Saltar ao contido

Testemuña ocular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na súa acepción máis ampla, testemuña é aquela persoa que é capaz de dar fe dun acontecemento por ter coñecemento do mesmo.[1]

Testemuña no dereito procesual

[editar | editar a fonte]

En dereito, a testemuña é unha figura procesual. É a persoa que declara ante un tribunal sobre feitos que coñece e que son considerados relevantes por algún dos litigantes para a resolución do asunto obxecto de controversia. Dita declaración recibe o nome de testemuño.[2] Este medio de proba existe tanto en materia civil como en materia penal, aínda que a respectiva regulamentación adoita ser diferente.

A testemuña pode ser presencial ou non presencial (aquel que declara sobre algo que ouviu ou lle contaron).

O testemuño é unha das distintas probas que poden proporse nun xuízo. A súa validez depende da credibilidade da testemuña, que á súa vez depende dunha serie de factores como a afinidade ou inimizade que poida ter con algunha das partes.

Un caso especial é o do perito, que nalgúns réximes (e en especial nos sistemas baseados no common law anglosaxón) considérase unha testemuña de categoría particular. Noutros ordenamentos o perito non se considera unha testemuña, senón que é unha figura distinta e con outro tratamento, e adoita ser remunerado.

Xuramento e responsabilidade

[editar | editar a fonte]

Normalmente a testemuña é sometida a xuramento ou promesa de dicir a verdade. Nalgúns réximes (sobre todo do common law) isto dá orixe a responsabilidade criminal baseada en que a declaración falsa se tipifica como delito de perxurio. Noutros réximes (como en España e a maioría dos países latinoamericanos), existe como figura autónoma o delito de falso testemuño. Polo xeral, esta responsabilidade penal depende da "falsidade subxectiva": o criterio que a determina é a incongruencia entre o que a testemuña declara e o que sabe ou lle consta, e non unha incongruencia entre o declarado e a verdade obxectiva.[3]

Ademais, a obrigatoriedade do testemuño pode ser eximida en certos casos, como certas relacións de parentesco ou a existencia de segredos profesionais protexidos por lei.

As partes nun xuízo poden ter un réxime especial en canto á obrigación de prestar testemuño. Por exemplo, en moitos ordenamentos xurídicos as partes (e o acusado no proceso penal) non están obrigadas a prestar testemuño, ou a facelo baixo xuramento, ou ben a súa declaración considérase un medio de proba diferente.

Requisitos

[editar | editar a fonte]

Non existen uns requisitos específicos que permitan ser ou non ser testemuña nun xuízo. Cada ordenamento xurídico regula no seu dereito procesual as características necesarias para ser testemuña.

Por iso existen países onde calquera persoa con capacidade de contar o visto ou oído pode ser testemuña, mentres que noutros se limita dita posibilidade, principalmente aos menores de idade e aos incapaces, con idea de buscar a súa protección, e tendo en conta que polas súas características son testemuñas obxectivamente menos fiables.[4]

Capacidade de ser testemuña

[editar | editar a fonte]

As testemuñas son fundamentais nos procesos xudiciais, non só nas áreas Civil e Penal, senón tamén na xurisdición Social e Contenciosa-Administrativa. A capacidade para ser testemuña está xeralmente dispoñible para todas as persoas, mais hai particularidades importantes a considerar:[4]

  • Non poderán ser testemuñas as persoas que estean privadas permanentemente da razón ou do uso dos sentidos, especialmente cando os feitos en cuestión só poidan ser percibidos por estes sentidos.
  • Os individuos maiores de 14 anos teñen capacidade para testificar. Non obstante, a súa declaración presenta certas particularidades; por exemplo, non se lles require xuramento ou promesa de dicir a verdade, a diferenza do que ocorre co resto das testemuñas.
  • Os menores de 14 anos poden ser admitidos como testemuñas se o órgano xudicial considera que teñen o discernimento necesario para declarar de forma fiable sobre os feitos que coñecen.

Aceptación de testemuños de menores

[editar | editar a fonte]

En diversas partes do mundo, os menores de 14 anos tamén poden ser aceptados como testemuñas se se considera que teñen suficiente discernimento para entender os feitos e expresarse sobre eles. Isto pode variar moito dependendo da lexislación específica de cada país.

Testemuños animais

[editar | editar a fonte]

En algúns casos excepcionais, rexistráronse situacións nas que se aceptaron "testemuños" de animais, especialmente en contextos históricos ou culturais específicos onde os animais xogaban roles simbólicos ou cerimoniais en procesos xudiciais. Por exemplo, na historia xurídica medieval en Europa, animais foron ás veces suxeitos a procesos xudiciais.[5] Non obstante, estes casos son anecdóticos e non reflicten a práctica xurídica moderna.

Recentemente, en Tenerife, un can foi presentado como "testemuña ferida" nun xuízo por abuso animal e avivou o debate sobre se os animais deberían recibir dispensas legais similares ás aplicadas a testemuñas humanas.[6] No mesmo contexto, discutiuse o uso de papagaios que repetían frases cruciais en xuízos, empregados máis como 'gravadoras orgánicas' que como testemuñas directas, evidenciando unha práctica xurídica de utilizar animais para reforzar probas pero non para testificaren por si mesmos.[7][8]

Nos Estados Unidos, os cans de conforto (comfort dogs) son usados nos tribunais para axudar a testemuñas vulnerables, como nenos ou vítimas de crimes, a declarar máis comodamente.[9] Estes cans están adestrados para proporcionar apoio emocional, e os xuíces deciden sobre a súa presenza caso por caso para garantir que non afecten inxustamente o xuízo.[10][11] Estudos indican que a presenza destes cans non altera xeralmente a percepción da credibilidade das testemuñas nin o resultado do xuízo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para testemuña.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para testemuño.
  3. "Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código Penal; páx. 33987–34058". BOE. 1995-11-24. Consultado o 2024-08-07. 
  4. 4,0 4,1 "FAQS; testemuñas". Xustiza.gal. 
  5. "Animal Trials: A Multidisciplinary Approach". Consultado o 2024-08-07. 
  6. "Can an animal be a witness in a trial?". Abogacía Española (en inglés e castelán). Consultado o 2024-08-07. 
  7. "Widow guilty in parrot witness case". BBC News (en inglés). 2017-07-20. Consultado o 2024-08-07. 
  8. ""Ay no, por favor soltame", la frase que repetía el loro de una víctima de femicidio". www.diariojornada.com.ar (en castelán). Consultado o 2024-08-07. 
  9. "What Is That Dog Doing in the Witness Box?". Psychology Today; www.psychologytoday.com (en inglés). Consultado o 2024-08-06. 
  10. "CASES AND STATUTES ON THE USE OF DOGS BY WITNESSES WHILE TESTIFYING IN CRIMINAL PROCEEDINGS". www.animallaw.info; Animal Legal & Historical Center (en inglés). Consultado o 2024-08-06. 
  11. "Comfort-dogs-can-be-used-to-assist-witnesses-testifying-in-criminal-trials-top-state-court-rules". ABA Journal; abajournal.com (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]