Literatura galego-portuguesa

literatura medieval en galego-portugués

A literatura galego-portuguesa ou literatura galaico-portuguesa, é aquela escrita en galego-portugués entre os séculos XII e XV.[1] Esta inclúe lírica sacra e profana e diferentes tipos de prosa. Foi a primeira lírica dos reinos cristiáns peninsulares, despois da dos reinos musulmáns.[2] A literatura galego-portuguesa deste período deu lugar a máis de 2 000 cancións poéticas, compostas por uns 150 trobadores, e espallouse por todo o norte peninsular, de Galicia a Aragón.[2] Ás veces a literatura medieval galego-portuguesa é dividida en época trobadoresca, ou trobadorismo, e época postrobadoresca.[3]

Entre os séculos XII e XIV floreceu no occidente da Península Ibérica un movemento poético en lingua galego-portuguesa. Esta era a única poesía escrita en lingua romance nos reinos de Galiza (antes e despois da independencia de Portugal), León e Castela.[4] Esta literatura estaba escrita nunha forma altamente elaborada de galego-portugués, independentemente da orixe do autor. Pola contra, a prosa medieval galego-portuguesa, máis ben escasa, consta fundamentalmente de traducións de obras escritas noutras linguas feitas para seren lidas en Galiza. Porén, a partir de finais do século XV, as circunstancias sociolingüísticas derivadas das consecuencias sociopolíticas da época propiciarán a "independencia" da lingua portuguesa con respecto á galega e a división do sistema literario galego-portugués, dando paso aos Séculos Escuros en Galiza e ao nacemento da literatura portuguesa.

Contexto histórico

editar
 
Os tres estamentos: Oratores, bellatores e laboratores.

A Idade Media vai estar socioeconomicamente caracterizada polo sistema feudal. Desde o século VII, o feudalismo converteuse na base política e económica de Europa. Nas sociedades feudais, o vasalo recibía terras do seu señor e quedaba baixo a súa protección e autoridade, a cambio de retribuír unha boa parte dos beneficios da dita terra ao seu propietario.

Entre os séculos VIII e XI consolídase o sistema feudal grazas ao afianzamento da nobreza laica e ao seu poderío militar, o cal deriva nun poderío xurisdicional. A Igrexa, pola súa parte, é en Galiza a propietaria da maior parte das terras.

O século XII vai ser un século esplendoroso en Galiza. O aumento da demografía permitirá na extensión das actividades agropecuarias, co conseguinte aumento das actividades mercantís, baseada en produtos agrícolas levados a centros urbanos para seren trocados por produtos manufacturados.

Como consecuencia disto, prodúcese un renacemento urbano e máis o nacemento da burguesía, organizada en gremios estabelecidos en barrios ou rúas, segundo o seu oficio. As cidades, ao contrario dos núcleos rurais, son dominio dos reis, e non dos señores feudais.

Tamén a partir do século XII comezará o período de tempo coñecido como Era Compostelá, da man do arcebispo Diego Xelmírez, o cal traerá o esplendor a Santiago de Compostela, tanto económico como cultural. A lírica trobadoresca profana, a chegada da arte románica a través da francesa Orde de Cluny, o Camiño de Santiago, a composición do Codex Callixtinus... serán un fiel espello deste apoxeo cultural.

A partir do século XIII, a burguesía comeza a mostrar o seu interese por acceder ao poder político, o cal levará á existencia de "choques" desta clase emerxente coa nobreza laica e relixiosa. Mais, desde finais do século XIII, Europa comeza a vivir unha tremenda crise, a cal se acentuará no XIV. O esgotamento do sistema feudal, a miseria, a peste, guerras,... levarán ao individuo do XIV a sentirse insignificante, o cal se reflicte perfectamente na prosa relixiosa e anónima deste século.

 
Os irmandiños destruíron castelos, como o de Sandiás.

Mais a crise do século XIV deu paso a unha paulatina recuperación, que culminará no crecemento económico do século XV e na busca de novos mercados exóticos por parte principalmente das Coroas de Portugal e Castela. Durante moito tempo, a evolución da sociedade galega avanza da man da do resto do continente europeo. Mais, a partir de mediados do século XV, houbo unha forte conflitividade social e política, da man das revoltas irmandiñas, as cales consisten principalmente nun levantamento antifeudal, posto que todos os sectores implicados (campesiñado, burguesía e baixa fidalguía) vían ou ben a súa economía afogada polo feudalismo, ou ben tiñan un particular interese en rematar co sistema feudal. Mais a Igrexa e Coroa, que nun primeiro apoiaran ou permitiran (respectivamente) a revolta, aliáronse cos grandes señores e favoreceron a inmobilidade da conxuntura sociopolítica galega.

A partir de 1482, por outra parte, Isabel I de Castela (despois da súa vitoria nas guerras trastamaristas), xunto co seu consorte Fernando II de Aragón, comezará a denominada polo Padre Zurita como doma de Galicia,[5] a cal traerá ao país un duro sometemento político, cuxa consecuencia non será outra que os chamados Séculos Escuros.

Lírica

editar
Artigo principal: Trobadorismo.

Concepto de orixinalidade

editar

A lírica trobadoresca galego-portuguesa naceu como consecuencia da mestura entre unha tradición autóctona, de longa vida oral, cuxa orixe é popular e difundida polos xograres, que, logo de reelaborar os moldes trobadorescos, atópase na base da cantiga de amigo; e outra allea, de procedencia occitana, máis «culta» (asociada á escrita) e cortesá, empregada polos trobadores, que se atopa na cantiga de amor.[6]

É fundamental para poder comprender a lírica medieval galego-portuguesa o coñecemento do concepto de orixinalidade medieval. Se hoxe en día cualificamos de orixinal unha obra concreta en función da súa plena innovación (é dicir, unha obra é sumamente orixinal cando o seu autor é quen de crear moitos elementos novidosos), na Idade Media acádase a orixinalidade no momento en que un autor é capaz de realizar unha composición completamente nova introducindo pequenas variacións con respecto á tradición anterior.

Por este motivo, desde unha perspectiva actual, pode resultar monótona a lectura da lírica medieval galego-portuguesa (sobre todo das cantigas de amor), mais debemos ter perspectiva histórica e considerar que a repetitio et variatio (repetición e variación) era a mellor mostra de orixinalidade na época medieval.

Profana

editar

Contexto histórico

editar
 
Dialectos do Occitano.

A lírica profana galego-portuguesa xorde con posterioridade á lírica trobadoresca provenzal, a cal estaba escrita en occitano. Mais esta lírica nunca estivo perdida (como si aconteceu coa galego-portuguesa). Por estes dous motivos, tendeu a se dicir durante moito tempo que a nosa lírica trobadoresca non era máis que unha simple imitación da provenzal. Alén de existir argumentos literarios que desbotan esta hipótese, o contexto histórico da época fai pensar que a mímese absoluta da lírica galego-portuguesa con respecto á provenzal era moi difícil. E é que, na idade media, os principais transmisores de ideas (neste caso, literarias) eran os xograres, quen non poderían reproducir en solitario unha literatura tan complexa como a trobadoresca, sobre todo tendo en conta os medios de transporte e mais as comunicacións existentes na época.

Por outra parte, a lírica trobadoresca xorde debido ao excedente económico da época e á paz acadada. Mercé a esta circunstancia, os señores feudais da Compostela do século XII non estaban na obriga de organizaren xustas nin torneos coa finalidade de adestrarse, senón que podían vivir rodeados e luxos e dedicárense ao cultivo das letras.

Tamén influíu no desenvolvemento da nosa lírica trobadoresca o feito de que coincidisen nunha determinada altura na mesma corte trobadores en galego e en provenzal, debido ás circunstancias sociopolíticas da época (o exilio en Castela dos poetas occitanos após a loita contra os cátaros). Aínda así, os galegos non copian dos occitanos, senón que adaptan á súa idiosincrasia particular determinados elementos.

 
O camiño de Santiago favoreceu a chegada do lirismo provenzal.

A lírica profana trobadoresca desenvólvese nas cortes, e a única corte existente en Galiza no século XII estaba en Santiago de Compostela. A corte compostelá non ten nada que ver coas refinadas cortes occitanas, mais a cidade compostelá si será centro de peregrinación de toda Europa, o cal favorece a chegada á corte de innovacións poéticas, as cales serán combinadas coa tradición galega. Non obstante, cómpre subliñar que a tradicionalmente denominada "corte de León" non deixou de ser unha corte galega. Como non deixan de subliñar historiadores actuais, -tal é o caso, entre outros, de Xosé Ramón Pena- nas propias composicións provenzais fálase dos reis leoneses como "monarcas dos galegos"; é dicir, a corte de León era, en realidade, unha corte galego-leonesa, de aí que a converxencia entre os trobadores occitánicos e aqueles autores que pretendían levar adiante un movemento similar entre nós atopase nela un espazo singular. Polo demais, á corte rexia leonesa cómpre sumar aínda, neste proceso, as cortes dos señores feudais galegos e portugueses interesados na propagación dunha forma literaria, ou socio-literaria, que cadraba perfectamente coa súa proxección social e cos seus intereses culturais.

Etapas

editar

Realmente, é difícil coñecer o momento en que se inicia a lírica trobadoresca galego-portuguesa. Actualmente considérase [7] que o límite ad quo (anterior) da nosa lírica trobadoresca está marcado pola aparición da cantiga Ora faz host'o senhor de Navarra, de Johan Soarez de Pávia. Outros investigadores, pola súa parte, consideran que a primeira cantiga galego-portuguesa é Ai eu, coitada como vivo en gran cuidado, atribuída ao rei Sancho I de Portugal; e aínda outros cren que a composición máis antiga é a anónima Cantiga de Guarvaia. Todas estas composicións, están datadas do último terzo do século XII. Aínda así, calquera dos tres textos demostran pertencer a unha tradición xa feita, polo que debeu existir unha tradición lírica anterior.

Polo que respecta ao límite ante quem, algúns investigadores sitúan o mesmo en 1350, ano da publicación do testamento do último mecenas da lírica galego-portuguesa, o Conde de Barcelos. Outros estudosos, porén, deciden marcar a fin desta literatura en 1354, ano da morte do Conde de Barcelos. De todas as maneiras, temos que ter presente que unha tradición lírica non se esvae da noite para a mañá, senón que precisa un progresivo proceso de desaparición.

Canto á periodización dos autores, o estudoso italiano Giuseppe Tavani estabeleceu a seguinte clasificación:

 
Afonso X pertence á xeración intermedia.

Pertencen a esta etapa Lopo Liãns, Lopo, Pero Gomez Barroso, Garcia Soares, Martin Soarez, Johan Airas, Men Rodriguiz Tenoiro, Pedro Amigo, Gonçalo Eanes do Vinhal, Gómez García, Picandon, Garcia Martinz, Airas Peres Vuitoron, Diego Pezelho, Vasco Gil, Gil Perez Conde, Afonso Mendez de Besteiros, Afonso Lopez de Baian, Gonçalo Garcia, Men Rodrigues de Briteiros, Fernan Fernandez de Cogominho, Johan Lobeira, Fernan Garcia Esgaravunha, Fernan Velho, Johan Perez de Aboim, Johan Soarez Coelho, Afonso X, Paio Gómez Chariño, Martín Codax, Pero da Ponte e Johan Garcia de Guilhade. Tavani engade unha relación de autores pola participación en distintas polémicas literarias: Garcia Perez, Johan Baveca, Johan Vasquiz de Talaveira, Pero Garcia Burgalês, Pero García de Ambroa, Pero Mafaldo, Vasco Perez Pardal, Estevan Faian, Martin Moxa, Lourenço, Bernal de Bonaval, Roi Queimado, Pero Larouco, Juião Bolseiro, Pero de Armea, Johan Romeu, Afonso Eanes do Coton, Roi Paez de Ribela, Fernan Soares de Quinhones, Johan Servando e Rodrigo Eanes Redondo.

 
D. Dinís, rei de Portugal.

En Portugal temos un panorama semellante tras a morte de don Dinís. A algúns poetas que estiveran activos na corte de don Dinís, só se suman tres poetas novos: Johan, Johan Fernandez de Ardeleiro e Vidal.

Transmisión

editar
 
Na Idade Media os libros copiábanos os cregos nun scriptorium.

Actualmente, só coñecemos tres códices que conteñan composicións de lírica medieval galego-portuguesa. Estes son:

  • Cancioneiro da Ajuda (A): Trátase do máis antigo códice que coñecemos, o cal data aproximadamente do século XIII. Recibe este nome por estar custodiado na biblioteca do Palacio Real da Ajuda, en Lisboa. Contén 310 composicións en pergameo, escritas a unha soa man en letra gótica. O cancioneiro apareceu carente de notación musical, e moitas das miniaturas ficaron por copiar.
  • Cancioneiro da Biblioteca Nacional / Cancioneiro Colocci-Brancutti (B): Recibe este nome por estar custodiado na Biblioteca Nacional de Lisboa. Foi copiado por mandato do humanista xenovés Angelo Colocci a finais do século XV, tomando como base un outro códice hoxe perdido. É un manuscrito copiado a varias mans composto de 1560 textos.
  • Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V): O seu nome vén dado por estar custodiado na Biblioteca da Vaticana. Composto por 228 folios, este códice foi copiado por mandato de Colocci, a través dun cancioneiro hoxe perdido. Ambos os dous apógrafos italianos ían ser un regalo para o Papa León X, regalo que ficou truncado pola invasión de Xénova polas tropas aragonesas. Precisamente a inminencia da chegada do exército aragonés foi o que propiciou que os manuscritos B e V aparecesen escritos en letra irregular e inzados de erros.

Alén destes tres cancioneiros, contamos con outros testemuños nos cales se recollen manifestacións de lírica medieval galego-portuguesa. Estes son:

 
O pergamiño Vindel.
  • Pergamiño Vindel: Trátase dun pergameo escrito a finais do século XIII, en letra gótico-francesa, con notación musical e no que se conteñen as sete cantigas de amigo de Martín Codax. O nome de pergamiño Vindel foi posto na honra do descubridor deste testemuño, o bibliotecario Pedro Vindel.
  • Fragmento Sharrer: Trátase dun fragmento dun cancioneiro hoxe perdido (datado do século XIII) no que se conteñen sete cantigas de amor do rei luso Dinís. Contén notación musical e foi descuberto por Harvey Leo Sharrer.
  • Cancioneiro de Berkeley: Trátase dun manuscrito redactado a finais do século XVI e comezos do XVII, conservado na Universidade de Berkeley e que vén ser unha especie de "dobre" do Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, por máis que algunha lectura concreta semelle suxerir unha vida autónoma deste códice cuxas lecturas, en todo caso, resultan de interese para completar as do seu "irmán" vaticano.
  • : Consiste nun manuscrito, conservado na Biblioteca da Vaticana, e no que se conteñen os cinco lais de Bretaña galego-portugueses dos que temos constancia a día de hoxe.

Cantiga de amigo

editar
 
O mar de Vigo, protagonista nas cantigas de amigo de Martín Codax.
Artigo principal: Cantiga de amigo.

Segundo a Arte de Trovar, as cantigas de amigo son aquelas "movidas a razón dela". Trátase, pois, de composicións de tema amoroso e con suxeito lírico feminino (ou sexa, postas en boca dunha muller). Aínda así, estes textos serán sempre elaborados por homes.

As cantigas de amigo son o xénero máis autóctono da lírica profana galego-portuguesa, cuxa base radica na lírica popular, mais creadas artisticamente na corte, baixo rigorosos criterios formais.

Ramón Menéndez Pidal, autor dedicado ao estudo da literatura hispánica, por motivos ideolóxico-políticos, quixo emparentar as cantigas de amigo coas karaghat mozárabes, mais en realidade poucos trazos teñen en común estas dúas manifestacións medievais, se exceptuamos que ambas as dúas contan cun suxeito lírico feminino.[Cómpre referencia] Froito dos estudos de Menéndez Pidal, creouse o tópico (equivocado) que iguala as cantigas de amigo e as karaghat, o cal aínda pervive en moitos manuais de literatura española.

Cantiga de amor

editar
Artigo principal: Cantiga de amor.

Se na Arte de Trovar se afirmaba que as cantigas de amigo eran "movidas a razón dela", tamén aparece no mesmo lugar que as cantigas de amor son as "movidas a razón dele". Por tanto, son de temática amorosa teñen un suxeito lírico masculino. Este, cantará as grandezas dunha muller ideal (a senhor), á cal lle debe fidelidade. As cantigas de amor son de inspiración provenzal.

Cantigas de escarnio e maldicir

editar
Artigo principal: Cantiga de escarnio e maldicir.

As cantigas satíricas orixináronse sobre unha antiga poesía autóctona de tradición oral e a influencia do sirventés, que se servía da estrutura e melodía dunha canción preexistente e, ó contrario das cantigas satíricas, tiña unha finalidade moral e social, e non pretendían divertir. Segundo o outra vez citado Arte de Trovar, podemos dicir que as cantigas de escarnho son aquelas nas que o poeta "diz mal de alguen con palavras encubertas", mentres que nas de mal dizer faino descubertamente. A diferenza entre ambos os dous xéneros radica, pois, na utilización ou non utilización do recurso retórico da aequivocatio (o cal consiste en agochar significados ocultos). As cantigas de escarnho, xa que logo, serían as que contarían no seu interior co recurso da aequivocatio.

A burla encuberta ou descuberta é sumamente importante no contexto medieval, posto que as composicións eran lidas en público e en moitas ocasións -supoñemos- ante a persoa escarnida.

Xéneros menores

editar
 
Na tenzón dous autores contrapóñense nalgún tema.

Segundo Giuseppe Tavani, son aqueles xéneros de escaso cultivo na lírica galego-portuguesa que non sufriron ningún tipo de mutación ou mestizaxe no seu paso da lírica provenzal á nosa. Podemos destacar os seguintes:

  • Cantiga de seguir: É denominada así a cantiga realizada a partir dunha composición anterior, da cal imitará elementos como a rima, o esquema métrico ou a música. A cantiga de seguir dáse sobre todo no xénero das cantigas de amigo.
  • Tenzón: Trátase dun xogo poético, dunha composición dialogada, escrita por dous autores, na cal os poetas debaten sobre un tema determinado. A tenzón galego-portuguesa está inspirada no partiment occitano.
  • Pranto: Composición elexíaca (de inspiración occitana), na cal se canta o lamento pola morte dun personaxe célebre.
  • Sirventés moral: Aínda que adoita incluírse dentro das cantigas de escarnho e mal dizer, esta modalidade poética no ámbito galego-portugués merece un tratamento especial.

Xéneros contaminados

editar

Segundo Tavani, son aqueles xéneros de escaso cultivo na lírica galego-portuguesa e que, ademais, si sufriron algún tipo de mutación ou mestizaxe no seu paso da lírica provenzal á nosa.

  • Alva: Considerada como un tipo de cantiga de amigo, foi catalogada por Giuseppe Tavani (a quen estamos a seguir na realización deste apartado, así tamén do anterior) como un dos xéneros contaminados. Trátase de composicións (de composición, no caso galego-portugués) en que os amantes expresan a súa desilusión pola chegada do amencer, a cal equivale á separación dos namorados.
  • Pastorela: é un xénero de orixe transpirenaica que tivo unha grande aceptación nos ámbitos francés e provenzal, e incluso mantivo continuidade ata o Renacemento. Son composicións nas cales un personaxe masculino de alta clase social lle propón "entrar en amores" a unha rapaza de condición humilde e de orixe rural (unha pastor). Tendeu a dicirse que a orixe social e rural da rapaza é a que lle dá nome ao xénero (é dicir, que as pastorelas son así denominadas por estaren protagonizadas por unha pastora), mais a día de hoxe os estudosos que se dedican á literatura medieval dubidan disto, xa que pastor na Idade Media tamén podía significar muller nova.
  • Lai de Bretaña: Son cinco textos transmitidos polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa como "lais de Bretaña", que traducen libremente ao galego-portugués poemas franceses incluídos no livro de Tristan. Trátase de composicións amorosas, derivadas da materia de Bretaña e protagonizadas por personaxes pertencentes ao ciclo artúrico.
  • Descordo: Composición baseada no descort occitano, caracterizada pola alternancia, aparentemente sen sentido (de aí o seu nome), de esquemas métricos e rimáticos. As estrofas do poema poden ter distinto número de versos e os versos á súa vez distinto número de sílabas.

Relixiosa

editar
 
Ilustración das Cantigas de Santa María.

Por imitación da lírica profana amorosa, xorde a lírica relixiosa galego-portuguesa, a cal está representada polas Cantigas de Santa María. Trátase de 427 composicións, da autoría de Afonso X, xurdidas como consecuencia do afervoado culto á Virxe María, o cal se vai producir sobre todo a partir do século XI.

A intención creadora non era outra que a de darlle un agasallo ao Papa, co obxectivo de convencelo para que primase a sé episcopal de Toledo sobre a de Santiago de Compostela. Pode parecer paradoxal que o rei sabio usase a lingua galega para conseguir un obxectivo desfavorábel para Galiza, mais debemos ter en conta que, na Idade Media, considerábase na maioría da Península Ibérica que o galego-portugués era a lingua máis idónea para a creación lírica.

As Cantigas de Santa María trasladan o amor cortés ao plano relixioso. Mais agora o poeta, no canto de lle xurar fidelidade a unha senhor, xuraralle fidelidade á Virxe; e se na cantiga de amor o poeta cantaba as calidades dunha muller ideal, nas Cantigas de Santa María cantarase á Virxe María.

Artigo principal: Prosa galega medieval.

Convencionalmente, clasifícase a prosa medieval galega en tres ámbitos xenéricos: haxiografía, historiografía e prosa de ficción. A pesar de que en ningún dos tres casos se trata de creación orixinal en galego, senón de traducións ou versións, iso non significa que nos situemos diante dun episodio cultural carente de valor. De feito, a brillantez da lírica fixo -e fai aínda- que un certo número de analistas desconsideren a validez dos textos en prosa. Porén, na perspectiva actual proxéctase un movemento, por parte dos actuais historiadores, de revaloración da prosa medieval galega non só desde o apartado lingüístico-histórico, senón tamén do literario. E é que cómpre entendermos ben o sentido das palabras "tradución", "versión", "orixinal" no espazo medieval antes de levar adiante xuízos de valor sobre o noso legado. Deste xeito, podemos observar que, a pesar de non existir comparación co espectáculo trobadoresco, abofé que contamos cunha variada, e interesante, produción prosística que dá cumprida noticia da vitalidade do idioma e das capacidades deste para se espallar en todos os eidos e non só no apartado lírico. Vexamos, logo, estes grandes tipos de prosa medieval:

Haxiografía

editar

O obxectivo da literatura haxiográfica é rexistrar a vida exemplar e os milagres realizados polos santos, co obxecto de glorificalos e de servir de modelo de comportamento para os lectores.

O principal protagonista da prosa haxiográfica en galego é o Apóstolo Santiago. O texto fundamental é o titulado Miragres de Santiago, versión reducida do Liber Sancti Iacobi, que está conservado nun códice fragmentario do primeiro terzo do século XV. Para moitos historiadores, trátase da verdadeira "alfaia" da nosa prosa medieval.

Prosa de ficción

editar
 
Agamenón é un dos personaxes da Crónica troiana.

Esta prosa está derivada do roman francés nado na segunda metade do século XII, a prosa de ficción medieval en galego ten como principal representante a Crónica troiana, versión en galego do Roman de Troie. A versión foi encargada polo conde Fernán Pérez de Andrade a partir dunha tradución ao castelán e foi concluída en 1373 (estímase, no entanto, que é probábel que existise unha versión en galego anterior da que sairía a versión en castelán). A Crónica troiana é a primeira grande obra de ficción en galego na que se narra a destrución de Troia partindo de textos clásicos.

Máis aló deste texto, hai varios fragmentos e manuscritos soltos de desigual valor, entre os que destaca un fragmento dun Livro de Tristán (xa da materia de Bretaña), do terceiro cuarto do século XIV, importante porque se trata da tradución dun ciclo textual do que non se conserva testemuño algún no resto da literaturas peninsulares. Igualmente, consérvanse textos, de desigual dimensión, procedentes das tres secuencias -Livro de José de Arimatea, Merlín e Demanda do Santo Graal- nas que aparece dividida a chamada Vulgata que contén o ciclo artúrico ou materia de Bretaña

Historiografía

editar

Os inicios da historiografía galega están, como é natural, relacionados con Afonso X, quen aínda tendo apostado polo castelán como lingua de cultura, promoveu a tradución a outras linguas peninsulares de varios textos.

De finais do século XIII é unha tradución ao galego dunha Crónica de Castela, que vai ademais precedida por unha xenealoxía real navarra, coñecida como Liber Regum e acompañada dun resumo do reinado de Fernando III e sucesores, e outros textos menores. O texto resultante é coñecido como Crónica galega de León e Castela. Trátase dun dos textos en prosa máis arcaicos que se coñecen e é a base para importantes textos portugueses como a Cronica geral de 1344 e, sobre todo, a Crónica de 1404 (data da súa finalización), un dos poucos textos en prosa escritos orixinalmente en galego (aínda que conserva nos seus inicios o arranque orixinal en castelán).

Consérvase tamén unha tradución incompleta da General Estoria afonsina e unha Crónica de Santa María de Iria, tradución de dúas fontes latinas.

  1. Giuseppe Tavani puxo en dúbida o uso do "galego-portugués" (que el califica de inverosímil e fantástico) como lingua da lírica medieval do oeste peninsular; na súa opinión, esa lírica foi composta especificamente en galego medieval e só coa intercesión dos escribas portugueses do século XIV chegou a nós na lingua segundo el mesturada ou híbrida que coñecemos como galaico-portugués; cf. G. Tavani, "Une Provence hispanique: la Galice médiévale, forge de la poésie lyrique péninsulaire", Romania, 501-502, t. 126, 1-2, 2008, páxs. 4-17.
  2. 2,0 2,1 Sierra Valentí, Xavier (2013). "Lírica galaicoportuguesa medieval". Lo Càntich (5). ISSN 2014-3036. 
  3. "Breve historia da literatura galega" (PDF). aelg.gal; M. Queixas Zas. 
  4. "A lírica medieval galego-portuguesa". www.cultura.gal; Cultura de Galicia. Consultado o 2023-11-01. 
  5. Zurita Castro, Jerónimo (2003). Institución Fernando el Católico, ed. "Libros en red: Anales de Aragón. Libros XIX y XX" (PDF). ifc.dpz.es (en castelán). p. 275. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25-10-2007. Consultado o 12-7-2019. En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no sólo los señores y caballeros della pero todas las gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros, y viendo lo que pasaba por el conde -que era gran señor en aquel reino- se fueron allanando y reduciendo a las leyes de la justicia con rigor del castigo. 
  6. "Nas orixes da lírica trobadoresca galego-portuguesa" (PDF). Consello da Cultura. Consultado o 29 de abril de 2016. 
  7. Carlos Alvar e Vicente Beltrán, Antología de la poesía gallego-portuguesa, Alhambra, 1989 consideran que se compuxo contra 1200

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar