Surdimientu
O Surdimientu (nome asturiano que significa Xurdimento) é unha época de renacemento da cultura en lingua asturiana. A aparición de Conceyu Bable na Asturias de 1974, o movemento prolingua que ao termo da ditadura e durante toda a transición vívese en Asturias e de maneira moi especial no ámbito universitario, así como o xurdimento nos anos setenta do Nuevu Canciu Astur propicia unha etapa de apoxeo e de rupturismo total, renovando temas por completo, tocando a política, o amor, o erotismo na poesía, e adquirindo gran relevancia a novela e os contos así como ampliándos de maneira notable o volume das traducións doutras linguas.
No que se refire a literatura, a riqueza deste movemento é tal que o número dos seus escritores en activo iguala en número a todos os seus predecesores desde o século XVII. Deste xeito, co fin de ordenar a enorme produción e o gran número de autores, como tamén o período do seu desenvolvemento, os crícos falan de tres períodos: o primeiro Surdimientu, o segundu Surdimientu e o post-Surdimientu.
O primeiro Surdimientu
[editar | editar a fonte]Situaríanse os seus comezos en 1974-1976 coa creación de Conceyu Bable[1] e acabaría cara a 1988, coa publicación do manifesto titulado ""La Asturias pensante y sensata" por parte do grupo reaccionario Amigos dos Bables, que supón o fin da primeira fase de desenvolvemento da cultura e a llingua asturianas.
Son nomes do primeiro surdimientu, que destacan en primeiro termo en poesía, os de Manuel Asur, Xuan Xosé Sánchez Vicente, Teresa González ou Andrés Solar. En prosa xorden Miguel Solís Santos, Vicente García Oliva e Carlos Rubiera.
O Segundu Surdimientu
[editar | editar a fonte]O segundo surdimientu[2] podería nacer cara a 1988 e tería como característica principal o cambio de temática da literatura. Desde finais dos oitenta, quen escribe faino, polo xeral, desde unha perspectiva apolítica, apartada dos temas sociais ou políticos, entrando no que moitos denominan a "madurez da literatura asturiana".
Outros autores prefiren falar de segunda promoción do surdimientu ou de xeración dos noventa. Ata que non pase un tempo prudencial non se dispoñerá dunha etiqueta clara.
Estes autores caracterízanse por buscar unha ruptura co realismo social e o verso comprometido que buscaba facer patria da promoción anterior, potenciando a renovación da linguaxe poética e unha nova procura de tramas narrativas, ampliando os horizontes temáticos e expresivos. É unha promoción moi literaria, culta e cosmopolita, que se atopa actualmente na súa madurez literaria e vital.
No ámbito da poesía, Xuan Bello e Berta Piñán son os principais representantes deste grupo, que podería encadrarse na corrente da poesía de la esperiencia. Son nomes claves tamén en poesía os de Lourdes Álvarez García, Aurelio González Ovies, Esther Prieto, Pablo Antón Marín Estrada e Antón García. Os poemarios máis significativos son La vida perdida, de Xuan Bello, Un mes, de Berta Piñán e La mirada aliella, de Antón García.
Aínda que os críticos colocan os seus principais logros na poesía, esta segunda promoción do Surdimientu significa tamén o recoñecemento da narrativa, na que destacan os nomes do citado Xuan Bello, Adolfo Camilo Díaz, Ismael González Arias, Milio Rodriguez Cueto, Pablo Antón Marín Estrada, Miguel Rojo e Xandru Fernández. As novelas máis significativas son La hestoria universal de Paniceiros, de Xuan Bello, En busca de Xovellanos, de Ismael González Arias, Imago, de Adolfo Camilo Díaz, La ciudá encarnada, de Pablo Antón Marín Estrada e La banda sonora del paraísu, de Xandru Fernández.
A superación do Surdimientu ou Post-Surdimientu
[editar | editar a fonte]O surdimientu, como etapa literaria, aínda goza dunha enorme vitalidade en Asturias, por máis que aparezan algunhas iniciativas para romper con todo o anterior e crear proxectos de nova xeración.
Entre estas, destacan as revistas literarias Reciella Mallory e Formientu, que viñeron romper a rancia hexemonía das revistas academicistas. Tamén destaca a antoloxía "Via de Serviciu", do ano 2007, que agrupa a algúns dos máis destacados dos novos narradores.
Desta xeración, aínda moi nova, e sen tempo suficiente para poder avaliar as súas características comezan a facerse notar os nomes de Quique Faes, Pablo Rodríguez Medina, Ana Vanessa Gutiérrez, Ignaciu Varillas, Pablo Texón, e nun ton máis político ou inconformista Pablo M. Testa.