do mesmo. Debido á total ocupación do Ceao estase a traballar nun novo polígono no barrio das Gándaras. O novo polígono conta con 114 parcelas, dispoñibles dende xuño 2010. O polígono ocupará unha extensión total na súa última fase de 220 hectáreas, o dobre que O Ceao. Con todo, dende que se abriu o prazo de venda de parcelas até finais de setembro de 2010, tan só foron recibidas 12 ofertas, o que supón tan só un 17% da superficie inicial dispoñible.

 
Zona rehabilitada dentro do centro histórico.

Un dos polos económicos máis importantes da cidade é o campus universitario,[50] pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, especializado en Ciencias Agrarias, o que converten á cidade nunha das urbes universitarias máis importantes de Galicia, só superada por Santiago de Compostela. Así, o campus está composto por seis facultades, todas situadas no barrio de Acea de Olga, na beira do Miño, agás a Facultade de Formación do Profesorado, que se atopa no centro da cidade. Os outros cinco centros son a Facultade de Administración e Dirección de Empresas; a Facultade de Ciencias (con carreiras enfocadas á enxeñaría química e á nutrición); a Facultade de Humanidades; a Facultade de Veterinaria e a Escola Politécnica Superior, que oferta as enxeñerías agrícola, forestal, civil e topografía. Ademais están adscritas á Universidade as escolas de Relacións Laborais e Enfermaría.

En canto ao sector turístico está a gañar grande importancia dentro da economía da cidade así,[51][52] nos últimos anos aumentou en máis dun 425 por cento o número de visitantes. Neste aumento da cantidade de turistas comezou co nomeamento da Muralla como Patrimonio da Humanidade, ademais dun plan turístico que inclúe a creación de novas oficinas de información, trens turísticos, o aumento en publicidade e a rehabilitación do centro histórico e monumental. A rehabilitación desta última zona estase a levar dentro do Proxecto URBAN (Iniciativa Urbana), cofinanciado polo Concello máis a Unión Europea. A mellora do centro histórico foi distinguida en 2008 pola Organización das Nacións Unidas dentro do Premio Internacional ás boas prácticas para mellorar as condicións de vida Dubai 2008.

Infraestruturas

editar

A cidade conta con accesos por liña férrea e por estrada,[53] a parte do Aeródromo de Rozas, o cal non ten uso comercial. En canto ao tren, as dúas estacións coas que conta a cidade, a situada en Conde de Fontao e a do Ceao, forman parte da liña A Coruña-Palencia xestionada Adif. Utilizan esta liña, en canto a transporte comercial de pasaxeiros o Tren Arco entre a cidade herculina e Monforte de Lemos, o Trenhotel Atlántico entre Ferrol e Madrid e o Trenhotel Galicia entre A Coruña e Barcelona. Está así mesmo proxectada a apertura dunha liña de alta velocidade que conectará á cidade con Ourense. En canto ao transporte por estrada as principais vías de comunicación son a antiga N-VI e a Autovía do Noroeste, que cobre a ruta entre Madrid e Arteixo. Outras autovías en proxecto de construción son a A-54, que conectará a cidade con Santiago de Compostela e a A-56, que conectará con Ourense. Así mesmo a cidade está conectada por diversas estradas de menor entidade coas principais vilas e cidades galegas.

O transporte público urbano existe na cidade dende o século XIX,[54] cando comezou a funcionar a compañía La Ferrocarrilana, que tiña primeiro a súa parada nos arredores da Porta de San Pedro e máis tarde na actual praza de Asturias. Con todo, o primeiro autobús motorizado utilizado na cidade data de 1907, cando a casa Barros comeza a facer probas cun percorrido entre a cidade e Viveiro, substituíndo finalmente a tracción motorizada á animal en 1915. Durante os anos 1920 o transporte colectivo por estrada comeza a experimentar un notable crecemento, creándose liñas que conectaban con Becerreá, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Ribadeo e Portomarín.

En maio de 1931, ante a necesidade, decidiuse crear unha rede de transporte urbano. Para iso o concello encargou a construción de catro autobuses con capacidade para 36 viaxeiros sentados e 40 de pé. Con iso buscábase crear tres liñas de servizo ordinario deixando un automóbil de reserva, estas tres liñas unirían: Ombreiro coa estación de tren; o empalme da estrada de Portomarín tamén coa estación de tren (pasando pola Praza Maior); e As Mercedes coa rúa San Fernando no centro. O prezo do billete oscilaba entre os 15 e os 40 céntimos. A partir de aquí a evolución do transporte urbano vai parella coa evolución da cidade. O 17 de maio de 1963, cando o concello outorga a concesión do servizo á empresa Autobuses Urbanos de Lugo, propiedade de Xosé Vázquez e Xaquín Arias. En 1976 a empresa converteuse en sociedade anónima e pasou a denominarse AULUSA. A empresa pertence ao grupo Monbus.

Deporte

editar
Véxase tamén: Categoría:Deporte en Lugo.
 
O Breogán en 2012.

Na cidade destacan equipos profesionais como o Breogán, o Prone, o Club Deportivo Lugo ou o Ensino. Todos eles amplamente coñecidos pola súa participación de maneira frecuente nas máximas categorías estatais na loita con cidades moito maiores e importantes a nivel económico.

O Club Baloncesto Breogán,[55] participante na Liga ACB, é un dos clubs históricos no baloncesto estatal (ocupa a novena posición nesa lista) cunha das afeccións máis numerosas de Europa. Tras moitos anos na máxima categoría nacional, a liga ACB, descendeu na temporada 2005-06 á LEB, logrando regresar en 2018. O club logrou a súa mellor clasificación na temporada 1984-85, ocupando a sexta posición, o que lle permitiu disputar unha competición europea, a Copa Korać, a seguinte campaña. Algúns xogadores importantes de baloncesto da cidade foron Manel Sánchez, Tito Díaz, Suso Fernández ou Fran Vázquez. A canteira do Breogán está representada polo Club Estudiantes, que disputa a Liga EBA. O Pavillón no que disputa so seus encontros é o Pazo dos Deportes.

 
O Pazo dos Deportes é o pavillón maior da cidade.

O Azkar Lugo FS xogou durante múltiples temporadas na Primeira División de fútbol sala. Trala súa consolidación como un dos fixos da categoría a aposta pola canteira parece que comeza a ser clara nunha cidade na que o fútbol sala ten o maior número de fichas federativas. No seu palmarés destaca a Recopa de Europa do ano 2005, disputada en Lugo. Xoga os seus encontros como local no Palacio Municipal de Deportes.

No fútbol destaca o CD Lugo que milita na Segunda División Española, tras ascender o 25 de xuño de 2012. Algúns futbolistas lugueses de sona son o porteiro Diego López, Roberto Trashorras, Paulo Álvarez ou José Manuel Alvelo, exfutbolista do Celta de Vigo. O equipo xoga os seus encontro no Estadio Anxo Carro, situado no barrio da Cheda á beira do Río Miño.

En baloncesto feminino o Porta XI Ensino compite na Liga Día, máxima categoría estatal. Os seus maiores logros foron o pase á final da Copa da Raíña en 2001 e a clasificación para as semifinais da Liga na temporada 2003-04. En voleibol, destaca o equipo feminino Club Voleibol Emeve, que compite na máxima categoría. En piragüismo cabe destacar o dobre medallista olímpico Luis Gregorio Ramos Misioné e aos tamén olímpicos Ángel Villar Varela Chilares e Pedro Cuesta García, xunto a outros piragüistas como Valladares. En atletismo destaca a olímpica María Abel Diéguez, e no golf Katia Fernández. Foi famoso o falecido motociclista Juan López Mella.

Cabe destacar tamén a ampla tradición aeronáutica da cidade. O Real Aeroclub de Lugo conta cunha gran frota de aeronaves lixeiras. Organiza anualmente unha concentración aeronáutica na que se encontran varias disciplinas, desde a competición ata a divulgación do mundo da aviación. A súa base é o aeródromo de Rozas, unha pista de importantes dimensións para a que existen proxectos de ampliación nun futuro.

Política e goberno

editar
Artigo principal: Alcaldes de Lugo.
Alcaldes dende as eleccións de 1979
Lexislatura Alcalde/Alcaldesa Partido
1979-1983 José Novo Freire   UCD
1983-1987 Vicente Quiroga Rodríguez   AP
1987-1991 Vicente Quiroga Rodríguez CPG
1991-1995 Tomás Notario Vacas   PPdeG
1995-1999 Joaquín María García Díez   PPdeG
1999-2003 José Clemente López Orozco   PSdeG-PSOE
2003-2007 José Clemente López Orozco   PSdeG-PSOE
2007-2011 José Clemente López Orozco   PSdeG-PSOE
2011-2015 José Clemente López Orozco   PSdeG-PSOE
2015-2019 Lara Méndez López   PSdeG-PSOE
2019- Lara Méndez López   PSdeG-PSOE

Parroquias

editar

Galería de imaxes

editar
Artigo principal: Galería de imaxes de Lugo.
  1. Manuel Villanueva Acuña considera complicada que a fundación de Lugo fose obra de Paulo Fabio Máximo, pois para esas datas hai evidencia epigráfica da súa estancia nos territorios do Oriente romano, polo que entende “que se debe abandonar toda tentativa de vencellar a Paulo Fabio Máximo cunha suposta presenza no Noroeste e en Lugo antes de súa etapa de gobernador nos anos 3-2 a. C."Villanueva Acuña, Manuel (2017). "La fundación de Lucus Augusti: nuevas perspectivas". REVISTA DE HISTORIOGRAFÍA (RevHisto) (25): 273–286. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lugués.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lucense.
  4. Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 50. ISBN 978-84-8158-706-7. 
  5. "A Reserva da Biosfera 'Terras do Miño'". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2011. Consultado o 02 de outubro de 2010. 
  6. Axencia Estatal de Meteoroloxía. Temperatura máxima anual absoluta
  7. Axencia Estatal de Meteoroloxía. Temperatura mínima anual absoluta
  8. Axencia Estatal de Meteoroloxía. Valores extremos
  9. "Lugo roza los cien mil: 99.638 habitantes". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-04-22. Consultado o 2020-04-23. 
  10. "Alteraciones de los municipios en los Censos de Población desde 1842". Instituto Nacional de Estadística (INE) España. Consultado o 5 de xaneiro de 2012. 
  11. [Lugo: Población por municipios y sexo. (2880) (ine.es)n "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero. Detalle municipal"] |url= incorrecto (Axuda). Instituto Nacional de Estadística (INE) España. Consultado o 22 de xuño de 2022. 
  12. Cidade e Barrios[Ligazón morta]
  13. Ricardo Polín, Guía histórica e cartográfica do Camiño Primitivo de Santiago, Concellaría de Cultura e Educación (Concello de Lugo), 2002
  14. Parece que el castro de A Piringalla tuvo un doble anillo de fosos. La Voz de Galicia (3/2/2008)
  15. Un castro revoluciona a historia de Lugo
  16. 16,0 16,1 Galicia pueblo a pueblo. Andrés Procedo Ledo. Xunta de Galicia.
  17. 17,0 17,1 Vilela 2009, p. 25
  18. 18,0 18,1 Páxina da UNESCO, criterio para a designación da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade
  19. "Páxina do Concello con datos sobre a Muralla". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2009. Consultado o 05 de febreiro de 2009. 
  20. Vilela, Adolfo de Abel (12 de novembro de 2010). "A muralla de Lugo cumple 10 anos como patrimonio da humanidade". terraetempo.gal. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2022. Consultado o 22 de xuño de 2022. 
  21. "Cronoloxía de Lugo". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2011. Consultado o 02 de outubro de 2010. 
  22. M. Rubén García Álvarez, Galicia y los gallegos en la Alta Edad Media, Santiago, Pico Sacro, 1975, p. 44: "No tenía Galicia al comenzar esta etapa histórica más que una sola ciudad, la de Lugo, que era también, por cierto, la única que merecía tal nombre en toda la España cristiana del siglo VIII y la primera mitad de IX".
  23. 23,0 23,1 "Historia de Lugo". Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 02 de xullo de 2009. 
  24. "O privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2011. Consultado o 02 de outubro de 2010. 
  25. Roman Walls of Lugo. UNESCO World Heritage List (en inglés)
  26. "Sitio web sobre a cidade de Lucus Augusti". Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2010. Consultado o 02 de outubro de 2010. 
  27. A cidade sagrada de Augusto
  28. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-092-1. Páxs. 360, 361 e 363.
  29. Hermanamiento entre las murallas de Lugo y de China, elpais.com (en castelán).
  30. "Praza do Campo en Lugoturismo". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 30 de setembro de 2010. 
  31. 31,0 31,1 Lugo y su muralla. X. Trapero Pardo. Everest. 1986
  32. "Igrexa de San Domingos en Lugoturismo". Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2012. Consultado o 30 de setembro de 2010. 
  33. "Igrexa de San Froilán en Lugoturismo". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 30 de setembro de 2010. 
  34. "Igrexa de San Francisco en Lugoturismo". Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2012. Consultado o 30 de setembro de 2010. 
  35. "Igrexa de Santiago A Nova en Lugoturismo". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 30 de setembro de 2010. 
  36. Capela do Carme
  37. Museo Interactivo da Historia de Lugo
  38. Eladio Rodríguez González, s. v. besta.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 162.
  40. "O San Froilán atraeu a Lugo a máis dun millón de persoas". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2009. Consultado o 11 de decembro de 2008. 
  41. Escudo de la ciudad de Lugo, en www.galiciadigital.com (en castelán)
  42. Historia heráldica da Provincia de Lugo[Ligazón morta]
  43. "Que escudo de Lugo lle gusta máis, o actual ou o antigo?". Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2008. Consultado o 03 de outubro de 2010. 
  44. De feito, en documento sen data Arquivado 25 de decembro de 2009 en Wayback Machine., o Concello de Lugo xa "aprobou inicialmente a modificación do escudo e da bandeira municipais nos termos do estudo-memoria redactado por don Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas, e aprobar o proxecto de escudo e bandeira que se xunta a aquéla". O novo escudo aínda non foi feito público.
  45. "A Festa do Corpus". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2010. Consultado o 03 de outubro de 2010. 
  46. "Cidades irmandadas". Concello de Lugo. 
  47. "Los alcaldes de Ferrol y Lugo ven en 2015 un año de oportunidades para el naval". Diario de Ferrol (en castelán). 8 de xaneiro de 2015. Consultado o 6 de xullo de 2015. 
  48. 48,0 48,1 "O Polígono do Ceao". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2010. Consultado o 30 de setembro de 2010. 
  49. Xestur só ten ofertas para 12 das 114 parcelas á venda nas Gándaras
  50. "Lugo, xeografía". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2008. Consultado o 01 de xullo de 2009. 
  51. Xornal El Progreso. Xoves 30 de setembro de 2010, páxina 12
  52. A ONU distingue a rehabilitación da Tinería
  53. "Como chegar". Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2010. Consultado o 11 de outubro de 2010. 
  54. Evolución do transporte urbano en Lugo. VV.AA. Universidade de Santiago de Compostela
  55. A afección do Leite Río, entre as máis numerosas de Europa

Véxase tamén

editar
 

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar