Bruma, Mesía
San Lourenzo de Bruma[1] é unha parroquia exclave do concello de Mesía, que linda con Ardemil (Ordes), Beira (Carral) e Vizoño, (Abegondo). A súa única aldea é o Hospital, que se lle chama así xa que nel se atopaba unha pousada e hospital de peregrinos. A Bruma chega o camiño inglés de Santiago, xusto cando as súas dúas variantes da Coruña e Ferrol e Neda se unen. O antigo hospital é agora un albergue do camiño. Bruma, segundo o padrón municipal de 2023, tiña 43 habitantes (17 homes e 26 mulleres) distribuídos en 1 entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 54 habitantes.
Bruma | |
---|---|
Albergue de peregrinos, antigo hospital de Bruma. | |
Concello | Mesía[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°09′01″N 8°21′49″O / 43.150386111111, -8.363525 |
Área | 1,11 km² |
Poboación | 43 hab. (2023) |
Densidade | 38,74 hab./km² |
Entidades de poboación | 1[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía e xeoloxía
editarBruma é un exclave de Mesía, que non ten conexión directa co resto do concello, que ten unha superficie de 1,11 km². Está situado a uns 1,8 km da parroquia máis próxima de Mesía, que é Visantoña. Limita ao norte, oeste e sur con Ardemil, Ordes e ao leste con Beira, Carral e Vizoño, Abegondo. Bruma só conta cun núcleo rural, o lugar do Hospital de Bruma.
Está a unha altitude de entre 400–450 m no seu oeste e de entre 350-400 no seu leste. Por el pasa o rego dos Santeiros e o rego dos Outeiros, que son afluentes un do outro e ambos do río Samo.
Demografía
editarBruma en 2017 tiña unha poboación de 41 persoas. Iso supón un descenso na poboación desde o 2000, cando había 51 residentes. A súa poboación supón o 0,9 2% do concello de Mesía.
Xeoloxía
editarAtópase nunha rexións dos xistos de Ordes, que son do precámbrico-cámbrico, e preto dunha sección do sur con arxilas brancas con gibbsita na no línde co Seixo, Ardemil. Os regos teñen unha base indiferenciada de areas e grava, entre outras, propias dunha ribeira do holoceno. Hai un reducido afloramento de rochas filonianas.[2]
Historia
editarNo Coto, entre Ardemil e Bruma, atópase restos de mámoas que poden ser do neolítico ou do comezo da idade de bronce.[3][4]
Inda que non existe unha proba directa, a Vía XX romana que describiu Antonino pasou ou ben por preto ou pola parroquia.[5]
O Hospital foi cando menos desde o século XII un lugar de viaxeiros que peregrinaban a Compostela.[6] Xa o rei Afonso VII declarou cales eran os lindes do convento e do hospital no 1140. Ese hospital funcionaría como tal xa que puido ser unha leprosería. O hospital está cerca do monte da Malata, en Vizoño; e ese topónimo refírese a lepra; co que parece apoiar que o hospital tivese esa función.[7] O abade do condado de Némitos ou Nendos, Pedro Crescóniz, foi o fundador dese hospital, que se emprazou nun lugar chamado Rania Longa, hoxe en día lugar de Raña Longa. Ese hospital estaba entre as "terras de Montaos" e o condado de Nemitos[8]. Neses anos Pedro Martis e a súa muller Urraca cedéronlle ao Hospital de Santiago nun documento do 25 de maio de 1175 unha parte do terreo do lugar de "Rama-Longa" en "Gruma", referíndose a Bruma:[5][9]
de omni portione nostra ipsius hospitales de grumaPedro Martis, 1175
A parroquia do "San Lourenzo do Hospital", a que se lle ten chamado así, pertenceu ata o século XV, xunto con San Xiao de Poulo e o coto de Buscás, aos señores de Mesía, afincados nese lugar e torre.[5] O rei Carlos I fixo unha parada da súa viaxe para almorzar en Bruma no século XVI. Pedro Villuga e o Padre Sarmiento fixeron mención ao Hospital como ruta de paso da Coruña ata as Travesas.[5]
O 25 de abril de 1836 publícase a resolución do goberno pola que se crea o concello de Mesía e nel se inclúen, entre outras, Bruma e Ardemil como parroquias do concello.[10] Porén, no verán dese mesmo ano de 1836, unha nova orde do estado move a parroquia de Ardemil para o concello de Ordes, co cal Bruma convértese nun exclave de Mesía.[11][12] Poucos anos despois, en 1842, valorouse a integración dos concellos de Mesía, Frades e Oroso nun só, que se chamaría Vitre; e en escindir Bruma de Mesía e incluíla en Ordes. Malia a todo, esa proposta non se levou a cabo e Bruma continuou sendo parte do concello de Mesía ata a actualidade.[13]
Topónimo
editarA orixe do topónimo é incerta. En galego, bruma significa 'néboa pouco densa' e tamén é un dos nomes da folla do piñeiro. Non parece que a segunda acepción teña a ver co nome da parroquia á vista de que o completo estudo sobre fitotoponimia de Gonzalo Navaza non inclúe Bruma entre as formas recollidas[14]. Tampouco existen evidencias de que deba o seu nome ao antedito fenómeno atmosférico. Higino Martins sitúa a súa orixe no latín brūma, “o día máis breve do ano; solsticio de inverno”, que deriva de breuima, brevissima [dies][15], mais é difícil intuír como un concepto temporal puido xerar o topónimo[16].
A construción dun hospital para peregrinos na parroquia fixo que a parroquia de Bruma pasase a ser coñecida como "Hospital de Bruma" ou mencionada como "San Lourenzo do Hospital", e que o lugar onde se atopa tamén reciba o nome de Hospital.[3][17]
Patrimonio
editarPatrimonio arqueolóxico
editarNo lugar do Coto do Regueiro, entre Bruma e Ardemil atópase o xacemento dunha mámoa que data do neolítico ou idade de bronce.[3][18][19]
Patrimonio arquitectónico
editarO Hospital de peregrinos
editarNo lugar do Hospital está o albergue de peregrinos do camiño inglés de Santiago.[6] Ese edificio, de estilo do gótico tardío, construíuse no século XVI á beira do rego de Outeiros. Está feito de cachotaría, ten unha cociña cunha boa cheminea e conta con linteis con inscricións relixiosas. A planta do edificio é rectangular e ten un pórtico.[20]
Coa súa reforma do século XX o edifio ampliouse, sen respectar o estilo inicial do hospital.[20]
-
O albergue, separado polo rego dos Outeiros do parque infantil.
-
Sinalización do camiño ás portas do albergue.
-
Parte traseira do albergue.
-
Rego dos Outeiros ao pé do albergue.
-
Rego dos Outeiros ao pé do albergue.
Hórreos
editarOs hórreos catalogados da parroquia son de tipo Mahía e de dous ou tres vans.[3][21]
Patrimonio relixioso
editarIgrexa de San Lourenzo
editarA igrexa parroquial de San Lourenzo de Bruma e capela está no lugar do Hospital, no rueiro do Hospital e polo que pasa o Camiño inglés de Santiago. É unha igrexa de estilo gótico tardío que posiblemente se construíu no século XVI e que tivo arranxos desde o século XVIII ata o XX. Está feita con fábrica de canteira e cachotería e posúe un arco triunfal, que arestora está cegado e agochado detrás dun falso teito. A espadana está feita como os muros e a planta da igrexa é rectangular. Está sen cuberta e os seus muros están en parte en ruínas.[3][18]
A igrexa citouse na viaxe do rei Filipe II.[3][17]
Patrimonio cultural
editarO camiño inglés e camiño real
editarAs dúas variantes do Camiño inglés xuntáronse historicamente na entrada á parroquia de Bruma, entre San Bertolameu, Montouto e o comezo do lugar das Travesas, Carral[6] Esas dúas variantes do camiño inglés proceden do "Porto do Faro" na Coruña e a de Ferrol e Neda.[22] ou na capela de San Roque das Travesas.[23] Boa parte deste itinerario que conflúe preto do Hospital cadra cos "camiños reais" que comunicaron as cidades do norte de Galicia con Compostela. O camiño inglés definido en 1997 xuntaba as dúas variantes no mesmo centro do Hospital. Revisións posteriores volveron a definir a xuntanza das dúas vías polo camiño histórico, nas Travesas á súa entrada na parroquia de Bruma.[6]
Espazos recreativos e culturais
Á beira do Hospital hai unha área recreativa con espazo de lecer para a xuventude e unha fonte. Bruma conta cun local social.
Festas
editar- San Lourenzo os días 10 e 11 de agosto.[24]
Lugares e parroquias
editarLugares de Bruma
editarLugares da parroquia de Bruma no concello de Mesía (A Coruña) | |
---|---|
Parroquias de Mesía
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ Instituto Geológico y Minero de España (eds.). Mapa Geológico de España (Escala 1:50.000): Cartografía geológica. Hoja 70 (Ordes) (2º ed.).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Julio C. Rojo Martínez e Isidro López Yáñez, Equipo ESTUDIO TECNICO GALEGO SA (26/12/2012 (Aprobación), 17/01/2013 (BOP), 10/01/2013 (DOG)). Concello de Mesía, eds. Plano xeral de ordenación municipal de Mesía.
- ↑ Sección: Restos arqueolóxicos.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 González Bonome, María A. (1997). "Los hospitales de peregrinos: de Ferrol a Santiago". En José Leira López-Vizoso (coord.). Servizo de publicacións, Universidade da Coruña. O Camiño inglés e as rutas atlánticas de peregrinación a Compostela. II Aulas no Camiño. Ferrol. pp. 311–329. ISBN 84-89694-47-8.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 "Concello de Mesía". Camiño Inglés: Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño de Santiago (PDF). Separata 11. Xunta de Galicia.
- ↑ Valdés Blanco-Rajoy, Mª del Rosario (2008). Manuel Criado de Val (edit.) (IEGPS) Comunicaciones congresos, eds. "Las fortalezas medievales que jalobaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos". Caminería Hispánica. Actas del VIII Congreso Internacional (Madrid). ISBN 9788477904694.
- ↑ O condado de Némitos ou Nendos ocupou un territorio similar á comarca de Betanzos no baixo medievo.
- ↑ José Raimundo Núñez Varela y Lendoiro, Manuel Pérez Grueiro, Ana López Brey (2012). "La hospitalidad en el camino inglés". cronistadebetanzos.com.
- ↑ "Artigos de Oficio - Diputación provincial da Coruña. Continuación del arreglo de ayuntamientos. Partido de Santiago.". Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña (en castelán) (116). Luns 26 de abril de 1836.
- ↑ Obra redactada por conocidos escritores de Madrid, de provincias y de América (Fulgosio, Fernando) (1866). Ronchi y Compañía, eds. Crónica general de España o sea Historia ilustrada y descriptiva de sus provincias, sus poblaciones mas importantes de la península y de ultramar. [...] Coruña. Madrid. Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2018. Consultado o 07 de abril de 2018.
- ↑ Juan José Ferreiro Boquete (19/09/2016). "Mapa de Mesía". Historias de Ordes (e comarca). Consultado o 7/04/2018.
- ↑ Terras de Santiago (eds.). "Mesía". Arquivado dende o orixinal o 08/04/2018. Consultado o 7/04/2018.
- ↑ Navaza, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega (PDF). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-95892-53-7. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de xaneiro de 2021. Consultado o 10 de decembro de 2020.
- ↑ Martins Esteves, Higino (2008). As Tribos Calaicas – Proto-História da Galiza à Luz dos Dados Linguísticos (PDF). Edições da Galiza. ISBN 978-8493621803.
- ↑ Ordes, Aldeias De (2019-04-01). "O Imperador da nêvoa". ALDEIAS DE ORDES (en portugués). Consultado o 2020-12-10.
- ↑ 17,0 17,1 Sección: Arquitectura relixiosa.
- ↑ 18,0 18,1 Xacemento arqueolóxico número 31.
- ↑ Mámoa do Coto con referencia: GA15047059-60.
- ↑ 20,0 20,1 Plan xeral de ordenación municipal de Mesía. Arquitectura cultural.
- ↑ Sección do catálogo "Hórreos da parroquia de Bruma".
- ↑ José, Leira López (1997). "Poboación e estructura social ó longo do Camiño de Ferrol e Neda a Fisterra". En José Leira López-Vizoso (coord.). Servizo de publicacións, Universidade da Coruña. O Camiño inglés e as rutas atlánticas de peregrinación a Compostela. II Aulas no Camiño (1997. Ferrol). pp. 177–213. ISBN 84-89694-47-8.
- ↑ Manuel Pazos Gómez e José Luis Varela Fernández (autores), Antonio Matías e Luis Alonso Ocaña (imaxes), Antonio Puentes Chao (traduccións). "El Camino Inglés de Santiago". En tresCtres e eurográficas. Guía Turística - Concello de Oroso.
- ↑ Concello de Mesía (eds.). "Bruma (San Lourenzo)". Consultado o 7/04/2018.