Saltar ao contido

KS Wilhelm Gustloff

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Wilhelm Gustloff»)
KS Wilhelm Gustloff

O Wilhelm Gustloff como buque hospital ou Lazarettschiff D.
Historial
Estaleiro Blohm & Voss, Hamburgo, Alemaña
Clase Transatlántico de liña
Tipo Transatlántico
Operador Hamburg-Süd HSDG Line
Porto de rexistro Alemaña Hamburgo
Posta en grella 1 de agosto de 1936
Botado 5 de maio de 1937
Asignado 15 de marzo de 1938
Baixa Torpedeado e afundido o 30 de xaneiro de 1945
Destino Afundido con 9343 refuxiados e militares alemáns a bordo.[1]
Características xerais
Desprazamento 25.484 t de rexistro bruto.
Eslora 25.484 t de rexistro bruto.
Manga 23,6 m
Puntal 12 m
Propulsión • 4 motores diésel MAN
• 2 hélices
Potencia 7100 KW
Velocidade • Cruceiro: 15,5 nós
• Máxima:20 nós
Autonomía 20.000 km a 15 n
Tripulación 590
Capacidade 1465 persoas na clase turista.

Empregado como transatlántico de liña, buque nutriz de submarinos, buque hospital e transporte na Operación Aníbal.

O KS Wilhelm Gustloff foi un transatlántico de liña alemán construído no estaleiro Blohm & Voss, que entrou en servizo en 1938 durante o período da Alemaña nazi en tempo de paz. Na segunda guerra mundial serviu como buque ténder de submarinos, buque hospital, e transporte de evacuación durante a Operación Aníbal cara o final da contenda.

Foi torpedeado polo submarino soviético S-13 baixo o mando de Alexander Marinesko o 30 de xaneiro de 1945, afundíndose con 9.343 persoas a bordo,[1] constituíndo a maior traxedia marítima da historia.[2][3]

O Wilhelm Gustloff foi o proxecto n°511 dos estaleiros Blohm & Voss en Hamburgo, Alemaña en 1936. Construído por orde de Hitler, entrou en servizo o 14 de marzo de 1938. Inicialmente ía levar o seu nome, pero para efectos propagandísticos foi bautizado en memoria do mártir nacionalsocialista suízo Wilhelm Gustloff asasinado en febreiro de 1937. De deseño impoñente cunha altura de 55 m medida dende a quilla e 8 cubertas, era de deseño moderno.

De instalacións máis ben sobrias que luxosas, tiña cubertas de paseo espazosas e funcionais, non tiña divisións por clase segundo o poder adquisitivo senón que todos os cuartos posuían o mesmo confort. Posuía unha piscina de auga temperada no seu interior na cuberta E, 7 grandes cociñas, confortables comedores comúns ademais de ximnasios amplos.

Piscina interior climatizada na cuberta E

O proxecto que materializou o Wilhelm Gustloff enmarcouse baixo o programa do sindicalista Robert Ley, denominado a Forza pola Alegría para a clase obreira alemá que contemplaba entre outras accións, a recreación popular a baixo custo en tempo de paz.

O programa resultou todo un éxito e as cotas para os cruceiros polo mar Báltico estaban sempre copadas. A súa viaxe inaugural foi o 21 de abril de 1938 con destino á illa de Madeira en Portugal. O seu primeiro capitán Carl Lübbe (55 anos) conduciuno a través do río Elba en medio dunha gran cobertura xornalística, non obstante, ao día seguinte o capitán Lübbe faleceu dun ataque ao corazón na ponte de mando, foi substituído polo ancián capitán Friedrich Petersen (70 anos) concluíndo a viaxe exitosamente.[4]

Operou baixo a firma Hamburg-Süd Line no mar Báltico levando nas súas cubertas os traballadores alemáns en período de vacacións dende 1938 ata maio de 1939.

O Wilhelm Gustloff utilizouse para repatriar dende o porto de Vigo á Lexión Cóndor que participou na Guerra Civil Española, chegando á cidade o día 25 de maio de 1939.[5] Seguidamente foi ancorado en Gotenhafen.

En agosto de 1939 pasou a ser transformado nun Buque hospital (Buque lazareto ou Lazarettschiff en alemán) destinado ao porto de Danzig ata maio de 1940, o 1 de outubro é requisado pola Kriegsmarine para tender de submarinos; pero antes, dende maio a xullo é utilizado como buque hospital para a Invasión de Noruega sendo ancorado en Oslo servindo para os feridos da Werhmacht. Pintóuselle sobre o seu casco branco unha franxa verde ao longo da eslora do buque e ademais agregóuselle o emblema da Cruz Vermella Internacional na cheminea. A súa designación naval foi Lazarettschiff D.

O Wilhelm Gustloff foi trasladado á Settin en outubro de 1940 para ser preparado como transporte de tropas e buque hospital na Operación León Mariño, pero o fracaso da Luftwaffe en conquistar a supremacía aérea sobre Inglaterra o devolveu a Oslo como buque hospital.

Orquestra da Policía militar tocando na cuberta, Oslo (1940.)

Dende fins de 1940 ata 1943, serve como buque cuartel e aloxamento para a Mariña servindo como buque cuartel de submarinos en Gotenhafen. O buque foi pintado en gris naval e elimináronselle todas as características como buque hospital. Sobre a súa cuberta instalouse armamento antiaéreo consistente en 3 canóns de 105mm e catro metralladoras por banda de 20mm, pasando a ser estritamente militar.

Refuxiados alemáns no porto de Pillau, 26 de xaneiro de 1945.

Co avance das forzas soviéticas cara a territorio alemán pola Prusia Oriental, a situación para Alemaña tórnase dramática polos miles de refuxiados alemáns que escapan ante as atrocidades da guerra e o embate soviético. A Kriegsmarine destínao xunto con outros transatlánticos para a operación de rescate de refuxiados civís e militares alemáns provenientes da Prusia Oriental que chegaban a Gotenhafen para ser enviados a Kiel ou Hel, denominada Operación Anibal.

Afundimento

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1945, no medio dun inverno rigoroso con temperaturas de -20 °C, a situación de Alemaña deteriorábase dramaticamente, uns 75.000 refuxiados civís e militares alemáns converxían nos portos de Danzing e Pillau e uns 7 millóns de fuxitivos fuxían dende a Prusia Oriental polo corredor polaco cara a Alemaña.

O almirante Karl Dönitz deu a orde aos seus submarinos de fuxir cara aos portos do oeste e a todas as unidades de superficie maiores e menores dispoñibles evacuar os connacionais aos portos seguros de Kiel ou Hel, esta operación de rescate denominóuselle Operación Anibal.

Entre as grandes unidades de superficie estaban os acoirazados de peto Deutschland, Admiral Scheer, os transatlánticos Goya, General von Steuben e Wilhelm Gustloff, o maior de todos. As menores eran remolcadores, iates de paseo e mesmo chalupas motorizadas e pesqueiros. O Wilhelm Gustloff mantiña a súa presentación como buque de carácter militar.

O Wilhelm Gustloff estaba dende o 21 de xaneiro en Danzig evacuando militares e seguidamente a civís comezando polas mulleres e os nenos, na piscina interior drenada estableceuse un posto de enfermaría con 375 enfermeiras auxiliares da mariña que atendía aos feridos, a bordo ademais encontrábanse 1000 cadetes submarinistas que acababan de rematar o seu adestramento. A cantidade de persoas embarcadas no Wilhelm Gustloff oficialmente era de 8.956 persoas pero estas xa superaban as 10.580 persoas e o amoreamento era insoportable, moitos fuxitivos estaban á intemperie nas cubertas superiores expostos á hipotermia.

A Kriegsmarine estaba informada da presenza de submarinos rusos na saída da baía de Danzig, moitos transportes atestados de pasaxeiros expoñíanse a ser torpedeados se non contaban con protección antisubmarina.

Ás 12 horas do 30 de xaneiro de 1945, os capitáns Friedrich Petersen (civil) e Wilhelm Zahn (DKM) ao mando do Wilhelm Gustloff recibiron a orde de levantar áncora, o barco atestado separouse do atracadoiro mediante remolcadores, fóra da baía esperábanos dous torpedeiros escoltas, o veleiro transatlántico Hansa, o torpedeiro T-36 e o torpedeiro Löwe. O Hansa acusou danos de máquina e debeu quedar.

Mentres saía da baía, os capitáns na ponte deliberaron cal era a ruta máis conveniente a tomar, Zahn avogaba por rodear a costa de Wlasislowo por dentro da illa de Bornholm, en augas superficiais para evitar o torpedeamento; pero impúxose o criterio de Petersen por ir en augas profundas por fóra da citada illa ao encontro dun convoi.

Mentres navegaba o Wilhelm Gustloff na atardecida a iso das 20:30 horas, a radio transmitiu o último discurso de Adolf Hitler con motivo do aniversario da toma do poder [6] que foi difundido nos altofalantes ao interior de buque para a escoita dos refuxiados e que durou uns 17 minutos.

O buque navegaba en augas sometidas a un vento borrascoso e xélido, baixo unha luz lunar que se translucía na borrasca e con total escurecemento, no interior reinaba unha atmosfera de solidariedade entre os tripulantes e refuxiados que estaban esperanzados no termo temporal das súas penurias como fuxitivos.

O redor das 21 horas, xa traspasando polo norte da illa de Bornholm, unha mensaxe de radio indicou ao Wilhelm Gustloff que un dragaminas se achegaba ao transatlántico, Petersen deu a orde de acender as luces de navegación co fin de non chocar co dragaminas.[7]

O Wilhelm Gustloff acabado de pintar como Buque hospital (1939).

O buque coas luces acendidas, foi detectado polo submarino soviético S-13, ao mando de Alexander Marinesko, este ordenou de inmediato cargar catro torpedos mentres se colocaba en posición de ataque.

Ás 21:08 horas, tres torpedos fixeron impacto por estribor do Wilhelm Gustloff; o primeiro torpedo alcanzou o sector de proa, o segundo deu no sector da piscina interior na cuberta E matando a maioría das enfermeiras da mariña, o terceiro deu contra a popa inutilizando os xeradores e cortando a subministración de enerxía eléctrica. O Wilhelm Gustloff inclinouse inmediatamente a estribor no medio do caos interior e a escuridade. Miles de fuxitivos saltaban ás xeadas augas e outros miles loitaban por saír do condenado navío mesmo polos ollos de boi, o pánico estendeuse producindo atoamentos e impediu unha evacuación ordenada e o correcto uso dos botes salvavidas, contra o final do afundimento o navío se adrizó o que permitiu a saída de máis persoas.[8] O cuarto torpedo, non logrou saír do tubo lanzatorpedos do submarino soviético provocando unha acción de emerxencia para desactivalo, o Wilhelm Gustloff tardou 44 minutos en afundir.

O rescate non se fixo esperar e acudiron inmediatamente ao lugar, o torpedeiro T-36 que rescatou 564 sobreviventes, o torpedeiro Löwe logrou sacar 472 persoas, o vapor Göttingen salvou 28 sobreviventes, outro torpedeiro o T-19 rescatou a 7 persoas, o cargueiro Gotland tomou dúas persoas e unha lancha schnellboot V-1703 rescatou a un bebé. En total rescatáronse 1.239 persoas; pero pereceron unhas 9343 xa fóra por quedar atrapadas e afogadas no interior do navío ou por hipotermia. Tanto os capitáns Petersen coma Zhan salvaron as súas vidas, mentres que das 375 enfermeiras da mariña só se salvaron tres.[9]

O Wilhelm Gustloff afundiuse a 44 m de profundidade quedando sobre o seu quilla nas coordenadas xeográficas 55°04′22″N 17°25′17″L / 55.07278, -17.42139. Máis tarde, os soviéticos dinamitaron o pecio para evitar futuras investigacións sen lograr destruílo, quedando en tres seccións que foron redescubertas e filmadas en 1995 por mergulladores de augas profundas.

Selo soviético que reproduce ao Submarino S-13 que atacou e afundiu ao Wilhelm Gustloff.

Alexander Marinesko, o executor do Wilhelm Gustloff e 10 días máis tarde autor do afundimento do SS General von Steuben cun total de 4500 vítimas alegou que o buque alemán era un lexítimo branco militar xa que non levaba a aparencia dun Buque hospital e as súas tácticas de torpedeo a estes navíos foron consideradas como estándares a seguir pola Academia Naval Soviética.

A pesar destes "méritos militares", o Alto Mando Naval da Unión Soviética representado por Nikolai Gerasimovich Kuznetsov negouse a recoñecer a Marinesko como merecedor ao título de Heroe da Unión Soviética cualificándoo non compatible co perfil de heroe, descualificándoo principalmente debido ao seu alcoholismo, as violacións ao regulamento e o seu carácter enredante.

Desacreditado, Marinesko foi destinado a traballos secundarios na Armada Soviética a cargo dunha superintendencia e pouco máis tarde, foi acusado de dilapidación de bens, polo que tivo presentar a súa renuncia e pasar prisioneiro no campo de concentración de Kolyma por dous anos. Ao finalizar a súa sanción, Marinesko era un home absolutamente arruinado e indixente e faleceu de úlcera en Leningrado.

No 1990, foi reivindicado como un Heroe da Unión Soviética cando se cumpriu o 50ª aniversario da Gran Guerra Patriótica. O afundimento do Wilhelm Gustloff é considerado hoxe como a maior traxedia marítima da historia.

  1. 1,0 1,1 "Un memorial para o Wilhelm Gustloff". feldgrau.com (en inglés). Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  2. "Os desastres marítimos da Segunda Guerra Mundial" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 3 de maio de 2017. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  3. "Hundimiento del KDF Wilhelm Gustloff". www.exordio.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2020. Consultado o 8 de xuño de 2020. 
  4. Wilhelm Gustloff Story
  5. La Voz de Galicia (ed.). "La escala nazi del crucero de la muerte". Consultado o 28 de novembro de 2014. 
  6. "Discurso de Hitler". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2015. Consultado o 16 de novembro de 2013. 
  7. El hundimiento del Wilhelm Gustloff (en castelán).
  8. El afundimento do Gustloff (Blogspot).
  9. "Afundimento do W.Gustloff". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 16 de novembro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]