Saltar ao contido

Uva de oso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A uva de oso (Arctostaphylos uva-ursi (L.) Spreng.,) é unha especie de arbusto pertencente á familia das ericáceas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un arbusto sempreverde que estende as súas pólas, deitadas polo chan ou pénsiles, de até 1 ou 2 m. de longo, de casca de cor avermellada, doada de desprender. Delas agroman franzas moi curtas, coas follas amoreadas nun extremo, de cor verde escura e lustrosas. Flores esbrancuxadas ou rosáceas, en forma de copa, agrupadas en acios, na terminación das franzas. O froito é carnoso, dunha cor vermella viva, cando está maduro, e coa carne de cor branca ou crema, comestíbel, mais de sabor insípido e pouco zumarento; a el, alude o nome grego Arctostaphylos (de Arctos: oso e stanpylos: acio de bagos), así como en latín, (uva-ursi: uva de oso).

Uvas de oso.

Florea de marzo até xuño, segundo a altitude e os froitos madurecen no final do verán ou no outono.

Medra dende os 500-600 msnm de altitude até por riba dos 2.300 msnm onde pode convivir co piñeiro negro de montaña (Pinus uncinata); igualmente en terreos de silicio ca en calcarios. Ocupa a miúdo os clareiros e desmontes de aciñeirais, caxigueiras, piñeirais e mesmo carballeiras de cerquiños, preferindo as abas pedrentas e portos, algo húmidos, das montañas.

Distribución

[editar | editar a fonte]

En gran parte de Europa, Asia e América setentrional. Esténdese por gran parte do centro e metade oriental da Península Ibérica, desde os Pireneos e Cordilleira Cantábrica até a Cordilleira Penibética; escasea moito cara a occidente e falta tanto en Portugal como nas Illas Baleares. É raro en Galicia.

Observacións

[editar | editar a fonte]

As follas úsanse como adstrinxente e antiséptico previamente enxugadas ao sol ou ao ar, en cocedura ou infusión.

É unha planta que se espalla facilmente, tapizando por completo o chan, chegando a cubrir grandes extensións; por iso é difícil controlala en cultivo. É unha das plantas melíferas. A planta en climas mediterráneos, como na maior parte de España, adoita ter as follas máis grosas e coriáceas ca as europeas polo que algúns autores considérana como unha variedade distinta; A. uva-ursi subsp. crassifolia.

Outra especie é A. alpinus (L.) Sprengel, con froitos negros, follas aserradas que muchan polo outono porén non caen até a primavera. Na Península Ibérica aparece só nos Pireneos centrais (2.000 m).

Tapiz de Uva de oso.
Ilustración
Inflorescencia

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Principios activos: Contén abundantes taninos gálicos (10%). Heterósidos hidroquinónicos: arbutósido (8-10%), metil arbutósido. Pigmentos flavónicos derivados do quercetol. Abundantes triterpenos pentacíclicos: ácido ursólico, uvaol. Alantoína. Segundo a R.F.E., a droga seca debe de conter polo menos un 8% de derivados hidroquinónicos, expresados como arbutina anhidra. Outras fontes: glicósidos (arbutina e metilarbutina), ericolina, ursina, taninos, ácido gálico, ácido cítrico, esencia de quercetina.[1]

Indicacións: Os taninos son responsábeis do seu efecto adstrinxente (antidiarreico, hemostático por vasoconstrición local); os flavonoides, dunha lixeira acción como diurético. O arbutósido confírelle propiedades como antimicrobiano de tropismo específico sobre o tracto urinario (o arbutósido hidrolízase pola acción da flora bacteriana intestinal, liberando hidroquinona, que se elimina por vía renal). A alantoína xustifica as súas propiedades reepitelizantes. Litóntrico, antifloxístico. Indicado para infeccións das vías urinarias: cistite, pielonefrite, prostatite, uretrite, ureterite. Litiase. En uso tópico: feridas e ulceracións dérmicas, bocais ou corneais, blefarite, conxuntivite, parodontopatías, farinxite, dermatite, eritemas, prurito, vulvovaxinite.[1]

Contraindicado coa gravidez. Gastrite, úlcera gastroduodenal: os taninos poden irritar a mucosa gástrica. Neste caso deberá rebaixarse a concentración e dosificación, eliminar o exceso de taninos con carbón activado, asociar a drogas con mucilaxes, como a altea, ou administrar en forma de maceración.Dose extraterapéuticas poden determinar un efecto oxitócico.

Úsanse as follas. Infusión uso interno: 10-30 g/l, 1 litro ao día. Decocción uso interno: 30 g/l, 1 litro ao día. Maceración uso interno: 20-30 g/litro. Macerar 24 horas, coar, quentar lixeiramente no momento de tomalo. Decocción uso externo: 30 g/l, 1 litro ao día.[1]

Outros usos: O té caucasiano de Rusia (kutai) preparábase con follas novas, fervidas ou en infusión. O tafilete (pel de Rusia) obtense curtindo a pel coas follas. Tribos da zona canadense teñen tomado os froitos preparados de diversas formas.Os indios de Vancouver fumaban as follas como tabaco. O fume ten un cheiro doce e por iso usáronse as follas tamén como aromatizante do tabaco. Os indios norteamericanos usaron as follas con diferentes reactivos, para obter tinguiduras con tons pardas, ocres, cinsentas ou negras, que despois usaban en tinturas sacras.[1]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Arctostaphylos uva-ursi foi descrita por (L.) Spreng. e publicado en Systema Vegetabilium, editio decima sexta 2: 287. 1825.[2]

Etimoloxía

Arctostaphylos: nome xenérico que deriva das palabras gregas arktos = "oso", e staphule = "acio de uvas", en referencia ao nome común das especies coñecidas e talvez tamén en alusión aos osos que se alimentan dos froitos de uva.[3]

uva-ursi: epíteto latino que significa "uva de osos".[4]

Sinonimia
  • Arbutus acerba Gilib.
  • Arbutus buxifolia Stokes
  • Arbutus officinalis Boiss.
  • Arbutus procumbens Salisb.
  • Arbutus uva-ursi L.
  • Arctostaphylos adenotricha (Fernald & J.F.Macbr.) Á.Löve, D.Löve & B.M.Kapoor
  • Arctostaphylos angustifolia Payot
  • Arctostaphylos officinalis Wimm. & Grab.
  • Arctostaphylos procumbens Patze, E.Mey. & Elkan
  • Daphnidostaphylis fendleri Klotzsch
  • Daphnidostaphylis fendleriana Klotzsch
  • Mairania uva-ursi (L.) Desv.
  • Uva-ursi buxifolia (Stokes) Gray
  • Uva-ursi cratericola (Donn. Sm.) Abrams
  • Uva-ursi procumbens Moench
  • Uva-ursi procumbens var. adenotricha (Fernald & J.F. Macbr.) D. Löve
  • Uva-ursi procumbens var. coactilis (Fernald & J.F. Macbr.) Moldenke
  • Uva-ursi uva-ursi (L.) Cockerell
  • Uva-ursi uva-ursi (L.) Britton[5]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Arctostaphylos uva-ursi". Plantas útiles: Linné. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 20 de outubro de 2009. 
  2. "Uva de oso". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 30 de decembro de 2012. 
  3. En nomes botánicos
  4. En Epítetos Botánicos
  5. Arctostaphylos uva-ursi en PlantList

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Berdonces, Josep Lluís. Gran enciclopedia das plantas medicinais: o dioscórides do terceiro milenio. Ed. Tikal. Madrid, 1998. ISBN 84-305-8496-X.
  • Blumenthal M, Goldberg A, Brinckmann J. Herbal Medicine, Expanded Commission E Monographs. Integrative Medicine Communications, Newton. First Edition, 2000.
  • Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos. Catálogo de plantas medicinais, Colección Consello Plus 2009. CGCOF. Madrid, 2009. ISBN 2-910010-54138-8.
  • Font i Quer, Pius; Bolòs, Oriol de. Iniciació á botànica, 2a. edició. Fontalba, 1979. ISBN 84-85530-08-X.
  • Grases F, Melero G, Costa-Bauza A i cols. Urolithiasis and phytotherapy. Int Urol Nephrol 1994; 26(5): 507-11. PMID 7860196 (en inglés)
  • Paris RR, Moyse H. Matière Médicale. Masson & Cia., París; 1971. Tome .
  • PDR for Herbal Medicines. Medical Economics Company, Montvale. Second Edition, 2000. ISBN 978-1-56363-678-3