Saltar ao contido

Voo 5390 de British Airways

Voo 5390 de British Airways
O avión do accidente en 1989
Resumo
Data  10 de xuño de 1990
Causa  fallo de mantemento
Lugar  Didcot, Oxfordshire
Coordenadas 
Orixe  aeroporto de Birmingham
Destino  aeroporto de Málaga
Finados  0
Feridos  2
Aeronave
Tipo de aeronave BAC One-Eleven 528FL
Operador  British Airways
Rexistro  G-BJRT
Pasaxeiros  81
Tripulación  6
Superviventes  87

O voo 5390 de British Airways era un servizo entre o aeroporto de Birmingham e o aeroporto de Málaga. O día 10 de xuño de 1990, pouco despois de deixar o aeroporto de Birmingham, un parabrisas instalado incorrectamente separouse do seu marco, causando que o capitán fose expulsado parcialmente do avión. Co capitán inmobilizado contra o marco da fiestra durante 20 minutos, o primeiro oficial foi capaz de aterrar no aeroporto de Southampton sen ningunha vítima mortal.

Incidente

[editar | editar a fonte]

O County of South Glamorgan era un reactor de pasaxeiros BAC One-Eleven Series 528FL con rexistro G-BJRT.[1] O capitán Tim Lancaster, de 42 anos, que acumulaba 11 050 horas de voo. O copiloto era Alastair Atchison, tamén de 42 anos, con 7 500 horas de voo. O aparello levaba ademais 81 pasaxeiros e 4 tripulantes de cabina.

Atchison realizou unha engalaxe rutineira ás 08:20 hora local (07:20 UTC) e despois pasoulle o control a Lancaster cando o avión continuou trepando. Os dous pilotos liberaron os seus arneses dos ombreiros e Lancaster afrouxou o seu cinto. Ás 08:33 (07:33 UTC) o avión trepara uns 17 300 pés (5,300 m) sobre Didcot, Oxfordshire, e a tripulación de cabina estaba preparándose para servir o almorzo. O asistente de voo Nigel Ogden estaba entrando na cabina de mando cando houbo un forte golpe[2] e a cabina encheuse rapidamente de condensación. O panel do parabrisas da esquerda no lado de Lancaster separárase da fuselaxe; Lancaster foi expulsado do seu asento polo aire que saía pola descompresión e a súa cabeza saíu da cabina. Os seus xeonllos quedaron atrapados polos controis de voo e a parte superior do torso permaneceu fóra do avión, exposta a vento e frío extremo. O piloto automático desconectouse, causando que o avión descendese rapidamente.[2] A porta da cabina de mando entrou voando cara a consola de controis, bloqueando os aceleradores e facendo que o avión gañase velocidade mentres descendía, e voaron papeis e obxectos dende a cabina de pasaxeiros cara a de mando. Ogden apurouse a agarrar o cinto de Lancaster, mentres os outros asistentes de voo aseguraban obxectos soltos e aos pasaxeiros, e instruíanos para adoptar posicións de reforzo ante unha posible aterraxe de emerxencia.

O avión non estaba equipado con osíxeno para ninguén a bordo, polo que Atchison comezou un rápido descenso de emerxencia para acadar unha altitude coa suficiente presión de aire. Entón volveu a activar o piloto automático e emitiu unha chamada de auxilio, aínda que era incapaz de escoitar a resposta do control de tráfico aéreo debido ao ruído do vento; a dificultade de establecer unha comunicación a dúas partes levou a un atraso no inicio dos procedementos de emerxencia. Ogden, que aínda agarraba a Lancaster, estaba agora a desenvolver conxelación e esgotamento, polo que o sobrecargo John Heward e o asistente de voo Simon Rogers fixéronse cargo da tarefa de agarrar ao capitán.[3] Nese momento Lancaster saíra varias polgadas máis do avión e a súa cabeza estaba golpeando repetidamente a fuselaxe. A tripulación cría que estaba morto, pero Atchison díxolle aos outros que o agarrasen porque o seu corpo podería voar cara ao motor esquerdo e danalo.

Finalmente Atchison foi capaz de escoitar a autorización do control de tráfico aéreo para facer unha aterraxe de emerxencia no aeroporto de Southampton. Os asistentes de voo conseguiron liberar os nocellos de Lancaster dos controis de voo mentres o agarraban. Ás 08:55 hora local (07:55 UTC) o avión aterrou en Southampton e os pasaxeiros desembarcaron a través de escaleiras de embarque.

Lancaster sobreviviu con conxelacións, mazaduras e a fractura do seu brazo dereito, o polgar esquerdo e o pulso dereito.[2][4] Ogden dislocou o seu ombreiro e tivo conxelacións na súa cara, con danos nun ollo. Non houbo outros feridos graves.[4] Lancaster volveu traballar en menos de cinco meses e retirouse no ano 2008.[2][4]

  1. "G-BJRT". Civil Aviation Authority. Consultado o 2018-12-30. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Tributes to the reluctant hero of Flight 5390". The Sunday Post (Inverness). Consultado o 2018-12-30. 
  3. "June 10, 1990: Miracle of BA Flight 5390 as captain is sucked out of the cockpit – and survives". BT.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2019. Consultado o 2018-12-30. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "This is your captain screaming". The Sydney Morning Herald (en inglés). 2005-02-05. Consultado o 2018-12-30.