Era Compostelá

era de esplendor cultura en Santiago de Compostela, século XII

Á Era Compostelá ou Época de Xelmírez foi unha das época de maior brillo e de maior desenvolvemento económico da historia de Galiza. Desenvolveuse durante o século XII, a raíz do período de rexencia do Arcebispo Xelmírez da cidade de Santiago de Compostela.

Era Compostelá

Mapa do Reino de Galicia de c. 1603
Historia Historia de Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Idade Media
Historia medieval de Galicia
Século V
409 - 585: Reino suevo de Gallaecia
Século VI
572: Diocese de Britonia
585 - 721: Reino visigodo na Gallaecia
Século VIII
711: Invasión musulmá
718 - 1230: Reinos cristiáns de Gallaecia
Século IX
813: Camiño de Santiago
844 - 1066: Invasións viquingas
848 - 1128: Condado portucalense
Século XII
1100 - 1400: Literatura galego-portuguesa
1101 - 1230: Era Compostelá
1128: Independencia de Portugal
Século XIII
1230: Fin da monarquía galego-leonesa
Século XIV
1347 - 1351: Peste Negra
1351 - 1369: Guerra civil castelá
1369 - 1453: Guerra dos Cen Anos
Relacionados
Historia Historia de Santiago de Compostela

Esta etapa da Historia de Galicia é definida así por Ramón Villares[1]

A cidade, obviamente é Compostela, centro de peregrinaxe de xentes das máis variadas linguas e procedencias, pero tamén burgo precoz e pioneiro no Occidente cristián do seu tempo, polos seus servizos, edificios, capacidade de acollida de mercadores e artesáns e pola súa repercusión alén dos portos pirenaicos. Por todas estas razóns, nada resulta máis acaído que titular este período da Historia de Galicia como unha "era compostelá".

Evolución

editar

A Era Compostelá parte do contexto dunha época de crecemento de poboación e de expansión do fenómeno urbano. Isto propiciou que aparecesen ou que reabrochasen con maior forza o artesanado e o comercio, motivado isto último en boa parte polos excedentes motivados pola expansión da agricultura. Tamén durante esta época naceu o Camiño de Santiago como fonte de ingresos e como a ponte que comunicou en case todos os sentidos Galiza co resto de Europa, sendo boa proba disto a magnífica literatura medieval expresada na lingua galego-portuguesa.

 
Miniatura medieval do mosteiro de Toxosoutos onde se representa a Diego Xelmírez ordenando a dous novos cabaleiros en compaña dunha comitiva de aristócratas. Século XIII.

O 17 de setembro de 1111 a nobreza galega encabezada polo Conde de Traba e Diego Xelmírez coroan en Santiago de Compostela ó fillo de Urraca e Raimundo de Borgoña, Afonso Raimúndez, como rei —temorosos de que do novo matrimonio entre Urraca e Afonso de Aragón houbese descendencia: algo que viría coutar os seus proxectos políticos e, así mesmo, os dereitos do futuro "Emperador", como lexítimo sucesor de Afonso VI— sendo o futuro Afonso VII de León e Castela no cómputo español. Sostiña ó novo rei a forza militar do bispo compostelán e a do conde Pedro Froilaz de Traba, quen fora o seu protector e titor durante toda a súa infancia. O sentido da coroación foi preservar o dereitos do fillo de don Raimundo de Borgoña sobre o Reino de Galicia, nun momento en que Urraca, xa viúva, entregaba de facto Castela e León ó seu novo home Afonso o Batallador de Navarra e Aragón. En realidade, a cerimonia compostelá tivo moito máis, nun primeiro momento, de simbólica que de efectiva. Tanto é así que Xelmírez, Pedro Froilaz e outros nobres galegos dirixíronse posteriormente a León para entronizar na sede rexia a Afonso Raimúndez. No camiño, no lugar concreto de Viadangos, saíulles ó paso Afonso o Batallador, presentando batalla e frustrando os plans da nobreza galega. Ata a maioría de idade de Afonso VII, e a morte da súa nai, todo o conxunto noroccidental vai vivir unha etapa de convulsión con frecuentes alianzas e contraalianzas entre nai e fillo e aínda entre esta e o seu esposo aragonés, con Diego Xelmírez sempre presente nelas.

"Os aragoneses entregan o castelo á raíña. Ouh!, canta e que excelente gloria militar proporcionou aos galegos aquel día en que o Batallador aragonés se retirou ante eles!. Pero moito máis excelente e máis alegre foi cando a valorosa forza de Galicia protexeu a Castela e aos seus cabaleiros do ataque dos inimigos e obrigou a entregar o castelo do aragonés. Ouh vergoña!, os casteláns precisan forzas alleas e son protexidos pola audacia dos galegos!. Que será deses covardes cabaleiros cando se marche o exército de Galicia, o seu escudo e protección?."
—(Extracto da Historia Compostellana, Libro I, Capítulo 90).[2]

Neste clima de guerra e aproveitando que Calisto II, tío do rei de Galiza, chega ao Papado, Xelmírez consegue o arcebispado para Santiago de Compostela (1120). As pretensións do bispo eran que Compostela fose recoñecida como igrexa metropolitana de Galiza, contra os dereitos tradicionais de ostentaba Braga dende os tempos de San Martiño de Dumio. Calisto II non acepta tanto e decide crear unha nova xurisdición que supuña unha anomalía no poderío eclesiástico peninsular e que, ademais, exercía o seu poder non sobre os territorios galegos en que estaba localizada xeograficamente, senón na antiga xurisdición de Mérida (Estremadura actual e terras ao Sur do río Douro).

Braga ficaba así rodeada pola xurisdición de Compostela e, perante este perigo, convértese no centro do movemento independentista do Condado de Portugal. En 1128 o líder da nobreza galega Fernán Pérez de Traba e Tareixa de Portugal que despregaban un poder autónomo no espazo galaico-portugués son vencidos polo fillo da última, Afonso Henriques. Este sería o xermolo do futuro reino portugués separado de Galiza e León. Á súa morte, Afonso VII dividiu os seus reinos (1156), cedendo Galiza e León a Fernando II, quen xa viña usando o título de "Rei de Galiza" cando menos dende 1152[3].

Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai e funda entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso IX mantivo a mesma política fundando ó longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda. Estas vilas de reguengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque, por unha banda, inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores e facilitando o desenvolvemento das actividades pesqueiras e pre-industriais orientadas á elaboración de materias primas, peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos, pola outra banda, serven para consolidar socialmente unha serie de "liñaxes" ou "casas" que teñen na súa orixe ós segundos da grande nobreza e á fidalguía local, que se reparten os cargos municipais e administrativos (alcaldes, rexedores, xuíces, meiriños). Crease así unha protoburguesía no reino que mesmo chega a introducir nos mosteiros rurais os seus membros: priores de nome e fidalgos de vocación, máis preocupados polos intereses das súas casas que polos ideais monásticos. É unha política de fortalecemento do elemento urbano fronte á grande nobreza.

Tamén se produce, ó longo deste século, un rápido crecemento da poboación que, no medio rural, se traduce en máis brazos para traballaren a terra e, como consecuencia, ábrense novos espazos e colonízanse e áranse terras virxes baixo a dirección dos grandes mosteiros. Isto, unido á mellora dos aparellos de labranza e ao aperfeizoamento dos sistemas de cultivo, xera un aumento da produtividade que vai repercutir no nivel de vida. A repartición desa maior produtividade entre os labregos e os señores realízase mediante o establecemento dos foros. As transformación económicas e sociais acarretan cambios profundos na mentalidade e iníciase, nas vilas, unha renovación relixiosa de man das ordes mendicantes, sobre todo dos franciscanos, que traen xermolos de reformas sociais.

Con estes monarcas o centro vital dos reinos é, loxicamente, Compostela, onde reside a corte galega, e o seu esplendor ficou perpetuado polo mestre Mateu no granito da Catedral e, sobre todo, no Pórtico da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerables construcións románicas que aínda salfiren Galiza. A outro nivel menos visible, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por unha banda na redacción da Historia Compostelá e do Códice Calixtino.

Afonso VIII, deu en herdanza os reinos de Galiza e León ás fillas que tivera con Tareixa de Portugal: Dona Sancha e Dona Aldonza. Acaso estes dous reinados, o de Fernando II e Afonso IX —en realidade, Afonso VIII nunha cronoloxía galego-leonesa— constitúen o momento central na posibilidade de constituír un espazo galego-leonés de seu, nun momento no que a monarquía patrimonial deixaba paso xa á de carácter territorial.

  1. Villares Paz (2004), p. 111
  2. Tradución ó galego da tradución ó castelán do orixinal en latín.
  3. tenente Gallicie rex Fernandus (códice do mosteiro de Xuvia, 1152); Adefonsus Ymperator, una cum coniuge súa dona Riga dominante regnante in tota Yspania. Sancius rex in Castella. Fredenandus rex in Galicia. (documentodo mosteiro de Vilanova de Oscos, 1153); Imperatoris Adefonsus, regis Fernandi imperat Galletia. (Ibídem, 1155); Adefonsus dei gratia hispaniarum imperator laudat et confirmat. Sanctius filius eius rex Castelle laudat et confirmat. Fernandus filius eius rex Galletie laudat et confirmat. (documento da catedral de Lugo, 1155).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar