29.4.10

Roteiro "PICO VELLO" - 15 de maio 2010


O obxectivo deste roteiro é dar a coñecer a importancia deste lugar de grande biodiversidade, cun altísimo valor natural e etnográfico e protestar pola pretendida instalación alí dunha mina por parte da empresa Picobello S.L. Unha explotación con doce anos de vida útil, que suporía a destrución irreversible do lugar, e afectaría gravemente ó Río Belelle e ó P. N. Fragas do Eume.Un proxecto inicial da explotación foi rexeitado no ano 2006 por Medio Ambiente por afectar ó P.N. da Fragas do Eume e en decembro dese mesmo ano a empresa presentou outro, fóra dos límites do espazo natural protexido, cunha franxa de amortecemento entre os límites do Parque Natural e a explotación de 50 metros .


A intervención dos colectivos ecoloxistas e a presentación de alegacións por numerosos colectivos e particulares durante o período de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental fixeron que o proxecto quedara paralizado e, segundo a Lei de ordenación da Minaría de Galicia, denegado por silencio administrativo ó transcorrer máis de doce meses sen terse notificado resolución.

A publicación no DOG do pasado 11 de marzo por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da aprobación do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto foi denunciada por irregularidades no proceso de tramitación diante da Fiscalía de Medio Ambiente, en base a varios puntos: non respectar os prazos establecidos pola lexislación, irregularidades no contido do informe como non valorar as repercusións negativas sobre o Río Belelle (o Rego Cernadas figura encadrado na cunca do Río Eume no E.I.A. cando é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Belelle) ou non detallar os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o P. N. Fragas do Eume, ó que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos.

A aprobación deste proxecto, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría ó P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.Sobre este proxecto, o Concello de A Capela, aprobou en pleno, unha moción na que pedía a paralización do mesmo. De levarse a cabo a explotación, deixaría practicamente inutilizada a estación de captación de auga que este concello construíu no río Belelle, a poucos metros augas abaixo da mina, coa perda das inversións correspondentes.O xacemento está na zona do Pico Vello (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

O roteiro convocado para o día 15 de maio, será un roteiro formativo, de algo menos de 3 km de lonxitude, sobre pistas e sendeiros, no que os participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación no mesmo de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños. Pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico de A Capela.-------

Etiquetas:

19.4.10

Exemplar de Ocythoe tuberculata cedido ó Museo da Natureza


Un exemplar de Ocythoe tuberculata Rafinesque, 1814, foi doado a finais de marzo de 2010 ó noso “Museo da Natureza” da SGHN. A aparición deste cefalópodo octópodo, unha femia, podería ser a primeira da nosa comunidade, unha afirmación nembargante pendente de comprobación cos datos rexistrados na actualidade.


Vive en augas aínda iluminadas pola luz ata os 200 metros de profundidade en zonas subtropicais de case tódolos océanos, presentando grandes diferenzas de tamaño entre sexos: a femia moito máis grande, duns 30 cm aproximadamente, fonte ós 3 cm do macho.



En 1979 capturouse en Tossa do mar un exemplar estudiado polo Instituto de Investigacións Pesqueiras de Barcelona (Pilar Sánchez, abril 1980). En dita publicación se sinala como primeiras citas nas costas catalanas, a de J. Maluquer, Barcelona 1906, seguida de E. Morales, Blanes 1953.
Neste intre o exemplar doado atópase conxelado na espera do seu posterior proceso, formando parte dos fondos do “Museo da Natureza”.


Etiquetas: ,

16.4.10

Exposición da SGHN no “Ceip Tarrio” de Culleredo


A SGHN e o seu Museo da Natureza colabora co “Ceip Tarrio” de Culleredo na montaxe dunha exposición no seu centro sobre “os nosos paxaros”, na que participan ademais Carlos R. Silvar, ilustrador e membro da SGHN, o ornitólogo Antonio Sandoval e Edicións Baía.
A mostra permanecerá aberta desde o 16 ó 28 de Abril de 2010.




Etiquetas:

7.4.10

Cetorhinus maximus – Momo (Tiburón Peregrino) na Ría de Ferrol



Este exemplar de Cetorhinus maximus quedou enmallado accidentalmente nun barco de pesca que faenaba de madrugada na entrada da ría de Ferrol, preto da pequena praia de Cariño e do porto exterior. Cos seus case catro metros, se trata dun subadulto, xa que esta especie pode chegar ata os dez metros de lonxitude e unhas catro toneladas de peso, aínda que existen rexistros de maior tamaño.
O Cetorhinus maximus (Gunnerus, 1765), Peixe momo en Galicia e Tiburón Peregrino, Marrajo gigante, Marrajo ballenato, Pez elefante, Pez bobo, Tiburón canasta, Pez vaca ou Colayo entre outros moitos nomes polos que se coñece en toda a xeografía da Península, Basking shark (inglés) ou Pélerin (francés) é o segundo peixe máis grande do mundo e outra característica salientable é a presenza de cinco grandes fendeduras branquiais ó redor da cabeza, con branquias formadas por dentículos dérmicos.
O fociño puntiagudo, con ollos e orificios nasais pequenos. Aletas grandes, especialmente a dorsal, e con base ancha. A caudal ten forma apuntada, como de lúa minguante, co lóbulo inferior longo.
Mentres tomábamos as biometrías do animal, a pregunta máis repetida referíase á ausencia aparente de dentes, cun tamaño de 5 a 6 mm, forma de gancho, atrofiados e case inexistentes polo escaso uso e dispostos de 4 a 7 ringleiras nunha mandíbula pouco protráctil, xa que esta quenlla é filtradora, alimentándose de pequenos organismos mariños. Esa é a razón da súa presenza en zonas con altas concentracións de zooplancton.
Foi perseguido ata reducir as poboacións de xeito moi considerable, especialmente polo seu fígado. Este órgano supón case un 25% do peso total do animal, intervindo na flotabilidade da quenlla. Cazado con arpóns, especialmente deseñados para este animal e dos que quedan algúns exemplos en zonas como Bares, e con redes, dun só animal obtíñanse ata 400 litros de aceite.
A súa caza sucedíase máis apresa ca súa reproducción, xa que estes animais soen ter unha ou poucas crías tras máis dun ano de xestación. Sobre este tema se coñecen con seguridade aínda poucos datos. Outro tema descoñecido é a actividade que estes animais desenrolan durante todo o ano e os diferentes ecosistemas que ocupan.
A extremada vulnerabilidade deste animal explícase tamén polo lento ritmo de crecemento e pola tardía etapa de reproducción, entre 12 a 20 anos segundo se trate de machos ou femias. A súa esperanza de vida, reducida claramente pola caza, podería ser duns 50 anos.
Ademais do aceite, deste tiburón aproveitouse a carne, o cartílago para as industrias farmacéuticas e homeopáticas e as aletas para a venta no mercado asiático, producto na actualidade especialmente valioso, algo que desgraciadamente ven a contribuír á desaparición das poboacións deste tiburón e de moitos outros.




PROTECCIÓNS:

Clasificado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN): Categoría na lista vermella: Vulnerable (1996). Esta rede fixo repetidas chamadas instando ós países a prohibir a captura das aletas de tiburón e en 2008 concreta a recomendación esixindo que os tiburones sexan levados a porto coas súas aletas.

No CONVENIO DE BARCELONA para a protección do Mar Mediterráneo, Protocolo sobre zonas especialmente protexidas e diversidade biolóxica do Mediterráneo firmado en 1995, o Tiburón Peregrino inclúese no anexo 2, relativo ás especies en perigo ou ameazadas, con plena protección neste mar. Tan só sete países forman parte deste convenio, entre eles España.




O CONVENIO DE BERNA sobre conservación da fauna e flora e os hábitats naturais do medio ambiente, incluíu á poboación mediterránea desta especie en 1997 no seu apéndice II, no que se atopan un total de oito tiburones. Unha protección que se subscribe lamentablemente tan só a augas comunitarias o ás realizadas pola flota da UE en calquera parte do mundo.
O Convenio de Berna é a orixe da Directiva Hábitats 92/43/EEC, o instrumento legal da Unión Europea para protexer as especies ameazadas que naceu con graves errores en canto á inclusión das especies. Así nesta importante Directiva no se inclúen quenllas

En 1999, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) adoptou un Plan de Acción Internacional para a Conservación e Ordenación dos Tiburones, pedindo a axuda de tódolos países pescadores destes animais para a súa concienciación e mobilización neste senso, sen moito resultado.

CITES – Se atopa no Apéndice II (13/02/2003) – Neste apéndice II se inclúen tódalas especies que, si ben na actualidade non se atopan necesariamente en perigo de extinción, poderían chegar a esa situación se o seu comercio non estivese suxeito a unha regulamentación estricta, a fin de evitar a súa utilización incompatible coa súa supervivencia.

A Convención sobre Especies Migratorias (CMS) inclúe no seu apéndice II a sete especies de tiburones, entre eles ó Cetorhinus maximus.



A Asemblea Xeral das Nacións Unidas chamou ós países a prohibir a captura dos tiburones polas súas aletas na súa Resolución de Pesca Sostible anual do 2004.
O Regulamento CE – 1782/2006 de 20 de novembro, modifica o Regulamento 51/2006 no artigo 5, engadindo un apartado no que se prohibe ós barcos comunitarios capturar, manter a bordo, transbordar e desembarcar ó Cethorhinus maximus e ó Carcharodon carcharias en tódalas augas comunitarias e non comunitarias.
A mesma obrigación para terceiros países en augas comunitarias.






O Convenio sobre la Protección do Medio mariño do Atlántico Nordeste (OSPAR), incluíu no seu listado de especies e hábitat ameazados ou en declive ó Cetorhinus maximus. Este tratado non ten competencia na xestión directa, pero as decisións tomadas no seu seno se trasladan en moitas ocasións á lexislación europea. Forman parte deste convenio doce países, entre eles España.

Dicir tamén que en EE.UU, o seu Plan de Xestión da Pesca, protexe estrictamente ó T. Peregrino, prohibíndose a súa pesca comercial dirixida, o desembarco ou venta e que está protexido plenamente tanto a súa captura como molestia intencional polas Illas Británicas, ata doce millas da costa, incluída a Illa de Man.



E por último reproducir aquí o decálogo de “Oceana” http://www.oceana.org/ para una xestión eficaz dos tiburones na Unión Europea:

1 Desembarcar as quenllas coas aletas adxuntas.
2 Regular as capturas de especies de quenllas explotadas comercialmente, realizadas por embarcacións da UE, mediante a Política Pesqueira Común, con cuotas e límites de pesca.
3 Controlar as pesquerías de quenllas nos lugares nos que opere la flota da UE, tanto en augas europeas como no resto do mundo.
4 Regular as especies de quenllas migratorias explotadas en alta mar, con cuotas e límites de captura, a través das organizacións Rexionais de pesca relevantes.
5 Introducir medidas de xestión eficaces para reducir as capturas accidentais.
6 Eliminar os descartes de quenllas.


7 Introducir a figura dun observador independente nas embarcacións que capturan quenllas.
8 Recopilar estadísticas comerciais para os productos de quenllas (carne, aletas, aceite de fígado), diferenciadas por especie.
9 Incluir as especies de quenllas en perigo nas conveccións internacionais e lexislacións nacionais que limitan ou evitan o comercio e as capturas.
10 Poñer en marcha o Plan de Acción Europeo para as quenllas.

---- Yosy(2010)

Etiquetas: