William Lorimer
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 27 de xuño de 1885 Angus, Reino Unido |
Morte | 27 de maio de 1967 (81 anos) |
Educación | Fettes College (en) Trinity College (en) |
Actividade | |
Ocupación | lexicógrafo, tradutor, lingüista, tradutor da Biblia |
Empregador | Universidade de St Andrews |
Familia | |
Irmáns | John Lorimer David Lockhart Robertson Lorimer Hilda Lorimer |
William Laughton Lorimer, nado en Strathmartine o 27 de xuño de 1885 e finado o 27 de maio de 1967, foi un especialista en grego antigo e entusiasta da lingua scots, recoñecido pola súa tradución do Novo Testamento ao scots, a primeira a esa lingua realizada dende os orixinais gregos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do reverendo Robert Lorimer, ministro da Igrexa libre de Escocia e de Isabella Lockhart Robertson. Estudou en Dundee, Edimburgo e linguas e literaturas clásicas no Trinity College en Oxford. Dende 1910 traballou como profesor axudante de grego na Universidade de Saint Andrew. Durante a Primeira guerra mundial serviu primeiro no rexemento dos Gordon Highlanders e entre 1916 e 1919 nos servizos de intelixencia. Tras a guerra volveu dar clases, asentándose en Saint Andrews en 1921. O ano seguinte contratou unha aia para coidar de seu fillo pequeno, chamada Helen MacGregor (1873/4 - 1930) era falante nativa de scots, e cos anos tanto seu fillo como o propio William aprenderon a lingua. Traballou tamén no University College de Dundee (1929-1953), daquela dependente de St. Andrews, e en 1953 volveu a Saint Andrews, xubilándose en 1955. Lorimer colaborou durante anos co Scottish National Dictionary, e dende 1947 foi membro do consello executivo da Scottish National Dictionary Association e o seu presidente dende 1953 ata a súa morte en 1967.
Novo Testamento
[editar | editar a fonte]Lorimer levaba tempo interesado na lingua scots e sentía que cumpría elevar o seu status mediante a elaboración dun dicionario moderno e a tradución do Novo Testamento, non obstante ser el mesmo agnóstico[1]. Arredor de setembro de 1945 comezou a pensar na súa posible tradución, en decembro de 1946 pediulle á Sociedade Bíblica de Escocia exemplares de traducións do Novo Testamento en diferentes linguas ao tempo que comezaba a facer traducións experimentais de textos do libro. Revisou numerosas traducións realizadas e así leu 174[2] traducións da Carta a Filemón en 23 linguas, oito en Latín, dúas en copto, dúas en siriaco, dúas en baixo saxón, 23 en alemán, sete en dinamarqués, cinco en noruegués, tres in sueco, unha en feroés, seis en neerlandés, dúas in flamengo, 22 en francés, unha en occitano, dúas catalán, 14 en italiano, catro en romanche, catro en grego moderno, dúas en scots (traducidas do inglés) , 48 en inglés e unha en Esperanto.
A finais de 1957 [3] comezou a darlle forma á tradución, a primeiros de 1961 estaba traballando nos evanxeos e en outubro de 1965 rematou a Carta aos Hebreos. Levoulle así oito anos realizar a primeira versión da súa tradución ao scots, e axiña comezou a revisar o traballo, así e todo ao morrer tan só revisara un cuarto da tradución. Os manuscritos pasaron o seu fillo, Robert Lorimer que continuou a revisalos. En 1983, vinte e seis anos despois de Lorimer comezar a tradución saíu ao prelo comoThe New Testament In Scots. Converteuse nun éxito inmediato, esgotando a edición de 2500 exemplares en menos de dúas semanas[4], saíndo unha segunda edición un mes despois que se esgotou axiña e en 1985 viu unha nova edición por Penguin. Está considerada unha das obras máis relevantes en scots do século XX e deu un importante pulo á lingua, demostrando ás claras os recursos da lingua[5].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Denton Fox London Review of Books. Vol. 6 No. 2 · 2 de febreiro de 1984 pages 5-6
- ↑ Iain R. Torrance "The New Testament in Scots. Translated by William Laughton Lorimer. Edited by R. L. C. Lorimer. Edinburgh, Southside (Publishers), for the Trustees of the W. L. Lorimer Memorial Trust Fund, 1983. Pp. xxv + 476. £17·50". Scottish Journal of Theology Volume 37, Issue 3 August 1984 , pp. 397-399
- ↑ R. L. C. Lorimer "Editor's Introduction" in W. L. Lorimer (1983) New Testament in Scots. Canongate Books
- ↑ Ruarl McLean "Obituary:Robin Lorimer". Independent, 24 de agosto de 1996
- ↑ J. Derrick McClure (1996) Scots and its Literature. John Benjamins Publishing, p. 61